segunda-feira, 10 de fevereiro de 2014

Acabar co Poder en B

Non hai corrupción benigna. Aínda que no totum revolutum da Pokemon se mesturan conversas inocuas e mencións a persoas que non aceitan entrar no xogo, o certo é que aparecen abondosos indicios de delitos e corrupción sistemática de cargos do PP e do PSOE.

A reacción destes partidos é negar os feitos, ensaiar evasivas e non a asumir responsabilidades políticas. Como fan Rajoy e Feijóo nos casos Gürtel e Bárcenas. Resulta indignante ese intento de tapar o grave magnificando o pequeno, soltando tinta a fin de que pareza que todos somos iguais ou parapetándose detrás da presunción de inocencia xudicial. O máis perverso é ese esforzo por reducilo todo a un asunto de enchufismo, presentándoo como “corrupción benigna” e mesmo caritativa.

Eses pretendidos “enchufes piadosos” tamén son delito e non poden agochar as toneladas de lixo: empresas como Vendex que converteron a corrupción en arma competitiva; empresas como Aquagest que se laian do que “lles custou gañar as eleccións” en Santiago; información privilexiada; concursos amañados; sobres de diñeiro; redes de colocación fraudulenta de familiares e militantes do partido de quenda e, como vemos na Coruña ou Santiago, tamén persecución mafiosa e despedimento de traballadores/as non afíns. Uns enchufados e outros electrocutados.

Sería un grave erro restarlle importancia a esa rede de tráfico continuado de influencias e diñeiro que pon ao descuberto o modus operandi da madrileña Vendex ou da catalá Aquagest, que de paso colonizan os nosos orzamentos. Son as irmáns pequenas da Gürtel e Bárcenas pero permiten ver a dimensión estrutural da corrupción. Que descubririamos se algún xuíz puxera baixo control os móbiles das grandes construtoras? Por iso resulta alarmante a complicidade do PP e do PSOE cos seus alcaldes e cargos públicos implicados.

Esa corrupción eleva os custes para os contribuíntes e mingua a calidade dos servizos, a beneficio da empresa que xestiona eses servizos privatizados. O poder económico conquista o poder político, vampirizando os recursos públicos e a propia democracia. Ese poder en B, alimentado polo diñeiro negro, móvese en paralelo ao poder das institucións e acaba poñendo a sociedade a mercede de redes clientelares que reparten negocios e traballos. A esencia do baltarismo asolaga ás nosas cidades.
Non abonda con pedir desculpas, a única forma de restablecer a dignidade das institucións e o respecto á cidadanía é a dimisión dos realmente implicados. E para cortar a raíz da corrupción cómpre rescatar os servizos privatizados e administralos co rigor e a transparencia do público.


Xavier Vence,  portavoz nacional do BNG.

(Artículo publicado en La Voz de Galicia, 9.2.2014)

Sem comentários:

Enviar um comentário