É o momento de enfrontar unha Europa
internamente cruel cos débiles pero submisa diante dos lobbies ou diante da
gran potencia hexemónica. Unha Europa que recorta democracia e dereitos civís
-como a privacidade- e é humillada polo “gran irmán americano”, que non
respecta nin as comunicacións dos cidadáns europeos nin tan sequera a dos seus
presidentes e primeiros ministros. Unha Europa que se somete a ese imperio que
fai da espionaxe masiva unha base da súa fortaleza económica e do seu poderío
global. É o momento de defender a radicalidade democrática e o antiimperialismo
como base dunha Europa diferente.
Estas eleccións europeas teñen outra
significación de alcance para a consolidación do proxecto nacionalista no noso
país. Nun momento no que dentro da propia UE agroman os primeiros procesos de
creación de novos estados no seu seo como consecuencia do avance e
recoñecemento de vellas nacións como Escocia, Cataluña, Flandres, Valonia,
Euskal Herria. Mesmo Gales ou Bretaña están re-emerxendo. É o imparábel e
natural proceso de “alargamento interno” ou ruptura dos estados que pouco a
pouco irá normalizando as condicións para unha Europa dos pobos. Galiza non
pode descolgarse dese proceso no que nos xogamos a posibilidade de acadar un
novo estatus nun horizonte máis ou menos próximo. O noso camiño será o longo
que sexa preciso mais as evidencias acabarán levando a un abano cada vez máis
amplo de galegos e galegas a proclamar a necesidade dun estado propio para
gobernarmos o noso futuro coas mellores ferramentas posíbeis, que son
xustamente as ferramentas dun estado.
A crise da globalización neoliberal, a
crise das soberanías recortadas, fan que a reivindicación de estado propio
estea hoxe no centro da axenda en seis nacións europeas, cando menos. Iso mesmo
fai que ese teña que ser hoxe o centro do discurso de calquera alternativa
nacionalista no noso país. Ningún nacionalista pode ignoralo. Sería unha grave
miopía e irresponsabilidade non percibir a singularidade deste momento para a
loita polo recoñecemento das nacións en Europa. Por iso a responsabilidade dos
nacionalistas galegos neste momento ten que plasmarse en colocar Galiza con
rotundidade nese debate soberanista. E a mellor maneira de facelo é conformar
unha grande coalición nidiamente nacionalista, con xenerosidade e altura de
miras.
Trátase de enxergar unha coalición dos
nacionalismos de esquerdas, que para iso somos os que conformamos a vangarda
nesa loita polo recoñecemento, ao tempo que pulamos por unha mudanza radical
nas regras de xogo económicas e no modelo social en Europa. Non caben aquí
desvaríos nin diletancias coa cuestión da esquerda. Calquera proxecto de
esquerda precisa romper coa globalización neoliberal, coa liberalización e a
desregulacións dos mercados. Non hai proxecto posíbel para a esquerda sen a
soberanía que nos empodere fronte aos mercados globais, como a crise actual se
encargou de evidenciar con total virulencia. Que esquerda non se enterou aínda?
Que viabilidade ten calquera esquerda sen previamente conquistar soberanía para
decidir “soberanamente” outro tipo de políticas e outro modelo social? Que
políticas sociais, que servizos públicos, que benestar son posíbeis sen
preservarmos unha economía produtiva que xere empregos, rendas e ingresos
públicos suficientes para financialos? Como pode preservarse unha economía
produtiva diversificada e sostíbel sen soberanía para regular os fluxos
externos?
Hoxe por hoxe, a esquerda ou é
soberanista ou ten escasas posibilidades de poder plasmar as súas propostas
alternativas. Por iso todos os nacionalistas de esquerda das diferentes nacións
coincidimos na prioridade desa loita e tamén na necesidade de conformar
alianzas que nos reforcen mutuamente. E todos sabemos e compartimos que o
camiño para avanzar non pasa por entregarlles o protagonismo ás forzas
estatais, sexan estas máis ou menos de esquerdas, fagan uso ou non dunha
retórica “comprensiva” coas aspiracións autodeterministas. Pola contra, é o
momento de facer valer os argumentos para erguer en cada nación alternativas
nacionalistas capaces de encarnar unha opción maioritaria para toda a esquerda
social.
Pero hai un terceiro factor que compre
ter ben presente: a forma de encarar as eleccións europeas de 2014 vai marcar o
futuro do nacionalismo galego para os vindeiros anos –e, polo tanto, a
viabilidade práctica do que acabo de sinalar.
O nacionalismo galego viviu un
desafortunado proceso de disgregación, froito da incapacidade para administrar
consensuadamente dentro da casa común un certo retroceso no apoio social e
electoral desde fai xa máis dunha década e da incapacidade para dixerir unha
renovación xeracional inasumida e mal executada. A creación de novas
organizacións e a necesidade conseguinte de definir espazos propios acabou
dando lugar a discursos que se foron afastando co paso do tempo e que acabaron
creando a sensación dunha separación irreversíbel.
As eleccións de 2014 representan unha
oportunidade para frear o proceso disgregador e crear as condicións para o
reencontro ou, cando menos, para retecer a colaboración desde a diversidade. Un
sumatorio que debería situar o nacionalismo galego por volta do 20-25% do
electorado de xeito case inmediato. Algúns creemos que 2014 é unha oportunidade
única e quizais a mellor que pode presentarse en moito tempo para dar o paso da
colaboración a través da unidade de acción, conformando unha ampla coalición de
forzas nacionalistas de esquerda.
No espazo nacionalista de esquerdas pode
haber diferenzas e mesmo ocasionais disputas pero non hai barreiras
insalvábeis. Do lado de acó do Rubicón as diferenzas encaixan dentro da matriz
común. O problema está cando alguén decide cruzar o Rubicón. A partir dese
momento muda, quéirase ou non, o propio campo de xogo e os aliñamentos e, en
consecuencia, as voltas atrás resultan máis complexas. As confrontacións
abertas no plano político e electoral acaban creando un foxo non só entre os
dirixentes ou entre a militancia das respectivas organizacións senón tamén no
propio corpo social. Os efectos colaterais da disputa política acaban facendo
mella no divorcio afectivo e, finalmente, ideolóxico dunha parte da base
social. Iso é o que no longo prazo debilita e desgasta o conxunto do
nacionalismo.
Para dicilo con total clareza, se unha
forza como Anova decidira dar o paso de ir baixo o paraugas de Izquierda Unida,
sexa cal sexa a denominación da candidatura, faría moito máis difícil retecer
ese espazo. E iso debilitaría o espazo nacionalista e a propia nación.
Supoñería un paso atrás no proxecto de construción da nación soberana, que
asenta sobre todo no afortalamento das forzas políticas propias, con proxecto
de seu e non supeditado ás forzas de obediencia estatal.
A alianza electoral que conformou AGE,
coa EU actuante en Galiza, foi presentada no seu momento como unha unidade de
acción puntual que non ataría para alianzas futuras, reivindicando Beiras a
idea da “xeometría variábel” de alianzas. Se neste lance das europeas a
xeometría variábel proclamada queda descartada co argumento do eventual
“despeito” do socio ou calquera outro pinchacarneiros retórico, estarían
certificando a irreversibilidade do paso dado.
O propio texto de Beiras para
posicionarse a prol dunha integración na candidatura de IU acaba poñendo ao
descuberto que toda a pirotecnia verbal depregada nos últimos meses arredor da
“fronte ampla nacionalista e rupturista” ou da “creba do réxime e da
restauración borbónica” ou “dos vizosos movementos sociais” non eran máis que
fabulacións inverosímiles para facer conversación ao longo dun camiño cuxo
desenlace final estaba perfectamente calculado a priori. Acabar enganchada de
Izquierda Unida é o final dunha aventura que lonxe do discurso proclamado sobre
a simbiose cos movementos sociais é, na práctica, un cartel electoral cunha
finalidade centrada na ocupación de espazo de representación institucional,
aquí e en Bruxelas.
O BNG si está hoxe traballando
activamente en todos os movementos sociais activos que hai no país. E faino
traballando man con man con persoas dos máis variados perfís, sen buscar
protagonismos espúreos. Pero, ao mesmo tempo, o BNG ten claro que o proceso
soberanista/autodeterminista non é compatíbel cunha subordinación a forzas de
carácter estatal. Esa é a posición do BNG desde sempre, non por sectarismo
senón porque o obxectivo primordial definitorio dunha forza nacionalista é a
afirmación da nación, a defensa dos seus intereses específicos e eliminación de
calquera caste de supeditación a intereses ou forzas estatais e, no noso caso,
como ferramenta indisociábel da estratexia para o desenvolvemento do país e o
cambio social. Formular esta cuestión como un problema de talante ou sectarismo
é en si mesmo revelador da incomprensión da realidade nacional, da negación da
realidade nacional como realidade substantiva. Efectivamente, para os
nacionalistas españois a existencia de nacionalismos soberanistas sempre foi visto
como “un incordio”, un capricho, un factor de división fronte a “natural
unidade” das propostas no plano estatal. Para esa visión estatal –bastante
común non só na dereita española senón tamén na esquerda- os demais
nacionalismos que se lle opoñen sempre foron un factor de división. E iso sen
remontarnos a aqueles momentos en que falar en galego nas asembleas era
virulentamente rexeitado polos militantes do PCE por consideralo factor de
división. Afortunadamente as formas mudaron moito e para ben, o fondo xa é
outro cantar...
Pola contra, os nacionalistas afirmamos
a importancia central do principio de auto-organización, porque as forzas
políticas propias son o motor e xermolo para a creación das bases do novo
estado. Sobre esa base, co recoñecemento mutuo como iguais, sempre será posíbel
a cooperación internacionalista. Para sumarse a esa andaina non hai cancelas
para ninguén; todos os que queiran teñen a nosa man tendida.
O rupturismo retórico da “fronte ampla” fai bandeira da
república federal e, entre nós, para o que está a servir é para romper o
nacionalismo e romper co nacionalismo. O compromiso de “mínimos” da “fronte
ampla” obriga a acoplar o discurso ao federalismo de IU, renunciando de facto a
proclamar calquera discurso soberanista/independentista. O “silenciador” xa ven
operando nos últimos meses até o ponto de facer inaudíbel o discurso dos
outrora independentistas e soberanistas que hoxe aceptan a disciplina de AGE. O
paso que están a piques de dar non fará máis que rematar ese proceso e non será
estraño ver como, no intento de acomodarse ao novo marco discursivo, algúns
empezarán tornarse arietes contra os antigos compañeiros e camaradas. Nese
sentido, a “fronte ampla” é a máis sibilina termita anti-nacionalista e anti-independentista.
Precisamente por iso non lle faltarán padriños. Iso é nadar coa corrente nun
país onde o nacionalismo é aínda unha incómoda minoría.
A apelación retórica á unidade baixo o
paraugas da “Fronte Ampla” para acabar con IU convértese, na práctica, nun
envoltorio para a división e ruptura do nacionalismo.
A esquerda rupturista estatal tan só é
rupturista co nacionalismo e os que optan por unirse a forzas estatais o que están
a facer é romper o nacionalismo. Non é cuestión de repartir ou quitar carnés de
nacionalismo individual. O problema é que, máis alá de como cada un se sinta e
considere, se un forma parte dunha forza política que abeira totalmente do seu
discurso diario a reivindicación nacional, o seu nacionalismo desaparece de
facto diante da sociedade.
Nese contexto, o BNG non pode máis que recoñecer a
decepción polo camiño emprendido por esa pola esgazada do nacionalismo, polo
debilitamento temporal que esa aventura representa para o nacionalismo galego
no seu conxunto. En todo caso, confiamos na madurez da base social nacionalista
e do pobo galego en xeral para encetarmos entre todos e todas unha etapa de
reforzamento do proxecto nacionalista de esquerdas que hoxe representa o BNG.
Nós seguimos apostando pola recuperación da unidade nacionalista, para sumarmos
forzas para erguer o proxecto de nación, defender unha Galiza potente en Europa
e no mundo. Un proxecto que desde hoxe terá que retecerse por abaixo e desde
abaixo, onde nace a unidade máis forte e consistente. Con todas as persoas,
colectivos e movementos que loitan para defender un país con futuro, inclusivo
e con xustiza social real. Nós estamos abertos, non hai cancelas para os
nacionalistas que deciden por si, para que Galiza decida por si. Nós sabemos
que, con decisión, este país ten futuro. Porque, como dicía o xenio de Carlos
Blanco hai uns cantos anos, “somos unha potencia”.
Sem comentários:
Enviar um comentário