quarta-feira, 13 de fevereiro de 2013

PP-Bárcenas e o burato negro madrileño

O caso PP-Bárcenas-Gürtel empeza a sacar á luz algo dun alcance que supera moito o que puidera ser catalogado como un caso de grave corrupción. Non é só unha cuestión da magnitude de diñeiro en xogo ou duns sobresoldos obscenos e escandalosos, a fraude continuada a facenda, as contas en Suíza, a picaresca deslealdade entre os membros da cúpula do PP, etc. asuntos todos ben graves, repugnantes e puníbeis tratándose de persoas con altas responsabilidades de goberno en diferentes momentos. Nin tan sequera é o insultante abuso da mentira a que nos teñen acostumados os dirixentes do PP, día si e día tamén, sobre os seus soldos ou a súa acción de goberno. O verdadeiro alcance do problema deriva de que o agromado até agora nos xulgados revela a existencia dunha trama de financiamento ilegal do PP e un uso do poder a beneficio dos lobbies financiadores. Aínda que só teñamos á vista a punta do iceberg.
Polo tanto, máis alá da inmoralidade e enriquecemento ilícito dalgúns, cómpre identificar cales son os móbiles e calibrar cales as consecuencias políticas e económicas que todo iso tivo e ten para a marcha do conxunto da sociedade, para o funcionamento da democracia e das institucións e mesmo para o modelo de estado. Porque haberá que ir poñendo as cousas en perspectiva e recoñecendo que na rebotica do “lavadoiro” de Bárcena-Sepúlveda puxéronse ao longo dos noventa os alicerces para o asalto ao Poder dunha trama económica madrileña que confiou en Aznar a conquista dos resortes institucionais. E cando digo “trama económica madrileña” non me refiro aos “conseguidores-comisionistas” da Gürtel que hoxe están na cadea ou encausados senón aos que movían e moven os fíos na elite do capitalismo castizo da capital.   
O auténtico problema que está detrás do ruído mediático é o financiamento ilegal masivo e continuado do PP –do que o destapado semella tan só un anticipo- e os seus efectos nunha dupla dimensión: por unha banda, a deturpación do xogo democrático como consecuencia dunha enorme desigualdade de medios e, pola outra, a captura do poder político-institucional por parte dos lobbies económicos –madrileños- que subxace detrás desas prácticas.
Para comprender ben o alcance do xogo é preciso diferenciar ben o núcleo do que son as súas ramificacións. Nese sentido, o carácter madrileño da trama é un feito esencial que cómpre ter moi presente para calibrar de xeito acaído o seu significado político e as contradicións dos seus tentáculos en diferentes partes da xeografía do estado español.
Outro punto crucial para entender o problema é fixarse tanto no financiamento ilegal e ilícito –unha parte del empeza a agromar nos papeis pero outro moito segue aínda na sombra- como nas enormes doazóns “anónimas” recibidas. Tan só estas últimas ascenden no caso do PP a 28 millóns de euros entre 1993 e 2007, segundo a información publicada estes días (iso sen contar as condonacións de préstamos millonarios por parte de bancos e caixas). Cun financiamento extraordinario tan esmagadoramente superior ao doutras forzas resulta moi desigual a loita política electoral. Iso sen tomar en conta as outras múltiples vías de apoio dos poderes económicos aos partidos que consideran seus (apoio mediático, influencia social directa e indirecta, etc).
Resulta, desde logo, moi tentador poñer en relación o financiamento extraordinario do PP na era Bárcenas e a consolidación do PP como unha poderosísima maquinaria eleitoral nos anos noventa, a pesares de contar cun liderato (o de Aznar) que era considerado naquela altura claramente mediocre.  
Coa perda do poder no goberno central en 2004 –que non na Comunidade Autónoma e concellos madrileños, Valencia, etc- e logo coa crise e a explosión da burbulla inmobiliaria rómpense algunhas “complicidades”. As primeiras desavinzas entre certos elos febles da cadea no concello de Majadahonda darían pé a unha investigación xudicial de Garzón que permitiu ir tirando do fío até chegar agora a Bárcenas, as súas contas e os seus papeis. E o que cabe agardar que aflore no futuro se os fíos do poder non frean a actividade xudicial.
A fondura dos piares tocados ou a punto de ser tocados fai que moitos albisquen un verdadeiro cataclismo nas cloacas do poder. Algunhas persoas temen que a guerra cuase-aberta entre as faccións da dereita político-económica acabe desembocando nun certo golpe de palacio que poña a democracia –que xa hoxe é espectral- nunha situación de auténtica excepción. Algúns temen que sexa unha estrataxema para abrir paso a un goberno “tecnócrata” ou que sirva para catalizar unha opción da extrema dereita madrileña capitaneada, por exemplo, por Esperanza Aguirre. O máis escandaloso é que a propia Cospedal non ten reparo en meter medo –aínda máis- mentando aos militares.
Sen ignorar os riscos das actuais batallas submariñas, a miña hipótese é que o “golpe” xa foi dado polos protagonistas desa trama ao longo dos anos noventa e hoxe estariamos vendo as disensións internas dentro da trama unha vez que comezaron a saltar algunhas das súas pezas –outras moitas seguen aínda opacas-.  O golpe primixenio é o protagonizado polo capital castizo madrileño para apropiarse de xeito máis completo e directo do poder político e institucional de todo o estado, empezando polo o goberno central, o goberno madrileño e as institucións clave do estado e continuando polo das comunidades autónomas. Compre situar o inicio da traxectoria de Bárcenas (prolongando as impunes prácticas de Naseiro) no comezo daquela auténtica conspiración dos poderes madrileños para levar o PP ao poder nos anos noventa. Aquela febril conspiración, que en parte podemos rescatar nas hemerotecas, non era movida só por aquilo de levar a dereita de novo ao goberno senón por un obxectivo moito máis ambicioso que tentaba controlar o aparato de estado e poñer o orzamento público ao servizo dos seus negocios.
Efectivamente, ese movemento profundo das elites madrileñas foi posto en marcha pola alianza das grandes construtoras, as grandes empresas dos mercados regulados, as finanzas e a “brunete mediática” (ABC, El Mundo, COPE, etc) que apostaron moi forte nos noventa por converter ao PP nunha maquinaria de poder da man do “clan de Valladolid” (a FAES de Cortés, Aznar, Sepúlveda, Mato e a rede dos que como Zaplana “estaban en política para forrarse”). O obxectivo era claro: conquistar o poder, deseñar o estado á medida dos seus intereses e poñer o orzamento público ao alcance das súa ambicións. As relacións cos grandes poderes económicos da capital eran Rato, Aguirre e unha vez que chegaron ao poder en 1996 reforzaron posicións co inefábel Villalonga (Telefónica), Alierta (Tabacalera, logo Telefónica), Martín Villa/Pizarro (Endesa),  Blesa (Caja Madrid), Corsini (Renfe), Cortina (Repsol)... e todos os “retoños” da carcundia madrileña que desembarcaron detrás deles.
Nese entramado, tipos como Bárcenas, Sepúlveda, Correa e uns cuantos máis están durante todos eses anos nas cloacas do financiamento das campañas e repartindo os aguinaldos que “premian e blindan as fidelidades”. Pero o xogo importante, o de alcance sistémico, voaba por outras dependencias, palcos do Real Madrid, Clubes de Golf, palacios e palacetes.
Aquela toma do poder permitiu poñer o goberno ao servizo do negocio dos grandes lobbies e déixanos unha pesada lousa para o noso futuro: a) para empezar as citadas grandes empresas privatizadas convertéronse na fonte de rendas, postos e negocios para a nutrida rede da elite madrileña; b) a liberalización do solo aprobada en 1998 por Aznar (sendo Ministro Arias Salgado, actual presidente de Carrefour e World Duty Free) foi o panal de rica mel no que engordarían todas as grandes inmobiliarias madrileñas e amasarían as inmensas fortunas as grandes construtoras (Florentino, Koplowitz, Villar Mir, Entrecanales, F. Martin, Del Pino, De Rivero, etc); c) os fondos estruturais e de cohesión entréganse con particular predilección ao cemento e o asfalto a maior gloria das grandes construtoras; d) a industria militar vai beneficiarse dunhas megalómanas compras do Ministerio de defensa postas en marcha en 1998 polo bicéfalo Morenés en base a unha enxeñería de prestamos que hoxe supón un 5% da débeda pública española; e) a corrupta liberalización eléctrica de Rato e o cálculo da tarifa converteunos a todos en pagáns dun “déficit tarifario” que hoxe representa un 4% da débeda pública e as tarifas máis caras de Europa; f) esa desmesurada ambición madrileña plásmase na expansión de Bankia e Mapfre que hoxe nos custa a todos uns 23.000 millóns de euros (3% da débeda pública total). E así a seguir...
Esa tomada do poder total por parte do capital castizo madrileño é algo que tivo enormes consecuencias na marcha do estado español desde entón e explica en boa medida o tipo de políticas que acabaron conducindo á actual crise económica e institucional. Pero tamén tivo e ten enormes consecuencias no mapa territorial polo seu crecente cuestionamento do reparto competencial e do reparto do mercado público coas elites económicas territoriais. Na ambición dos lobbies madrileños ocupa un lugar central o control dos recursos manexados polas comunidades autónomas e, co paso do tempo e constatando as dificultades para conseguilo, iso vai dar paso a un asalto ao estado das autonomías presionando para poñer en marcha un proceso de recentralización. Ese proceso collería pleno auxe unha vez conquistado o poder central poñendo Aznar á cabeza do goberno. A súa segunda lexislatura serviu para lanzar todas as baterías contra os poderes autonómicos para crear un ambiente propicio para a recentralización que hoxendía estamos vivindo.
Nese sentido, as contraditorias relacións do PP de Galicia da era Fraga-Cuiña coa Gürtel, con Martínez Núñez, Villar Mir, o singular papel de Pablo Crespo, etc son o reflexo desa batalla larvada ou non tan larvada entre a rede dos poderes madrileños e os propios intereses locais, dos que, sen dúbida, Cuíña era valedor –e tamén interesado-. De feito as conexións da trama central/madrileña coas CCAA gobernadas polo PP reflicte as contradicións de intereses locais e centrais e o esforzo que desde Madrid se fai por impoñerse e garantir a submisións dos poderes “rexionais”. Ese tipo de contradicións son as que reforzan a opción centralizadora que se vai impoñer no PP de xeito moito máis agresivo a partires do ano 2000.
En definitiva, a trama PP-Bárcenas explica moitos máis problemas actuais dos que a primeira vista calquera puidera supoñer. Explícaos xustamente porque foron eficaces e cumpriron os seus obxectivos, para desgraza de todos nós.
Tamén é certo que sexa cal sexa o desenlace xudicial de todo isto, cómpre sacar leccións políticas de todo isto –e de todo o demais. Algúns tomamos a decisión de romper definitivamente con Madrid, ese burato negro que todo o absorbe deixando un deserto ermo en todo o seu radio de acción; ese “sumidoiro de todas as enerxías públicas” que dicía Paz Andrade. O caso PP-Bárcenas é o envés enlamado do fulgurante neocentralismo da dereita española “made in Madrid”. Agora disque non lles abonda coa fidelidade de Rajoy nin co control exercido con sete ministros madrileños e o 80% dos altos cargos desa mesma procedencia, vencellados aos diferentes lobbies. Pois que poñan á fronte dunha vez a unha das súas, a unha pata negra. Que leven a sede da Xunta para a Puerta del Sol e con ela o seu devoto servidor. Alá eles. Nós temos que encetar o camiño da nosa dignidade colectiva, defender o noso e impedir que volvan converternos nunha colonia como fomos durante tanto tempo.

(Publicado en Sermos Galiza, 13.02.2013)



Sem comentários:

Enviar um comentário