[Velaquí o meu artigo que acaba de saír publicado na revista Tempos Novos (n. 177, febreiro), xunto cun dossier máis amplo sobre a ciencia en Galiza e a crise: "A ciencia, cercada. Entre a miseria e o éxodo"]
Son anos de grandes dificultades económicas e orzamentarias e son estes precisamente os anos nos que se poñen a proba a vontade, audacia e prioridades estratéxicas dos gobernos e tamén dos países. Todos os datos e todas as informacións indican unha profunda deterioración do gasto en investigación e en I+D nestes tres últimos anos. Os últimos datos publicados polo INE revelan unha caída do gasto en I+D en Galiza dun 9,1% en 2009 e 2010. Uns 53 millóns de euros menos en apenas dous anos. Caída que afecta tanto ás empresas como ás universidades. O esforzo en I+D baixou dun xa exíguo 1,04% a un 0,96% do PIB; expresado doutro xeito, pasamos de gastar 213 euros per capita en 2008 a 194 euros en 2010. Os datos máis fragmentarios dos que podemos dispoñer neste momento indican que no ano 2011 prodúcese unha deterioración aínda máis marcada e todo apunta a que 2012 vai ser aínda moito peor, porque se van esgotando proxectos plurianuais concedidos en anos anteriores e, en cambio, en 2011 a Xunta de Galicia xa nin tan sequera realizou convocatoria de proxectos de I+D nin de persoal de apoio á investigación. Nin poucos nin moitos, ningún. Isto unido aos considerábeis recortes dos fondos estatais está facendo que moitos laboratorios, moitos grupos e moitos investigadores vaian esgotando os recursos que viñan arrastrando de anos anteriores e van véndose abocados a reducir actividade e prescindir de investigadores –ou precarizándoos aínda máis.
As luces de alarma
xa se acenderon no ano 2010, agraváronse cun bó número de despidos ou non
renovacións de contratos en 2011 e albíscanse novos recortes de persoal neste
ano e no vindeiro.
Abonde como exemplo
do alarmante deterioro os datos de evolución de investigadores contratados na
Universidade de Santiago: nos tres últimos anos (de 2008 a 2011) suprimíronse 308 investigadores
e técnicos de investigación. A maioría deles (137) no ano 2011: 119 como
consecuencia das reducción das diferentes convocatorias públicas de contratos
predoutorais (82), posdoutorais (36) e técnicos (18); os outros 18 como
consecuencia da reducción de persoal con cargo a contratos de investigación e
convenios. Unha parte deles eran contratos que remataban a 31 de decembro de
2011 e que, polo tanto, neste momento xa non están. Fronte ao que a opinión
mediática puidera facer pensar non é so un problema dos 17 Investigadores Parga
Pondal ou Ramón y Cajal senón que se trata dun problema de moita maior
envergadura da que estes son apenas a punta do iceberg. Trátase tamén deses outros 110 investigadores predoutorais, posdoutorais e técnicos que xa desapareceron
dos laboratorios e gabinetes universitarios durante o último ano.
Podería dicirse que
a situación vai aproximándose a pasos acelerados ao que pode ser un auténtico
colapso do sistema de investigación nos dous próximos anos, de non mediar un
golpe de temón radical na política autonómica e central, que todo apunta que de
seu non vai producirse precisamente nesa dirección.
Con estes datos e
estes feitos imos entrando no último ano da lexislatura con Feijóo á fronte da
Xunta de Galiza. O balance que podemos facer da executoria no campo da ciencia
e a innovación non pode ser máis decepcionante e preocupante. Tanto polo que xa
ocorreu até o momento como polo que está previsto que aconteza no que resta de
exercicio.
Galiza no contexto
español
Os datos do INE
poñen en evidencia que o recorte do esforzo en I+D foi moito máis intenso en
Galicia que na maioría das CCAA. Como consecuencia o noso esforzo en I+D
(0,96%) retrocede e volve situarse moi lonxe da media estatal (1,39%), a unha
distancia sideral a respecto de Madrid, País Vasco ou Navarra que oscilan ao
redor do 2%; tan só superamos a Baleares, Canarias, Murcia, Castela A Mancha e
Extremadura, os páramos da ciencia e a innovación ibérica. Nestes anos mesmo
nos adiantaron Andalucía, Aragón, Asturias e Cantabria. Iso significa, en
esencia, que ningunha outra CCAA foi tan lonxe como nós á hora de cargar na I+D
a espada da austeridade.
E non é que o resto
do estado español sexa precisamente un espello no que mirarse. Para percatarse
non hai máis que ver os pobres resultados de posición e evolución que pon en
evidencia o Informe de Innovación da Unión 2011 (Innovation Union
Scoreboard-IUS). De feito, no acto de presentación deste informe en Bruxelas, o
pasado dia 7 de febreiro, a Comisaria do ramo, Geoghegan-Quinn, non aforrou
unha sonada reprimenda ao estado español por ir tan lonxe nos recortes para I+D
e innovavión, afirmando explicitamente –o que non é moi usual na diplomacia
comunitaria- que ese era un camiño completamente equivocado.
Isto resulta
especialmente grave e preocupante se temos en conta que Galiza está entre o
“selecto” grupo de CCAA que ten á súa disposición o Fondo Tecnolóxico
2007-2013, dotado con 300 millóns de euros concedidos pola UE e xestionado polo
CDTI, que está orientado exclusivamente para as rexións converxencia (ou
obxectivo 1), é dicir, para Galiza, Extremadura e Andalucía.
O que acontece con
este fondo é grave, por non dicir escandaloso, porque o vindeiro ano 2013 remata
o seu período de vixencia e Galiza está desaproveitando irresponsabelmente eses
fondos únicos e estraordinarios. É -case habería que dicir foi- unha
oportunidade perdida –ou moi infraaproveitada- xusto dun fondo que pola súa
orientación podería ser clave e estratéxico para renovar a capacidade
científico-tecnolóxica e o tecido produtivo do noso país. O certo é que ese
desaproveitamento deriva tanto dunha clamorosa falla de iniciativa da Xunta de
Galicia como da súa miopía á hora de aplicar -tamén neste ámbito- unha política
de recortes que impide dispoñer do 30% necesario para cofinanciar os proxectos
que se acollen ao Fondo Tecnolóxico, como ocorre con outros fondos europeos. A
verdade é que este é un exemplo paradigmático das nefastas consecuencias dunha
pitoña política de recortes que ten uns efectos multiplicadores desastrosos.
Cada euro que se substrae no orzamento autonómico para I+D implica que se
perden outros 2,2 euros de fondos tecnolóxicos europeos, por non aportar o
cofinanciamento requirido.
A mesma valoración
cabería facer da miope estratexia das empresas que neste periodo reducen os
seus gastos en I+D, diminuíndo tamén a súa capacidade para beneficarse dese
fondo.
O dobre
estrangulamento da investigación
O parón e retroceso
da actividade científica nas universidades galegas ven por dúas vías
diferentes. Por un lado, a caída de recursos nas convocatorias de proxectos de
investigación e de recursos humanos e, por outro lado, a imposición dunha
insidiosa “taxa de reposición cero” que obriga a amortizar todas as prazas que
quedan vacantes por xubilación ou baixa e que afectan tanto á docencia como á
investigación. A primeira vía de retallo, o recorte das axudas, é obvio e
explícito porque se reflicte nas partidas orzamentarias correspondentes. O
segundo é un método máis sibilino pero de consecuencias igualmente graves que
se traduce nunha mingua continua dos cadros de persoal docente e investigador.
Na medida en que iso se converte nun criterio estrutural nas universidades –ao
igual que na Administración e outros niveis de ensino medio- vai ir provocando
un diezmo progresivo do seu persoal, reducindo capacidade tanto para a
investigación como para a docencia. O ano pasado a taxa de reposición era do
10% (por cada dez xubilacións podía crearse unha praza) pero o primeiro real
decreto de axustes do Goberno de Rajoy puxo a guillotina na “reposición cero”,
criterio que de continuar co plan de axuste anunciado diante de Bruxelas
prolongarase durante varios anos. Este proceso pode adquirir niveis realmente
estranguladores se temos en conta que, por razóns históricas, unha grande parte
do persoal das universidades está en idades próximas á xubilación e non poderá
ser remprazado por seiva nova. Especialmente na Universidade de Santiago,
porque as outras dúas universidades ao ser máis novas teñen un persoal algo
máis xove.
A reducción do
orzamento para as universidades, en xeral, e para investigación, en particular,
foi moi intensa no exercicio 2010 e 2011, facendo que algunhas das
convocatorias de axudas anuais non chegaran xa a publicarse. O peche de
exercicio 2011 a altura de setembro deixou moitos dos recursos orzamentados sen
executar. No orzamento para 2012 contempláse tamén unha importante redución que
posiblemente se fará maior unha vez que se revise o orzamento autonómico,
despois de que o Goberno central aprobe o seu no mes de marzo.
Máis alá das cifras
compre facer algunha reflexión para entender até que punto o parón e retroceso
no esforzo investigador é un moi mal negocio para o país. É o mellor exemplo de
como a falsa virtude da austeridade pode ser un pecado mortal que leva o país á
condea por largo tempo.
O investimento en
investigación e en formación das novas xeracións é un tipo de gasto moi
particular non só pola importancia do seu impacto a curto prazo e por ser
crucial para o futuro do país, senón por ser un proceso de creación de recursos
e capacidades que se extende ao largo dun lapso de tempo moi prolongado de
xeito que a interrupción dese proceso non só ten efectos inmediatos senón que
corta unha secuencia que destrue todo o esforzo feito até entón. A creación de
ciencia é o mesmo que a creación de investigadores de xeito que cando cortamos
a carreira dun investigador destruimos un potencial e, ademais, estragamos o
esforzo feito para formalo e para dotalo de medios e para apoiar a súa
actividade investigadora até ese momento.
Un investigador
empeza por realizar a súa formación especializada e a súa tese de doutoramento;
é un longo proceso que require, segundo as ramas, entre catro e seis anos. A
partir de aí ven o periodo máis fértil de publicacións e outras investigacións
novedosas, engrandecemento das equipas, etc. Se cortamos esa carreira no
segundo, terceiro, cuarto ou quinto ano estaremos cortando a traxectoria e
estragando todo o esforzo –económico e humano- feito até entón. Pero algo
análogo podemos dicir se interrumpimos a súa consolidación unha vez que rematou
a súa tese, sexa no eido da investigación ública ou no eido empresarial. Para
velo máis claro podemos facer un símil cunha construcción: sería o mesmo que
cando deixamos un edificio a medio facer porque se acaba o orzamento pero se
neste caso queda a obra nun punto que pode retomarse cando volvamos ter medios,
no caso do investigador e a formación a paralización ten o mesmo efecto que se
desmantelaramos e aterraramos tamén toda a obra feita. É dicir a paralización
neste caso implica non só parar de construír senón tamén achatarrar o xa
construído. Que dúbida cabe que, ademais de estragar e achatarrar riqueza
social en forma de coñecemento inutilizado, os suxeitos pacientes neste caso
son persoas e familias estragadas, carreiras persoais frustradas e vidas
tronzadas.
Obviamente, un
xestor público responsábel ten que saber iso e ten que telo en conta desde o
principio. Por iso debe ter moi claros os criterios e obxectivos en base aos
que selecciona aos investigadores que van dar comezo a ese longo e costoso
percorrido. Ten que ter en conta tanto a calidade curricular como os campos
científicos que realmente a sociedade ou as institucións precisan reforzar. Non
facelo asi pode ser non só un desvalde de recursos públicos finalmente
insostíbel senón un ticket cara a frustración profesional. Compre, polo tanto,
tomar as decisións non a cegas senón priorizando as áreas que poidan responder
a necesidades da sociedade, do tecido produtivo realmente existente no país,
daquelas nas que haxa apostas estratéxicas claras e sólidas de cara ao futuro
ou daquelas nas que haxa necesidades docentes futuras nas propias universidades
ou noutros centros de investigación.
O bluff neoliberal:
da burbulla ao colapso
O golpe ao sistema
de investigación está sendo demoledor. A crise e, sobre todo, a desatinada
resposta que os gobernos lle están dando, está sendo a causa e disculpa do
radical recorte de recursos para universidades e investigación. Pero sería
autoenganarse se dixeramos que todo é causado pola crise. Hai outros ventos que
veñen soplando de bastante atrás, que xa viñan tendo efectos antes da crise e
que agora, aproveitandoa, se impoñen con total radicalidade. A presión sobre o
orzamento público para universidades ven desde que a fins dos anos noventa se
impulsa a reforma das universidades para impoñer titulacións máis cortas (tres
ou catro anos fronte aos cinco das licenciaturas) e reducir o financiamento
público efectivo en investigación. É nese cadro cando o habitual apoio a
investigación mediante “subvencións” foi pouco a pouco substituido por
“créditos rembolsábeis”, o famoso e controvertido Capítulo VIII dos Orzamentos.
Esa vía de financiamento “ficticio” da I+D (ficticio porque deste xeito o
destinatario, p.e. a universidade, está endebedándose) era de uso marxinal até
1996, ano en que o Goberno de Aznar decide facer enxeñería financeira e
converter os créditos na vía de inflar uns programas de apoio á I+D (en
particular a militar) que encubrian un escaso esforzo real implementado polas
vías de financiamento normal (axudas, subvencións e bolsas). En poucos anos os
créditos pasaban a representar o 50% do total da Función 46 (I+D). Ese ilusionismo
encantou aos seus sucesores no goberno central e xa nunca se apearon del: xa en
2006 o Capítulo VIII (créditos) representaba o 70% da Función 46 (I+D) (ver
Vence&Heijs, en Radiografía de la
investigación pública en España, Biblioteca Nueva, 2006).
A política de
créditos para financiar investimentos e proxectos de I+D forma parte da cultura
da burbulla financeira que recorreu toda a economía e a política, sementando a
falsa ilusión de que os créditos e o endebedamento son recursos sólidos e
definitivos. Iso permitiu unha aparente bonanza na investigación que estaba
realmente asentada sobre pés de barro. Unha vez que os periodos de carencia dos
créditos rematan e que hai que pagar xuros e devolver o principal dos créditos,
as institucións de investigación (CSIC e Universidades) encóntranse de súpeto
estranguladas. Ben pensado non é nada sorprendente, como ocorre noutros eidos
da economía. É o resultado típico do modelo neoliberal de creación de recursos
ficticios do que foron artífices os Gobernos de Aznar e Zapatero e do que foron
cómplices necesarios os sucesivos responsables universitarios. A banca foi
tamén gran impulsora desa cultura do endebedamento no eido universitario e da
investigación. Non en vao os Botín adicaron –e adican- tempo e recursos a cortexar,
mimar e adoutrinar aos reitores.
O certo é que deste
xeito sustituiuse –e encubriuse- o escaso esforzo real en crear estruturas
sólidas de investigación por unha fuga cara adiante asentada en créditos e
endebedamento que configurou unha auténtica burbulla de I+D. Un bluff. No canto
de avanzar con plans de financiamento ben consolidados nos orzamentos de gastos
dos respectivos gobernos e, en consecuencia, con dotacións de cadros de persoal
estables e permanentes optouse por unha ficticia política de créditos e
endebedamento que cando, co gallo da crise financeira, se interrompe, o que
queda é un parón radical no afluxo de recursos e un burato de débedas que
estrangula as institucións. As Universidades –especialmente algunhas- teñen a
súa cota de responsabilidade por caer na trampa dese ilusionismo financeiro. O
problema agrávase cando a medicina que agora aplican os neoliberais que están á
fronte da Xunta de Galicia e do Goberno Central non consiste en axudar a
enxugar as consecuencias deses instrumentos perversos e inapropiados para
financiar o sector público senón que mesmo deciden recortar de xeito drástico
os recursos correspondentes aos mecanismos normais e tradicionais de
financiamento. Asi cortan hoxe tanto axudas e subvencións para a I+D, como bolsas
e contratos para novos investigadores e, o que aínda é máis grave, dotación de
profesorado universitario para manter unha calidade docente imprescindíbel para
que os graduados universitarios sexan de primeiro nivel. Hoxe por hoxe, nos
centros con máis alumnos xa se deixa sentir a carencia de profesorado; o que se
traduce en sobrecarga de alumnos e horas de docencia e un escaso marxe para a
investigación. Pero o realmente alarmante son as perspectivas de cara o futuro
inmediato, estrangulados polo recorte nos programas de I+D e recursos humanos e
guillotinados pola taxa de reposición cero. Máis graficamente aínda, como
acabaremos se para poder entregar “unha” fotocopia aos alumnos ten que pagala o
profesor do seu peto, como nos pasa a min e aos meus colegas?.
Salvo para aqueles
que renuncien ao futuro e á dignidade, para todos os demais isto non pode
seguir asi. Non é só cousa da crise, é o fracaso dun modelo e, se non hai
reacción para preservar o construido, mellorando tamén a xestión, en poucos
anos corremos o risco de ter universidades que non só non melloran senón que
non serán nin a sombra do que hoxe son.
Persoal contratado en I+D na USC.
Convocatorias públicas de recursos humanos e proxectos.
Variación % respecto do ano anterior | ||||||||
2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2009 | 2010 | 2011 | ||
Bolseiros FPI | Predoutorais | 50 | 59 | 66 | 60 | 18,0% | 11,9% | -9,1% |
Bolseiros FPU | Predoutorais | 114 | 128 | 120 | 103 | 12,3% | -6,3% | -14,2% |
Contratados FIS | Predoutorais | 1 | 1 | 1 | 1 | 0,0% | 0,0% | 0,0% |
Contratos FPI | Predoutorais | 42 | 46 | 48 | 56 | 9,5% | 4,3% | 16,7% |
Contratos FPU | Predoutorais | 85 | 99 | 102 | 111 | 16,5% | 3,0% | 8,8% |
Contratos predoutorais USC | Predoutorais | 29 | 40 | 45 | 40 | 37,9% | 12,5% | -11,1% |
María Barbeito | Predoutorais | 162 | 129 | 133 | 79 | -20,4% | 3,1% | -40,6% |
Angeles Alvariño | Posdoutorais | 39 | 38 | 49 | 25 | -2,6% | 28,9% | -49,0% |
Marie Curie | Posdoutorais | 2 | 4 | 3 | 2 | 100,0% | -25,0% | -33,3% |
Juan de la Cierva | Posdoutorais | 7 | 7 | 13 | 11 | 0,0% | 85,7% | -15,4% |
Parga Pondal | Posdoutorais | 91 | 87 | 71 | 63 | -4,4% | -18,4% | -11,3% |
Ramón y Cajal | Posdoutorais | 41 | 32 | 24 | 23 | -22,0% | -25,0% | -4,2% |
Lucas Labrada | Técnicos | 32 | 38 | 36 | 17 | 18,8% | -5,3% | -52,8% |
Isabel Barreto | Técnicos | 30 | 33 | 47 | 49 | 10,0% | 42,4% | 4,3% |
Técnicos de apoio | Técnicos | 20 | 21 | 23 | 22 | 5,0% | 9,5% | -4,3% |
Total convocatorias RRHH | 745 | 762 | 781 | 662 | 2,3% | 2,5% | -15,2% | |
Persoal I+D a cargo de actividades e proxectos | 1586 | 1485 | 1379 | 1361 | -6,4% | -7,1% | -1,3% | |
TOTAL | 2331 | 2247 | 2160 | 2023 | -3,6% | -3,9% | -6,3% | |
Nota (28.03.2012): esta táboa contén diversas correccións de datos a respeito da versión publicada en papel e a colocada aquí inicialmente, debido a que, grazas ás advertencias de "anónimo" sobre o número de contratos IPP, foron revisados todos os datos e detectaronse varios erros -sobre todo polos contratos de renovación- nas bases de datos de contratos da OIT da USC, que é a fonte información orixinal e tamén desta que agora publicamos unha vez revisada e corrixida. Disculpas polo erro a todos aqueles -realmente moitas persoas- que accederon a esta páxina e, pola miña parte, só me queda confiar que estes datos sexan finalmente correctos e definitivos. Como pode observarse a corrección dos datos afecta aos valores absolutos dalgunhas categorías pero non, por desgraza, ás tendencias. Grazas a "anónimo" pola súa información e á OIT polo seu esforzo de revisión, que agardo sirva para que valoremos a importancia de contar con bases de datos fiábeis nunha institución de investigación da envergadura da USC.
A precariedade na I+D galega: Gasto en I+D por
persoa ocupada en I+D (EXC) en miles de euros. 2010. Fonte INE.
Una pregunta: ¿el número de contratos en la primera tabla se refiere a nuevos contratos firmados cada año o a las personas que estaban ese año en la USC con cada una de esas figuras? Supongo que se trata de esto último, pero me gustaría confirmarlo. ¡Gracias!
ResponderEliminarEfectivamente, son as persoas que estiveron contratadas nese ano (unhas cun único contrato nese ano e outras con varios contratos temporais no mesmo ano). Se tivesemos en conta os contratos asinados as cifras serían bastante superiores, como consecuencia da precariedade característica deste sector (os contratos con cargo a proxectos, convenios e contratos de investigación e prestación de servizos de I+D).
ResponderEliminarNota (2.03.2012): a táboa de datos de contratados en investigación na USC contén unha corrección de datos nas dúas últimas filas, a respeito da versión publicada en papel e a colocada aquí inicialmente, debido a un erro de clasificación dos contratados detectado polo propio organismo que proporcionou a información orixinal (OIT da USC). Disculpas polo erro, que afecta aos valores absolutos, non ás tendencias. E grazas á OIT pola dilixencia na corrección.
ResponderEliminarMais umha pergunta: isto do que se fala aqui: http://elpais.com/economia/2012/03/10/actualidad/1331415320_073828.html
ResponderEliminartem a ver com o que adiantavas que podia acontecer, no penúltimo parágrafe do artigo que recolhe teu último livro? Falo de conculcar aínda mais a autonomia das CCAA.
Obrigado
o artigo da página 192
ResponderEliminarRealmente creio que o controlo directo do orzamento municipal ao amparo destas medidas estraordinarias para refinanciar dívidas é apenas un exemplo do risco ao que eu aludía no meu libro. O risco ao que eu refería é que o estado reserve para si a escasa flexibilidade orzamentaria e impoña ás CCAA un corsé inflexíbel canto ao déficit e dívida, coa particularidade que a CCAA é a que ten que garantir a prestación de todos os servizos públicos esenciais (sanidade, educación, dependencia e outros servizos sociais...) coa particularidade de seren servizos cuxa necesidade pode aumentar en momentos de crise ao tempo que o estado lle limita os ingresos e transferencias.
ResponderEliminarIsto é, de facto, o que se está aplicar desde a última reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira.
Polo tanto, a noticia que comentas refere un asunto máis concreto relativo a emerxencia das contas municipais pero o corsé ás CCAA estase a poñer en marcha en paralelo e con consecuencias máis estruturais e de longo alcance.
A diferencia de fondo é a seguinte: os concellos poden ter interese en controlalos por razóns técnicas, en casos de desbalde, ou de política, cando son gobernados por adversarios políticos, pero no caso das CCAA trátase dun proxecto político de maior alcance que busca: a)a redistribución competencial a costa das CCAA e, b) impoñer unha camisa de forza que obrigue á redución do gasto social, que é o 70% do orzamento autonómico. Impulsando asi a súa privatización.
Bos días. So un comentario que levo pensando en facer hai xa uns días. Os datos dos Contratados Parga Pondal na USC nos anos 2009 e 2010 e 2011 non son correctos. Eu os revisaría.
ResponderEliminarPois, amigo anónimo, agradeceriache que me dixeras en que sentido non son correctos para poder indicarlle á OIT en que sentido deben revisar. Segundo os técnicos que manexan os datos de contratados na OIT iso é o que á USC lle consta nas súas bases de datos.
ResponderEliminarPois parece ser que dentro da USC falla a comunicación entre a OIT e Profesorado. Os datos se poden atopar en calquera dos DOG onde saen publicadas as resolucións de concesións dos contratos Parga Pondal e as súas respectivas prórrogas.
ResponderEliminarPor convocatorias (5 anos de duración do programa):
2003-2008: 17 IPP contratados na USC, 5 dos cales deixaron o programa durante eses 5 anos.
2004-2009: 17 IPP contratados na USC, 4 dos cales pasaron a RyC.
2005-2010: 18 IPP contratados na USC, 3 dos cales pasaron a RyC.
2006-2011: 18 IPP contratados na USC.
2007-2012: 11 IPP contratados na USC.
2008-2013: 11 IPP contratados na USC.
2009-2014: 11 IPP contratados na USC.
Convotaroria da Xunta do ano 2011 que dista das anterios: 11 IPP contratados na USC. Ainda que na resolución lle concederon 8.
Parte destes datos lle foron enviados aos membros do Consello de Goberno e tamén aos distintos sindicatos antes das mesas de negociación. Polo tanto poden ser accesibles para calquera membro da USC.
Por anos quedaría (se non fixen mal as sumas):
2009 - 86 IPP contratados no ano 2009.
2010 – 69 IPP contratados no ano 2010.
2011 – 62 IPP contratados no ano 2011.
Se esa é a información da OIT ….Creo que van ter que revisar as bases de datos .
Decateime que cometín un erro cos contratados na convocatoria do ano 2011. Son 8 os que están na USC, tal e como aparece na resolución da convocatoria, non 11.
ResponderEliminarPolo tanto
2011 – 59 IPP contratados no ano 2011.
Para ser máis exactos, xa que os números bailan un pouco.
ResponderEliminarContratados no ano 2009:
12 IPP da convocatoria do 2004; DOG Nº 195 Mércores, 8 de outubro de 2008
22 IPP da convocatoria do 2005; DOG Nº 198 Xoves, 11 de outubro de 2007
19 IPP da convocatoria do 2006; DOG Nº 249 Mércores, 24 de decembro de 2008
13 da convocatoria do 2007; DOG Nº 5 Martes, 8 de xaneiro de 2008
13 da convocatoria do 2008; DOG Nº 245 Xoves, 18 de decembro de 2008
11 da convocatoria do 2009; DOG Nº 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2010
Contratados no ano 2010:
19 IPP da convocatoria do 2005; DOG Nº 192 Mércores, 30 de setembro de 2009
18 IPP da convocatoria do 2006; DOG Nº 247 Luns, 27 de decembro de 2010
11 IPP da convocatoria do 2007; DOG Nº 247 Luns, 27 de decembro de 2010
13 da convocatoria do 2008; DOG Nº 245 Xoves, 18 de decembro de 2008
11 da convocatoria do 2009; DOG Nº 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2010
Contratados no ano 2011: (Datos que coinciden cos da Vicerreitoría de PDI)
18 IPP da convocatoria do 2006; DOG Nº 247 Luns, 27 de decembro de 2010
11 IPP da convocatoria do 2007; DOG Nº 247 Luns, 27 de decembro de 2010
11 da convocatoria do 2008; Datos Vicerreitoria de PDI.
11 da convocatoria do 2009; DOG Nº 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2010 (esta xente estivo contratada 3 días no ano 2010)
8 da convocatoria do 2011; DOG Núm. 124 Mércores, 29 de xuño de 2011
Por anos quedaría:
2009 - 90 IPP contratados no ano 2009. (Algúns de estes IPP pasaron a ser RyC)
2010 – 72 IPP contratados no ano 2010.
2011 – 59 IPP contratados no ano 2011.
Estos son datos de adxudicacións e das prórrogas dos contratos, sacados dos DOG.
Nota (28.03.2012): grazas a "anónimo". Efectivamente hai certo enguedello para saber exactamente o número de contratados en cada figura cada ano. As fontes non coinciden porque unha cousa son as concesións publicadas no BOE ou DOG e outra as persoas que efectivamente acaban asinando os contratos. Tamén hai diferencias con mótivo de prórrogas e renovacións. Por iso eu pensei que a mellor fonte sería a base de datos de contratos reais e efectivos da propia institución. A miña sorpresa é que, como se ve, a base de datos da USC non debe estar pensada para estraer resumos e estatísticas. Enfin... O certo é que sustituin a anterior táboa por unha nova que contén diversas correccións de datos a respeito da versión publicada en papel e a colocada aquí inicialmente, debido a que, grazas ás advertencias de "anónimo" sobre o número de contratos IPP, foron revisados todos os datos e detectaronse varios erros -sobre todo polos contratos de renovación- nas bases de datos de contratos da OIT da USC, que é a fonte información orixinal e tamén desta que agora publicamos unha vez revisada e corrixida. Disculpas polo erro a todos aqueles -realmente moitas persoas- que accederon a esta páxina e, pola miña parte, só me queda confiar que estes datos sexan finalmente correctos e definitivos. Como pode observarse a corrección dos datos afecta aos valores absolutos dalgunhas categorías pero non, por desgraza, ás tendencias. Grazas a "anónimo" pola súa información e á OIT polo seu esforzo de revisión, que agardo sirva para que valoremos a importancia de contar con bases de datos fiábeis nunha institución de investigación da envergadura da USC.
ResponderEliminar