Que dúbida cabe que
a Administración local precisa un repaso e non só por causa da crise económica
e os apuros orzamentarios. A revisión da estrutura e xeografía da
administración local é algo que moitos, en particular desde o nacionalismo,
levamos demandando desde hai moito tempo. Sobre todo pola necesidade de
racionalizala, poñer ao día unha estrutura que ven do século XIX e que estaba
feita desde a perspectiva dun estado centralista e nunhas circuntancias en que
o tipo e cantidade de servizos públicos prestados non ten nada que ver cos de
hoxe en día. E tamén porque mudou radicalmente a distribución territorial da
poboación e o habitat no noso país. O fulminante abandono do rural interior e
os procesos de urbanización e periurbanización concentrada na faixa atlántica
(nunha franxa de 20 km a cada lado da autostrada e das autovías está hoxe máis
do 85% da poboación do país) son hoxe unha realidade tan dramática como
insoslaiábel.
O que entristece e
desazona é que, no canto de abrir un debate serio sobre esa cuestión pendente,
o PP e Feijóo, coa axuda ou espoleados por algúns medios de comunicación, decidiron abrir un esperpéntico proceso
de ocurrencias arredor de anuncios e declaracións de intencións sobre algunha posíbel
fusión de concellos.
A forma e os
motivos polos que se lanza esta campaña non augura grandes resultados prácticos
e mesmo pode ser a mellor garantía de que non chegue a nada relevante, máis alá
do anecdótico.
Efectivamente,
resulta sorprendente que o anuncio da intención dos Alcaldes de Oza e Cesuras
de camiñar cara unha fusión se faga coincidir co momento álxido do Debate sobre
o estado da Nación (ou da Comunidade Autónoma). O último debate da nación da
presente lexislatura e no que o Presidente Núñez Feijóo non podía poñer enriba
da mesa ningunha realización significativa nin realizar ningún anuncio
relevante, foi o contexto elixido por Núñez Feijóo para converter un "feito", que
non pasa de anecdótico, nun gran acontecimento planetario.
A propia forma de
facelo e a teatralidade da súa presentación pública revela o seu uso
instrumental. Coa particularidade de que para poder sacalo ese día da chisteira
tiveron que preparar todo ás agachadas, cunhas xestións secretistas entre os
dous alcaldes do PP e sen previamente dalo a coñecer nin aos seus viciños nin ás
respectivas corporacións. Había que manter o secreto até o día acordado para
permitir a Feijóo tapar o fiasco do debate sobre o balance da súa xestión en
toda unha lexislatura. Pero, xustamente, ao poñelo en marcha de costas aos seus
viciños e demais membros da corporación xeneran as maiores reservas e
desconfianzas, que poden acabar facendo fracasar o plan. Isto estou certo de
que non o ignoraba Núñez Feijóo pero as prioridades mandan e posiblemente
prefire sacrificar un real fusión ante as virtudes dunha mesta cortina de
marketing publicitario.
Acabe fraguando ou
non a fusión de Cesuras e Oza, para Núñez Feijóo xa terá cumprido unha gran
función: esluír e ocultar un debate no que non tivo máis que ofrecer a
cidadanía que retruques á oposición e unhas cantas mentiras coma puños.
A cuestión é que, máis alá do puntual uso instrumental do caso Oza-Cesuras, vemos que a Xunta e o
PP parecen ter toda a intención de proseguir coa mesma liña de cara aos vindeiros
meses. No canto de plantexar un plano de reforma ordenada e global do mapa
municipal e do conxunto da administración local parecen preferir seguir alimentando
unha enxurrada de declaracións de intencións sobre eventuais, posíbeis ou
desexábeis fusións de concellos.
Con declaracións públicas sen conto de alcaldes máis ou menos ocurrentes ou
máis ou menos temerarios (como, por exemplo, Conde Roa, Crespo e algúns outros) que lanzan OPAs de fusión desde os medios de
comunicación sen tan sequera ter o detalle ou mínima cortesía de térllelo
suxerido aos concellos pretendidos nin tampouco aos seus propios colegas de
corporación. Claro está que non se pode chegar moi lonxe por esa vía e con eses modos.
Certo que algunhas
iniciativas voluntaristas de fusións poderían ou poderán acabar fructificando
mediante acordos un-a-un, pero iso por si só acabará deixando un balance moi
pobre, cando non aberrante.
A ninguén se lle
escapa –ou non debera- que un dos motivos non declarados de algúns alcaldes do
PP para impulsar fusións-absorcións é consolidar maiorías precarias nalgúns
concellos con posicións relativas mellores nalgún concello viciño (v.g., Santiago-Boqueixón;
Oza-Cesuras) ou, o que é o mesmo, evitar riscos de perder algún concello que
leva tempo na corda frouxa mediante unha oportuna fusión con outro “seguro”
(Rodeiro-Lalín ou Silleda-Lalín). É obvio que cando descubrimos que detrás do
discurso altisonante da austeridade e o aforro só hai puro cálculo de intereses
partidarios de curtas miras, non cabe agardar grandes progresos.
Polo tanto, sabendo
que as fusións requiren, entre outras cousas, a aprobación dos dous terzos das
respectivas corporacións, ¿quen vai conseguir fusións voluntarias de concellos
de cores diferentes?, ¿van as
oposicións dos concellos facilitar fusións destinadas a reforzar as posicións dos
adversarios?.
Pero hai outra
razón pola que creo que o balbordo das fusións municipais é unha “serpe de
primavera”, con pouca ambición de mudar a realidade institucional e moita máis intención de meter ruído no “debate” popular. Como sabemos, nada desperta máis pasións, instintos e
creatividade tabernaria que as liortas tribais e localistas. Coma no futbol,
todo o mundo ten un criterio e unha opinión. Non hai tema máis atractivo e entretenido para os xornais e
as tertulias. Todo o mundo ten un gran principio e todo mundo pode acabar cun gran
insulto. En definitiva, é un tema ideal para entreter á cidadanía en tempos nos que non convén
que a xente teña moito tempo para falar ou escoitar cousas sobre a reforma
laboral, a financeira, a suba de impostos, a suba do recibo da luz, o rescate
das autopistas madrileñas, as axudas inxentes á gran banca que “papa” o que queda
das caixas de aforros, os parados do naval, o peche de explotacións agrarias, o
re-pago sanitario, o recorte dos servizos hospitalarios, na educación, na
investigación, etc.
Que mellor tema que
as disputas localistas para levantar os instintos “patrióticos” -da patria
chica- ao tempo que nos esquecemos da laminación das competencias autonómicas e
das grandes “reformas” do neoliberalismo radicalizado.
Que mellor para un
goberno á deriva que entreter á cidadanía discutindo dos marcos dos concellos
ou do moito que se aforra coas dietas dos concelleiros ou da inviabilidade dos
concellos con reducido número de habitantes en vez de discutir das causas do
despoboamento rural e, sobre todo, de poñer enriba da mesa medidas reais e
efectivas que eviten a destrucción da agricultura, da industria e comercio rural e o esborroamento completo do mundo rural. Porque alguén terá que dicir que esa é a verdadeira urxencia e a
verdadeira causa de que á fin encontremos unha manchea de concellos case
despoboados a pesares de teren unha superficie que os converte nos concellos máis
extensos do Estado español.
Ou imos trasladar aqui de xeito provinciano o debate español tal cual?. Porque no estado español hai 1037 concellos de menos de 100 habitantes, pero aqui non hai ningún. Tamén alá hai 4861 concellos (máis da metade) de menos de 1.000 habitantes pero resulta que en Galiza só hai 22 (17 en Ourense, 4 en Lugo e Mondariz-Balneario). Asi que antes de transpoñer miméticamente o problema e o debate españois reparemos con algo máis de tino para a nosa realidade-real.
Ou imos trasladar aqui de xeito provinciano o debate español tal cual?. Porque no estado español hai 1037 concellos de menos de 100 habitantes, pero aqui non hai ningún. Tamén alá hai 4861 concellos (máis da metade) de menos de 1.000 habitantes pero resulta que en Galiza só hai 22 (17 en Ourense, 4 en Lugo e Mondariz-Balneario). Asi que antes de transpoñer miméticamente o problema e o debate españois reparemos con algo máis de tino para a nosa realidade-real.
Dito iso, é certo que temos que
pensar no que está mal e no que é mellorábel. Pero iso só pode vir despois de analisar
a realidade con detenemento, cunha ampla visión de conxunto, para logo discutir
criterios para facer cambios que introduzan racionalidade, pensando sobre todo
en como prestar os mellores servizos a toda a poboación do país da forma máis
eficiente posíbel e contribuír ao re-equilibrio e cohesión territorial do
país.
Pola miña parte
creo que até que non vexamos sobre a mesa un acordo de goberno, un plan mestre
para discutir en serio no Parlamento, temos que pensar que estamos diante dunha
campaña con fogos de artificio máis que dunha estratexia real de mudar o mapa
municipal e local, introducindo unha certa racionalidade.
Por hoxe, deixemos
isto aqui, simplemente para evidenciar o mal pé co que Núñez Feijóo abre un
debate desordenado, caótico e sin propostas. Augurando un pésimo e frustrante
resultado.
Nunha próxima entrada volverei sobre ese asunto discutindo criterios e
propostas, porque moitos creemos que a planta municipal é realmente mellorábel
e que a súa mudanza debe ir acompañada dunha reforma de conxunto das
administracións locais, con clara diferencia da problemática das áreas urbanas
e das rurais, con supresión efectiva das Deputacións e creación de comarcas que
mancomunen grande parte dos servizos. Porque onde está o verdadeiro asunto é no
tipo e calidade dos servizos prestados a cidadanía e non en se temos unhas
dúcias máis ou menos de concelleiros.
Moi bom artigo artigo Xavier.
ResponderEliminar