O anuncio do
rescate por unha contía de 100.000 millóns de euros preséntase por De Guindos
como unha axuda xenerosa do eurogrupo á banca española. Afirma que non é
rescate ao país pero na realidade é o estado español o que se endebeda, neste
caso non nos mercados pero si ante o Fondo de Estabilidade Financeira (FEEF).
Polo tanto, compre dicir que a axuda redúcese á que o FROB vai poder conseguir
os recursos endebedándose pedindo prestado ao (FEEF) en lugar de facelo nos
mercados financeiros. Iso, aparentemente, facilita o acceso a un monto inxente
de recursos cando non serían conseguíbeis pola vía ordinaria de tentar de
colocar débeda nos mercados, porque con certeza non atoparía compradores.
Ademais, dísenos que as condicións en termos de xuros é moito máis xenerosa que
a do mercado. Aínda que non se nos di cales van ser os tipos xuro aplicábeis.
Claro está, polo
antedito, é obvio que no mercado non sería colocábel ese volume de débeda
española e caso de conquerilo sería a uns tipos moi superiores aos actuais.
Niso consiste a xenerosidade: o FEEF garante o financiamento do rescate da
banca cando os mercados privados non o farían. Pero é o estado español o que se
endebeda directamente para obter ese monto que logo inxecta na banca a través
do FROB.
En todo caso hai un
certo número de consideración que podemos avanzar.
A primeira é que
coa solicitude de 100.000 millóns de euros ao FEEF para sanear o sector
bancario español ponse en evidencia que a verdadeira natureza e causa da crise
actual estaba e está no sector financeiro/bancario. Máis unha vez queda á vista
a impostura do discurso oficial que durante todo ese tempo tentou impoñer ao
país a idea de que o problema nacía dun excesivo gasto público, das pensións,
da lexislación laboral ou dos salarios.
A segunda é que con
esa cifra aproximámonos á magnitude do burato da banca. Sumando estes 100.000
millóns de euros aos 150.000 millóns que xa se entregaron desde 2009 por
diferentes vías (inxeccións de capital, préstamos públicos do FROB, avais sobre
a débeda das entidades, etc), situámonos nunha cifras que representan
aproximadamente o 25% do PIB anual español.
Terceiro, é moi
importante ter en conta que -máis alá de condicións adicionais que se impoñan-
este préstamo do FEEF ao FROB implica a emisión da cantidade correspondente de
débeda pública, que aumentará nesa contía e cuxos xuros haberá que sumar ao
déficit público español. Polo tanto, non nos enganemos, o rescate da banca
española é unha garantía para os acredores internacionais –entre eles a banca
alemá- e será pagado con uns 10 puntos máis de débeda pública sobre as costas
dos contribuíntes españois.
Cuarta, ese 25% do
PIB é a magnitude do burato bancario que, sen dicilo, se ven tentando encher
con todas as medidas de recortes nos servizos públicos, salarios públicos e
privados, pensións ou subas de IVE, taxas, impostos especiais e IRPF, etc
impostas nos últimos anos, tanto polo goberno Zapatero como por Rajoy e cuxos
efectos se prolongarán nos vindeiros anos. Mesmo cabe agardar que despois deste
paso que acaban de dar tente impoñer novos recortes e novas subas de impostos
regresivos.
Quinta, compre
dicir que todo este sacrificio que recae sobre as nosas costas é unha acción
desesperada para salvar un euro soportado por unha arquitectura institucional
da área euro e do Banco Central Europeo claramente insostíbel. A fronte de
inestabilidade da eurozona que representa o estado español engádese á explosiva
situación de Grecia e a un eventual xiro do goberno do país caso de gañar
Syriza e as demais opcións da esquerda que propugnan a denuncia do memorandum
do brutal rescate imposto pola troika (FMI, Bruxelas, BCE). Máis aínda, un
goberno da esquerda grega conlevaría un cuestionamento frontal das políticas de
austeridade e do papel do BCE e para agravar a situación desde a perspectiva Euro-americana,
estes partidos levan no seu programa a saída da OTAN, o que introduce unha
mudanza xeoestratéxica que faría saltar moitos resortes e equilibrios en
Europa. Polo tanto, era moi urxente desactivar as tensións sobre o euro
provocadas pola situación da banca española.
Sexta, o problema é que estas medidas desesperadas
non van acompañadas dunha mudanza inmediata do papel do BCE de xeito que as
dificultades de financiamento nos mercados para os países da periferia europea,
incluído o estado español, non van mudar a curto prazo. Seguiremos por bastante
tempo sen un banco central que actúe
como prestamista de último recurso dos estados. Nesas condicións non se
resolverá o problema de fondo, continuará e mesmo agravarase a presión sobre a
débeda e o gasto público o que seguirá arrastrando a economía pola senda da
recesión e o estancamento, é dicir, destruíndo tecido produtivo e emprego. O
prolongamento do curtocircuíto financeiro non fará máis que agravar ese círculo
vicioso.
Sétima, sen mudar
moi esencialmente o modelo de Unión Monetaria todo ese sacrificio que se lle
impón á cidadanía e á economía produtiva corre o risco de ser inútil e mesmo
pode agravar os desequilibrios da economía no estado español e na zona euro de
xeito que o fatal desenlace para o euro pode acabar ocorrendo igualmente.
Oitava, aínda que o
discurso oficial -e sobre todo o de Alemaña- pretende facer crer os países da
periferia europea son os responsábeis dos problemas da zona euro, o certo é que
o problema de fondo foi e segue a ser outro. Coa firma da Unión Monetaria e do
Pacto de Estabilidade, a periferia europea intercambia disciplina orzamentaria
a cambio da credibilidade de Alemaña en termos de inflación e baixos tipos de
xuro. Pero, curiosamente os problemas ao final non estouran como consecuencia
da indisciplina fiscal, p.e. o Estado español tiña superávit fiscal e a débeda
pública no 37% do PIB. O problema estoura como consecuencia da desregulación
financeira. Efectivamente, no período 1998-2008 a banca alemá e a banca
global, con diñeiro do BCE, adicouse a
financiar a baixo custe a banca española, que se lanza desbocada e
compulsivamente a unha carreira de endebedamento exterior e de crédito no
interior, aproveitando que os tipos de xuro son iguais ou inferiores aos da inflación,
de xeito que os tipos de xuro reais son mesmo negativos. Cos seus créditos
financiouse unha desbocada burbulla inmobiliaria e un explosivo déficit da
balanza por conta corrente española que chegou a representar no 2008 o incríbel
9% do PIB.
Novena, agora
disque estamos nas mans dos alemáns, que son os nosos acredores. Pois ben, sen
dúbida a responsabilidade é de todos. Pero é maior a de quen deseñou un euro e
un BCE absolutamente insostíbeis. Nin temos Banco central que soporte as
emisións dos estados nin temos unha regulación intelixente do sistema
financeiro en Europa. Agora fálase de ambas cousas, tamén da unión bancaria
europea. Pois ben, non sei se chegarán ou se chegarán tarde demais. E tampouco
podemos admitir que por si só garanta un reequilibrio económico-produtivo
dentro da UE de cara ao futuro. Pola contra, para iso sería preciso
reconsiderar outra moitas regras básicas da UE relativas á liberalización,
competencia e comercio externo que claramente non están na axenda, cando menos
por agora. Nin parece moi plausíbel que cheguen a entrar nela mentres as forzas
hexemónicas se movan dentro dos parámetros das opcións neoliberais, máis ou
menos conservadoras pero sempre neoliberais.
Décima, aínda sen
coñecer a letra miúda do acordo e os desenvolvementos que se fagan de cara a
súa implementación, compre que desde Galiza tracemos claramente as liñas
vermellas. Non podemos aceptar que coa desculpa do rescate e as condicións de
Bruxelas se tente entregar NGB a calquera outra entidade, mediante subhasta ou
por incorporación nun holding madrileño. A inxección de capital público que
agora se vai realizar , que en última instancia non son europeos senón nosos,
deben servir para galeguizar definitivamente NGB. E xa sabemos que iso, nesas
condicións, só pode facerse de forma efectiva pola vía da súa definitiva
nacionalización e transferencia á comunidade autónoma converténdoo en Banca
Pública Galega.
(artigo publicado en Sermos Galiza, 10.06.2012 )
Concordo.... mas vamos fodidos se aguardamos por Feijó.
ResponderEliminar