O acontecido
en Grecia no último proceso electoral supón un duro golpe para os que vían o
proceso de construción europeo como un avance cara o reinado da democracia no
continente.
Neste caso
non se trata do xa sabido “déficit democrático” das institucións comunitarias,
consonte á inexistencia de elección democrática de órganos clave como a
Comisión Europea, o cativo poder do Parlamento europeo, a carencia de
competencias para o real control da acción de goberno da Comisión, o carácter
extrademocrático do Banco Central Europeo, que non responde das súas accións
diante de ningunha institución, etc, etc. Ese pecado orixinal do déficit
democrático acompaña todo o proceso de integración desde os seus inicios até
hoxe. Moitos aceptaron esa pexa con certa indulxencia como se se tratar dun mal
menor imposto pola complexidade dun proceso baseado e conducido polos estados.
O problema é que o déficit democrático esténdese como un regueiro de pólvora a
través de Europa, darriba abaixo e de punta a punta.
Levamos
tempo sabendo que moitas das políticas socialmente indefendíbeis impostas no
período de auxe neoliberal trataron de lexitimarse e xustificarse como
imposicións que viñan de arriba, de Bruxelas. Uns gobernos servíanse mutuamente
de desculpa a outros para impoñer nos seus países políticas regresivas en
dereitos sociais, para evitar maiores debates ou consultas. A soberanía
limitada e compartida era un bo argumento para impoñer políticas que doutro
xeito serían moi difíciles de aceptar pola cidadanía.
Logo, no
marco desta crise, vivimos un salto cualitativo na doutrina da soberanía
limitada. Xa non é na Comisión e o Consello Europeo onde nacen as políticas e
as consignas senón nun de súpeto omnipotente BCE –que representa os intereses
da banca- e nunha autoproclamada potencia imperial que é Alemaña, portavoz da
potente industria xermana pero, sobre todo, da todopoderosa banca xermana. E
así vimos como, co gallo da súa asfixia económica, os países da periferia
víronse convertidos en ouvintes aos que se lle –nos- ditaban políticas
económicas imposíbeis e suicidas. E vimos tamén como cando os gobernantes do
momento non estiveron dispostos a aplicalas con todo o rigor e determinación
foron forzados a dimitiren e impuxéronse gobernos que cinicamente se chamaron
“técnicos”, aínda que, en realidade, os “técnicos” eran altos executivos das
finanzas globais e dos grupos mundiais de poder na sombra, como Goldman Sachs,
grupo Bilderberg e grupo dos Trinta. Tal é o caso do goberno Papademos en
Grecia e o goberno Monti en Italia. No caso do estado español, xa sabemos que
Rajoy gañou sen euforia nas urnas pero xa descubrimos tamén que quen goberna
nas grandes decisións –as financeiras e monetarias- é o sr. De Guindos, que é o
noso particular Papademos ou Monti. O noso home dos fíos ocultos, de
Lehman-Brothers e PriceWaterhouseCooper. O noso austríaco ultraliberal virado
intervencionista desaforado cando se trata de entregar “todo el dinero
–público- que haga falta” á malpocada banca española e, iso si, con máis
xenerosidade aínda se se trata da madrileña e castiza.
O que, desde
o meu punto de vista, supón un paso grave é a cada vez máis evidente e pouco
recatada intromisión dos poderes económicos, das institución europeas –BCE e
Bruxelas- e da capital do imperio emerxente nos procesos electorais dos demais
países da Unión. Todos puidemos ver o activo papel de Merkel –secundada polo xa
caído fervellasverzas- nas eleccións españolas de novembro pasado, a súa aposta
explícita por outorgar credibilidade e aparecer como madriña pública da opción
de Mariano Rajoy –alá foi render pleitesía e vasalaxe antes das eleccións e despois
de gañalas. Agora ben, máis alá desa escenificación pública estaba, por
suposto, a máis disimulada diplomacia e o escuadrón de comisarios técnicos
xermanos que mexen entre as bambolinas do poder madrileño para condicionar a
posición dos lobby’s de poder local. E aí estivo a calculada secuencia de
decisións económicas, decisións do BCE, movementos dos mercados máis
estratéxicos que espontáneos, etc. destinadas a crear o clima e o estado de
opinión apropiado. E funcionou, vaia se funcionou.
Logo vimos o
mesmo intento en Francia pero, afortunadamente, os franceses son algo máis
seus, decidiron pola súa conta e deron vía a Sarkozy.
A última
escalada niso que xa empeza a converterse en algo natural vímola agora en
Grecia. Nestas últimas semanas vivimos a dura e calculada campaña orquestrada en
toda Europa para impedir a vitoria da esquerda en Grecia. Non a suposta
esquerda radical e antieuropea, como se nos apresentou Syriza nos medios, senón
simplemente a esquerda reformadora e antineoliberal que é o que realmente
conforma Syriza, que defendía o mantemento de Grecia na Unión Europea e no
euro, pero noutras condicións, cun novo BCE e outras políticas; iso si, cun
programa para saír da OTAN e reducir drasticamente o disparatado gasto militar
–a maior gloria e beneficio da industria bélica francesa, alemá e
estadounidense.
Para os
estúpidos españois -que pensaban que conxurado o perigo da vitoria da esquerda
grega xa se despexarían todos os camiños para redución da presión sobre o
estado español- o desengano non pode ser máis cruel. Bastou medio día para
comprobar que a guerra recrúase agora con máis intensidade: os xuros do bono a
dez anos superaron por primeira vez desde os noventa o 7%, para demostrarnos
que é o que queda dunha unión monetaria na que estamos atados ao tipo de cambio
alemán pero pagamos 600 puntos básicos máis para financiarnos.
Pero, máis
alá dos asuntos económicos, a min preocúpame hoxe a profunda ameaza que paira
sobre a democracia, á vista da experiencia grega. Os poderes económicos en
Europa son cada vez menos respectuosos coas formas democráticas. Estes días
puidemos ler declaracións tan reveladoras para comprender onde está o poder
como as pronunciadas por Jens Weidmann, presidente do Bundesbank: “se os
políticos teñen a impresión de que poden pasarlle a responsabilidade a outras
instancias, optarán pola saída fácil” ou “se Grecia sae do programa de rescate
xa non poderá prestarse máis axuda económica” (El País, 15.06.12). Isto está
dito por alguén que non se presenta ás eleccións europeas nin alemás e que non
responde das súas decisións diante de ningún parlamento. Pero el decide e
imparte doutrina no BCE e desde o BCE, marca a liña a uns políticos que desde o
seu olimpo ditamina que son pouco responsábeis. A cuestión que un se coloca é:
faino ao servizo da Eurozona ou de Alemaña?, ao servizo de Alemaña ou da Banca
alemá?, ao servizo de Merkel ou por riba de Merkel?.
Ese é só un
pequeno botón de mostra das infinitas perlas coas que nos agasallaron nestas
semanas e que nos deixan profundamente inquedos. O certo é que a presión, a
deformación, as ameazas, o medo, os movementos financeiros desde o BCE e desde
os mercados adquiriron tal densidade, tal gravidade que, sen dúbida,
conseguiron impedir a vitoria de Syriza e da esquerda grega, aínda que, todo
hai que dicilo, non conseguiron frear o seu imparábel ascenso. (Dito de paso,
os partidos social-liberais como o PSOE deberían sacar leccións do cruel
destino do seu homólogo Pasok, sacrificado no altar do neoliberalismo por uns
poderes económicos moi radicalizados e cada vez máis afastados do pacto
centrista da segunda metade do século XX).
Podemos
mirar para outro lado pero sería irresponsábel. O custe destas manobras para a
democracia é terríbel. A decepción e o desengano para todos os demócratas
europeos non pode pasar desapercibido. Porque non só a dereita xoga todas as
cartas para impoñer desde o centro as opcións que máis lle interesan senón que
tamén as institucións europeas se ven involucradas e comprometidas no que é un
plan sistemático para torcer un proceso electoral e desvirtuar a democracia
dentro dun país membro, tratando de alterar e virar a expresión libre da
vontade cidadá. E ninguén pode ignorar que os electores gregos –e os outros-
non son libres cando se fai uso de todas as armas financeiras e de información
para condicionar a súa decisión nun contexto de extrema fraxilidade económica
do país.
A
intromisión das institucións europeas na campaña de amedoñamento dos gregos é
unha seria chamada de atención a todos os demócratas, tanto pola relevante deriva
da dereita en Europa como polo corsé que para a democracia poida representar o
poder central europeo, o poder concentrado das finanzas a redor do poder
imperial da gran Alemaña.
Cada vez son
maiores os riscos para a democracia –non só para a súa calidade- da perda de
soberanía dentro da UE. Sabendo que nin Alemaña nin outros países están
dispostos a construír institucións federais verdadeiramente democráticas,
resulta cada vez máis necesario e obrigado replantexarse o camiño a seguir.
Porque ou a Unión Europea é democrática ou senón perde interese como proxecto
de progreso e cumprirá virar a vista ás nacións como espazo natural para o
exercicio da democracia e, a partir de aí, cooperar e convivir. Pero con
respecto e sen inxerencia, como garantía básica de liberdade e de democracia.
De feito, as maiorías sociais dos países nórdicos tiveron sempre reservas sobre
Maastricht e a Unión, precisamente porque apreciaban as vantaxes da soberanía
nun mundo aberto e as profundas interrelacións entre benestar e democracia,
entre progreso e igualdade, entre apertura ao mundo e políticas monetarias e
fiscais soberanas.
Fronte ao
que sostiña hai unhas semanas Felipe González, non son os nacionalismos os que
rompen a Unión, son os poderes económicos que controlan os estados e que
marcaron e marcan un modelo de Unión ultraliberalizante que vai destruíndo
todas as conquistas sociais, unhas finanzas que parasitan sobre o orzamento
público e que fagocitan as enerxías produtivas populares. Ese proxecto miope,
marcado polos intereses de curto prazo dun capitalismo finanzarizado e rendista,
é o que realmente impide agromar unha outra Europa realmente popular e
compartida desde a diversidade.
En fin,
foron os antigos gregos os que converteron en sabia fábula aquela historia de
Procusto que non podía aceptar que ningún mortal pasase pola súa morada con
medidas que non cadrasen xustiño coas dimensións do seu leito, os pequenos había
que estiralos e os grandes demais había que tallalos. Grecia foi o berce da
democracia institucionalizada pero hoxe vive acosada por todos os “procustos”
que no mundo ordenan que cando algo reborda por fora do molde asignado debe ser
amputado. Cando vemos a agresividade que locen os talladores teutóns ás ordes
dos mercados de Procusto non queda máis remedio que facer un alto e dicir até
aquí chegamos e a partir de aquí que cada un escolla o seu camiño. Europa só
pode ter sentido se é sinónimo de democracia; senón é así mellor será poder decidir
cada un sobre o seu e poder controlar os gobernantes mirándolles á cara,
escoitándoos en directo sen tradución simultánea e cruzándose con eles nas
prazas e romerías.
Sem comentários:
Enviar um comentário