Dado que para algúns parece que na XIII
asemblea do BNG só houbo eleccións de cargos e desafíos numéricos, non estaría
mal que se discutiran e ventilaran resolucións, ponencias e enmendas para
entender que camiño acordou seguir o BNG no seu encontro.
Motivos para o desencontro sempre os hai e se non os hai sempre poden atoparse. Pero en política calquera encontro ou desencontro ten que construírse sobre a base dunhas ideas e uns proxectos que a xente poida obxectivar e entender, en si mesmo e en relación a outros proxectos existentes. Ninguén pode entender que un desencontro arranque da incontrastable afirmación de que nós somos diferentes e mellores que os outros.
Compre falar de ideas e velaí van algunhas das que foron
aprobadas na XIII asemblea a partires dalgunhas enmendas:
Enmenda
engádega p.1 liña 24 :
1. O
fracaso neoliberal e a reivindicación da liña estratéxica do nacionalismo
A
profundísima e prolongada crise do modelo neoliberal que estamos a viver racha
radicalmente as certidumes do pensamento único dominante, sistematicamente
construído durante décadas desde as plataformas de creación de opinión dos
grandes poderes económicos e das forzas conservadoras. A crise actual pon ao
descuberto de todo o mundo o fracaso do modelo neoliberal en todas as súas
dimensións: a fe nos mercados liberalizados e desregulados, a hexemonía das
finanzas sobre a economía produtiva, a precarización laboral e a contrareforma
fiscal, a globalización financeira e comercial, a privatización do capital
social acumulado en empresas e servizos públicos, a arquitectura neoliberal da
Unión Europea, o ataque á soberanía das institucións democráticas
representativas, o desprezo ás identidades e a diversidade cultural, lingüística,
etc.
Ese
fracaso radical, evidente, estrondoso do neoliberalismo como modelo social e
como modelo de articulación das relacións internacionais ven refrendar e cargar
de razóns a aqueles que non só non comulgamos coas rodas de muíño do pensamento
único senón que mantivemos ergueita a bandeira da crítica, a denuncia e a
oposición política a ese modelo. Agora que o fracaso dese modelo é evidente,
por máis que os seus poderosos defensores perseveren e mesmo se radicalicen, o
BNG debe reclamar con clareza e con orgullo a razón que con toda xustiza lle
corresponde. Manter ergueita a bandeira da oposición ao neoliberalismo tanto no
que dia a respeito do seu modelo social como político e territorial é, sen
dúbida, un activo que o BNG ten que reivindicar diante de toda a cidadanía.
Manter ergueita esa bandeira nos tempos en que o neoliberalismo parecía gozar
dunha aparente fortaleza, adubada de arrogante propaganda, non foi tarefa fácil
e mesmo chegou a parecer a unha parte do noso corpo social e da nosa
organización unha aposta arriscada e en exceso a contracorrente. Para algúns
mesmo despegada da realidade demais.
Os
feitos actuais demostran as grandes doses de acerto que houbo nos
posicionamentos de fondo mantidos pola nosa organización ao longo do tempo,
fronte á globalización, fronte aos Tratados de Maastricht, Tratado
Constitucional/Lisboa, fronte a OMC, a directiva Bolkestein, as privatizacións,
os corsés a sectores produtivos básicos (agrario, pesqueiro, naval...), as
deslocalizacións, a privatización da banca pública e a bancarización das caixas
de aforro, etc. Claro está que non podemos agardar que os nosos adversarios e
nemigos nos recoñezan os nosos méritos e acertos. Pero esa si debe ser tarefa
nosa e pode lexitimamente selo. Fronte aos que perderon a súa alma crítica e de
esquerdas nos anos da hexemonía incontestada do neoliberalismo e algúns, como o
PSOE, mesmo facendo o traballo suxo nos anos da deleiba, o BNG pode e debe
reivindicar o acerto do seu posicionamento de fondo. O que debe servir non para
fachendear da lucidez pasada senón para reclamar apoio e confianza nas nosas
propostas para construír o futuro. Fronte ao inmobilismo suicida dos que se
apegan aos postulados dun neoliberalismo desafiuzado, o BNG pode ofrecer unha
alternativa críbel e sólida alicerzada nos nosos sinais de identidade: a
cohesión social, a economía produtiva sustentábel e a soberanía democrática.
Enmenda
de engádega p.10 liña 28.
Defendemos
un papel máis amplo e activo para o sector público na economía. En contra do
que propugnan os neoliberais, creemos que o país non pode quedar inerme diante
dos eventuais desvaríos dos mercados ou as prioridades inversoras do capital
privado especulativo e, especialmente, á vista das carencias e/ou falla de
iniciativa do capital privado para desenvolver as nosas potencialidades. Polo
tanto, ademais do fortalecemento dos piares do estado de benestar, coa
prestación pública dos servizos básicos con carácter universal, creemos
necesario unha intervención activa do sector público noutros ámbitos claves
para o desenvolvemento que veñen sendo esquecidos non só polos neoliberais
senón tamén polos social-liberais: no sector financeiro (banca pública), na
creación e impulso de novas empresas públicas en sectores estratéxicos, na
creación de infraestrutura e servizos tecnolóxicos avanzados, asi como no
control público das empresas oligopolísticas que prestan servizos esenciais
(enerxía; infraestruturas viarias, portuarias e aeroportuarias; transporte
camiño de ferro; saneamento e tratamento dos residuos, etc).
Enmenda
de engádega p.13. liña 30.
Novo
ponto (5). Criatividade e flexibilidade para facer fronte aos novos desafíos
A
envergadura dos desafíos enunciados ao longo desta ponencia obrigan a redoblar
os esforzos da organización e, sobre todo, a desenvolver toda a criatividade e
flexibilidade para sumar forzas, con xenerosidade e altura de miras. Responder
ás múltiples frontes de loita abertas –por outra parte cambiantes- pola
profunda crise neoliberal e o abrasivo programa recentralizador, co conseguinte
ataque aos nosos sinais de identidade nacional e aos movimentos nacionalistas,
fai necesario abrir a nosa iniciativa ás diferentes forzas políticas, sociais,
organizacións sindicais, movementos sociais, cultural, lingüísticos, etc coa
finalidade de artellar unha resposta o máis ampla e plural posíbel a todos e
cada un desas frontes, enumeradas nos apartados anteriores.
A acción
institucional debe combinarse cunha estratexia de organización e mobilización
da sociedade nunha estratexia na que o nacionalismo lidere con xenerosidade e
altura de miras eses procesos. En particular, os nosos concellos deben ser
criativos e exemplares na adopción de medidas de apoio e solidariedade cos
diferentes colectivos agredidos ou vulnerábeis.
Nese
mesmo sentido, será necesario avaliar a oportunidade de creación dunha ampla
plataforma na que nós puideramos participar mancomunadamente con todos aqueles
grupos e movementos cos que chegaramos a compartir unha axenda de puntos
comúns.
Igualmente
debemos ser abertos e creativos á hora de dar resposta a problemas novos e
movementos novos que xorden a medida que a crise actual vai provocando
consecuencias e situacións máis graves (desafiuzamentos, peches de empresas,
espolio financeiro, deslocalizacións, pobreza extrema, etc).
Até aquí o texto das enmendas que eu presentei
e que foron aprobadas e incorporadas de xeito resumido na ponencia oficial
aprobada na XIII Asemblea do BNG celebrada en Amio o 28-29 de xaneiro.
Nuns tempos en que moitos parecen empeñados en
sementar toxos nas estremas das veigas do nacionalismo eu propoño cortalos
todos e enterralos como bo esterco para que medren con forza as colleitas na
agra aberta de todos.
As verbas con espiñas tan só feren e proen. As
verbas sedimentadas son fertilizante que axuda a agromar as ideas. E as ideas
son a materia coa que un país enxerga un proxecto e constrúe o futuro.
Canto se fala de sentimentos cativos e que
pouco de ideas e proxectos!. Á vista do desolador panorama do debate, mellor
dito diatriba acalorada a través, sobre todo, do díxome-díxome e dos anónimos
dixitais, cómpre ter a ousadía de pedir un debate de ideas. Aínda que só sexa
para non poñerse colorado ao recordar aquel sabio adaxio ilustrado, “as grandes
mentes discuten as ideas; as mediocres, os eventos; as cativas, as persoas”.
Canta razón.
Pois ben, esas tres enmendas, xunto co resto
das quince páxinas de ponencia, son as ideas forza que para min fan do BNG un
proxecto político á altura dos tempos, tempos tépedos e choídos por un modelo
económico empeñado en prolongar a súa agonía a costa do sufrimento de milleiros
e milleiros de cidadáns, de pobos enteiros.
Fracaso do modelo que sempre combatemos,
actualización das ideas para saír do burato e disposición a corrixir e
ensanchar as alianzas para sumar forzas e avanzar, velaí as tres ideas forza.
¿Non é iso o que queremos?. Quen,
lexitimamente, non concorde está no seu dereito. Pero, entón, non é moito pedir
que se diga.
Porque, amigos, pode que sexa moi antiguo ou
pre-posmoderno, pero sigo creendo que as ideas son a materia do progreso. Aínda
que só sexa porque é a única forma de manter un diálogo. Os neocons prefiren os
instintos, compre telo en conta para confrontalos. Pero a alternativa aos
neocons ten que saír da razón, da conversa razonada. Coa reiteración machacona
de descalificacións de 140 caracteres non se construe un argumento. Menos aínda
cando saen de lugares alonxados do cerebro. Sí, compre seguir confiando no
cerebro, aínda que a vista do que acontece pola rede nestes tempos seica xa hai unha empresa
en Bangalore que está pensando nunha innovación revolucionaria, sustituír os
teclados por tripas. Agardo, que sexa tan só un susto momentáneo.
Xa o dicía Reixa hai uns cantos anos, estamos
en guerra pero hai que reflexionar. Mellor entre todos. Non sobran nin persoas
nin ideas!
O BNG fixo os deberes en Amio, nun magno exercicio de democracia interna que hai que por en valor, coa participación de todas as persoas afiliadas que así o quixeron, o BNG non só elixiu ás persoas que habían dirixir e representar o proxecto, se non que tamén actualizou ideas e propostas.
ResponderEliminarOs textos base para o debate, e as emendas incorporadas lle permiten ao BNG, presentarse diante da sociedade galega con discurso e propostas alternativas, fronte á desfeita provocadas pola fuxida cara adiante do neoliberalismo que ollamos con perplexidade e impotencia. A pesar de recoñecer a utilización dun certo estilo rancio no documento base, resulta cando menos chocante o desmarque, de persoas que contribuíron decididamente a conformar o corpus teórico do nacionalismo galego actual, a respecto da “nova liña política” do BNG, xa que nos documentos aprobados na XIII Asemblea Nacional plásmase unha actualización da nosa liña política, cuxas fontes nutrices xa están recollidas nos sucesivos documentos políticos dos que nos fomos dotando, dos que á volta do tempo podemos sentirnos orgullosos polo acertado das análises e propostas feitas.
Hoxe mais ca nunca Galiza precisa de forzas políticas coa introdución suficiente como para facerlle fronte a esta vaga esterilizante, no material, nos sectores produtivos e no identitario. Forzas políticas construídas dende abaixo, nas que as persoas conten, co máximo de participación, de exercicio da democracia interna e de interacción coa sociedade onde actúan. Estou certo de que o BNG inda precisa de moitas melloras para chegar a ser esa forza ideal, mais tamén o estou de que na XIII Asemblea demos pasos na liña correcta: A recuperación e blindaxe do dereito da afiliación á participación libre e directa, as novas canles de comunicación e participación deseñados, e por suposto ás análises e propostas políticas aprobadas.
Efectivamente é bo falar de ideas e construír acordos sobre elas, por iso os que xa a priori decidiron non achegar propostas (emendas) ao debate de ideas, reducindo así a XIII Asemblea Nacional do BNG a un confronto de números, de apoios a equipas de persoas, a un conto de bos e de malos, terán que explicárllelo á sociedade galega que ollou perplexa o intento irresponsable de dinamitar a mellor ferramenta, coa que se dotou para actuar colectivamente como nación.
Efectivamente, concordo contigo en que na XIII Asemblea déronse pasos na boa dirección. Os feitos inmediatos escurecéronos totalmente.
ResponderEliminarNa fase preasemblear elaboraronse documentos con análises e propostas por parte de diferentes grupos que aínda que cada un tiña un tono e uns acentos diferentes tiñan unha grande dose de elementos en común. Uns priorizaban máis a reflexión e as propostas sobre o curto prazo, dándolle maior prioridade a acción institucional; outros marcaban con máis forza liñas estratéxica e articulación do longo e o curto prazo. Pero, ou os textos eran unha espresión moi imperfecta das ideas e sentimentos de fondo ou a min escápanseme as razóns da suposta incompatibilidade de proxectos que, de pronto, algúns empezaron a propalar. Está claro que debín perderme algo.
Cada dia que pasa estou máis abraiado da barreira de incomunicación establecida entre algúns dos grupos ou colectivos xurdidos ao abeiro do BNG. Resulta realmente indescriptíbel ver o silencio organizado a modo de bomba de vacío en reunións de órganos de representación e decisión.
A verdade é que ao non frecuentar capelas e capeliñas debín perderme algo. Non sei en que momento algúns decidiron correr unha cortina de silencio cos demais. De xeito que alí onde podía haber diferencias e, en moitos casos, apenas matices ou formas de expresión diferentes, empezou a establecerse unha mesta atmósfera de incomunicación e, rapidamente, cargada de estigmatización das posicións dos demais e, a continuación, descalificacións groseiras, magnificación de anecdotas e detalles, etc, etc. Todo nunha secuencia destinada a pechar filas e acirrar ánimos para unha confrontación polo control da organización e todo o que iso leva consigo.
Contra o desexo da maioría e mesmo coa recriminación dalgúns, a cabalgada de agudización, mesmo hiperbolización, das diferencias foi creandose un escenario que a unha parte se lle foi das mans e a outros, quizás ilusionados por idílicas aventuras, pareceulles unha vía aceptábel para romper amarras e protagonizar unha nova singladura.
O que seguramente ninguén calculou foi a cantidade de xente que perdeu a ilusión, a escasa ilusión e ánimo de sacrificio que lle quedaba, e decidiu fuxir anoxado de tan pouca altura de miras e tantas cativezas.
Neste proceso algúns posiblemente xogaran un xogo perigoso, como aprendices de bruxos. Posiblemente confundiron ou aínda confunden a facilidade coa que se encenden os ánimos para unha batalla fraticida, algo así como un "gran calentón", con un real entusiasmo sostible no tempo a efectos de construír algunha outra cousa. Por sorte ou por desgraza, son cousas ben diferentes. O que si é certo é que o rompido, rompido queda, e as baixas serán baixas por bastante tempo, para todo e para todos. Como todo, o tempo acabará curando moitas feridas, sobre todo naquelas persoas de noble fondo. Pero aínda que só sexa por razóns do cronos para moitos ese viaxe pode chegar demasiado tarde.
Máis alá dos devires persoais, o que non cabe dúbida é que unha digregación, por pequena que sexa, nestas circuntancias de febleza acumulada, é un regalo precioso para a máis agresiva, antisocial e antigalega alternativa da dereita no noso país.
Por todo isto, e por outras moitas razóns, agardo que os que aínda non deron o paso definitivo teñan a valentía de parar a máquina, enfriar os ánimos un días e poñer a razón no seu sitio.
Concordo co artigo plenamente. Só unha cousa: por favor, poñer a letra en negro, non en gris sobre branco, ou pior, gris sobre gris. É unha tortura para os ollos.
ResponderEliminarOK, oído cociña. Moito obrigado!
ResponderEliminar