domingo, 24 de março de 2013

preferentes e subordinadas



Declaración do BNG diante do inminente anuncio da quita sobre as preferentes e subordinadas

O BNG manifesta o seu respaldo aos aforradores estafados pola banca con produtos complexos como as preferentes e subordinadas e expropiados finalmente por unha decisión inxusta do Goberno do Partido Popular imposta a través dunha lei de excepción económica.
Reclama unha urxente reconsideración das medidas aprobadas polo Goberno e polo FROB.

O FROB anunciou onte (19.03.2013) que vai facer público o venres dia 22 os termos do canxe das Participacións Preferentes e Débeda subordinada.
Ese día coñeceranse definitivamente as condicións e a contía da quita a aplicar aos diferentes títulos. A contía da quita reflicte de feito a vontade de expropiación dos aforradores populares por parte do Goberno Popular e da Troika, tal como foi recollido no “Memorandum de entendemento” aprobado o ano pasado.

O BNG rexeita –e rexeitou sempre- a fraude e a ilegalidade na que incorreu a banca e as caixas colocando produtos complexos a aforradores que non reunían os requisitos para iso e que foron enganados con información falaz ou simplesmente con desinformación. O BNG tamén denunciou sempre a colaboración e vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galicia diante desa política agresiva e fraudulenta das entidades financeiras.
Rexeitamos as sucesivas decisións adoptadas polo Partido Popular e Bruxelas que buscan detraer recursos dos aforradores para colmar as necesidades do enorme burato das entidades financeiras.
De feito, esa quita vai anunciarse o mesmo dia en que se dicide canto recursos
destinar para o rescate da entidade falida madrileña Bankia.
Denunciamos o “trileiro” e mentirán xogo realizado polo goberno de Núñez Feijóo xogando irresponsabelmente coa confianza dos afectados e vendendo falsas esperanzas aos aforradores estafados.

Quedan máis de 62.000 familias afectadas no noso país. Ameazados pola inminente aplicación dunha quita inxusta que consagra a estafa.
Resulta absolutamente inxusto que a crise e as débedas bancarias  sexan enxugadas incautándose dos aforros das familias. Os aforradores non poden ser os grandes perdedores da irresponsabilidade dunhas entidades que dispararon a súa débeda para entrar no negocio especulativo.
O BNG comprende a indignación e desesperación dos afectados ante ese arbitrario desenlace.
Comprende ademais a frustración e indignación cos responsábeis das entidades e cos responsábeis políticos do PP que respaldan as decisións do Goberno deste partido.
Diante da evidente situación de indignación dos afectados e da poboación en xeral, que corre o risco de dar lugar a situacións dramáticas, o BNG reclama unha urxente reconsideración dos acordos de conversión e canxe de preferentes e subordinadas establecidos polo Goberno Central e o FROB.
Reclamamos a devolución íntegra dos aforros aos seus propietarios.

O problema das preferentes e subordinadas evidencia a importancia da soberanía para enfrontar as decisións inxustas da banca e do Eurogrupo e protexer os intereses da cidadanía e dos aforradores. O BNG chama a cidadanía a reflexionar sobre a diferenza substancial na resolución dos problemas da crise bancaria en países soberanos como Islandia e mesmo en Chipre. O Parlamento soberano de Chipre ven de rexeitar o plan do Eurogrupo para impoñer unha quita aos depositantes. Esa decisión soberana paraliza e impide o plan do Eurogrupo. No caso de Galiza, o Parlamento pronunciouse por unanimidade a favor de atopar unha solución diferente e xusta para os afectados polas preferentes e subordinadas. Ese acordo acaba sendo un brinde ao sol porque o noso Parlamento non é soberano e as súas resolucións non teñen eficacia xurídica nesa materia. Un Parlamento non soberano é un parlamento irresponsábel, cuxas resolucións son meros pronunciamentos nunha materia tan importante para nós.
Esta é unha boa razón pola que o BNG defende a necesidade de que o noso país sexa soberano, para que as decisións do noso Parlamento non sexan papel mollado e teñan plena eficacia xurídica.

Declaración feita pública en Tui polo Portavoz Nacional do BNG o 20 de marzo de 2013.

Discurso de clausura XIV Asemblea Nacional BNG

http://www.youtube.com/watch?v=Df-g3FvOFe0



Discurso Clausura XIV Asemblea Nacional BNG

*****
Non esperaba verme neste compromiso. É unha grande responsabilidade.
Todos somos conscientes de que non é unha asemblea normal, é especial. Temos por diante retos enormes, cara dentro e cara fóra. Moita xente no país está agardando os resultados desta Asemblea. Non polo que hoxe culmina senón polo que hoxe comeza.
Faremos o posible para cumprir o cometido. Sabemos que non é reto pequeno nin fácil. Pero imos tentalo con toda a ilusión. E estou case seguro de que o conseguiremos.
Co voso apoio conseguirémolo!

Compañeiros, compañeiras!
Quero agradecervos a confianza depositada en min e nas compañeiras e compañeiros que me acompañarán na executiva e no consello nacional.
Non me foi fácil tomar unha decisión pero asumo, asumimos, o reto con ilusión. E asúmoo porque eu teño tamén infinita confianza en vós. E pronto a xente aí fóra vai confiar en nós.
Entre todas e todos imos sacar isto adiante. Con moita xenerosidade e con moita intelixencia colectiva. Traballando moito, coidando a nosa mensaxe e falando un por un con todos os galegos e galegas até convencelos.
******

Compañeiras e compañeiros
Delegacións convidadas
Amigos e amigas

Permitide que, antes de entrar en fariña, transmita en nome de todos o agradecemento ao noso compañeiro e amigo Guillerme Vázquez polo inmenso traballo realizado nestes catro últimos anos como Portavoz Nacional. Tivo que tripular esta nave en momentos especialmente difíciles e cuns refachos que facían moi difícil manter o equilibrio. Fíxoo con xenerosidade e, agora, con grande altura de miras puxo en marcha este proceso de reconsideración que hoxe culmina.
Agradecemento que fago extensivo ás compañeiras e compañeiros que partillaron con Guillerme estes anos á fronte do BNG.
Permitide tamén que agradeza singularmente a Carme Adán a súa xenerosidade e lealdade nestas dúas semanas como responsábel de comunicación.
Agradezo por suposto a Montse e a todos os compañeiros que nestes días fixeron posíbel que esta Asemblea puidera discorrer a perfección.
En fin, permitide que hoxe simbolice en todos eles o espíritu de xenerosidade que caracteriza ao mellor da militancia do BNG, a todos vós.

Amigos e amigas, fixemos un esforzo colectivo moi valioso ao longo dos últimos meses. Tres roldas de asembleas comarcais, documento de balance, centos de reunións do proceso propón connosco, relatorio da asemblea, debates, emendas, etc até chegar aquí.
Todo iso foi feito ao mesmo tempo que unha intensa actividade política, sindical e social. Por si só xa é algo que ten un mérito extraordinario. Pero nun contexto de reveses electorais e cando a antipolítica se converteu xa no paradigma político do sistema todo o feito adquire tintes case heroicos.
Certamente, a antipolítica é hoxe un virus mortal. Nós temos que ser o antídoto.
Todo o que hoxe cristaliza aqui permítenos coller folgos para un longo camiño cara a conquista das nosas institucións de autogoberno e cara a soberanía.
Actualizamos as nosas propostas e prioridades para confrontar a crise económica, social e institucional.
E puxemos a punto os criterios para mellorar o noso funcionamento e estilo de traballo interno e externo.

Hoxe sentamos as bases para recuperar o pulso político despois de pasar un tempo atormentados polas forzas da disgregación, aturdidos polos cantos de serea da claudicación e frustrados pola silandeira voz do “ninguneo”.
O BNG sae desta Asemblea con novas ideas, con propostas estratéxicas claras e con liñas de acción realistas para afrontar a nosa loita política diaria no marco dunha crise económica, social, política e institucional de proporcións históricas.
Acabamos de coñecer que os salarios caeron un 4%, a pobreza laboral subíu 2 puntos nun ano  e van acompañados de novos retallamentos; anúncianse novas medidas nas pensións e no sector público en xeral. Camiño do gran colapso. Xa hai tempo que temos claro que todos estes recortes xeneralizados son pasos perfectamente calculados para un cambio de modelo, unha radicalización do neoliberalismo coñecido.
Enfrontámonos ao fracaso do modelo global neoliberal, unha auténtica crise sistémica, unha mudanza histórica da xeoeconomía mundial e unha centralización tecnocrática cara Bruxelas e unha desaforada centralización política cara Madrid.
Cómpre recoñecer que a envergadura do que está a acontecer implica unha batalla desigual pero, aínda así, nós imos estar nela con afouteza.
Iso si, o noso corpo a corpo vai ser contra un goberno Feijóo cuxo único proxecto para o país é metelo no leito de Procusto do déficit e cortar todo o que sobre. Sen iniciativa, entregado ao proxecto centralista e conservador da dereita madrileña e máis preocupado polo estourido da burbulla de corrupción do PP que pola dramática situación que atravesan a nosa economía e as nosas familias.
Feijóo está facendo méritos diante da banca: demostrándolles que lles é de fiar, que é un castigador que non lle treme o pulso diante do sufrimento dos seus gobernados...que digo?, súbditos!
Ademais é como a cizaña, empresario que abraza, empresa que afunde. Primeiro foron as loas mutuas entre el, Pego e Gayoso. Logo foi o Fontenla, logo o García Costas de Barreras, hoxe é Fernández de Sousa de Pescanova. Que se tenten as roupas os demais. Non lle importan as empresas, tan só os donativos e as fotos.
Por algo nos Peares lle chamaban á súa casa a “casa do Cizaña”.
O BNG vai segar a cizaña ben a rente ou, mellor aínda, vai arrincarlle a raíz.
Para devolverlle a dignidade e a esperanza a este país.
XA abonda de mercenarios ao servizo dos que estrangulan o país.

O BNG sae hoxe cunha dirección totalmente renovada e moza, con xente cargada de ilusión, porque sabemos que o BNG é o futuro.
O BNG é a solución á crise. O BNG é a solución ao desleixo do PP. O BNG é o ariete fronte ao neoliberalismo. O BNG é o único parapeto valioso contra o centralismo económico e político que nos abafa.
O BNG é desde hai moito tempo o motor da dignidade desta nación, o aliado permanente da clases populares, dos que sufren as consecuencias dun modelo inxusto e depredador.
Somos un nacionalismo construtivo: con alternativas realistas e cunha folla de ruta de longo alcance para construírmos un estado e construír unha sociedade inclusiva e xusta.

Tres niveis e tres patas do proceso soberanista

A nosa resposta á crise sistémica actual enxerga as propostas alternativas para saír da crise neoliberal coa proposta para conquistar a soberanía.
Que ninguén se equivoque, non hai dicotomía: as medidas de alcance para saír de verdade da crise pasan por aumentar o poder de decisión real da sociedade para impoñerse aos mercados, ao capital financeiro.
Nós sempre fomos soberanistas pero é que esta crise demostra con clareza que a ausencia de soberanía é unha das causas fundamentais do caos económico neoliberal que nos destroza.
É moi difícil enxergar outras políticas económicas, de certo alcance, sen invertir a relación de subordinación entre a sociedade e os mercados globais.
Como moi ben argumenta o prestixioso economista de Harvard Dani Rodrik, o mundo de hoxe enfróntase a un trilema entre globalización soberanía e democracia. Só recuperando a soberanía podemos recuperar unha senda de progreso e preservar a democracia.

Compañeiros e compañeiras, o BNG non anda embarcado en ningunha “deriva soberanista”. Os nacionalistas de hoxe non podemos desmerecer os nosos devanceiros que naquela célebre Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918 proclamaron solemnemente: “Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vontade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa”.
Nós hoxe asinamos unha por unha todas estas verbas.

Amigos e amigas nacionalistas, sabedes cal sería o único e verdadeiro perigo para unha forza nacionalista? O perigo sería entrar nunha “deriva autonomista”. Mais, por fortuna e con orgullo podemos dicir que nós non somos autonomistas, nunca o fomos e nunca o seremos!.
Aínda así, todo hai que dicilo, somos os únicos que de verdade batallamos para que as institucións autonómicas cumpran coa letra que as instituíu e fagan uso efectivo das súas competencias. Os demais, simplemente, ocúpanas

Sabemos que hai numerosas voces que tratan de frear ese debate, estigmatizándoo. Outros posibelmente dubidan da súa pertinencia ou receptividade por parte da sociedade.
Entrementras, os españolistas e o centralismo madrileño non dubidan nada á hora de acometer o proceso máis radical de recentralización. Aí si que padecemos unha “deriva centralista” que nos arrastra cara un auténtico burato negro.

Temos o nivel de conciencia nacional que temos, mais se nós mesmos non nos esforzamos por aumentala, quen o vai facer?
De feito estamos a pagar as consecuencias de ter descoidado ese labor durante moito tempo.

Para virar esa situación formulamos a nosa alternativa: con tres niveis de discurso e con dúas vías de traballo complementarias.

Nun primeiro nivel, denunciamos a ruptura do “pacto autonómico” por parte do centralismo.
Nos últimos tempos estamos asistindo a un sistemático vaciamento das competencias.
Feijóo é moi rebelde para incumprir as sentencias que lle desmontan o seu indigno decreto de plurilinguismo pero acata e aplaude coa orellas toda canta lei e decreto sae do plan centralizador de Madrid.
O autogoberno está sometido a un brutal desbalde.
As competencias non é que sexan invadidas sitematicamente, o problema é que as están desmantelando de feito e de dereito de moitas delas:
            -o orzamento anual é sometido a aprobación previa do goberno central e a o seu control periódico de execución
            -o goberno central imponnos o nivel de defícit que lle peta
            -unha taxa de reposición do emprego público que impide manter as dotacións e servizos
            -a reforma da lei de bases do réxime local uniformiza a ordenación do territorio, reforza as deputacións e as privatizacións
            -a nova lei de Planta xudicial impón unha uniformización disparatada para o caso galego
            -a Lei da Unidade de mercado impide medidas correctoras ou protectoras no relativo á autorización de actividades
            -a regulación dos horarios comerciais fíxase por decreto lei estatal impedindo calquera medida protectora do pequeno comercio
            -coa nova Lei de Costas a decisión sobre o futuro de ENCE non vai estar en Galiza senón en Madrid
            -a xestión dos espazos protexidos igual
            -o sector enerxético, en particular o eólico, pasa a depender estratexicamente de Madrid
            -as rendas dos galegos van, vía impostos, dedicados a cubrir o rescate financeiro, principalmente madrileño, con Bankia como emblema; hoxe por hoxe o 34% da débeda pública de todo o estado sería imputábel ao desbalde capitalino 
            -saquean os orzamentos dos nosos gobernos a beneficio das grandes construtoras madrileñas e das grandes empresas de servizos;
            - desmantelan o noso sistema financeiro para apropiarse do noso aforro
- impoñen uns recortes e privatización dos servizos públicos básicos como a sanidade e os servizos sociais
-esa Lei da Wertgoña, como din os estudantes, que impón desde Madrid un desmantelamento do ensino público de calidade
-que trata de impoñer e blindar unha re-españolización aínda máis completa do ensino?
-mesmo queren impoñer as touradas como Ben de Interese Cultural para todo o estado
           
Compañeiros, é obvio que temos que reaccionar, o país ten que reaccionar.
Como imos agachar a orella ante tamaña agresión aos nosos intereses colectivos?, como non imos erguernos fronte a unhas contra-reformas que atacan a dignidade da xente, dos traballadores e do pobo en xeral?

É xusto o fracaso do centralismo, a súa vontade de reflotar a costa da periferia e a aceptación da extorsión do centralismo tecnocrático do eixo Bruxelas-Frankfurt-Berlín o que está a provocar a crise máis profunda do sistema institucional español dos últimos trinta anos.
Eses que non queren admitir que en realidade España desapareceu coa peseta están agora entregando servilmente a capacidade de decisión a institucións para-democráticas da Eurozona. Coma todos os imperialistas fracasados, para compensar, tentan recentralizar todo a nivel interno.

Pero que saiba Rajoy, que saiba Feijóo, que se eles rompen o modelo autonómico, nós non imos limitarnos a criticalo ou reivindicalo reactivamente. Nós non imos ser só os do “non”. Nós imos formular a nosa proposta en positivo: soberanía, dereito a decidir, estado propio.

O segundo nivel do noso discurso é a naturalización da opción soberanista.

Cómpre situar o debate soberanista no terreo do realismo e do pragmatismo. Que os galegos e galegas se acheguen a este tema sen as anteolleiras do españolismo intereseiro madrileño.

Para empezar, compre afirmar que iso permítenos reducir toda a faramallada de 5 niveis administrativos, costosísimos e ineficientes. No actual contexto de crise temos que aforrar os custes dos goberno central, as deputación e as delegacións do goberno central.

Para seguir, a creación de novos estados non é algo estrambótico senón unha realidade dos tempos que vivimos.
En Europa creáronse 16 novos estados en dúas décadas e no último século pasouse de 24 estados en 1906 a 48 en 2013. Se nos fixamos no mundo, 43 dos 193 países foron constituídos como estados nos últimos 35 anos.
Moitos dos novos países europeos teñen menos de vinte anos de vida. Todos eles viven con ledicia a súa independencia, progresan economicamente e ningún deles se mostra arrepentido de alcanzar a independencia.
Vou contarvos algo. Hai poucos meses estiven por segunda vez en Lituania no marco dun proxecto de investigación europeo. Lituania é un pequeno país de 3,2 millóns de habitantes. 23 anos despois da súa independencia (un 11 de marzo) se algo aprecian os lituanos é a liberdade nacional. Tanto que por medo ás tentacións anexionistas rusas eles prefiren sacrificar algúns tentadores acordos comerciais para non caer na súa dependencia e prefiren optar pola UE a pesar dos enormes sacrificios que esta lle impón. Non quixeron facerme caso cando eu lles advertín que o euro lles ía dar un grande desgusto. Cando a prioridade é preservar a independencia poden asumirse certos sacrificios temporais. Cando os viciños son repunantes litigantes máis vale buscar amigos lonxe.

Neste momento existen dentro da UE cando menos cinco procesos en estadio moi avanzado no camiño cara a creación dun estado propio: Flandres, Valonia, Escocia, Catalunya e País Vasco.
Nós non somos un país rico coma eles. Aos humildes fállalles a autoconfianza e por iso o noso nacionalismo non ten a afouteza que da a fortuna pero non por iso é menos necesario. Todo o contrario, somos nós os que máis precisamos instrumentos para impulsar o noso propio desenvolvemento.

En realidade non somos un país tan pequeno. Somos un país que está entre os 100 máis grandes do mundo por poboación e entre os 50 máis grandes do mundo pola súa economía.
En Europa existen 11 países máis pequenos que o noso en termos de poboación que contan con estado propio (sen contar outros 5 micro-estados). 13 estados europeos teñen menor volume económico (PIB) que Galiza e no mundo existen nin máis nin menos  que 137 países independentes de menor dimensión económica que nós.

Dígovos máis, os países máis pequenos de Europa teñen en xeral maior nivel de vida media que os grandes e ademais medran economicamente a maior ritmo que eles nas últimas décadas.

Todas esas cousas, que oculta e deforma o discurso oficial, temos que socializalas no noso país.

O terceiro nivel do noso discurso asenta nas vantaxes da soberanía

Galiza é unha vella nación, cunha antiga cultura e un lingua milenaria.

Galiza ten hoxe os recursos, a experiencia, os coñecementos, a capacidade de xestión e mesmo a arquitectura institucional esencial para facérmonos cargo dos nosos problemas e enxergar as solucións máis acaídas aos nosos intereses.

A nosa nación ten necesidade urxente de tomar decisións soberanas sobre a súa economía e os seus sectores produtivos para salvagardar os nosos intereses colectivos e garantir a capacidade de crear emprego e riqueza para as xeracións actuais e futuras.

Decidir soberanamente sobre o uso dos nosos recursos básicos para poñer a nosa riqueza mineral, hidráulica, eólica, solar, forestal e mariña ao servizo do noso desenvolvemento sustentábel, evitando o seu estragamento irresponsábel a beneficio de empresas foráneas.

Regular e xestionar soberanamente os nosos aforros e facer uso dos nosos recursos financeiros para favorecer o noso propio desenvolvemento.
A combinación creativa dos recursos financeiros e a intelixencia colectiva das nosas xentes no campo da ciencia, da técnica, da xestión e, en xeral, no mundo do traballo, libres das ataduras impostas, permitirían situar o noso país na vangarda do desenvolvemento no mundo de hoxe.

Galiza precisa plena soberanía fiscal para regular e recadar todo tipo de impostos para poñelos ao servizo do benestar dos galegos e galegas, mellorando e reforzando os nosos servizos públicos.

A nosa nación precisa soberanía para establecermos prioridades de gasto público que eviten estragar gastos inútiles como os actualmente destinados a gastos militares, mantemento das colonias africanas, outros gastos derivados da supeditación á política imperial das grandes potencias, financiamento da igrexa católica, etc.

Galiza precisa soberanía para proceder a unha racionalización administrativa que elimine a ineficiente e custosa estrutura actual como antes sinalei.
A nosa nación precisa soberanía para deseñar infraestruturas pensadas para serviren ao noso desenvolvemento autocentrado e non para reforzar o papel parasitario da capital do estado.

Galiza precisa soberanía para poñermos en marcha políticas agrarias, pesqueiras, industriais e terciarias autocentradas, é dicir, pensadas acorde coas nosas propias capacidades e intereses como país.

A nosa nación precisa plena soberanía para negociar con outros países todos os acordos relativos ao comercio de bens e servizos e aos fluxos de capitais, para garantir os intereses colectivos da nosa economía e o de sectores específicos que teñen un papel central no noso desenvolvemento (acordos pesqueiros, agrícolas, tecnolóxicos, etc).

Galiza precisa plena soberanía para preservarmos a nosa lingua desde a plena oficialidade e desenvolvermos con naturalidade a nosa cultura, as nosas artes e a nosa capacidade criativa en todos os eidos, para contribuírmos como galegos á avenza civilizatoria da humanidade.
En particular, Galiza precisa soberanía para termos un relacionamento integral, multifacético e mutuamente beneficioso con todos os países que usan a nosa lingua e as súas variantes.

Para iso ten Galiza que ter plena capacidade de decidir sobre si propia, como suxeito político colectivo.

Deixade que o diga coas verbas do noso admirado poeta do Courel Uxío Novoneira:
É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar

Pero bon... alguén ten dúbidas de que a soberanía é infinitamente mellor que a situación actual? Quen ten dúbidas?

“Piano piano si va lontano”: as tres patas

Unha vez que temos clara a necesidade de emprendermos un proceso soberanista no noso país, as cuestións que cabe colocar son: que camiño, como, con quen, a que ritmo.
Sementouse nestes últimos tempos unha pouco construtiva confusión sobre o sentido e consecuencias do proceso soberanista para o BNG.
Como se alguén dubidara de pronto da nosa cordura ou da sabiduría colectiva acumulada púxose en circulación a especie de que nos lanzamos a todo gas cara a batalla pola independencia e que acabaremos contra as pedras.
Mirade!, todos os que estamos aqui, e eu o primeiro, sabemos moi ben que hai unha diferencia esencial entre a xeometría e a política. A distancia máis curta entre dous puntos políticos case nunca é unha liña recta.
Eu entendoo moi ben, eu nacín nas terras de Camba. Percorrín moitas carredoiras desde pícaro e alí nunca atopabas 100 metros seguidos en liña recta. Todo eran voltas e revoltas!
Desde aquela teño as curvas sempre na cabeza!!
Todos sabemos que “piano, piano si va lontano”, moitos recordamos aquilo de Vladimir Ilich, paso a paso e “só un pasiño” por diante do pobo.
Tamén aprendín dos mariñeiros de Lira o que significa navegar de bolina.
Pois iso... que todos os galegos temos moito sentidiño. Ás veces demais!

Pero hai que andar e o camiño da soberanía ninguén nolo vai dar mallado.

Polo tanto e a risco de resultar pesado coma un mestre do ferrado permitideme que insista nisto: o camiño cara a soberanía recorrerémolo apoiados en tres patas diferentes que coevolucionan no tempo:
  1. por un lado un proceso social de sensibilización, debate e mobilización
  2. por outro unha lectura soberanista das alternativas sectoriais
  3. e por outra aprte un proceso institucional baseado na loita político-electoral.

O primeiro non debe ser obra exclusiva do BNG como forza política, nin debe absorber as nosas enerxías, senón que debe ser obra dun Movemento Social Multicolor pola Soberanía, no que unha parte dos militantes do BNG participarán de xeito activo, man con man con outros soberanistas.
Para iso facemos un chamamento a abrir un proceso de debate social ao que se incorporen todas as organizacións políticas, sindicais, sociais, ecoloxistas, feministas, estudantís, xuvenís, culturais, deportivas, veciñais, redes sociais, relixiosas, medios de comunicación,  asociacións profesionais, empresariais, clubes de todo tipo e todas as persoas integrantes do pobo galego, unha a unha.
Cada quen co seu perfil e coa súa impronta habemos erguer conxuntamente un debate vivo e mobilizador que contribúa a elevar a conciencia nacional do país, enxergue alternativas aos nosos retos cotiáns en clave nacional e que acabe construíndo un amplo e transversal movemento cívico e político que conflúa na conquista da soberanía nacional plena para o noso país.

Non se trata de abrir escolas de filosofía en todalas parroquias.
Trátase dunha andaina de longo prazo que vaia alimentando a conciencia nacional. Paso a paso, gradualmente.
Por non facelo nos últimos vinte anos asi estamos como estamos.

Trátase tamén de incorporar a pedagoxía nacionalista á hora de analisar os problemas, os conflictos e as alternativas. Iso si tendo moi presente o 2 mandamento da igrexa debidamente adaptado: nunca pronuncies o nome da soberanía en vao!. Só cando veña realmente ao caso.

Algúns parecen temer que isto monopolice a capacidade de iniciativa e traballo do BNG. Non imos caer nese erro. O BNG ten que ser unha organización activa en todos eidos, como sempre foi, participar en todos os movementos ou actividades de interese social e político sexan ou non vinculábeis ao debate soberanista.
De igual xeito, esta aposta non pode reducir a intensidade do noso traballo institucional. Polo contrario, o BNG ten que conquistar as institucións para parar os pés ás políticas antisociais e antinacionais do PP pero tamén porque a conquista das institucións é un paso imprescindíbel para que o proceso soberanista poida culminar algún día. Será preciso a conquista democrática das institucións para que poida abrirse formalmente, e de xeito realista, un proceso soberanista. É necesario que o nacionalismo sexa maioritario nas institucións, no Parlamento. Como ocorre hoxe en Escocia, Flandres ou Cataluña.
Como se chega até aí?. Ese é o quid da cuestión!. Parecen non entendelo nin a meirande parte dos esquerdistas nin unha parte dos que dentro de nós están temerosos.
Para conseguir iso o BNG non podemos descoidar ou minusvalorar as institucións nin a loita por alcanzar a maioría electoral. E sabemos moi ben, porque parvos non somos, que non conseguiremos esa maioría social se nos centramos de xeito monotemático nun discurso “raiado” repetindo todos os días soberanía!-independencia!
Para unha organización acadar o respaldo da maioría da cidadanía debe ser unha forza que ofreza alternativas e solucións aos grandes problemas comúns desa cidadanía. Temos que ser quen de gobernar as institucións actuais, con políticas diferentes e alternativas para evidenciar as súas limitacións do marco actual. Unha e outra vez, até que a xente se subleve. Como dicía Castelao, petando na ialma do pobo até crear un estado de opinión revolucionario!
Polo tanto, compañeiras e compañeiros, temos que traballar coas tres patas. Institucións complementadas coa loita social en todos os frentes e a batalla do Movemento pola Soberanía. E, por iso, este último non debe ser cousa dun único partido, senón un plan transversal de longo alcance no que participen creativamente todas e todos os nacionalistas e soberanistas.

O primeiro que temos que facer é convencer a certo nacionalismo que a soberanía non é un asunto meramente cultural, lingüístico ou identitario. A soberanía é poder gobernarnos nós mesmos, democraticamente, sen dependencias alleas.
Non faltan tampouco os que se apuntan ao discurso de que este é un momento excepcional de crise sistémica e que, en consecuencia, non debemos falar de soberanía. Disque a contradición principal é esquerda/dereita. E a estes amigos eu pregúntolles: e logo cal é o espazo no que nós queremos derrotar á dereita? Alemaña, Estados Unidos, o mundo ou Galiza? Acaso é a España?
O troskismo mal asimilado fai estragos! E non digamos as estravagantes multitudes de Toni Negri.
Amigos e amigas, a loita de clases existe, coa particularidade que é a loita dos da cúspide contra os de embaixo. É a loita do capital financeiro global contra a maioría social. Para darlle a volta a iso a conquista da soberanía é a clave; compre romper as cadeas desa globalización.
De feito, non é só cuestión da mera independencia formal senón a soberanía real, a soberanía popular, o empoderamento da sociedade fronte aos mercados.
Esa é xustamente a senda que nos ensinan os países latinoamericanos que están saíndo do pozo neoliberal, facéndose donos dos seus recursos e creando unhas novas relacións económicas internacionais.
Hoxe por hoxe a liña de ataque de calquera esquerda que realmente o sexa ten que centrarse na loita contra a globalización neoliberal, recuperar a soberanía para poder poñer á sociedade por riba dos mercados!

Ao propio tempo o BNG ten que estar na loita social, nos movementos sociais, como está facendo de xeito exemplar neste momento:
-na loita das preferentes e subordinadas, como fan Xulio, Arximiro,Suso Domínguez e tantos outros
-no eido sindical como están facendo tantos compañeiros da CIG, mesmo a costa dunha arbitraria represión policial e gobernativa, como os compañeiros Antolín, Rafa, Carlos, Pintos e tantos outros
-na loita contra os desafiuzamentos, como vimos a Carril, Jorquera, Mar e outros moitos compañeiros en diferentes localidades do país
-na defensa pola sanidade pública, na que traballan arreo moitos compañeiros como Moncho Veras, Paco Vizoso ou María Xosé Abuín
-na defensa do ensino público
-na defensa da lingua como fan todos os días miles de ensinantes,

Nós sempre estamos aí, sempre... sabemos ser organizadores e dinamizadores dos movementos sociais

Reforzamos a política institucional ao servizo da cidadanía

Compañeiros e compañeiras, como antes dicía, o BNG ten que seguir batallando pola conquista das institucións do autogoberno. Aínda que acaben deixándoas como cascas semi-valeiras, son o punto de partida para as institución soberanas.

Pero tamén sabemos facer unha xestión municipal exemplar.
Para empezar facémolo con honradez e transparencia, ao servizos dos viciños, cunha xestión económica responsábel, con contas saneadas, que mesmo serven para poñer en evidencia o despropósito pro-banca das leis do PP que obrigan a devolver créditos á banca mesmo en contra dos intereses do concello, como ben denunciou hai uns días o compañeiro Evencio Ferrero.

Cómpre que saibamos que, ademais de prestar os servizos con calidade, os nosos concellos fan unha criativa e intensa actividade social, en colaboración cos movementos sociais ou levando a iniciativa:
-como a creación de Bancos de Alimentos en Tomiño (Sandra), Rianxo (Adolfo), Cariño, Carballo, Narón ou Zas
-creación de comisións contra os desafiuzamentos en Carballo, Culleredo, Rianxo, Monforte
-acollida persoas sen teito en Pontevedra (Lores),
-fondos específicos para atender casos de emerxencia social, como fan os nosos compañeiros  de Pontevedra, Rianxo, Tomiño, Monforte (Severino), Culleredo, Carballo, Poio (Luciano), Riotorto
-apoio contra o fracaso escolar en Tomiño
-mesmo conseguimos a primeira sentenza para que a Igrexa pague o IBI, en Allariz (Paco García).

Agora, os nosos concellos están sendo e serán a punta de lanza para enfrontar esa desastrosa reforma local que impulsa o PP.
Desde os concellos facemos país, apoiamos a economía social, melloramos a vida da xente e asentamos o BNG. Ánimo compañeiros e compañeiras.

Para ir rematando, deixádeme que diga algo da unidade do nacionalismo e as relacións coas demais forzas políticas

O panorama político hoxe mudou moito a respeito do que había cando celebramos a anterior asemblea.
Temos necesidade de traballar de xeito máis activo e criativo na sociedade e nos movementos sociais.
Temos necesidade de matizar moito o noso relacionamento coas demais forzas políticas que operan no país:
-temos que ser quen de manter unidade de acción con todos os movementos sociais e forzas de esquerda na loita contra as políticas neoliberais
-temos que partillar unha folla de ruta con todas as forzas nacionalistas para impulsar o movemento social multicolor soberanista
-temos que explorar fórmulas de colaboración estratéxica con todas as forzas nacionalistas que, respectando o principio de autoorganización, teñan vocación de construír un polo nacionalista maioritario na sociedade e nas institucións.
Con esa folla de ruta traballaremos nos vindeiros tempos, co obxectivo de convertermos o BNG nunha forza decisiva neste país a curto prazo e a todos os niveis.

Reforzar a cohesión interna

Para os inmensos retos que nos estamos marcando, a organización ten que estar activada e engraxada.
A organización non pode ser un espazo de disputa senón un espazo de acordo e de articulación de iniciativas.
Ou nos comportamos como unha equipa unida, abeirando calquera tentación cativa, ou pereceremos frustrados un a un.
Por iso cómpre mudar estilos e modais. Cómpre abrir o corazón e compartir as arelas colectivas cos demais. Cómpre facer un exercicio diario de pensar no que nos une e esquecer o que puidera diferenciarnos. Non sobra ninguén, falta moita xente. Temos que darlle continuidade ao “proceso propón connosco” falando entre nós e falando cos de fóra.
Precisamos moita intelixencia emocional. Repartirmos xogo.
A alguén pareceralle unha cursilería ou algo prepolítico pero dígovolo como o sinto, teño a sensación de que o noso futuro nesta etapa depende menos das ideas que profesamos que dos sentimentos que xeramos.
Os sentimentos tamén son política!
Cultivemos os bos sentimentos, contaxiemos a ilusión.
O futuro é noso, o futuro é do BNG
Adiante o BNG
Viva Galiza ceibe e popular

Compostela 17 de marzo de 2013

Xavier Vence
Portavoz Nacional do BNG

Entrevista en V televisión

http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=jNVGGX3-qwY

segunda-feira, 4 de março de 2013

Eurozone (o meu video con Chévere)

Podedes ver aqui os argumentos dun economista sobre a crise da UE e a Eurozona (video gravado polos amigos de Chévere) ou ir divertirvos con Chévere, aprendendo con eles en vivo e en directo
http://redenasa.tv/gl/post/xavier-vence-sobre-eurozone/

quarta-feira, 27 de fevereiro de 2013

Tamaño, soberanía e crecemento (video)

Algunhas reflexións elementais sobre o tamaño da economía galega e a independencia, curso de verán da Asociación Internacional de Estudos Galegos celebrada en 2009 en Compostela
http://tv.uvigo.es/es/video/25029.html//

quinta-feira, 21 de fevereiro de 2013

Mudando, cos pés na terra


Nos momentos de mudanza dous riscos teñen que ser vencidos: o medo ao cambio e os preconceitos. O medo ao cambio pode levar ao enroque e a tentación de meterse na cova e agardar que escampe. Por outro lado, os preconceitos tenden a facer crer que só un mesmo quere mudar e todos os demais seguen ancorados nas rotinas do pasado. Os dous son riscos paralizantes e disgregadores.
Non querer mudar e non aceptar que os demais poden mudar ao mesmo tempo que si propio son problemas que se resolven sobre todo rompendo a incomunicación, socializando os diagnósticos e tratando de poñer en común as liñas de futuro nas que existe coincidencia. Se despois dun aberto e sinceiro proceso dese tipo, algunhas cousas só son vistas por unha parte é moi probábel que precise máis tempo para verificar a súa oportunidade. Cómpre partir da base de que, tratándose de seres racionais e partillando obxectivos esenciais, cando algo deixa de funcionar ou de ser útil acabará sendo admitido e mudado.
Ben, todo isto ven a conto polo que está a acontecer no BNG desde que se puxo en marcha o proceso “propón connosco” e se abriu o proceso para a elaboración dos relatorios de cara a XIV Asemblea Nacional.
O que eu puden observar moi de preto foi a apertura dun claro e profundo período de reflexión. Por parte dunha inmensa maioría tomouse clara consciencia de que son necesarias mudanzas moi importantes. Sen arrombar a avenza de acertos e experiencias é necesario interpretar con valentía os profundos cambios que se derivan dunha crise económica e social devastadora pero tamén do fracaso e esgotamento dun modelo político-institucional que definiu o escenario en Europa e no Estado Español nas tres últimas décadas.
Antes algúns pedían cambios para adaptarse a unha realidade que se consideraba consolidada, agora é ao revés, cómpre adaptarse para actuar no marco dunha realidade convulsa. Son escenarios de radical incerteza e vertixe que calquera estrutura ou organización -como o BNG ou calquera outra- non é fácil que os asimile e se adapte a eles instantaneamente. As rotinas instaladas nas estruturas e nas cabezas de cada un precisan tempo para mudar. Para empezar cómpre saber en que e cara onde.
En circunstancias como estas, partir de cero pode parecer máis fácil porque non hai ataduras nen historia que marque pero o problema é que as estruturas non se improvisan. E o que un día pode parecer espontaneidade e frescura pode de pronto transformarse en ridículo e impotencia. Por iso seguramente ten moito máis futuro un cambio sobre a base de estruturas sólidas aínda que sexa máis lento que o fulgor da improvisación, que pode esvaecer como flor dun día. Mudar as rotinas das organizacións é traballoso porque afecta ás estruturas e ás persoas. De feito, acometer cambios importantes nas organizacións pasa por mudar as persoas para que non estean marcadas por esas rotinas mentais e de comportamento que acaban petrificadas no seu ADN. E iso afecta a todo o mundo, a destra, sinistra e medio campistas.
Eu persoalmente aprecio unha sinceira vontade de cambio na inmensa maioría do BNG. Non para mudar os obxectivos últimos mais si nas prioridades e nas formas da acción política no novo contexto. Sería iluso pensar que iso poida ser o caso da totalidade -polo que dicía- mais si da inmensa maioría. E dígoo non só por verbas senón por feitos concretos. No Relatorio para a XIV AN aprobado case por unanimidade no Consello Nacional do 16 de febreiro vai recollida unha batería de propostas que definen as apostas novidosas na acción política e tamén no funcionamento interno e no relacionamento coa sociedade, os movementos sociais e as institucións.
Comentarei tan só dous aspectos concretos que poden ilustrar isto que digo. Un no plano político e outro no organizativo.
O que está a pasar no mundo, onde moitos países estan a saír do burato neoliberal cunha aposta soberanista, como vemos en boa parte de Lationoamérica; o que pasa en Europa e no estado español coas nazóns sen estado, son feitos que non poden deixar indiferente a ninguén e menos aos nacionalistas. Somos conscientes do ponto no que está a conciencia nacional en Galiza e a urxencia de activala, non só por emulación positiva senón porque a realidade da crise económica e institucional evidencia que as solucións aos nosos principais atrancos pasan por aí. Por iso o BNG aposta pola unidade do nacionalismo e proponse ser parte activa dun amplo movemento a prol da soberanía e faino desde a vontade de compartir ese proceso con todas as organizacións e persoas que desexen participar activamente nese debate, que pretende ser capilar en toda a sociedade. É un reto estratéxico para o País e a forma de encaralo ten que ser novidoso e creativo. E así o está a entender a inmensa maioría no BNG. Hai que poñelo en marcha para que sexa a bandeira de todos, para que una e faga País independentemente das siglas.
Algúns parecen non captar a profundidade dos cambios que trae esta crise total e mesmo cren que iso nos separa dos problemas cotiáns da cidadanía, das urxentes prioridades dunha crise devastadora ou que leva a abeirar a importancia da xestión diaria nas institucións nas que gobernamos. Nada máis lonxe. Trátase de todo o contrario, poñer os problemas de cada día na axenda de todos os militantes e aportar solucións concretas e inmediatas ao tempo que se apuntan as consecuencias nefastas da ausencia de soberanía. En todo caso, sería estúpido non ter habelencia pedagóxica para distinguir níveis e circunstancias. Do mesmo xeito que ninguén pode pretender que alcaldes e concelleiros se convertan en monotemáticos predicadores de ningunha boa nova, tampouco ninguén debera pretender que a política nacional, para o conxunto do país, sexa a mera extrapolación dos problemas de xestión municipais ou parroquiais. Cada nivel ten as súas prioridades, os seus discursos, os seus xeitos e a súas persoas. Non poden ser contradictorios pero teñen que ser complementarios.
Do meu ponto de vista así é como se están a enfocar e propoñer as cousas de cara a Asemblea Nacional.
Outro exemplo podemos tomalo das propostas organizativas e de funcionamento. O BNG ten unha estrutura interna con grupos organizados e algúns consideramos que iso pode ter algunha virtude cando é entendido como ferramenta temporal para galvanizar a confluencia de organizacións preexistentes pero, como configuración estable, coloca tamén problemas e disfuncionalidades, sobre todo por exacerbar os factores de diferenciación interna fronte aos de semellanza. Moita militancia individual leva terciando historicamente nesa dirección, con maior ou menor intensidade. Algún dos grupos organizados cre agora que a solución a case todos os males pasa pola desaparición desa configuración e a conversión nunha organización internamente unitaria. Agora ben, mesmo situándose nesa perspectiva hai algo que debera ser considerado con tino. Para empezar, tal paso só é posíbel se hai acordo de todos e, para segundar, un cambio dese tipo non é algo que poida improvisarse da noite para a mañán. Só pode ser o resultado dun proceso reflexivo, demorado e -para que funcione- partillado. Máis aínda, cabe perguntarse, arránxase todo cun cambio formal ou pode ser máis útil e pragmático empezar por corrixir as eivas de mal funcionamento derivadas daquela configuración?
Se hai compartimentos estancos, con ideas, culturas e mesmo vocabularios diferentes, non será máis razoábel comezar por elaborar en común diagnósticos e propostas? Unificar vocabulario antes de unificar estruturas. Acordar unha orde de prioridades na acción política non por votación senón por elaboración en común.
Sexa cal sexa o destino final pretendido o primeiro e urxente é socializar transversalmente todas esas cousas que conforman a acción política a curto e mediano prazo sobre a base dunha progresiva desactivación das fronteiras e das disciplinas de grupo para favorecer a conversión das estruturas do BNG nun espazo común e partillado de debate individual, de iniciativa individual e de responsabilidades individuais, sen corsés nin apriorismos de grupo. Pois ben, iso está en marcha. Está empezando a practicarse. Desde o “proceso propón connosco” e neste proceso de elaboración dos relatorios para a Asemblea Nacional. De feito, todos os membros do Consello Nacional que participaron na Comisión aberta redactora e logo nos debates das emendas no propio Consello fixérono como individuos e sen disciplinas grupais. Todos salvo Abrente, que decidiu presentar o seu voto particular como grupo sen que os seus membros fixeran ningunha achega ao relatorio común.
O certo é que esa nova forma de funcionar é a que se propón no relatorio asemblear e xa se está a practicar. Como proba diso abonda con mirar as votacións das emendas aprobadas e rexeitadas no Consello Nacional. Non houbo disciplina de voto dos grupos que participaron. Iso explica que algunhas emendas de persoas significadas dun grupo obtiveran votos suficientes para ser aprobadas en tanto que outras das mesmas persoas resultaran rexeitadas. Esa disparidade de votacións a emendas dunha mesma persoa significa que non funcionaron criterios de grupo senón que cada persoa votou co seu persoal criterio. Como debe ser. E o resultado é moi razoábel.
Por iso resulta totalmente incongruente e paradoxal que o grupo que agora di facer causa da eliminación da estrutura frontista sexa o único que segue a actuar como grupo estanco. Sen facer o esforzo de partillar valoracións e propostas con disposición a acordar e atopar os pontos en común que, do meu ponto de vista, son moitos. Por non dicir a inmensa maioría, se nos atemos aos papeis.
Se foramos capaces de abeirar apriorismos, creo que hai moitas razóns para ser optimistas. O que non é razoábel é tentar manter fronteiras e balados baseándose só en prexuizos, suposicións ou presuncións que veñen fundadas en experiencias pasadas ou facendo interpretacións extemporáneas de expresións máis ou menos afortunadas de voces singulares, tentando convertelas no que non son, na expresión de grupos enteiros. Son optimista porque creo que a inmensa maioría vai na dirección antedita. E os que aínda non van hai que convencelos.
Se a actuación política está guiada por valores e obxectivos colectivos e non é unha mera tirapuxa iso é perfectamente posíbel. O que non é de recibo é construír discursos cara a galería deturpando a realidade interna e os acordos maioritarios para logo presentar como trazo diferenciador cousas que, na realidade, están nos documentos maioritariamente aprobados. As terxiversacións non axudan a recuperar a confianza interna e menos aínda externa.
Se partimos de obxectivos políticos comúns non debería haber impedimento para acordar o camiño, desde a aceptación da diversidade de matices inherente a todo colectivo humano, que nos enriquece e -se sabemos administrala- nos fortalece.
En definitiva, tamén para mudar hai que ter os pés na terra e aterse aos feitos, tanto se tratarmos do país como se tratarmos da organización.


quarta-feira, 13 de fevereiro de 2013

PP-Bárcenas e o burato negro madrileño

O caso PP-Bárcenas-Gürtel empeza a sacar á luz algo dun alcance que supera moito o que puidera ser catalogado como un caso de grave corrupción. Non é só unha cuestión da magnitude de diñeiro en xogo ou duns sobresoldos obscenos e escandalosos, a fraude continuada a facenda, as contas en Suíza, a picaresca deslealdade entre os membros da cúpula do PP, etc. asuntos todos ben graves, repugnantes e puníbeis tratándose de persoas con altas responsabilidades de goberno en diferentes momentos. Nin tan sequera é o insultante abuso da mentira a que nos teñen acostumados os dirixentes do PP, día si e día tamén, sobre os seus soldos ou a súa acción de goberno. O verdadeiro alcance do problema deriva de que o agromado até agora nos xulgados revela a existencia dunha trama de financiamento ilegal do PP e un uso do poder a beneficio dos lobbies financiadores. Aínda que só teñamos á vista a punta do iceberg.
Polo tanto, máis alá da inmoralidade e enriquecemento ilícito dalgúns, cómpre identificar cales son os móbiles e calibrar cales as consecuencias políticas e económicas que todo iso tivo e ten para a marcha do conxunto da sociedade, para o funcionamento da democracia e das institucións e mesmo para o modelo de estado. Porque haberá que ir poñendo as cousas en perspectiva e recoñecendo que na rebotica do “lavadoiro” de Bárcena-Sepúlveda puxéronse ao longo dos noventa os alicerces para o asalto ao Poder dunha trama económica madrileña que confiou en Aznar a conquista dos resortes institucionais. E cando digo “trama económica madrileña” non me refiro aos “conseguidores-comisionistas” da Gürtel que hoxe están na cadea ou encausados senón aos que movían e moven os fíos na elite do capitalismo castizo da capital.   
O auténtico problema que está detrás do ruído mediático é o financiamento ilegal masivo e continuado do PP –do que o destapado semella tan só un anticipo- e os seus efectos nunha dupla dimensión: por unha banda, a deturpación do xogo democrático como consecuencia dunha enorme desigualdade de medios e, pola outra, a captura do poder político-institucional por parte dos lobbies económicos –madrileños- que subxace detrás desas prácticas.
Para comprender ben o alcance do xogo é preciso diferenciar ben o núcleo do que son as súas ramificacións. Nese sentido, o carácter madrileño da trama é un feito esencial que cómpre ter moi presente para calibrar de xeito acaído o seu significado político e as contradicións dos seus tentáculos en diferentes partes da xeografía do estado español.
Outro punto crucial para entender o problema é fixarse tanto no financiamento ilegal e ilícito –unha parte del empeza a agromar nos papeis pero outro moito segue aínda na sombra- como nas enormes doazóns “anónimas” recibidas. Tan só estas últimas ascenden no caso do PP a 28 millóns de euros entre 1993 e 2007, segundo a información publicada estes días (iso sen contar as condonacións de préstamos millonarios por parte de bancos e caixas). Cun financiamento extraordinario tan esmagadoramente superior ao doutras forzas resulta moi desigual a loita política electoral. Iso sen tomar en conta as outras múltiples vías de apoio dos poderes económicos aos partidos que consideran seus (apoio mediático, influencia social directa e indirecta, etc).
Resulta, desde logo, moi tentador poñer en relación o financiamento extraordinario do PP na era Bárcenas e a consolidación do PP como unha poderosísima maquinaria eleitoral nos anos noventa, a pesares de contar cun liderato (o de Aznar) que era considerado naquela altura claramente mediocre.  
Coa perda do poder no goberno central en 2004 –que non na Comunidade Autónoma e concellos madrileños, Valencia, etc- e logo coa crise e a explosión da burbulla inmobiliaria rómpense algunhas “complicidades”. As primeiras desavinzas entre certos elos febles da cadea no concello de Majadahonda darían pé a unha investigación xudicial de Garzón que permitiu ir tirando do fío até chegar agora a Bárcenas, as súas contas e os seus papeis. E o que cabe agardar que aflore no futuro se os fíos do poder non frean a actividade xudicial.
A fondura dos piares tocados ou a punto de ser tocados fai que moitos albisquen un verdadeiro cataclismo nas cloacas do poder. Algunhas persoas temen que a guerra cuase-aberta entre as faccións da dereita político-económica acabe desembocando nun certo golpe de palacio que poña a democracia –que xa hoxe é espectral- nunha situación de auténtica excepción. Algúns temen que sexa unha estrataxema para abrir paso a un goberno “tecnócrata” ou que sirva para catalizar unha opción da extrema dereita madrileña capitaneada, por exemplo, por Esperanza Aguirre. O máis escandaloso é que a propia Cospedal non ten reparo en meter medo –aínda máis- mentando aos militares.
Sen ignorar os riscos das actuais batallas submariñas, a miña hipótese é que o “golpe” xa foi dado polos protagonistas desa trama ao longo dos anos noventa e hoxe estariamos vendo as disensións internas dentro da trama unha vez que comezaron a saltar algunhas das súas pezas –outras moitas seguen aínda opacas-.  O golpe primixenio é o protagonizado polo capital castizo madrileño para apropiarse de xeito máis completo e directo do poder político e institucional de todo o estado, empezando polo o goberno central, o goberno madrileño e as institucións clave do estado e continuando polo das comunidades autónomas. Compre situar o inicio da traxectoria de Bárcenas (prolongando as impunes prácticas de Naseiro) no comezo daquela auténtica conspiración dos poderes madrileños para levar o PP ao poder nos anos noventa. Aquela febril conspiración, que en parte podemos rescatar nas hemerotecas, non era movida só por aquilo de levar a dereita de novo ao goberno senón por un obxectivo moito máis ambicioso que tentaba controlar o aparato de estado e poñer o orzamento público ao servizo dos seus negocios.
Efectivamente, ese movemento profundo das elites madrileñas foi posto en marcha pola alianza das grandes construtoras, as grandes empresas dos mercados regulados, as finanzas e a “brunete mediática” (ABC, El Mundo, COPE, etc) que apostaron moi forte nos noventa por converter ao PP nunha maquinaria de poder da man do “clan de Valladolid” (a FAES de Cortés, Aznar, Sepúlveda, Mato e a rede dos que como Zaplana “estaban en política para forrarse”). O obxectivo era claro: conquistar o poder, deseñar o estado á medida dos seus intereses e poñer o orzamento público ao alcance das súa ambicións. As relacións cos grandes poderes económicos da capital eran Rato, Aguirre e unha vez que chegaron ao poder en 1996 reforzaron posicións co inefábel Villalonga (Telefónica), Alierta (Tabacalera, logo Telefónica), Martín Villa/Pizarro (Endesa),  Blesa (Caja Madrid), Corsini (Renfe), Cortina (Repsol)... e todos os “retoños” da carcundia madrileña que desembarcaron detrás deles.
Nese entramado, tipos como Bárcenas, Sepúlveda, Correa e uns cuantos máis están durante todos eses anos nas cloacas do financiamento das campañas e repartindo os aguinaldos que “premian e blindan as fidelidades”. Pero o xogo importante, o de alcance sistémico, voaba por outras dependencias, palcos do Real Madrid, Clubes de Golf, palacios e palacetes.
Aquela toma do poder permitiu poñer o goberno ao servizo do negocio dos grandes lobbies e déixanos unha pesada lousa para o noso futuro: a) para empezar as citadas grandes empresas privatizadas convertéronse na fonte de rendas, postos e negocios para a nutrida rede da elite madrileña; b) a liberalización do solo aprobada en 1998 por Aznar (sendo Ministro Arias Salgado, actual presidente de Carrefour e World Duty Free) foi o panal de rica mel no que engordarían todas as grandes inmobiliarias madrileñas e amasarían as inmensas fortunas as grandes construtoras (Florentino, Koplowitz, Villar Mir, Entrecanales, F. Martin, Del Pino, De Rivero, etc); c) os fondos estruturais e de cohesión entréganse con particular predilección ao cemento e o asfalto a maior gloria das grandes construtoras; d) a industria militar vai beneficiarse dunhas megalómanas compras do Ministerio de defensa postas en marcha en 1998 polo bicéfalo Morenés en base a unha enxeñería de prestamos que hoxe supón un 5% da débeda pública española; e) a corrupta liberalización eléctrica de Rato e o cálculo da tarifa converteunos a todos en pagáns dun “déficit tarifario” que hoxe representa un 4% da débeda pública e as tarifas máis caras de Europa; f) esa desmesurada ambición madrileña plásmase na expansión de Bankia e Mapfre que hoxe nos custa a todos uns 23.000 millóns de euros (3% da débeda pública total). E así a seguir...
Esa tomada do poder total por parte do capital castizo madrileño é algo que tivo enormes consecuencias na marcha do estado español desde entón e explica en boa medida o tipo de políticas que acabaron conducindo á actual crise económica e institucional. Pero tamén tivo e ten enormes consecuencias no mapa territorial polo seu crecente cuestionamento do reparto competencial e do reparto do mercado público coas elites económicas territoriais. Na ambición dos lobbies madrileños ocupa un lugar central o control dos recursos manexados polas comunidades autónomas e, co paso do tempo e constatando as dificultades para conseguilo, iso vai dar paso a un asalto ao estado das autonomías presionando para poñer en marcha un proceso de recentralización. Ese proceso collería pleno auxe unha vez conquistado o poder central poñendo Aznar á cabeza do goberno. A súa segunda lexislatura serviu para lanzar todas as baterías contra os poderes autonómicos para crear un ambiente propicio para a recentralización que hoxendía estamos vivindo.
Nese sentido, as contraditorias relacións do PP de Galicia da era Fraga-Cuiña coa Gürtel, con Martínez Núñez, Villar Mir, o singular papel de Pablo Crespo, etc son o reflexo desa batalla larvada ou non tan larvada entre a rede dos poderes madrileños e os propios intereses locais, dos que, sen dúbida, Cuíña era valedor –e tamén interesado-. De feito as conexións da trama central/madrileña coas CCAA gobernadas polo PP reflicte as contradicións de intereses locais e centrais e o esforzo que desde Madrid se fai por impoñerse e garantir a submisións dos poderes “rexionais”. Ese tipo de contradicións son as que reforzan a opción centralizadora que se vai impoñer no PP de xeito moito máis agresivo a partires do ano 2000.
En definitiva, a trama PP-Bárcenas explica moitos máis problemas actuais dos que a primeira vista calquera puidera supoñer. Explícaos xustamente porque foron eficaces e cumpriron os seus obxectivos, para desgraza de todos nós.
Tamén é certo que sexa cal sexa o desenlace xudicial de todo isto, cómpre sacar leccións políticas de todo isto –e de todo o demais. Algúns tomamos a decisión de romper definitivamente con Madrid, ese burato negro que todo o absorbe deixando un deserto ermo en todo o seu radio de acción; ese “sumidoiro de todas as enerxías públicas” que dicía Paz Andrade. O caso PP-Bárcenas é o envés enlamado do fulgurante neocentralismo da dereita española “made in Madrid”. Agora disque non lles abonda coa fidelidade de Rajoy nin co control exercido con sete ministros madrileños e o 80% dos altos cargos desa mesma procedencia, vencellados aos diferentes lobbies. Pois que poñan á fronte dunha vez a unha das súas, a unha pata negra. Que leven a sede da Xunta para a Puerta del Sol e con ela o seu devoto servidor. Alá eles. Nós temos que encetar o camiño da nosa dignidade colectiva, defender o noso e impedir que volvan converternos nunha colonia como fomos durante tanto tempo.

(Publicado en Sermos Galiza, 13.02.2013)