quinta-feira, 25 de julho de 2013

Dia da Patria con futuro

Este día da Patria é quizais dos máis excepcionais e dramáticos dos últimos 30 anos. Despois daquela fanada transición e despois do ano do infausto 23-F posiblemente non vivira a nosa nazón unha situación tan grave. Está o país sumido nunha dupla crise ou máis ben nun duplo espolio. Por un lado, unha crise e unhas políticas económicas de radicalización neoliberal que están a destruír a nosa economía produtiva, o emprego e as conquistas sociais que custara décadas conquistar e construír. Como resultado, o paro, a marxinación, a pobreza, a miseria e, sobre todo, a falta de futuro convertéronse na paisaxe dominante no noso país neste 2013. Por outro lado e estreitamente vencellado a iso estamos a vivir un vasto e sistemático proceso de recentralización do estado, no político e no económico, que supón o ataque máis amplo e radical ás institucións de autogoberno desde que foran creadas. Toda a lexislación dos últimos tempos, pomposa e cinicamente chamada “programa de reformas”, está a consagrar unha regresión en termos sociais e de dereitos da cidadanía ao tempo que incorpora unha arquitectura abertamente centralizadora. Primeiro foron as leis relativas ao sistema financeiro, a lei de unidade de mercado, o decreto de horarios comerciais, a lei de costas, a liberalización dos servizos ferroviarios ou as que están neste momento en fase avanzada como a lei de reforma local, a lei de planta xudicial, a lei de cadea alimentaria, o desenvolvemento centralizador da PAC e o FEADER, a lei Wert declaradamente confesional e españolizadora, etc, etc. Esta dupla dimensión dos plans postos en marcha polo Goberno central aproveitando o contexto de crise está a poñer ao país contra as cordas. A situación social está a tomar un cariz realmente dramático e insoportábel. A vida de moitas familias está situada en parámetros de extrema necesidade. Os desafiuzamentos, os embargos, os bancos de alimentos, a infraalimentación son fenómenos que atinxen cada vez máis galegos e galegas. Chegando a afectar a estratos sociais insospeitados. Pero cando vemos a fervenza continua de explotacións abandonadas por perdas, comercios pechados, profesionais sen clientes, pequenas e medianas empresas que pechan a cotío e mesmo grandes empresas que tamén pechan ou aplican ERE masivos e despiden traballadores a centos, entón dámonos conta de que non é só unha grande crise social presente senón que estamos nun proceso de destrución das bases do futuro do país. O colapso naval, téxtil, materiais, pesqueiro súmase ao dos sectores da construción. As nefastas decisións de imposición de límites a certas actividades claves no noso país (Naval, pesca, agricultura, etc) súmase ao desmantelamento do noso sistema financeiro, o que nos priva dunha panca esencial para o desenvolvemento produtivo futuro. A lexislación comercial e a desregulación lévanse por diante gran parte do tecido terciario. En definitiva, as políticas impostas desde Bruxelas e Madrid, coa submisión entregada da Xunta de Galicia, están a destruír as bases do futuro do país. O desposuimento dos xa escasos e cativos instrumentos de autogoberno están a provocar unha continuada erosión das bases produtivas do país e tamén a cercenar calquera capacidade de iniciativa pública encamiñada a endereitar a situación. Para completar o cadro dunha realidade tintada en gris oscuro vemos como o magma da corrupción anega o panorama político, cubrindo de lama as principais institucións do estado e do noso país. Todo o que empezou a ventilarse cos casos Gurtel, Barcenas, Noos etc revela máis que unha profunda crise institucional e política. É unha auténtica crise de lexitimidade dun réxime. O financiamento ilegal e irregular do Partido Popular a nivel central e galego revela como este partido se converteu no instrumento da oligarquía económico-financeira-construtora da capital do estado para facerse coa dirección das grandes políticas do estado, para vampirizar o orzamento público de todos os niveis de goberno e para impoñer un proceso de radical recentralización do política e económica no seu propio beneficio. A necesaria loita contra a maré de fondo da corrupción sistémica é máis unha razón para erguer a bandeira da soberanía, da democracia e da ruptura definitiva co centralismo abafante. A corrupción estrutural do financiamento dos grandes partidos do réxime galvaniza o compromiso de fondo dos dous grandes partidos cos intereses dos grandes lobbys financeiro-económico capitalinos e o pacto implícito que da cobertura ao proceso de recentralización do estado. Por iso este 25 de xullo sabemos que a batalla pola soberanía vai inexcusabelmente unida á defensa da democracia, a defensa dos nosos intereses económicos estratéxicos e parar a embestida regresiva do programa ultraliberal e ultraconservador. Precisamente por iso o BNG decidiu convocar este ano a tod@s @s galeg@s a tradicional celebración do día da patria coa mensaxe máis clara e máis sintética, Galiza pola soberanía.
 Publicado en Sermos Galiza-A Fondo (especial Dia da Patria)

domingo, 21 de julho de 2013

Acabar coa corrupta plutocracia centralista

A peor corrupción é gobernar ao servizo dos corruptores, en contra do pobo e mesmo dos electores que os uparon ao goberno. Os papeis coñecidos de Bárcenas e dos demais xerentes do PP –central e galego- van poñendo ao descuberto a mesta trama do financiamento ilegal do Partido ao longo de máis de dúas décadas. Pouco a pouco imos descubrindo a cadea completa que revela non só o inmoral presebe dos “austeros” dirixentes do PP cobrando en negro sobre-soldos senón e sobre todo algunhas das vías ilegais polas que chegaban ao PP fondos procedentes de “donantes” escasamente altruístas. A xustiza e a Axencia Tributaria terán que dilucidar a composición da trama completa e depurar os delitos.
Agora ben, desde o BNG consideramos que independentemente dos delitos fiscais e penais que poida establecer a xustiza, cos seus ritmos lentos, con todas as garantías -e agardemos que con independencia- o certo é que o coñecido e recoñecido até agora debe conducir xa á urxente depuración de responsabilidades políticas. A escala e alcance das evidencias, tanto no financiamento do PP central como do galego, non admiten dilacións. A podremia pon en causa a lexitimidade de ambos gobernos, vicia de raíz os procesos electorais nos que eles participaron e, sobre todo, deslexitima a acción deses gobernos que día a día van adoptando decisións das que resultan beneficiarias as grandes empresas que participan tan “xenerosamente” no seu financiamento. O presidente Rajoy, ao tempo que se nega a comparecer diante da Cámara que o elixiu, escenificou hai poucos días na Moncloa a súa alianza obscena cos 17 plutócratas do país, case todos madrileños, entre os que están o seus principais financiadores e os verdadeiros amos que impoñen as políticas devastadoras do país e a recentralización radical do estado.
Na medida en que do que estamos a falar non é só da corrupción de Rajoy, Feijóo e outros dirixentes senón do financiamento ilegal do Partido Popular, non de xeito puntual senón estrutural e continuado, non sería lexítimo nin aceptábel un recambio desde dentro do propio partido. Menos aínda un autogolpe desde a caverna da dereita ultracentralista madrileña. É preciso convocar eleccións anticipadas en Galiza e no Estado para que a cidadanía teña a oportunidade de depurar a fondo a vida política e institucional, limpar a podremia convertida en sistema e recuperar o poder democrático.

Publicado en La Voz de Galicia 21.07.2013



domingo, 30 de junho de 2013

As soberanas leccións do Ecuador ao mundo

O Ecuador é un país de tamaño relativamente pequeno, con 15 millóns de habitantes, pero desde 2006 está dando ao mundo un bo número de auténticas leccións quer polo seu exitoso modelo económico, quer polas apostas políticas radicalmente democráticas, tanto no plano interno como no internacional.
No económico pasou de ser un país en permanente declive, envolto no turbillón neoliberal que levara por diante a agricultura e a industria ecuatorianas, a ser un país que experimenta un crecemento acelerado en todos os seus sectores produtivos. Unha economía que crece a un ritmo do 5% anual de media neste periodo; crea emprego até situar a taxa de paro no 4,2% (chegara a ser do 15%); aumentaron os salarios (p.e., un profesor universitario pasou de cobrar 800 dólares en mensuais en 2008 a 3000 dólares na actualidade); baixou a taxa de pobreza do 17% ao 11%. Como resultado diso o país escalou dez postos na clasificación mundial do Indice de Desenvolvemento Humano (IDH); aumentou enormemente o número de estudantes universitarios, grazas a que a nova Constitución estableceu a gratuidade total da educación, incluida a universitaria. Amén dun programa xeneroso de bolsas (tan só condicionado á superación do curso, caso contrario deben ser devoltas).  Está en marcha o plan para establecer un sistema público unificado de Seguridade Social (antes eran corporativos ou privados) e ampliouse a ritmo acelerado a rede de hospitais públicos, que cubren con carácter universal a todo o mundo (cotice ou non, sexa nacional ou estranxeiro). Ten en marcha o proxecto máis ambicioso a nivel mundial de integración laboral e social de persoas con discapacidade. As infraestruturas viarias experimentaron unha ampliación vertixinosa (novas redes de autoestradas, novos aeroportos, proxectos en marcha de camiños de ferro e metros urbanos...).
Hoxe Ecuador está nos antípodas daquel Ecuador neoliberal que destruiu a economía do país e botara cara a emigración a millóns de ecuatorianos. Hoxe boa parte deles xa retornaron ao seu país e mesmo se converteu en país de inmigración. A tal punto é asi que puxeron en marcha un programa específico (Prometeo) para captar investigadores e profesores doutores de todo o mundo, para reforzar a súa capacidade científica, mellorar as súas universidades e mesmo poñer en marcha parques científicos ou crear ex novo “cidades do coñecemento” (p.e. o proxecto Yachay xa en marcha na provincia de Imbabura para crear unha nova cidade centrada nas biotecnoloxías mariñas).
 Todo iso non foi resultado dunha miragreira alineación dos astros senón que foi o produto dunha profunda mudanza política que se produce a partir de 2006 coa rebelión cidadá (popular e das comunidades indíxenas) e a chegada ao poder do economista Rafael Correa, encabezando o proxecto da “Revolución Cidadá”. En 2007 foi elixida unha Asemblea Constituinte que elaborou a nova Constitución de 2008 e que senta as bases dun novo modelo político e institucional. Sobre esa base asenta a nova estratexia económica (“Socialismo del Buen Vivir”) que arrancou cunha ruptura radical co FMI, cos mercados da débeda e co modelo neoliberal. O eixo central da nova política económica é unha pragmática combinación do soberanismo e unha decidida intervención pública.
O primeiro que fixo Rafael Correa foi renegociar a débeda co FMI, romper coas súas receitas e imposicións e logo gañar habelenciosamente a batalla aos especuladores dos títulos de débeda pública, saneando as contas do país. A continuación puxo en marcha un plan de rescate das concesións a empresas multinacionais para a explotación de recursos naturais (en particular, o petroleo, parte dos recursos mineiros, acuícolas, forestais, servizos públicos básicos ...). Restruturou o sector financeiro impulsando diferentes bancos públicos e as entidades de crédito popular e cooperativo. Puxo en marcha un programa fiscal ambicioso aumentando os impostos de xeito intenso e progresivo cos que ía financiar un vasto programa de investimentos en infraestruturas públicas, en educación e investigación. Investiu fortemente en sanidade, ampliando e modernizando a rede de hospitais públicos e está poñendo en marcha unha completa seguridade social pública.

No plano político puxo en marcha unha reforma radicalmente democratizadora en diferentes dimensións: eliminou privilexios das diferentes élites sociais do país (a militar, a policial, a económica, a mediática...); ampliou os mecanismos de participación popular directa; aumentou a transparencia e o achegamento da xente ao poder; recoñeceu as comunidades indíxenas como nacións, coa súa língua e culturas, integrándoas nun novo estado que se define como plurinacional; puxo en marcha un proceso para romper o monopolio mediático dos poderes oligárquicos do país, que remata na promulgación o pasado 20 de xuño da nova Lei de Comunicación, que senta as bases para garantir a pluralidade efectiva de medios e a libertade de opinión para todos e non só para os poderosos propietarios dos medios. Establecendo o modelo de tres tercios: un tercio de medios privados, un tercio de medios públicos e un tercio de medios comunitarios. Ademais introduce mecanismos para empoderar aos periodistas profesionais fronte aos propietarios dos medios e os mercenarios da información.
E, por se isto fose pouco, desprega unha valente, soberana e libre política internacional que o leva a comprometerse con aqueles que batallan pola transparencia e denuncian os abusos dos grandes e escuros poderes planetarios. Un pequeno David que se atreve a desafiar ao xigante americano expulsando a dous espias da CIA e a embaixadora americana, dando asilo político na súa embaixada en Londres a Julian Assange, reclamado por EEUU por dar a coñecer en WikiLeaks as tropelías e conspiracións da diplomacia americana e das grandes empresas dese e doutros países. Agora está a calibrar se procede dar acubillo político a Snowden, tamén perseguido polos EEUU por ter denunciado a masiva espionaxe cibernética da NSA e o MI5 británico violando a privacidade de millóns de cidadáns americanos e de todo o mundo, coa vergoñenta connivencia de Google, Facebook e outros xigantes da comunicación.
Como mostra da súa vontade soberanista acaba de renunciar unilateralmente ao tratado preferencial Atpdea que garante arancel cero para 6.300 produtos ecuatorianos, xustamente porque os EEUU estaban estes días ameazando con ese asunto para impedir que dese asilo político a Snowden. Correa acaba de anunciar o 28 de xuño que, “decidan o que decidan no caso Snowden”, non están dispostos a aceitar chantaxes e por iso deciden romper o acordo arancelario unilateralmente.  
Correa ten a gala aplicar unha política radicalmente soberanista que non fuxe do pragmatismo da integración latinoamericana; unha política de esquerda pragmática que recela da vácua retórica ultraesquerdista; unha política democrática que non ten medo a poñer firmes aos poderosos do país utilizando todos os resortes do poder institucional; unha política a prol dos pobres e a xustiza social que non renuncia a unha transacción pragmática co mundo empresarial para mudar a matriz produtiva; unha política que sitúa a loita pola pluralidade informativa no centro da batalla pola democracia e a igualdade social. Eses son os eixes da súa estratexia política e os piares da súa incuestionábel vitoria democrática nas últimas eleccións de febreiro cun 76% dos escanos na Asemblea Nacional.
Eses son os vímbios que converten a un país pequeno como Ecuador nun país soberano, dinámico e democrático no complexo mundo actual. Un país que aposta decididamente por un novo marco de relacións internacionais en pé de igualdade, empezando pola integración latinamericana para gañar autonomía fronte ao dólar e aos EEUU. Ese empoderamento soberano é a base do seu éxito económico, da súa capacidade para saír en tempo record do pozo neoliberal e tamén da inusitada extensión e profundización da súa democracia.

Ese é o tipo de experiencias nas que, mutatis mutandi, o BNG quer referenciar a súa aposta para o noso país.
 Publicado o 30.06.2013

quarta-feira, 5 de junho de 2013

Dereito de autodeterminación dos pobos (proposición de lei)


Intervención no acto de presentación en Compostela da Proposición Non de Lei para permitir o dereito de autodeterminación dos pobos

(Presentada inicialmente como PL en febreiro de 2013 por BNG, Amaiur e ERC)
Comparecencia con Alfred Bosch (ERC), Jon Inárritu (Amaiur) e Rosana Pérez (BNG)

Amig@s, compañeir@s,

Tócame a min pechar este acto que por súa vez pecha un ciclo de presentacións públicas da Proposición Non de Lei tramitada no Congreso dos Deputados por parte das tres grupos políticos aqui presentes: Amaiur, ERC e BNG.
Despois da presentación institucional e da súa presentación diante do pobo de Euskal Herria, o pobo catalán, toca agora presentala en sociedade diante do pobo galego.
Estades aqui unha magnífica representación do pobo galego (deputad@s, alcaldes, concelleir@s e cidadáns) e a través dos medios queremos facer chegar á cidadanía enteira deste país a mensaxe de esperanza democrática que representa esta proposición non de Lei.
Moitas grazas pola vosa presenza neste acto de grande importancia política e simbólica para o nacionalismo galego.

Presentamos esta iniciativa para que o estado español incorpore ao seu ordenamento xurídico constitucional un dereito democrático básico: o dereito de autodeterminación.
Á altura de 2013 este é un dereito que o estado español se nega a recoñecer. Máis aínda, con tal radicalidade se negan a recoñecelo que as forzas políticas maioritarias na cámara do estado néganse mesmo á súa discusión polo procedemento ordinario.
Teñamos ben presente este dato para facernos unha real composición de lugar de cal é o estado da democracia no estado español e a cerril cerrazón das forzas políticas españoles para abrir un debate civilizado e democrático ao redor desta cuestión.
Constatación que non permite albergar escesivas esperanzas dun avance cara ao exercicio do dereito de autodeterminación dos nosos pobos por vía consensual ou pactada.
Non renunciamos á persuasión, non renunciamos á pedagoxía democrática, pero xa sabemos que as forzas políticas estatais non recoñecerán o noso dereito á autodeterminación até o momento en que a forza dos feitos da maioría democrática faga irreversíbel tal proceso de xeito unilateral.

A presentación desta proposición non de lei é máis un esforzo desa pedagoxía necesaria.

Esta proposición nace da constatación que os tres grupos facemos, máis unha vez, do esgotamento da vía autonomista cara ao pleno autogoberno, cara o pleno recoñecemento das nosas nacións.

Os feitos evidentes e os comportamentos teimudos das institucións do estado poñen de manifesto día si día tamén o déficit democrático da Constitución Española de 1978.

Cada día sufrimos con máis crueza a cruzada dese movemento neocentralista que busca non só frear a vontade soberanista e democrática dos pobos senón que teima en reverter e desnaturalizar o propio proceso autonómico.

Todo iso implica un choque frontal entre unhas aspiracións soberanistas e democráticas en alza e unha indisimulada vontade cerrada e hexemonista do neocentralismo madrileño.

O desenlace desa tensión non pode ser outro que a ruptura democrática das nacións sen estado, ruptura que, moi ao noso pesar, parece que terá que ser unha ruptura unilateral ante a negación a unha saída pactada e democraticamente administrada.
Esta proposición non de lei trata de ser unha contribución e unha oportunidade para establecer unha canle para unha solución mutuamente aceptada.

Cada día que pasa as razóns para o aumento das aspiracións soberanistas non paran de medrar:
-os pobos vemos a necesidade imperiosa de participarmos directamente e sen intermediarios innecesarios nun mundo cada vez máis aberto
-vemos a necesidade de controlar directamente aqueles fluxos económicos dos que depende máis directamente o noso desenvolvemento e os nosos equilibrios externos: quer nas finanzas quer no comercio.
-experimentamos con angustia as consecuencias devastadoras para as nosas sociedades da ausencia de soberanía no marco dunha crise da globalización neoliberal e da crise dunha UE tamén radicalmente neoliberal, que fan que as nosas sociedades sufran inermes os embates dos todopoderosos e libérrimos mercados financeiros.
-vivimos con temor e indefensión unha centralización tecnocrática cara Bruxelas e unha centralización política cara Madrid.
-nós, os galegos, non podemos aceptar unha devaluación aínda maior do noso Parlamento Galego –como anda a argallar o PP- que xa hoxe lle negan competencias sobre o sistema financeiro, sobre as preferentes, sobre os aeroportos, sobre a organización municipal, sobre Ence, sobre os eólicos, sobre a pesca, a agricultura, o naval, etc, etc.
NON QUEREMOS MENOS PARLAMENTO, QUEREMOS MÁIS PARLAMENTO, MÁIS DEMOCRACIA, MÁIS SOBERANÍA.

Por todo o dito estamos inmersos nunha profunda crise institucional: non é tanto unha crise da monarquía borbónica como queren facernos creer a extrema dereita ou a esquerda estatais senón que se trata da crise dun modelo de estado inservíbel, un modelo territorial ineficiente e non democrático
Hoxe o estado central non aporta nada ás nacións, aos pobos que teñen vontade e capacidade para moverse sós e libres no concerto das nacións europeas e do mundo.
Pola contra, ese estado central é hoxe unha rémora e mesmo unha ameaza:
-eleva os costes con cinco niveis administrativos
-eleva os costes de transacción con eses cinco niveis
-reduce a eficiencia no gasto e nos servizos públicos
-aumenta a conflictividade institucional innecesariamente
-impide o normal despregue da persoalidade singular de cada pobo

Non fai falta recorrer ás grandes filosofías políticas. A realidade empírica de Europa mostra con clareza que aos estados pequenos e medianos váilles moito mellor que aos grandes en termos de resultados económicos, crecemento e cohesión.

Non por casualidade asistimos nas últimas décadas a un florecer de novos estados. Os nosos pobos, o pobo vasco, o catalán e o galego teñen os mesmos dereitos que os 16 pobos que nas dúas últimas décadas se converteron en novos estados en Europa. Nós queremos formar parte activa desa reconfiguración do mapa político de Europa ao mesmo tempo que o fan outros pobos irmáns como o escocés, o flamengo, o valón ou o irlandés.

Fronte aos que neste momento crucial teñen a tentación de arriar a bandeira propia e engancharse á ensoñación tricolor nós proclamamos a firme vontade avanzar. Coas nosas propias forzas, unindo a todo o nacionalismo que exerce a dignidade, en alianza e solidariedade coas forzas soberanistas cataláns e vascas.
Nós, o BNG, non nacimos para resistir, nacimos para gañar.
Non nacimos para enredarnos en imposibeis quimeras, nin para gañar o vindeiro telexornal, nacimos para construír sobre bases sólidas.
Non nacimos para gastar as nosas últimas enerxías en buscar o aplauso d@s españois, nacimos para erguer a autoestima d@s galeg@s, exercer o dereito democrático a decidir libremente o noso futuro colectivo como pobo.
Non se trata só do que somos senón do que queremos ser: un pobo libre no mundo, sen intermediarios.

Gora Eukal Herria Askatuta
Visca Catalunya Lliure
Viva Galiza Ceibe

En Compostela, 5 de maio de 2013.
Xavier Vence
Portavoz Nacional do BNG




sexta-feira, 31 de maio de 2013

O pobo galego contra a banca, a Troika e o PP



Seis anos despois do estourido da crise xa non poden seguir falando de cataclismos senón que cómpre falar dunhas políticas concibidas para salvar á grande banca especulativa a costa de arrasar coa economía produtiva, cos servizos públicos, cos nosos aforros e cos nosos dereitos.
A estafa e o roubo das preferentes e subordinadas é a punta do iceberg do principal problema que padece hoxe este país: o espolio dos nosos aforros, dos nosos salarios e dos nosos impostos para rescatar a banca especulativa española e europea.
As preferentes e subordinadas foron un instrumento autorizado polo Banco de España e a CNMV para que os directivos das caixas e bancos puideran capitalizar unhas entidades cun enorme burato financeiro derivado da súa irresponsábel aposta pola especulación, sobreendebedadas nos mercados globais, insolventes e en quebra. Os aforradores foron presas fáciles para unha banca voraz na selva sin principios que é o neoliberalismo.
Xunto coas preferentes os gobernos europeos, español e galego puxeron en marcha outras vías de espolio ao conxunto da sociedade que está en marcha e que seguirá ao longo dunha década se a poboación non reacciona:
a)     impostos aos contribuíntes para pagar o rescate bancario e uns xuros de débeda elevadísimos
b)    en recorte do gasto social e dos servizos públicos esenciais para destinar a maior parte do gasto público á banca e á débeda
c)     unha irresponsábel política monetaria do Banco Central Europeo (e demais bancos centrais) pensada para rescatar a banca
d)    unha reforma laboral destinada a reducir costes na banca e nos despedimentos do seu persoal; xunto cunha política salarial destinada a xerar altos beneficios nos sectores oligopólicos que redundan tamén en beneficio do sector financeiro
e)     un recorte da remuneración dos depósitos dos aforradores para aumentar as marxes do negocio bancario, xunto cun sinnúmero de comisións ladroizas por todo.
f)     unha liberdade absoluta para que os bancos destinen os recursos que captan aos negocios especulativos globais a costa de estrangular o crédito á economía produtiva.

En resumo, atacan o noso nivel de vida en todas as frontes: reducen os nosos salarios, rouban os  nosos aforros, aumentan os impostos para rescatar a banca,  aumentan os prezos de todo o que consumimos, desmantelan os servizos públicos. Moitas frontes de ataque pero un único obxectivo: rescatar a banca e aumentar os beneficios dos grandes banqueiros e dos investidores de fondos especulativos.

O espolio dos aforradores galegos e do país
Todo o que os galegos perdemos como aforradores, asalariados e consumidores vai a beneficio da gran banca, que é sobre todo a gran banca madrileña e europea, en particular a alemá. Están expropiando aos galegos e espoliando o país.
64.000 familias están a piques de perder uns 600-700 millóns de euros coas quitas de preferentes e subordinadas, que van beneficiar finalmente a gran banca madrileña. Galiza perde nese lance un volume de aforro que equivale ao 1% do noso PIB total. Para salvar a elite enriquecida e poderosa empobrecen as familias e espolian o país enteiro.

O saqueo vía impostos, para engordar a banca especulativa
Unha grande parte da suba de impostos (IVE, IRPF, taxas, etc ) van destinados a pagar ao longo dos vindeiros anos a escandalosa factura do rescate da banca española (cando menos uns 180.000 millóns de euros do que hoxe é a débeda pública -un 18% do PIB español-, que en 2012 fixo pasar o déficit público dun 7% a un 10,5% do PIB).

Desmantelan o noso sistema financeiro e arruínan a economía produtiva
Os galegos imos pagar todo iso e ao final imos quedar sen aforros e sen sistema financeiro que alimente o crédito e o investimento no país. Roubannos hoxe parte do noso aforro e logo o noso aforro seguirá emigrando a través do circuíto bancario da gran banca española que controlará as nosas entidades.
Por non ter hoxe unhas entidades propias que canalicen o aforro para o crédito dentro de Galiza, padecemos un curtocircuito financeiro que asfixia as nosas empresas da economía produtiva, desde as agrarias ao comercio. Boa parte do tecido empresarial está caendo vítima da caída do consumo (por caída dos ingresos das familias) e por falta de crédito.

O PP e a dereita europea son os mercenarios da gran banca:
O Partido Popular –e toda a dereita europea- é responsábel e cómplice dunha estratexia económica deseñada desde 2009 para centrar todos os esforzos da sociedade no rescate dun sistema financeiro especulativo e insostíbel, tanto a nivel europeo como español. É cómplice e responsábel do Pacto polo Euro, do Tratado Orzamentario e do propio Memorandum de Entendemento. Todo deseñado para facer descargar os custes da crise económica e financeira sobre os aforradores, os contribuíntes, os traballadores, os funcionarios, os servizos públicos, os pensionistas e a economía produtiva en xeral.
En particular, cómpre destacar a responsabilidade do Goberno do PP na fixación da quita aos afectados, o que revela a súa vontade cómplice coa banca e a súa vontade de danar aos afectados: desde o 10-20% de quitas estabelecidas no MOU (e no Plan de reestruturación para NCG asinado coa Troika) pasouse ao 43% de quita ás preferentes de NCG.
Nuñez Feijóo e a Xunta de Galiza son cómplices de todo o proceso de desmantelamento das nosas caixas desde o principio, de onde xurde o núcleo do problema. Son cómplices da agresiva campaña de comercialización fraudulenta de preferentes e subordinadas no ano 2009-2010.
Núñez Feijóo vendeu a arbitraxe como solución en campaña electoral. Agora debe aclarar porque se ralentizou a arbitraxe e até onde vai chegar de verdade. Ten que aclarar con que criterios se xestionan as listas de solicitudes de arbitraxe, que aparentan unha total arbitrariedade e formas caciquís de xestión da información, vulnerando a máis mínima obxectividade e transparencia.
O dia 28 de maio pasará á historia da infamia como o dia da monumental “cachada” a Feijóo e o PP: votan pola mañán no Parlamento Galego unha proposición de lei do BNG para anular as quitas e pola tarde votan en contra da mesma proposta no Congreso. Toda a súa estrataxema de mentiras indignas cos humildes estafados quedou definitivamente ao descuberto ese dia. Mérito de esclarecemento que cómpre colocar no haber do tenaz e intelixente labor parlamentar do BNG.
Por todo iso, o BNG quer chamar a atención a todo o mundo de que o problema coa banca especulativa española non é só un problema dos enganados con preferentes e subordinadas, que agora son expropiados e roubados pola Lei 9/2012 aprobada co respaldo de todos o deputados do PP (que de paso invade competencias autonómicas). O problema témolo todos. Todos estamos a sufragar por diferentes vías un rescate da banca especuladora que afunde a economía produtiva, o emprego e leva o país á ruína por moitos anos. Miles de familias que están a perder os seus salarios e subsidios son a continuación desafiuzados por esa mesma banca que leva á ruína a economía produtiva.
E todos eses sacrificios só serven para salvar o pelexo das finanzas.
O máis grave é que salvarlle o pelexo a este tipo de banca non garante que a economía produtiva e o emprego en Galiza vaian acabar beneficiándose da súa pouco probábel recuperación.
Para recuperar o emprego e o dinamismo económico precisamos mudar de raíz toda a política económica da Troika. En particular, precisamos unha Banca Pública Galega que xestione con ética e confianza o aforro dos galegos e que o canalice cara o investimento en agricultura, industria, servizos e innovación dentro do noso país.
Por iso o BNG está a propoñer unha batería de medidas que referidas ao tema financeiro céntranse no seguinte:
a)     Denuncia do MOU (Memorandum de entendemento) asinado coa Troika
b)    Renegociación da débeda: a banca europea tamén é responsábel do sobreendebedamento irresponsábel da banca e caixas españolas, polo tanto, cómpre declarar ilexítima aquela parte que foi asumida con neglixencia da banca española e da banca acredora europea
c)     Cómpre aplicar unha quita a esa débeda ilexítima ou irresponsábel. Son os acredores internacionais os que deben sufrir a quita e non os aforradores internos.
d)    O BNG leva ao Parlamento unha Proposición de Lei co fin de garantir a devolución íntegra do aforro dos estafados (mediante reforma da Lei 9/ 2012 de reestruturación e resolución de entidades de crédito).
e)     A creación dunha banca pública a partir de NCG (hoxe integramente de capital público do FROB) é a mellor maneira de garantir o aforro dos galegos hoxe sometidos a roubo dos seus aforros e ao mesmo tempo convertelos nun instrumento efectivo para levantar a economía do país. Sen iso é moi difícil albiscar unha saída á presente crise.
f)     Por iso o BNG defende a Banca Pública Galega como unha ferramenta esencial para o noso desenvolvemento e, tamén, peza esencial da nosa soberanía.
g)     O BNG reclama soberanía para o noso Parlamento para poder lexislar con plena competencia leis de obrigado cumprimento nesta materia (no relativo a produtos financeiros e tamén no conxunto do sector do crédito e da banca).

Hai que afirmar con contundencia que só as medidas valentes son as verdadeiramente realistas. Non hai realismo se aceptamos como punto de partida as demandas e as imposicións da banca especulativa. As súas propostas só conducen ao colaso económico e social. O realismo nestas circunstancias obriga a asumir que cómpre mudar aspectos esenciais do modelo e todo o demais é un engano que implica sacrificios insoportábeis hoxe e garantía de que o futuro será aínda peor.
Por iso precisamos que a sociedade reaccione masivamente diante deste espolio que conduce ás familias á pobreza e ao país á ruína. Temos que xuntar a loita dos aforradores estafados polas preferentes e subordinadas, coa loitas dos desafiuzados e coa loita de todos os traballadores, contribuíntes e autónomos e empresas produtivas para poñer á banca no seu sitio. Para que paguen os verdadeiros culpábeis, para tumbar a un PP que lexisla só a beneficio desa banca e para poñer en marcha políticas que permitan poñer os recursos do país a funcionar, crear emprego e riqueza.


Por iso apoiamos a convocatoria paneuropea do 1Xuño dos “pobos contra a troika” e por iso facemos un chamamento a todas as forzas políticas nacionalistas e das esquerdas, ás forzas sindicais, aos movementos sociais dos diferentes colectivos afectados para concertar unha estratexia común para enfrontar a esta banca especulativa e espoliadora e para forzar ao PP a mudar completamente o rumbo da política económica ou convocar novas eleicións. A folga xeral de Ferrolterra o dia 12 de xuño debería ser máis un paso cara unha Folga Xeral de todo o país, de toda a sociedade, a prol dunha alternativa que vire por completo o clima de resignación fronte á irresponsábel arrogancia da banca especulativa e da dereita. Xa non abonda coa crítica e a resposta parcial a medidas concretas, cómpre unha mobilización xeral para impulsar unha alternativa tamén xeral, política. Nós estamos niso. Agardamos que outros fagan o propio.