O Ecuador é un país de tamaño
relativamente pequeno, con 15 millóns de habitantes, pero desde 2006 está dando
ao mundo un bo número de auténticas leccións quer polo seu exitoso modelo
económico, quer polas apostas políticas radicalmente democráticas, tanto no
plano interno como no internacional.
No económico pasou de ser un país en
permanente declive, envolto no turbillón neoliberal que levara por diante a
agricultura e a industria ecuatorianas, a ser un país que experimenta un
crecemento acelerado en todos os seus sectores produtivos. Unha economía que
crece a un ritmo do 5% anual de media neste periodo; crea emprego até situar a
taxa de paro no 4,2% (chegara a ser do 15%); aumentaron os salarios (p.e., un
profesor universitario pasou de cobrar 800 dólares en mensuais en 2008 a 3000
dólares na actualidade); baixou a taxa de pobreza do 17% ao 11%. Como resultado
diso o país escalou dez postos na clasificación mundial do Indice de
Desenvolvemento Humano (IDH); aumentou enormemente o número de estudantes universitarios,
grazas a que a nova Constitución estableceu a gratuidade total da educación,
incluida a universitaria. Amén dun programa xeneroso de bolsas (tan só
condicionado á superación do curso, caso contrario deben ser devoltas). Está en marcha o plan para establecer un
sistema público unificado de Seguridade Social (antes eran corporativos ou
privados) e ampliouse a ritmo acelerado a rede de hospitais públicos, que
cubren con carácter universal a todo o mundo (cotice ou non, sexa nacional ou
estranxeiro). Ten en marcha o proxecto máis ambicioso a nivel mundial de
integración laboral e social de persoas con discapacidade. As infraestruturas
viarias experimentaron unha ampliación vertixinosa (novas redes de
autoestradas, novos aeroportos, proxectos en marcha de camiños de ferro e
metros urbanos...).
Hoxe Ecuador está nos antípodas daquel
Ecuador neoliberal que destruiu a economía do país e botara cara a emigración a
millóns de ecuatorianos. Hoxe boa parte deles xa retornaron ao seu país e mesmo
se converteu en país de inmigración. A tal punto é asi que puxeron en marcha un
programa específico (Prometeo) para captar investigadores e profesores doutores
de todo o mundo, para reforzar a súa capacidade científica, mellorar as súas
universidades e mesmo poñer en marcha parques científicos ou crear ex novo
“cidades do coñecemento” (p.e. o proxecto Yachay xa en marcha na provincia de
Imbabura para crear unha nova cidade centrada nas biotecnoloxías mariñas).
Todo iso non foi resultado dunha miragreira
alineación dos astros senón que foi o produto dunha profunda mudanza política
que se produce a partir de 2006 coa rebelión cidadá (popular e das comunidades
indíxenas) e a chegada ao poder do economista Rafael Correa, encabezando o
proxecto da “Revolución Cidadá”. En 2007 foi elixida unha Asemblea Constituinte
que elaborou a nova Constitución de 2008 e que senta as bases dun novo modelo
político e institucional. Sobre esa base asenta a nova estratexia económica
(“Socialismo del Buen Vivir”) que arrancou cunha ruptura radical co FMI, cos
mercados da débeda e co modelo neoliberal. O eixo central da nova política
económica é unha pragmática combinación do soberanismo e unha decidida
intervención pública.
O primeiro que fixo Rafael Correa foi
renegociar a débeda co FMI, romper coas súas receitas e imposicións e logo
gañar habelenciosamente a batalla aos especuladores dos títulos de débeda
pública, saneando as contas do país. A continuación puxo en marcha un plan de
rescate das concesións a empresas multinacionais para a explotación de recursos
naturais (en particular, o petroleo, parte dos recursos mineiros, acuícolas,
forestais, servizos públicos básicos ...). Restruturou o sector financeiro
impulsando diferentes bancos públicos e as entidades de crédito popular e
cooperativo. Puxo en marcha un programa fiscal ambicioso aumentando os impostos
de xeito intenso e progresivo cos que ía financiar un vasto programa de
investimentos en infraestruturas públicas, en educación e investigación.
Investiu fortemente en sanidade, ampliando e modernizando a rede de hospitais
públicos e está poñendo en marcha unha completa seguridade social pública.
No plano político puxo en marcha unha
reforma radicalmente democratizadora en diferentes dimensións: eliminou
privilexios das diferentes élites sociais do país (a militar, a policial, a
económica, a mediática...); ampliou os mecanismos de participación popular
directa; aumentou a transparencia e o achegamento da xente ao poder; recoñeceu
as comunidades indíxenas como nacións, coa súa língua e culturas, integrándoas
nun novo estado que se define como plurinacional; puxo en marcha un proceso
para romper o monopolio mediático dos poderes oligárquicos do país, que remata
na promulgación o pasado 20 de xuño da nova Lei de Comunicación, que senta as
bases para garantir a pluralidade efectiva de medios e a libertade de opinión
para todos e non só para os poderosos propietarios dos medios. Establecendo o
modelo de tres tercios: un tercio de medios privados, un tercio de medios
públicos e un tercio de medios comunitarios. Ademais introduce mecanismos para
empoderar aos periodistas profesionais fronte aos propietarios dos medios e os
mercenarios da información.
E, por se isto fose pouco, desprega unha
valente, soberana e libre política internacional que o leva a comprometerse con
aqueles que batallan pola transparencia e denuncian os abusos dos grandes e
escuros poderes planetarios. Un pequeno David que se atreve a desafiar ao
xigante americano expulsando a dous espias da CIA e a embaixadora americana,
dando asilo político na súa embaixada en Londres a Julian Assange, reclamado
por EEUU por dar a coñecer en WikiLeaks as tropelías e conspiracións da
diplomacia americana e das grandes empresas dese e doutros países. Agora está a
calibrar se procede dar acubillo político a Snowden, tamén perseguido polos
EEUU por ter denunciado a masiva espionaxe cibernética da NSA e o MI5 británico
violando a privacidade de millóns de cidadáns americanos e de todo o mundo, coa
vergoñenta connivencia de Google, Facebook e outros xigantes da comunicación.
Como mostra da súa vontade soberanista
acaba de renunciar unilateralmente ao tratado preferencial Atpdea que garante
arancel cero para 6.300 produtos ecuatorianos, xustamente porque os EEUU
estaban estes días ameazando con ese asunto para impedir que dese asilo
político a Snowden. Correa acaba de anunciar o 28 de xuño que, “decidan o que
decidan no caso Snowden”, non están dispostos a aceitar chantaxes e por iso
deciden romper o acordo arancelario unilateralmente.
Correa ten a gala aplicar unha política
radicalmente soberanista que non fuxe do pragmatismo da integración
latinoamericana; unha política de esquerda pragmática que recela da vácua
retórica ultraesquerdista; unha política democrática que non ten medo a poñer
firmes aos poderosos do país utilizando todos os resortes do poder
institucional; unha política a prol dos pobres e a xustiza social que non
renuncia a unha transacción pragmática co mundo empresarial para mudar a matriz
produtiva; unha política que sitúa a loita pola pluralidade informativa no
centro da batalla pola democracia e a igualdade social. Eses son os eixes da
súa estratexia política e os piares da súa incuestionábel vitoria democrática
nas últimas eleccións de febreiro cun 76% dos escanos na Asemblea Nacional.
Eses son os vímbios que converten a un
país pequeno como Ecuador nun país soberano, dinámico e democrático no complexo
mundo actual. Un país que aposta decididamente por un novo marco de relacións
internacionais en pé de igualdade, empezando pola integración latinamericana
para gañar autonomía fronte ao dólar e aos EEUU. Ese empoderamento soberano é a
base do seu éxito económico, da súa capacidade para saír en tempo record do
pozo neoliberal e tamén da inusitada extensión e profundización da súa democracia.
Ese é o tipo de experiencias nas que,
mutatis mutandi, o BNG quer referenciar a súa aposta para o noso país.
Publicado o 30.06.2013
Sem comentários:
Enviar um comentário