A reforma laboral é
unha agresión brutal aos salarios e os dereitos laborais sen contrapartidas,
porque todo o mundo entende que non contribúe á saída da crise senón máis ben a
todo o contrario. Até o último cidadán entende que é un ticket cara unha longa depresión; ticket de regreso ao pasado en dereitos e nivel de vida. Iso converteu esta reforma nunha espoleta para o espertar. A
desproporcionada agresión e os incríbeis efectos proclamados acaban
cristalizando nun sentimento de desconfianza e indignación contra o goberno do
PP. Algunha xente acreditara que o PP ao mellor traía algún tipo de solucións a
unha crise que envolvera a un PSOE sen ideas e iniciativa. Porén, as agresivas
e desequilibradas medidas adoptadas polo novo goberno fixeron evaporar calquera
esperanza mesmo para os máis crédulos.
Máis aínda, unha
ampla e crecente proporción de cidadáns de toda clase e condición empezan a
recoñecer e asumir que non hai ningunha esperanza coas políticas en curso a
nivel europeo, español e galego.
Ninguén pode
entrever como, sen romper algúns corsés neoliberais, se poden desenvolver
actividades produtivas que creen un volume de emprego capaz de absorber tan
sequera a metade do volume de paro hoxe existente. Non hai instrumentos en
marcha para tirar da actividade produtiva, para sentar as bases dun modelo
produtivo innovador que requiriría investimentos masivos que as finanzas
privadas non lles pasa nin pola cabeza emprender ou facilitar. Non hai valentía
para formular medidas que cando menos preserven a capacidade produtiva herdada e
poñan cabo ao proceso de deslocalizacións e colonización dos nosos mercados
polas importacións. Como meros esmolantes obedientes nunha Europa caníbal, cun
banco central empeñado en sacrificar todo para salvar unha banca especulativa,
temos pouco que agardar para preservar a nosa economía produtiva e os servizos
do estado de benestar.
Despois de todas as
promesas da benéfica globalización neoliberal, isto é que o que pode ofrecer o
neoliberalismo europeo –o do PP e os demais- ao noso país: exclusión social
masiva para un cuarto da poboación, sacrificios e baixada xeneralizada de
salarios para todos, xunto con perda de dereitos, precariedade e desigualdades
escandalosas.
Esa é a promesa dun
sistema socioeconómico en bancarrota, destartalado por unha desregulación
destemida en aras dunha libérrima liberdade de circulación dos capitais virtuais,
que foxen do investimento produtivo coma do lume e que evaden masivamente o
fisco ao tempo que espolian o orzamento público vía axudas e avais masivos,
concesións rendistas e elevados xuros de débeda pública.
O paso seguinte
para esa poboación desenganada é entender que non hai solución á crise no
neoliberalismo, no neoliberalismo europeo e no neoliberalismo global. Compre
continuar a batalla para mudar o chip; compre mudar totalmente a orientación
das políticas do neoliberalismo radicalizado. E iso teñen que entendelo tamén
as forzas de centro esquerda e socialdemócratas. Non hai marxe para a
contemporización co neoliberalismo radicalizado; estes desprazaron tan ao
estremo as súas apostas que non hai entendemento posíbel, non existe espazo
para a socialdemocracia nese marco, nin tan sequera para a terceira vía. Non
hai pacto posíbel. A única opción é romper claramente as súas liñas vermellas.
Nese escenario da
mágoa ver a unha parte do PSOE español e galego competir en criatividade para
formular ideas que encaixen no leito de Procusto neoliberal do “Pacto do euro” e o "Pacto fiscal".
Entregar todo o mercado financeiro á gran banca especulativa e fomentar
contratos-bolsa para ensanchar a precariedade non conduce a ningún sitio. Da mágoa
igualmente ese nacionalismo cool que inxenuamente
cree que vai chegar máis lonxe e antes comprando unha moderación que poida
homologarse nos parámetros do modelo neoliberal, sen decatarse de que o
neoliberalismo correu os marcos tan á dereita e de xeito tan belixerante que
nin a socialdemocracia nin a terceira vía son hoxe opcións satisfactorias aos ollos dos que dan credenciais de aceptabilidade.
Á vista da corrida
irresponsábel do establishment cara apostas radicais, economicamente inviábeis e socialmente
devastadoras, compre confrontar abertamente o paquete de “reformas” neoliberais
e o discurso lexitimador que as acompaña. Para iso compre batallar na construción
e socialización dunhas propostas críbeis realmente alternativas. Compre colocar
no centro da estratexia un programa sistemático para romper o monolitismo hexemónico
das ideas neoliberais. Compre batallar por chegar á cabeza da xente con ideas,
ideas viábeis formuladas coas verbas vivas de hoxendía.
Para iso compre
empezar polo máis básico e esencial: non hai democracia sen soberanía. A
democracia non é elixir presidentes ou deputados. A democracia é que a
sociedade teña poder e soberanía para as grandes decisións, para as grandes
opcións. O pobo pode equivocarse á hora de tomar esas opcións e pode verse
obrigado a rectificar os seus erros pero o que constitúe a negación da
democracia é que algún poder alleo impoña regras e corsés de obrigado
cumprimento, como acontece desde que as grandes decisións se adoptan en opacas institucións financeiras internacionais e que
teñen a súa expresión máis elocuente e simbólica na reforma constitucional
express aprobada o agosto pasado. Pero a democracia alcanza o seu grao máximo
de degradación cando as decisións diarias dunha pequena minoría que opera nos
mercados financeiros, colocada ao marxe de calquera xurisdición, marca a axenda
e as decisións de todos os gobernos soberanos. Claro está, son gobernos que de
facto renunciaron á súa soberanía en aras da soberanía das finanzas liquidas e
especulativas. En definitiva, a democracia desaparece cando o poder privado
reina sobre o poder público, sobre todo porque ese poder privado é, por
definición, duns poucos, dunha exigua minoría, unha oligarquía. Unha oligarquía
económica que cada vez con maior descaro coopta e hibrida coa oligarquía política
a través das famosas “portas xiratorias” entre os gobernos e as finanzas e
grandes corporacións.
Nun mundo
desregulado global o poder de verdade é o das grandes oligarquías e lobbies das
grandes potencias. Romper ou domesticar esa desregulación global é un paso
imprescindíbel para restaurar as bases mínimas da democracia, a soberanía. Indo
un paso máis alá, a democracia require a soberanía dos países con realidades
económicas e sociais relativamente homoxéneas. E iso é así porque as institucións
deben adaptarse á realidade económica e social como unha luva se adapta á súa
man. A eficacia das institucións deriva da congruencia entre o seu deseño e
decisións e as características do sistema produtivo e social no cal se aplican.
Dificilmente as súas normas e decisións poden acoplarse ben a unha realidade
cando esta é moi heteroxénea ou mesmo internamente contraditoria en moitos
aspectos. Por poñer un exemplo, unha política agraria deseñada para unha
agricultura de latifundio ou de secano dificilmente pode producir efectos
positivos nunha agricultura de minifundio e húmida e viceversa. Un país con
eses dous tipos de agriculturas dificilmente vai ser quen de deseñar unha política
acaída ás dúas. O mesmo podemos dicir dunha política monetaria idéntica para países con niveis de vida moi dispares, niveis de competitividade e de prezos tamén dispares.
Enfín, a importancia
desa batalla de ideas é evidente e esta folga ofrécenos algún elemento de
reflexión para comprendelo. Non hai máis que reparar na incidencia relativa da
folga nas diferentes nacións do estado español, destacando de xeito especial
Euskadi e Galiza, o que pon en evidencia o importante papel xogado polo
sindicalismo nacionalista nos dous países. Un sindicalismo arraizado na realidade
do país pero sobre todo cun claro enfoque político-ideolóxico e de clase na
loita sindical, alonxada dun sindicalismo de pacto e gabinete. A CIG leva tempo
alertando aos traballadores das devastadoras consecuencias da deriva neoliberal
e da regresiva batería de “reformas” que plasman a radicalización neoliberal.
Como no plano político ven facendo o BNG. Ese labor –e activismo militante de
ambas forzas- é esencial para entender o altísimo nivel de resposta dos
traballadores e cidadáns galegos nesta folga xeral. Iso é algo que, polo que se
leva escoitado nos últimos meses, non acaba de entender esa parte fuxidía do nacionalismo
que parece ver no sindicalismo da CIG un problema en vez dunha panca para o
avance da conciencia política e social no noso país. Unha proba de que o
discurso antisindical da dereita neoliberal fai mella máis lonxe do que se
puidera pensar pero proba tamén de que son tempos para formular discursos
asentados en diagnósticos claros e valentes. Claro está, procurando sempre que
cheguen con convicción e razonabilidade á cabeza e ao corazón.
En todo caso, a
nova socialización da incredulidade e a indignación que representa o 29-M pode
marcar un auténtico punto de inflexión na percepción social da crise e na súa
resposta política. O verdadeiro reto da esquerda e do nacionalismo é conformar
un amplo polo que permita sumar e acumular forzas, imprescindíbeis para crear a
autoconfianza necesaria para romper o cerco mental neoliberal. No caso de Galiza esa inflexión ben pronto poderá plasmarse tamén eleitoralmente. Unha condición non menor para que iso cualle e reforze os azos colectivos é ter a suficiente intelixencia para sumar sen dividir.
Tal e como destaca o artigo, non hai salvación polo camiño do neoliberalismo. Como apartar ao PSOE ou a algúns sindicatos deste camiño?
ResponderEliminarQuizá unha solución eficaz a curto prazo sexa formular obxectivos concretos impulsados por plataformas transversais que defendan medidas aplicables cando o PP sexa desaloxado do poder (e isto probablemente suceda máis axiña do que imaxinamos). Exemplos: plataforma pola contrarreforma constitucional, pola seguridade nos contratos laborais ou polo aumento real do imposto de sociedades e grandes fortunas a un 30%. Ao mellor así saíamos da política de reacción e tiñamos unha vía de recuperar a iniciativa.
A importante resposta galega á convocatoria do 29-M, a decisión de CIG de lanzar inicialmente en solitario esa convocatoria, o apoio decidido do BNG á mesma, o paso dado e o camiñar coordinado acordado polas principais organización sindicais e políticas do nacionalismo galego, fan se cabe mais exasperante ollar como, neste contexto de agresión aberta do neoliberalismo aos dereitos sociais e á soberanía das nacións, algúns dende unha suposta posición de nacionalistas e de esquerda, puxeron en risco real a continuidade da única organización política do nacionalismo galego, cuxa introdución social lle confire capacidade real para articular respostas alternativas, susceptibeis de provocar cambios de fondo.
ResponderEliminarCon certeza que o camiño é o acertado, mais penso que non abonda con gañar a batalla das ideas, estender os argumentos desta resposta e acrecentar a organización política e sindical, o reto está ademais en que, actuando con coherencia, aproveitando as estruturas organizadas engraxadas na loita política e na loita social, sexamos capaces de impulsar e tecer redes transversais, dispostas a por en marcha proxectos e iniciativas que nunha dupla vía propicien:
A adopción por cada vez mais amplas capas da poboación, de actitudes individuais conscientes e consecuentes fronte aos hábitos de consumo que impuxo e cos que se pretende perpetuar o sistema capitalista.
A posta en marcha de proxectos alternativos de economía produtiva e social, que evidencien a existencia de vías alternativas para o desenvolvemento endóxeno baseado no aproveitamento das nosas propias capacidades, xerando riqueza e traballo no ámbito local.
Non limitarse a dar a batalla das ideas e a enunciar acertados postulados teóricos, tamén pasar a facer realidade estoutro tipo de iniciativas, que por pequenas que parezan, reforzarán o ánimo das persoas dispostas a pelexar por propostas alternativas, ao evidenciar na práctica a capacidade popular para por en cuestión o sistema actualmente imperante e abrir novas vías para o desenvolvemento.
O reto non é pequeno mais nunca se rematou o camiño que non foi encetado.
Concordo con vós os dous. Compre organizar á xente e reforzar as organizacións con capacidade operativa, como son hoxe o BNG ou a CIG, e compre artellar redes de traballo conxunto con apertura de miras e xenerosidade. Non axudan nada as posturas que buscan a reafirmación das diferenzas dentro do aínda modesto universo que está disposto a erguerse e batallar. Non axuda nada esa actitude que cree que se non avanzamos máis é só por culpa das torpezas dos que temos ao lado.
ResponderEliminarNestes momentos de grande rebulir e tamén de grande frustración por non sermos quen de avanzar con máis forza e velocidade, moitos creen que cada un deles ten a "auténtica" e verdadeira solución. Tanto que cada un cree que debe montar o seu propio “partido”, que vai ser quen de chegar a onde entre todos xuntos non se chega.
Eu son dos que creo que neste momento, máis que en calquera outro anterior, compre sermos quen de sumar. Sumar a todos os que se queiran sumar.
E tamén estou dacordo con Chivite en que compre asumir individual e colectivamente un papel activo da construción de alternativas produtivas, de intervención económico-social, de dinamización e apoio mutuo, porque é certo que compre enxergar solucións para resolver problemas concretos e dar saída á xente. A máis perentoria de todas é poder traballar, facer algo e vivir. E niso compre entender que as solucións poden ser tamén micro, locais, etc. Os nosos concellos poden ser pancas na dinamización e apoio destas cousas, pero cada un de nós tamén. Iso sempre sen perder a perspectiva global e a necesidade de reforzar a batalla política global polo cambio de modelo económico-financeiro.
Politicamente tamén creo que o nacionalismo de esquerdas galego ten que ser impulsor, dinamizador e parte dunha resposta coordinada a nivel español e europeo. Como nacionalistas e sen perder o norte do noso obxectivo de soberanía pero axudando a mudar o marco de tal xeito que o noso proxecto poida avanzar e ser verificado. Só así podemos ir creando condicións para mudar o marco global que nos constrinxe e limita de xeito cada vez máis insoportábel. Niso vanse dando pasos, en particular no plano sindical, pero compre, sen dúbida, entender que ese ten que ser tamén unha fronte da nosa loita como nacionalistas e como xente de esquerdas. Iso tamén forma parte da loita por recuperar a soberanía e a democracia.
Certo que o reto é enorme e mesmo da vertixe, pero ou traballamos duro nesa dirección unindo moitas vontades ou seremos vítimas da ditadura das finanzas e da dereita neoliberal máis extrema por un bo número de anos. En europa e aquí. Así que, a remar!.