sábado, 18 de fevereiro de 2012

Que nos queda da torta?: a deflación salarial en marcha

O pasado 16 de febreiro o IGE fixo públicos os datos de variación do PIB de Galiza para o cuarto trimestre que confirman unha caída intensa do noso PIB (-0,32%), superior á media do Estado español. A vista do que os datos van poñendo en evidencia o éxito das políticas do Goberno Feijóo non podía ser máis contundente: o decidido recorte do gasto público, chegando mesmo ao extremo da eficiencia pechando o exercicio orzamentario no mes de setembro, está surtindo efectos claros.
Velaí o estrangulamento dunha parte da economía produtiva, para a que a redución do investimento e da actividade do sector público se redobla cos retrasos nos pagos das facturas devengadas. Como digo, esa pasión austérica de Feijóo está conseguindo que sexamos líderes en recesión (e, como xa temos comentado, en ritmo de aumento do paro).

Pero esta semana fixéronse públicos tamén os datos da evolución das rendas da Contabilidade Nacional de España do INE para o cuarto trimestre de 2011, que nos permite ver o peso relativo das rendas salariais e as rendas das empresas (excedente bruto de explotación EBE e a s rendas mixtas). Os datos son oportunos porque permiten reflexionar e poñer na balanza os argumentos dos defensores da reforma laboral e da deflación salarial.

Como se pode ver nos gráficos que temos aqui, as rendas salariais agregadas no conxunto español veñen presentando valores negativos desde mediados de 2008, pero no cuarto trimestre de 2011 a caída é realmente intensa. A caída do emprego e as reducións salariais son a causas inmediata. Pola contra, os datos mostran un feito que resulta rechamante: o excedente bruto de explotación das empresas (EBE) e as rendas mixtas presentan unha taxas de aumento no último ano e medio bastante considerábel, situándose en ritmos de aumento próximos aos da primeira metade da década pasada. Iso querería dicir que cando menos unha parte do tecido empresarial parece estar fóra da crise.
A combinación dos dous feitos tradúcese nunha caída acelerada da participación dos salarios na distribución do PIB. Están xa considerabelmente por debaixo do 50% do PIB, arredor do 47%.  Como se ve na segunda gráfica a forte caída da participación dos salarios e o intenso aumento da proporción que representa o EBE, a participación duns e outros está xa case igualada, feito este inusitado en Europa e na historia do país. É un dato que revela o caracter verdadeiramente estremo do capitalismo neoliberal que temos implantado no estado español desde hai xa tempo e que as políticas postas en marcha nos tres últimos anos van radicalizando sen pausa.
No terceiro gráfico podemos ver o que esta a pasar nos dous últimos anos en Galiza na participación das dúas variábeis. A falta dos datos do IV trimestre que o IGE aínda non dou a coñecer para estas dúas variábeis, podemos constatar o vertixinoso ritmo de caída da proporción que representan as rendas salariais (perdendo case 3 puntos porcentuais en menos de dous anos), ao tempo que o EBE aumentou a súa participación en 2 puntos porcentuais.
Supoño que isto non é impedimento abondo para que os defensores da reforma laboral e de todo o paquete de políticas orientadas á deflación salarial continuen coa súa cruzada. Que terá que acontecer para que a xente -e o propio establishment- se percate de  que unha economía con esa estrutura da renda é non só insoportabelmente inxusta mais tamén economicamente inviábel, insostíbel?.  

















Sem comentários:

Enviar um comentário