Declaración do BNG diante do inminente anuncio da
quita sobre as preferentes e subordinadas
O BNG manifesta o
seu respaldo aos aforradores estafados pola banca con produtos complexos como
as preferentes e subordinadas e expropiados finalmente por unha decisión
inxusta do Goberno do Partido Popular imposta a través dunha lei de excepción
económica.
Reclama unha
urxente reconsideración das medidas aprobadas polo Goberno e polo FROB.
O FROB anunciou
onte (19.03.2013) que vai facer público o venres dia 22 os termos do canxe das
Participacións Preferentes e Débeda subordinada.
Ese día
coñeceranse definitivamente as condicións e a contía da quita a aplicar aos
diferentes títulos. A contía da quita reflicte de feito a vontade de
expropiación dos aforradores populares por parte do Goberno Popular e da
Troika, tal como foi recollido no “Memorandum
de entendemento” aprobado o ano pasado.
O BNG rexeita –e
rexeitou sempre- a fraude e a ilegalidade na que incorreu a banca e as caixas
colocando produtos complexos a aforradores que non reunían os requisitos para
iso e que foron enganados con información falaz ou simplesmente con
desinformación. O BNG tamén denunciou sempre a colaboración e vista gorda do
Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galicia diante desa política
agresiva e fraudulenta das entidades financeiras.
Rexeitamos as
sucesivas decisións adoptadas polo Partido Popular e Bruxelas que buscan
detraer recursos dos aforradores para colmar as necesidades do enorme burato
das entidades financeiras.
De feito, esa
quita vai anunciarse o mesmo dia en que se dicide canto recursos
destinar para o
rescate da entidade falida madrileña Bankia.
Denunciamos o “trileiro”
e mentirán xogo realizado polo goberno de Núñez Feijóo xogando
irresponsabelmente coa confianza dos afectados e vendendo falsas esperanzas aos
aforradores estafados.
Quedan máis de 62.000 familias afectadas no noso país. Ameazados pola inminente aplicación
dunha quita inxusta que consagra a estafa.
Resulta
absolutamente inxusto que a crise e as débedas bancarias sexan enxugadas incautándose dos aforros das
familias. Os aforradores non poden ser os grandes perdedores da
irresponsabilidade dunhas entidades que dispararon a súa débeda para entrar no
negocio especulativo.
O BNG comprende a
indignación e desesperación dos afectados ante ese arbitrario desenlace.
Comprende ademais
a frustración e indignación cos responsábeis das entidades e cos responsábeis
políticos do PP que respaldan as decisións do Goberno deste partido.
Diante da
evidente situación de indignación dos afectados e da poboación en xeral, que
corre o risco de dar lugar a situacións dramáticas, o BNG reclama unha urxente
reconsideración dos acordos de conversión e canxe de preferentes e subordinadas
establecidos polo Goberno Central e o FROB.
Reclamamos a
devolución íntegra dos aforros aos seus propietarios.
O problema das preferentes e subordinadas
evidencia a importancia da soberanía para enfrontar as decisións inxustas da
banca e do Eurogrupo e protexer os intereses da cidadanía e dos aforradores. O BNG chama a cidadanía a reflexionar
sobre a diferenza substancial na resolución dos problemas da crise bancaria en
países soberanos como Islandia e mesmo en Chipre. O Parlamento soberano de
Chipre ven de rexeitar o plan do Eurogrupo para impoñer unha quita aos
depositantes. Esa decisión soberana paraliza e impide o plan do Eurogrupo. No
caso de Galiza, o Parlamento pronunciouse por unanimidade a favor de atopar
unha solución diferente e xusta para os afectados polas preferentes e subordinadas.
Ese acordo acaba sendo un brinde ao sol porque o noso Parlamento non é soberano
e as súas resolucións non teñen eficacia xurídica nesa materia. Un Parlamento
non soberano é un parlamento irresponsábel, cuxas resolucións son meros
pronunciamentos nunha materia tan importante para nós.
Esta é unha boa
razón pola que o BNG defende a necesidade de que o noso país sexa soberano,
para que as decisións do noso Parlamento non sexan papel mollado e teñan plena
eficacia xurídica.
Declaración feita
pública en Tui polo Portavoz Nacional do BNG o 20 de marzo de 2013.
Sem comentários:
Enviar um comentário