Homenaxe a Rosalía e
Castelao
Mozas e mozos nacionalistas,
Como cada ano celebramos este acto de recoñecemento á memoria da nosa
precursora, a memoria do no facho fundacional.
É un acto de irmanamento das xeneracións que levaron e levan “na frente
unha estrela e no bico un cantar”.
Se hoxe somos o que somos, se este país existe como nazón, se hoxe o
nacionalismo é unha realidade vizosa, se hoxe as novas xeneracións cantan
orgullosas na nosa lingua, se as novas xeneracións erguen con confianza a bandeira da soberanía...
é porque hobo un Antolín Faraldo que que clamou pola nosa liberdade
plena, uns batallóns literarios que se ergueron cos mártires de Carral, unha
Rosalía que puxo corazón e intelixencia ao noso sufrimento, as nosas
ilusións e a nosas ansias de liberdade.
E púxoo rescatando do ostracismo máis completo o noso idioma. Ela, unha
muller excepcional, valente e libre, devolveulle a dignidade ao noso idioma e
ao noso país.
Sen dúbida, podemos afirmar que Rosalía é a fundadora da nosa nazón, da
patria insobornábel e rebelde que hoxe seguimos alimentando.
De Rosalía arranca a estirpe dos que hoxe seguimos na longa batalla
pola dignidade nacional.
Os da Xeneración Nós multiplicarían e arraizarian esa estirpe, sentando
as bases do movemento político que tería en Castelao como figura máis preclara
e senlleira.
Rosalía e Castelao son os nosos pais, os pais desta estirpe rebelde que
hoxe xa é multitude en todo o país e dos que os que aqui estamos somos unha
pequena representación.
Mozas e mozos,
mantede sempre acesa esta memoria, mantede sempre vivas estas raices
das que iran agromando cada vez máis e máis pólas verdescentes e máis flores
azuis e brancas.
Somos o que somos porque temos un pasado. Nada cae do ceo e nada se
improvisa. Rosalía e Castelao son pais fundadores, desde eles xa non hai volta
atrás. Galiza só pode camiñar cara adiante, cara a súa liberdade, cara a súa
soberanía.
Multiplicade a súa estirpe, multiplicadea pola cabeza e polo corazón
pero multiplicadea tamén demograficamente.
E, sobre todo, loitade sempre polo futuro na Terra.
Non aceitedes nunca que nos neguen o dereito sagrado a vivir e
traballar na Terra.
Viaxade e aprendede polo mundo pero vide facer vida e traballo ao país.
Que non vos insulten, coma fai a infausta Ministra de Traballo, coa boutade da “mobilidade
exterior”, que rompe vidas e desangra a riqueza colectiva e destrue o futuro.
Andade polo mundo, estudade e voltade, estamos seguros que cada un/unha que vai
e volve convértese nun/nunha militante da estirpe de Rosalía e Castelao.
Nada favorece máis a autoestima e a conciencia nacional que coñecer as
virtudes da irreductíbel diversidade nacional e cultural do mundo. O
provincianismo cúrase viaxando, o nacionalismo refórzase. Nós queremos
contribuír a esa avenza, a esa riqueza diversa que é a esencia da civilización
humana. Diversidade que a barbarie da globalización neoliberal se empeña
destruír e deturpar.
Mozas e mozos,
Lede a Rosalía, lede a Castelao, honrade a súa memoria, difundide a súa
obra e o seu pensamento. Eles son semente fertil. Sementádea.
Viva Galiza Ceibe.
No Panteón de Galegos Ilustres, 24 de xullo de 2013.
Xavier Vence
Sem comentários:
Enviar um comentário