sexta-feira, 8 de junho de 2012

Banca Pública Galega, por que si?


A proposta de banca pública galega nace dun diagnóstico da natureza da actual crise financeira e do fracaso dun modelo de banca virada cara a especulación; da análise das dificultades estruturais para o financiar o investimento nunha economía periférica e da análise da experiencia da banca pública europea e mundial.
A crise actual certifica o fracaso dunha economía financiarizada, na que a maior rendibilidade está no negocio veloz e especulativo nos mercados globais, abandonando o investimento produtivo de longo prazo como fonte primordial de beneficios. A desregulación converteos na vía máis lucrativa: beneficios máis rápidos, recursos máis líquidos e con mellor tratamento fiscal. A banca privada e os fondos convertéronse no vehículo que desvía os aforros do país cara ese investimento especulativo, minguando os recursos orientados ao investimento produtivo. Isto levou á erosión continua da industria e dos sectores primarios en moitos países -como é o caso da periferia europea- e, finalmente, levounos á profunda crise actual.
A BPG  responde á necesidade de romper ese círculo vicioso do colapso do crédito ao que ten conducido o actual modelo de banca. Sería erro descomunal rescatala para manter o mesmo modelo.
A banca pública ten que servir para cubrir as necesisades de crédito das pequenas empresas, das medianas, dos autónomos, do labregos, dos mariñeiros e das familias, creando as bases para un modelo económico alternativo ao neoliberal. Unha economía produtiva creadora do emprego e de benestar. O verdadeiro problema do país antes da crise, durante e despois da crise é e será a perda de tecido productivo. Frear ese proceso e inverter a tendencia require mudar algunhas regras de xogo básicas, no comercio internacional, na UE e tamén no sistema financeiro, tanto na súa regulación como no tipo de entidades. O que está máis claramente ao noso alcance é isto último. Galiza pode crear unha banca pública que se convirta en motor do desenvolvemento do país, crear emprego e xenerar recursos suficientes para uns servizos públicos avanzados.
A esperiencia dos países máis dinámicos do mundo mostra a importancia da banca pública para soster a súa fortaleza industrial e a súa competitividade. Os países líderes da UE téñena: Alemaña ten unha rede de máis de 400 entidades dese tipo; tamén Franza, Austria e Bélxica. Mesmo Suiza ou Noruega. En todos os emerxentes -China, India, Sudafrica, Brasil- representa unha alta porcentaxe do seu sistema financeiro. En definitiva, os que teñen banca pública, teñen industria.
A banca pública é unha peza máis no camiño da desglobalización. Polo seu ámbito de actuación, obxectivos e regras é unha vía para territorializar o aforro e, polo tanto, romper a dependencia absoluta da globalización financeira, tanto para a economía produtiva como para o sector público.
Tamén é unha alternativa ética para os aforradores. Os clientes hoxe son reféns obrigados a aceptar condicións leoninas nos contratos, comisións elevadísimas por todo e vense obrigados a vivir na desconfianza provocada polas estratexias depredadoras para colocarlles produtos de risco de todo tipo que acaban sendo verdadeiras estafas, como a das “preferentes”, “debeda subordinada” e que seguirán con “pagarés” e outros semellantes. Unha banca pública ética é unha alternativa de confianza e, ademais, por simple competencia e regulación, obrigará ao resto dos bancos a mudar o seu comportamento.
A BPG é unha resposta legal e factíbel á crise, un medio para saír da crise, unha forma responsable de resolver o problema actual de NGB e, sobre todo, un instrumento de futuro para unha economía produtiva e innovadora.
É un instrumento para reducir a nosa dependencia das finanzas globais, valorizar localmente o noso aforro, frear a súa fuga cara os circuítos da especulación global, dar maior estabilidade á nosa economía, gañar capacidade para definir a orientación dos nosos recursos con criterios estratéxicos, sociais, éticos e medioambientais. En definitiva, é un instrumento de reforzamento da nosa capacidade económica, do noso poder de decisión e, polo tanto, unha peza clave para gañarmos soberanía. Para facermos país.

(artigo publicado en Sermos Galiza, nº 1, o 8/6/2012)

Sem comentários:

Enviar um comentário