DISCURSO NO DIA DA GALIZA MÁRTIR,
EN PONTEVEDRA 17 DE AGOSTO DE 2013
"Ti eres lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro;
potente trebón que berra e crama,
home do pobo, asoballado e puro!"
(Manuel
María)
Familia Bóveda e familias dos demais mártires do 36
Alcalde da Boa Vila, Alcalde de Poio
Compañeiras e compañeiros,
No dia de hoxe, como vimos facendo dende 1942 alá onde podemos, xuntámonos
aquí os homes e mulleres demócratas e patriotas, os que temos Memoria, para
render merecida homenaxe aos nosos mártires do 36. Ao compañeiro Alexandre que
caeu na Caeira atravesado polas balas asasinas dos fascistas tal dia como hoxe.
Pero con el rendemos homenaxe e memoria aos perto de 5.000 de galegos e
galegas, demócratas, republicanos, nacionalistas que caeron asasinados naqueles
meses e anos vítimas da barbarie fascista e españolista.
Todos eles e elas foron heróis que deron a súa vida nesa loita eterna
contra a opresión, pola liberdade e pola xustiza.
Rendemos homenaxe tamén aos que pegaron cos seus osos no exilio, dos que
algúns como Castelao foron os artífices da reivindicación da súa memoria, a
empezar por esa impresionante triloxía constituída polas estampas da Galiza
Mártir, Atila en Galiza e Milicianos.
Pero rendemos homenaxe tamén aos milleiros de homes e mulleres que caeron
presos, padeceron torturas e persecución de por vida, pero sobreviviron aquí e
adicaron a súa vida a loita pola liberdade, pola xustiza e pola dignidade. Do
País e das persoas.
Estamos aquí porque temos Memoria, porque temos motivos para ter memoria,
porque temos xentes como Alexandre que foron e son exemplo inspirador, fermento
vivificante para construír un futuro diferente, con Galiza e o pobo galego como
eixo e norte das nosas vidas.
Temos que estar aquí tamén porque o espírito daqueles fascistas segue
estando aí. A dereita cavernícola e centralista segue estando aí. Cando
escoitamos ao animal do Alcalde do PP de Baralla -habería que dicir cabalo de bastos ou sota da bastos da baralla- ben sabemos que non é un verso solto,
mellor dito, non é un carneiro solto. É o ego profundo da dereita española, tan
ben representada no noso país. Non é que a dereita fascista volva agora, co
cabalo de bastos de Baralla á fronte. Non, a esa dereita pásalle como ao
dinosaurio de Augusto Monterroso, sempre estivo aí, agochada. Cando non lle
queda máis remedio disimula pero levan a besta dentro.
Aí temos tamén o Alcalde de Cedeira que despois de erguer monolitos a
Franco, agora cede gratuitamente o albergue municipal aos falanxistas da OJE.
Pero aí están as cesións de Feijóo de residencias de terceira idade ou escolas
infantís a sectas católicas integristas e reaccionarias; ou reforzando con
recursos públicos os seus colexios privados, doutrinarios e que mesmo segregan
por sexo incumprindo sentenzas xudiciais. Ou volvendo meter o adoutrinamento
sectario e españolizador no currículo educativo, como pretende a
ultra-reaccionaria lei Wert.
Aí están 21 as licencias de FM que a Xunta de Feijóo ven de outorgar o
pasado 14 de Agosto á COPE, Intereconomía e Libertad Digital e outro medio
cento a empresas amigas do PP.
Xogan á democracia porque é o que toca pero xa sabemos que os seus
principios rematan cando se pon en perigo o seu poder. Non hai reparos en pasar
por riba de quen estorbe e pisar aos inimigos. O caso é o poder, o caso é
manter os privilexios, o caso é que haxa negocio para os seus, o caso é manter
a raia os que non se someten ao seu molde. Por iso non podemos baixar a garda,
amigos e amigas, hai que estar sempre alerta fronte á dereita antidemocrática e españolista.
Por iso temos que saber que o que pasou con Bóveda, o que pasou no 36, foi tan
só a versión extrema dunha dereita que está permanentemente parapetada detrás
do poder e disposta a sacar as gadoupas sempre que faga falta.
Hoxe a forma é outra. A corrupción estrutural e sistemática é a nova forma
de exercer a dominación. Un golpe de estado permanente que secuestra a
democracia. Máis alá das corruptelas e sobresoldos dos mercenarios servís, o
pior desa corrupción é o proxecto que hai detrás. O realmente grave é que con
esa ferramenta a plutocracia centralista garante o control do orzamento público
e do BOE. Da cobertura mediática xa se encargan eles directamente.
Da igual o que o PP ou PSOE prometan aos seus electores nas mascaradas das
campañas electorais. Xa sabemos que ao día seguinte gobernan e lexislan para o
lobby que manexa os fíos. Menten, menten con tal cinismo e obscenidade que un
xa non sabe se é pior a corrupción agochada ou a mentira evidente. Esa mentira
sostida con obscenidade é unha humillación para toda a cidadanía. Pero está
feita desde a convicción de que, como dicía Michel Foucault, non existe verdade
á marxe do poder. Creen que poden impoñer a súa mentira como verdade. Pero,
amigos e amigas, non llelo imos permitir!!.
Ese lobby que está detrás de Bárcenas-Aznar-Rajoy-Feijóo encarna un
perigoso capitalismo de rapina pero tamén ten unha xeografía. É o lobby
madrileño, o palco do Bernabéu, que para mellor controlar todo acabou impoñendo
ese radical proceso de recentralización política, que é tamén centralización
financeira e económica. Son unha ameaza para o futuro do noso país. Están a
piques de acabar co noso sistema financeiro e de estrangular a nosa economía
produtiva.
Amigos e amigas de Pontevedra, corrupción e centralismo é o que está detrás
do interminábel “culebrón” de ENCE. O PP disimulou sempre que puido pero nunca
deixou de someterse aos intereses da pasteira. Tan só se agocha
oportunistamente para conquistar o poder, logo o que fai é tirar a careta e
lexisla desde Madrid para impoñer os intereses da pasteira. O que non poden
defender diante da cara da xente impóñeno desde a distancia, parapetados detrás
do BOE centralista. Pero non o imos consentir, nin desde Madrid nin desde a
Xunta, entre todos e todas imos conquistar o ar para os cidadáns, para a saúde
e a Ría para o marisqueo e o lecer.
Compañeiras e compañeiros,
Estamos aquí porque somos un pobo con historia, un nacionalismo con fachos
como Bóveda e Castelao que nos seguen iluminando.
Sabemos que cos vímbios da Memoria podemos erguer a Patria que
queremos.
Non podemos esquecer nunca as verbas de Castelao en 1947 cando cruzaba o
Atlántico no Paquebote Campana cara o seu exilio definitivo:
"Nos moitos cimeterios de Galiza, dormen os derradeiros mártires da
Libertade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada
cimeterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra veu
unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Bóveda que non
figura na Santa Compaña dos inmortaes,
porque non pertenece a Historia senon a Tradición en arume de lenda.
Bóveda terá de ser nun mañán próisimo ou lonxano, a bandeira da nosa
Redención".
Verbas semellantes lle adicou tamén no seu Alba de Gloria e, efectivamente,
hoxe Bóveda volta ser “bandeira da nosa redención”. Bóveda e Castelao son os
fachos que alumean o noso camiño no medio das tribulacións, como as que hoxe
parecen abanear as certezas dunha parte da familia nacionalista .
Bóveda era corazón e intelixencia dun proxecto que revive a cada paso con
nós, como moi ben dicía tamén Castelao nas páxinas d’A Nosa Terra en 1942:
"Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chea de luz, pero nós
crearemos outra nova e entón o mártir revivirá".
De feito, eu podo imaxinar a Bóveda paseando hoxe sen pestanexar con Amalia
polos soportais da Ferrería e as rúas peonís da Boa Vila, recuperada e
primorosamente coidada para os viciños e viciñas polos compañeiros Lores,
Mosquera, Anxos, Carme, Raimundo, Bará,
Guillerme e todos os demais.
Aínda podo entrever a Alexandre debatendo dos grandes problemas do país con
Daniel Castelao ou con Valentín Paz Andrade e vexo que todo o que din vibra
cunha sorprendente e rechamante actualidade nos xornais dos nosos días:
-a crise financeira do capitalismo liberal, naqueles anos 30 coma hoxe
-a necesidade de Caixas e de Banca Pública, daquela o mesmo que hoxe
-a necesidade dunha facenda galega para acabar co espolio, daquela o mesmo
que hoxe
-a necesidade dunha fiscalidade directa progresiva e non impostos indirectos
inxustos, daquela coma hoxe
-da “separación da débeda pública, para que Galiza non tivese que pagar a
contraída en beneficio doutros e moitas veces con perxuizo noso”, parece
escrito hoxe mesmo!
-ou falar do centralismo carpetovetónico dos Lerroux-Gil Robles-Calvo
Sotelo transmutados hoxe en Rosa Díez, Aznar, Aguirre ou Rajoy, sempre nas
mesmas!, daquela coma hoxe
-ou argumentar a necesidade dun estado galego, daquela coma hoxe
-ou falar da necesidade da autoorganización política, das forzas políticas
propias, da traizón continua dos autoproclamados federalistas, daquela coma
hoxe
-ou da necesaria unidade dos nacionalistas, que con tesón e altura de miras
cultivou arreo e que tamén hoxe compre recuperar
-ou coidando até o detalle da organización diaria do partido para garantir
unha presenza nutrida en todo o país, en todas as comarcas. Daquela coma hoxe,
camarada Bieito, compañeira Goretti.
Si compañeiros e compañeiras, a súa axenda de entón é a nosa axenda de
hoxe. Tres cuartos de século e seguimos dando voltas aos mesmos asuntos, pero
tamén segue aceso o mesmo espírito. Non é o eterno retorno, é a dialéctica da
historia que nos fai confrontar de xeito recorrente os mesmos grandes
problemas, aínda que sexa baixo roupaxes lixeiramente descoloridos ou repintados.
Alexandre podería resucitar e continuar a conversa case no mesmo punto onde
a deixou. Desde logo podería entender perfectamente os vectores de fondo das
nosas anguerias actuais, os nosos debates neste momento crítico e dramático
para o país. Porque os problemas de fondo aos que tanto esforzo adicou seguen
situados nas mesmas dicotomías onde el as deixou:
-finanzas especulativas ou economía produtiva
-tributos espoliadores e inxustos ou progresivos e xustos
-monarquía/república unitaria española ou estado galego e república federal
ibérica
-centralismo ou goberno propio
-sucursalismo ou forzas políticas propias.
Pois ben, compañeiros e compañeiras, nós temos hoxe unha tarefa, temos unha
misión: completar a titánica obra comezada por Bóveda e Castelao, construír un
estado para esta nazón.
Para facelo temos que ir paso a paso:
-espallar o seu, o noso, ideario emancipador
-organizar, organizar a todas e todos os nacionalistas
-xuntar con xenerosidade a todo o mundo
-confiar nas nosas forzas, nas forzas propias, confiar no pobo galego
-ir casa por casa, precisamos medio millón de galegos e galegas que confíen
en nós
A grande diferenza a respeito daqueles anos e da angueira que consumiu os
días de Bóveda e Castelao é que hoxe temos aquilo polo que eles batallaron de
xeito táctico: Estatuto e institucións de autogoberno.
Loitar por conseguir aquel obxectivo táctico -como el insistía en chamar,
táctico- xustificou todos os seus
movementos e alianzas naquel lustro republicano. Coa ORGA de Casares Quiroga,
con Portela Valladares e desde logo a alianza electoral coa Frente Popular no
36. Había que conseguir o Estatuto e o Parlamento galego como fose.
Hoxe temos esas institucións. Son coma cascas baleiras, é certo, cada vez
máis ensumidas e sen vida, pero están aí.
Están sendo inutilizadas e destruídas polos seus ocupantes, mercenarios
servidores do radicalismo centralista madrileño.
Pero están aí. Hai que conquistalas, conquistalas para convertelas no
xermolo do noso estado. Ese é o noso obxectivo táctico hoxendía. Como fan os
escoces co Holyrood ou os cataláns co seu Parlament. Para iso precisamos gañar
a confianza da maioría dos galegos e galegas. E para avanzar nesa dirección
precisamos xuntar as forzas de todos os nacionalistas que queiran de verdade construír
o novo estado, para situármonos no mundo e en Europa.
Para esa tarefa precisamos as nosas forzas. Todas. Pero non precisamos
reforzar as forzas españolas. Non podemos voltar oitenta e dous anos atrás. Non
podemos traizoar a Bóveda, a Castelao e todos os que deron o paso definitivo
cara a autoorganización.
O que hai que conseguir non se vai conseguir en Madrid, hai que conquistalo
aquí. Non é cuestión de amainar o españolismo da esquerda española e convencela
das bondades do federalismo, porque nin os españois van aceptar ser federais,
máis que como vía de consolidación e reforzamento do estado central -que niso
consiste o federalismo de UPyD, PSOE e IU- nin iso nos resolve o noso problema.
O que precisamos é gañar no noso territorio. Para iso hai que gañar a xente,
precisamos medio millón que entendan a soberanía.
Por iso hai que sumar forzas e gañar as conciencias. Por iso estamos
comprometidos co movemento estratéxico multicor Galiza pola Soberanía. Vencer o pertinaz discurso hexemonista do
centralismo é algo que non se consegue sen esforzo activo e perseverante. Non
abonda con proclamar o respecto á libre determinación, hai que sachar a
intelixencia colectiva todos os dias. Hai que converter a soberanía no sentido
común da solución aos problemas económicos e sociais.
A soberanía como condición para construír unha sociedade mellor, para poder
poñer en marcha políticas progresistas e de clase.
Algúns agora buscan no republicanismo e a ruptura da monarquía o novo santo
grial do radicalismo inocuo. Benvidos sexan ao republicanismo os que un día
fixeron da Constitución monárquica do 78 o seu catecismo.
Repito, benvidos! Pero que ninguén se confunda, que ninguén pretenda
reducir a crise institucional e territorial do estado español a unha cuestión
de monarquía ou república.
Nós non imos errar o tiro, alá eles co seu Borbón, o noso obxectivo é
romper o centralismo, sexa monárquico ou republicano.
Tampouco os escoceses, flamengos, cataláns ou vascos confunden o albo
principal.
Compañeiros e compañeiras nacionalistas, que o discurso evanescente da
ruptura do réxime non vaia en realidade actuar de mantra para a ruptura do
nacionalismo.
Que ninguén se equivoque, debaixo desta gran crise están redefiníndose as
regras dun capitalismo voraz e as regras dunha orde territorial que está no
antípodas dos intereses do noso país. Como en todas as grandes crises do século
XX, Madrid tivo poder e habelencia para ir impoñendo os seus intereses e así
pasou de ser a alcoba dos borbóns a ser o sumidoiro de todas as enerxías peninsulares,
como dicía Paz Andrade, metrópole das finanzas e dos servizos da península,
hipertrofiada polo rendismo parasitario das privatizacións.
A soberanía non é un asunto só identitario –que tamén- senón que a
soberanía é o único escenario no que se poderán adoptar políticas progresistas
de clase.
Soberanía para romper cos mercados e rescatar a democracia secuestrada
polos poderes económicos e os lobbys, recuperar o poder do pobo sobre a
economía, para garantir un futuro con emprego e mellores condicións de vida
para todos e todas. En definitiva, soberanía para defender as conquistas
sociais.
Precisamos soberanía para acabar con ese capitalismo furtivo, de silveira,
que estraga recursos, deixa destrucción e contaminación, que zuga as contas das
familias e o orzamento público por todas as vías: xuros, concesións e
contratos, pero que ademais, aínda por riba, non paga impostos. Ese capitalismo
de vacacións fiscais permanentes, nos paraísos da evasión e a fraude
consentida. Ese é o capitalismo financeiro, parasitario, rendista que arrasa
coa nosa economía produtiva, o noso emprego e o noso benestar.
Amigos e amigas, este é un ano singular,
A catástrofe tráxica da chapuza tecnolóxica española roubounos 79 seres
únicos e tinguiu de inmensa dor o noso Día da Patria. A chapuza colonial e
corrupta estragou o Día da Patria, pero non minguou a nosa vontade patriótica,
cargouna de 79 razóns máis para loitar por unha sociedade que prime o servizo
público, a seguridade e o benestar fronte ao beneficio das empresas zugadoras
do orzamento público.
Pero este ano tamén vai ser singular porque imos provocar un punto de
inflexión na batalla contra o neoliberalismo da selva, contra a corrupción como
sistema de goberno dos lobbys e contra a mentira como forma de dominar a sociedade.
Estamos nunha situación límite e cómpre dicir basta, xa abonda.
Cómpre erguer o país.
Para comezar a andaina convocamos a todos os galegos e galegas a unha
grande mobilización en Compostela o 15 de setembro.
Vai ser unha inmensa mobilización do pobo galego polo futuro, polo emprego,
contra o espolio financeiro de NGB e do país, contra a corrupción, pola
democracia e a soberanía.
Queremos eleccións anticipadas, en Galiza e no Estado Español, para
rescatar a democracia secuestrada polos corruptos centralistas, para darlle a
oportunidade á cidadanía de limpar as institucións, recuperar poder de decisión
e enxergar políticas para saír da crise.
Vémonos o 15 de setembro en Compostela
Con Bóveda e Castelao sempre na Memoria,
Viva Galiza Ceibe e Popular.
Pontevedra, 17 de agosto de 2013, Día da Galiza Mártir
Xavier Vence
Menuda payasada, que sería de Galicia si nunca hubiera pertenecido a España. Yo se lo digo, perteneceríamos a Portugal o tendríamos envidia de Rumanía. Da asco ver que alguien inteligente pretenda manipular a la sociedad para satisfacer sus propios intereses, fundamentalmente de negocio, del negocio nacionalista. Espero que algún dia se les retire la nacionalidad española a la gente como usted y se les pueda tratar como lo que son, enemigos de España.
ResponderEliminar