Amigos e amigas
das 40 organizacións nacionalistas participantes na XII Asemblea xeral da
Alianza Libre Europea,
Compañeiras,
compañeiros
Quero empezar agradecendo
aos 150 compañeiros e compañeiras chegadas das diferentes nacións sen estado de
Europa pola súa compañía estes tres días de reflexión e de convivio. Tanto as
organizacións políticas como as súas organización da mocidade, semente desa
Europa nova pola que batallamos todas e todos os que aquí estamos.
Estes días
partillados son importantes para consolidar esa rede de solidariedade
imprescindíbel entre todos o pobos negados de Europa, entre todas as nacións
sen estado, que reclamamos o noso pleno recoñecemento como suxeitos políticos
na escena internacional.
O avance de cada
un de nós depende do impulso dos nosos respectivos pobos.
Agora ben, cada
avance dun pobo europeo cara a soberanía constitúe un estímulo e un impulso
para todos os demais. De cada experiencia aprendemos todos. Os actuais camiños
percorridos por Escocia ou Catalunya cara os seus referendos son un laboratorio
no que todos aprendemos. A complexa e complicada construción dun estado novo no
marco europeo por vías totalmente pacíficas é un fantástico proceso social,
político e institucional, tanto cara dentro como de cara a comunidade
internacional.
Neste ano as
experiencias de Escocia e Catalunya son un estímulo para todos as nacións sen
estado de Europa. Desde aquí desexámoslles éxito no respectivos referendos. O
de Escocia está convocado. No caso de Catalunya temos que sumar todas as voces
dos demócratas para esixir ao Estado Español que respecte o dereito a celebrar
o referendum con todas as garantías.
O dereito a
decidir é un dereito democrático que non pode ser negado por ningún demócrata
europeo. Porén, o estado español e outros estados europeos negan o seu
exercicio. Tamén a Comisión Europea e o seu presidente conservador, sr Barroso,
actúan como cancerberos dos estados negacionistas.
Por iso é moi
importante que unamos as nosas voces para reclamar unha Europa que recoñeza na
práctica o dereito de autodeterminación.
En maio temos eleccións
ao Parlamento Europeo. Temos que conseguir unha potente representación das
nosas forzas no Parlamento Europeo para avanzar cara unha Europa dos Pobos e converter
o dereito a decidir nun principio institucional básico.
Temos que camiñar
cara unha nova arquitectura europea.
Este ano temos
unha oportunidade para empezar a construír outra Europa.
Desde logo, o BNG
aspira a unha representación potente e directa de Galiza en Europa da man da nosa
eurodeputada Ana Miranda. Temos que levar alí a voz da nosa nación, dos nosos
sectores produtivos destrozados por políticas europeas e españolas inxustas.
Das experiencias
Escocesa e Catalana, pero tamén da flamenca ou a vasca aprendemos que os pasos
cara a autodeterminación requiren a previa
conquista das institucións de autogoberno polas forzas nacionalistas. Desde
elas construímos a nación política e preparamos o país para a soberanía.
Moitos de nós
temos, polo tanto, a prioridade de acadar unha maioría social e política que
permita ese escenario.
Temos que facelo
a partir dos problemas que preocupan a maioría social.
Esta crise económica, social e institucional
que estamos vivindo é unha oportunidade para as opcións soberanistas.
O fracaso dunha UE neoliberal, dominada
polos mercado liberalizados e desregulados, evidencia a necesidade de
instrumentos de regulación e políticas que preserven as condicións de
desenvolvemento e benestar de cada territorio.
O fracaso de certos estados, como o
español, que está nunha fuga cara adiante que o conduce a implosión
centralista, é unha oportunidade para as nacións para afirmarse.
Non só para as nacións ricas, apoiadas en argumentos
de transferencias fiscais, senón tamén para as nacións menos ricas, como Galiza, que precisan instrumentos
políticos para impulsar a súa economía produtiva e o emprego que eviten a
desertización demográfica, a emigración masiva e o brain drain.
Desde logo o centralismo e a dereita conservadora do PP
non ten un proxecto de futuro para o noso país. Só ten como meta colaborar de
xeito submiso no proceso recentralizador do PP estatal.
Feijóo e os seus
ocupan as institución do noso país asumindo un rol subsidiario, actuando como
auténticos mercenarios ao servizo da estratexia madrileña e dos lobbyes
económicos madrileños: gran banca, eléctricas, grandes construtoras e empresas
de servizos.
Feijóo e os seus
colaboran entusiastas no espolio do país,
o espolio dos seus recursos e do seu aforro e entregan directamente o orzamento
dos galegos as empresas madrileñas coas que contratan os servizos públicos
privatizados.
A corrupción que sufrimos non é só a da Pokemon, na que vemos
a dúas empresas foráneas como Vendex e Aquagest cun modus operandi corruptor
para apropiarse dos servizos públicos dos nosos concellos.
A maiores, a
corrupción grosa –a big corruption- está
nas grandes contratas de infraestruturas, na regulación do sector eléctrico a
favor dos grandes oligopolios do sector,
na entrega das nosas institucións financeiras, na legalización do roubo
e a estafa aos nosos aforradores, etc, etc.
Agora tentan
poñer o ventilador para construír o discurso de que “todos somos iguais”. Pois
temos que dicir ben alto NON SOMOS IGUAIS. Nós estamos en contra das
privatizacións e é evidente no sumario –como hoxe recoñece algunha prensa- que
os de Vendex non entraron en Pontevedra, onde gobernamos desde 1999, porque non
encontraron ninguén disposto a corromperse, porque o BNG non se corrompe. Non
somos iguais!
A corrupción está
asociada a ese modelo de economía desregulada e de privatizacións que veñen
impulsando as políticas neoliberais europeas e, en particular, esa Directiva
Bolkestein que impulsa as privatizacións de servizos e arrasa cos dereitos
laborais, e que neste país aplica con paixón e entrega a dereita española e
tamén os socialiberais do PSOE.
Pedimoslle a
Feijóo que cese aos corruptos pero, en realidade, como vai facelo?, se el e o
xefe dun partido corrupto de arriba abaixo, que goberna en contra da maioría
social e do país. Poñendo o Diario Oficial de Galicia e o orzamento do país ao servizo de todas
esas empresas que nos vampirizan e financian ao PP.
Con eses
gobernos, con esas regras, con esas políticas, non é posíbel saír da crise. Non
é posíbel impulsar a economía produtiva e o emprego. Non é posíbel preservar as
conquistas do estado dos servizos públicos avanzados como a sanidade,
educación, servizos sociais, etc.
Aplican as crueis
e inútiles políticas da troika pero
non por ser ningunha imposición. Son as súas políticas. O seu proxecto é o
proxecto de toda a dereita, española e europea.
Un proxecto de
radicalización neoliberal que se leva por diante o outrora chamado modelo
social europeo, o dereito laboral e as conquistas de décadas do estado do
benestar.
Con ese obxectivo
traballaremos nos meses que veñen.
Moito ánimo, “bon
courage”, para todas e todos.
Intervención no
acto de clausura das XII Asemblea da Alianza Libre Europea, celebrada en
Santiago de Compostela. 15.2.2014.
Sem comentários:
Enviar um comentário