Xavier Vence
Discursos
- autogoberno (2)
- Banca Pública (26)
- Caixas de aforro (24)
- ciencia (3)
- Crise (79)
- Crise e conflitos de clase (62)
- Crise ecolóxica (3)
- Discursos (23)
- Economía galega (2)
- Estado do benestar (29)
- Galiza (101)
- innovación (5)
- medios de comunicación (4)
- Nacionalismo (75)
- Política europea (44)
- recentralización (1)
- Soberanía (89)
sexta-feira, 23 de fevereiro de 2018
terça-feira, 6 de junho de 2017
sábado, 1 de abril de 2017
FINANCIAMENTO AUTONÓMICO: O DEBATE (QUE NON HAI!)
FINANCIAMENTO AUTONÓMICO
Cuestionario da Revista Tempos Novos (publicado no número de Marzo 2017)
TN-Na recente
Conferencia de Presidentes, celebrada a mediados de xaneiro, falouse de que é
preciso cambiar o actual sistema de financiamento autonómico por un novo.
Coincide con esta precisión?, por que?.
XV: Para empezar,
o acordo aprobado en 2009 (Lei 22/2009) establecía unha vixencia do actual
modelo por cinco anos, co que debería terse reformado xa en 2014. O PP decidiu
que neses anos de eleccións europeas, municiapis, autonómicas e xerais non era
oportuno e asi chegamos a 2017 co asunto pendente. Está claro que precisa
revisarse porque non está permitindo o financiamento normal dos servizos
esenciais que prestan as CCAA. Realmente vivimos nun estado de excepción e
parcheo: intervención das contas polo Ministerio de Facenda, límitacións de
gasto, liquidación unilateral polo MdeH e xestión de anticipos, habilitación
dun extraordinario FLA (Fondo de Liquidez Autonómica) para unhas CCAA e non
para outras, imposición unilateral de obrigas, racaneo de fondos para servizos
co-financiados (dependencia, fondos agrarios...), etc etc. Todo iso nun marco
de recentralización xeneralizado de competencias.
Cataluña
rebelouse contra esa recentralización e contra o modelo fiscal, o que obriga a
revisalo pero , ao mesmo tempo, fai moi difícil pensar nunha solución
valedeira. Galiza tamén sufriu con este modelo até o ponto de que nestes
últimos anos presenta un saldo negativo na balanza fiscal básica (o estado
recada máis en Galiza do que nos devolve en forma de gasto directo,
financiamento local e autonómico). Polo tanto, Galiza tamén debe apostar pola
superación dese modelo e desa supeditación a un estado central que non só se
resiste a adelgazar senón que quere reforzarse a costa nosa.
TN-Cales deberan
selos eixos ou as claves dun novo modelo de financiamento autonómico para
España?.
XV: Por ser
sintético e claro eu sinalaría dous temas clave. Primeiro, é imprescindíbel poñer
en discusión o tamaño e competencias do goberno central e da administración del
dependente. Os centralistas néganse a
aceptar a súa reducción e, pola contra, teiman en recuperar competencias
e recursos. Ese cacho da torta é o que limita o que queda disponíbel para as
CCAA e os servizos que prestan. Un bo exemplo témolo cando a Ministra de
Defensa se comprometeu no último Cúmio da OTAN, celebrado o 15 de febreiro, a
elevar o gasto militar español até o 2% do PIB (non así para I+D!!!). Ese tipo
de decisións sumadas son as que marcan o cacho de torta que queda para as
CCAA.
O segundo tema
tamén é políticamente denso. Eu creo que debe haber dous modelos diferentes, un
o das nacións que aspiran a un autogoberno pleno, que require ir acompañado
dunha verdadeira e plena autonomía fiscal e outro para as rexións españolas
(para as que moi probablemente o nivel de autonomía fiscal actual é suficiente
e, para algunhas, mesmo excesivo). A anomalía de Madrid, como capital,
metrópole e ao mesmo tempo CCAA uniprovincial é un despropósito que provoca un
espellismo fiscal e leva aos seus dirixentes á tentación de converterse nun
paraíso fiscal, realmente drenador e insolidario.
Obviamente, estes
temas non son para resolver en “comisións técnicas” nin para negociacións de
encaixe de bolillos, pero son os asuntos que despois de 35 anos de experiencia
autonómica compriría abordar en profundidade. Os cataláns xogan a iso e Galiza
equivocariase no caso de centrarse en ser ariete contra Cataluña e falar só das
centésimas e asteriscos.
TN-O actual modelo
de financiamento é un modelo dual asimétrico –réxime foral, réxime común-. Debe
manterse este dualidade?, por qué?.
XV: como acabo de
dicir, o réxime do concertos fiscal “á
vasco-navarra” debería extenderse tamén a Galiza (e, obviamente a Cataluña no
caso de seguiren dentro do Estado). O concerto sería o método para poder ter
autonomía fiscal real e impedir que o Estado central (de ADN centralizador)
teña permanentemente a tixola polo mango.
TN-E factible e
desexable un novo modelo sen maior corresponsabilidade fiscal das autonomías?,
sen un espazo fiscal propio para as mesmas?.
XV: A
responsabilidade fiscal pasa por xestionar ao mesmo tempo ingresos e gastos.
Decidir sobre os impostos e xestionalos é o acto máis maduro dun goberno e
dunha sociedade. Ter só competencias de gasto é un pésimo estatus, que xera
sociedades, democracias e gobernos inmaduros. A xente e os gobernantes teñen que
ver a relación directa entre os gastos que se realizan e as fontes que nutren
os ingresos. Por iso Galiza e calquera outra nación precisa decidir e xestionar
os seus propios tributos e logo poder negociar e decidir cantos recursos pon en
común cos demais e para que fins.
Ter capacidade
fiscal propia é o que pemite levar a cabo políticas adaptadas ás características
e necesidades da nosa sociedade e da nosa economía, por exemplo, para
desenvolver a industria, os servizos, o agro, a pesca, a innovación, o
medioambiente, etc. É dicir, decidir sobre algunhas (que non todas) as pancas
que permiten guiar o noso desenvolmento, crear emprego, distribuir o benestar,
etc.
TN-O actual modelo
de financiamento autonómico apoiase maiormente nas negociacións bilaterais
–Goberno central, autonomías-. Non é xa tempo de camiñar deica un sistema que
asuma os principios do federalismo fiscal?.
XV: o actual
modelo está esencialmente determinado polo goberno central, tanto na fixación
do monto total como nos criterios de distribución. E, desde logo, os grandes
investimentos e infraestruturas realízanse en función da estratexia do goberno
central.
TN-E posible
combinar duras políticas de axuste fiscal e un novo modelo de financiamento
autonómico moito mais descentralizado e con maior corresponsabilidade fiscal?.
XV: O axuste
fiscal aplicado nestes últimos anos –é dicir, os recortes- foi unha
equivocación radical dos que apostaron todo ao rescate da banca e das grandes
empresas (eléctricas, constructoras, industria militar, etc). Pero, en todo
caso, de realizar algún tipo de axuste sempre será máis fácil e asumido
socialmente cando hai un réxime de verdadeira responsabilidade fiscal: nós
facémonos responsábeis do que gastamos e de como o financiamos.
Descentralización non implica desbalde senón todo o contrario, coa condición de
que a descentralización sexa a mesma nos ingresos e nos gastos (xusto que hoxe
non acontece).
segunda-feira, 23 de janeiro de 2017
Pulso histórico diante do ciclo involutivo da dereita radical
Estamos a vivir un momento singular. En Galiza, no Estado, en Europa e no mundo. No balbordo
caótico dun sistema que colapsa sucédense rupturas do orde establecido, tanto no económico -cunha
crise que ameaza o futuro laboral e humano de millóns de persoas- coma no panorama
internacional cargado de conflitos e guerras nas portas de Europa en Oriente
Próximo e en África como nunca podiamos imaxinar.
O sentimento de
fin dun ciclo asáltanos por todos os lados. En moitos aspectos é algo
que se vivía antes de 2008 pero desde ese ano para acá non paran de sumarse
novos acontecementos que revelan a profunda inestabilidade na que asenta o
modelo da globalización neoliberal. Saltan polos aires certas cousas que parecían
consensos básicos, os defectos do sistema saltan á vista e a representación política está
seriamente cuestionada.
O problema que a
moitos nos desacouga é a impresión de que ás esquerdas vánselle escapando as
oportunidades para aproveitar esa crise económica, social
e política do neoliberalismo para erguer un novo modelo de prosperidade, máis
xusto, inclusivo e pacífico. Pola contra, vemos, con moita preocupación, como as apostas dos poderes e das forzas que
pilotan o sistema –e os medios- veñen mudando nun
sentido claramente regresivo. Tanto a nivel
xeral coma no noso país. O neoliberalismo en crise abre a espita a unha
radicalización máis agresiva, reaccionaria e mesmo autoritaria. O que vén de
ocorrer cos Estados Unidos de Trump, a involución golpista no Brasil, a dereitización de Arxentina, o que vén pasando coa
dereita e extrema dereita en diferentes países europeos, o auxe/promoción da extrema
dereita nos países árabes e musulmáns. Todo unido a que nin China nin Rusia son
precisamente modelos de democracia, fai temer que corren malos tempos para a
democracia e para os dereitos laborais, sociais e mesmo para os dereitos civís.
No estado español
e na Galiza levamos tempo dicindo que estamos diante dunha crise do sistema
político. Primeiro foi a estratexia neocentralista lanzada en tempos de Aznar
tratando de recentralizar o Estado que rompeu o precario “equilibrio”
autonómico e acabou provocando a resposta crecentemente independentista do pobo
catalán. Logo viría a resposta á crise social e a corrupción co movemento 15M e
todo o acabaría abrollando a partir dese caldo de cultivo; a promoción de novos
partidos como Podemos (e logo Ciudadanos), que serían vistos por estrategas
audaces da dereita como unha vía para fragmentar a esquerda e desactivar o
soberanismo. Unha combinación aparentemente explosiva que foi integrada na
cocteleira dos estrategas do poder conservador para preservar a súa hexemonía e
o poder (e até o momento funcionoulles!).
Moitos no noso
país e no estado español quixeron ver nisto a crise do réxime monárquico e
constitucional do 78. O escenario que se foi dibuxando xa vemos que ten outro
caríz ben diferente: a ruptura protagonizaa a dereita e non para de aplicar o
seu “programa de reformas” claramente regresivo e recentralizador,
desmantelando conquistas sociais, o estado do benestar e o autogoberno. O certo
é que sería un erro facer unha lectura disto só en clave española e non
entender que asistimos a unha crise dos sistemas democráticos que coñecemos,
diso que Wolfgang Streeck cualifica como “crise do capitalismo democrático”; o
que Chantal Mouffe chamara o modelo de democracia liberal, as democracias
asentadas no pacto socialdemócrata dos anos 40 para acá, na que alén dos
dereitos civiles da orde liberal se conquistou un estado social e se recoñeceu
a utilización do poder político interveña directamente, regule o sistema
económico e redistribúa a riqueza. Obviamente, a crise que estamos vivindo en
directo dá lugar a múltiples contradiccións e resistencias pero hai que
recoñecer que a iniciativa estana levando os poderes, forzas, think-tanks e
medios da dereita. Tamén sofren reveses e hai momentos e países onde as forzas
de progreso conseguen pararlles os pés e mesmo avanzar.
Centrándonos na
súa tradución política e electoral vemos que a crise do sistema político afecta de xeito moi diferente á dereita e a
esquerda. A dereita está en proceso
de radicalización pero, na maioría dos países e desde logo no noso, mantén vivo
e unido o seu proxecto político. Esa unidade está galvanizada por un proxecto pegado aos ditados dos
grandes lobbys das finanzas e das grandes empresas,
con apoio financeiro e mediatico abraiante, de xeito que os gravísimos escándalos de corrupción apenas lle fixeron perder unha parte do seu apoio electoral
pero, a pesares de todo iso, seguen mantendo un alto nivel de cohesión. A crise da globalización
neoliberal é utilizada polas forzas da dereita conservadora e a ultradereita,
culpabilizando ao público, aos sindicatos, aos “políticos”, a democracia, a
inmigración, etc para levar o debate político polo camiño da irracionalidade e
arrastrando a unha parte da poboación detrás dun discurso populista autoritario, que recorda moito o dos anos 20-30 do século pasado, que deran
lugar ao auxe dos fascismos. Tanto nos EEUU como nalgúns países europeos a resposta bastarda
á crise da globalización neoliberal está encarnada por unha emerxente extrema
dereita. No estado español e en Galiza o PP ten unha rechamante capacidade para
manterse como a opción de toda a dereita, sen ter que botar man, por
agora, do discurso máis agresivo da extrema dereita. Pero faino porque
conseguiu evitar que haxa unha esquerda gañadora con programa alternativo. Polo tanto,
a dereita muda, radicaliza o discurso e as políticas sen despeinarse e mantendo
un proxecto básicamente unido.
O problema está
pois na esquerda. Pola súa proverbial fragmentación e por carecer dun proxecto
global críbel (caso dos de tradición comunista) ou por terse entregado en corpo
e alma ás finanzas e grandes empresas lobbystas ou parasitarias do orzamento
público (caso dos Terceira Vía socialiberal). O certo é que a esquerda leva
tempo perdendo posicións pero neste momento vive unha profunda crise de
identidade, de proxecto e de incapacidade para ofrecer unha alternativa esperanzadora e ilusionante. Resultan interesantes os
intentos de recuperar un proxecto socialdemócrata en diferentes países (os
Laboristas con Corbyn, os Demócratas americanos con Sanders, etc) pero está
lonxe de asentarse esa viraxe. No estado español, o feito de que a elite
dirixente do PSOE aceptara inmolarse en 2011 para obedecer a troika e voltara
inmolarse en 2016 para facilitar a continuidade do PP e do seu programa de
recortes e “reformas” agresivas é a constatación máis clara da súa renuncia a
recuperar a socialdemocracia e reconstruír unha alternativa desde a esquerda, a
pesares do clamor da súa militancia e do seu electorado.
Unha alternativa viábel
desde a esquerda só pode vir do recoñecemento da inviabilidade da globalización
neoliberal e da necesidade da soberanía nacional para poder darlle un contido
real á democracia, para que o poder político que emana dese pobo poida ter un
mínimo marxe para tomar as medidas económicas, comerciais, fiscais,
industriais, agrarias etc que garantan emprego, servizos públicos e benestar
para a homes e mulleres, mozos e mozas, que hoxe só teñen como horizonte unha
vida de precariedade e/ou a exclusión.
O certo é que,
para iso, a esquerda –a nacionalista e a non nacionalista- ten que estar a
altura dos tempos, entender que a dereita está embarcada nun proxecto de darlle
a volta coma un calcetín á sociedade e as conquistas históricas que coñecemos.
E asumir que para botarlle ese pulso histórico á dereita (e a extrema dereita)
é preciso pensar en grande e ser quen de sumar forzas para superar esa
fragmentación tan habelenciosamente traballada desde a dereita e os seus
medios. Unha esquerda diversa pero coordinada para dar unha batalla conxunta á
dereita é unha necesidade dos tempos que vivimos. Uns tempos de ruptura nos que
nos xogamos que a dereita ultraliberal e centralista saia coa súa ou non. E
temos a necesidade e a responsabilidade de impedilo. E iso, atendendo á
complexidade do noso caso, pasa polo recoñecemento explícito dos dereitos
nacionais que permita unha gran alianza de todos os sectores sociais e
políticos dispostos a parar o plan dos ultraliberais, dos conservadores e da
extrema dereita.
terça-feira, 26 de julho de 2016
Outro nacionalismo é posíbel (e necesario)
O nacionalismo galego está en crise e, ao tempo, en recomposición; de
resultas diso o seu futuro vai ser moi diferente do que foi nos últimos 30
anos. A crise é longa abondo e o novo
non acaba de agromar, pero farao; ao mellor estao facendo ás apalpadas e acaba
resultando que o ano 2016 é o punto de inflexión. O que estou certo é que volverá
haber un proxecto nacionalista na primeira división e que terá outros
alicerces, deixando atrás os corsés ideolóxicos fosilizados e asentando na
realidade social e no mundo do século XXI. Terá que ser un proxecto centrado na
vocación de gobernar para construír un país de seu, que camiñe paso a paso cara
aos obxectivos estratéxicos que definen un proxecto nacional.
O triste é que ese paso non foi posíbel antes de ver esfarelado o proxecto
histórico, xustamente por non ter sido capaces de introducir a tempo as
mudanzas estuturais que eran precisas. Hai moito tempo que era necesario ter
mudado unha arquitectura con tabiques internos e un réxime con dúas direccións
superpostas (onde unha opera como poder real na sombra e outra representa de
xeito vigario o dia a dia da acción política) que resultaban ser disfuncionais
cando non insoportábeis. Ese formato respondía á estratexia de manter vivo un
proxecto –o do partido guía- incapaz de formularse de xeito claro e directo de
cara a sociedade e cuxa existencia constituia e constitue hoxe un espantallo
para amplos sectores da sociedade que, noutro caso, poderían ser receptivos ao
discurso nacional/nacionalista. Visto con perspectiva, resulta difícil, por non
dicir imposíbel, construír unha nación cun partido que ten un ideario que pode
seguir como máximo o 5-10% da poboación. Nese sentido, pode dicirse que certos
momentos de éxito foron un espellismo para un BNG que tiña como núcleo un
partido cun ideario que estaba a anos luz das aspiracións que mobilizaban ao groso
do seu electorado (que chegou a representar un 25%).
Os síntomas de desafección que revelaban o esgotamento do modelo frontista
con partido guía veñen de moi atrás, pero a incapacidade ou resistencias
corporativas impediron tomar a tempo as decisións necesarias. Cada chanzo do
devalo evidenciaba a necesidade da refundación pero ao mesmo tempo limitaba os
folgos internos para acometelos. E así caemos no rodopío, no círculo vicioso do
devalo. Cada golpe foi unha oportunidade perdida e as marxes de manobra foron
reducíndose a cada paso. Dentro, unha militancia entregada, foi incapaz de
romper o corsé de ferro trazado polo secretariado do partido guía, que apela
sistematicamente a unha lealdade non correspondida. A resistencia numantina
para preservar as posicións da dirección do partidoguía conduciron ao
esganamento orgánico, político e electoral do BNG. A conclusión é un proceso
implosivo irreversíbel que só é quen de resolver, desde fóra, o electorado. E
empezou a “resolvelo” hai ben anos pero fíxoo de xeito dramático e sen piedade na
medida en que ese electorado tivo unha opción electoral alternativa que
recollía con máis flexibilidade unha boa parte dos sinais de identidade do
discurso nacional. 2012 constituiu o auténtico punto de non retorno. Paradoxalmente,
o foxo que nos separaba da nosa base social acrecentouse como consecuencia da sobreactuación
do BNG para marcar o terreo da exclusividade nacionalista e do radicalismo
ideolóxico en todas as materias, o que non fixo máis que alimentar o imaxinario
de irrealismo que nos define a ollos de moita xente, a pesares dos intentos por
corrixir esa percepción.
O 4,3% do 20-D foi unha mensaxe inequívoca da irrelevancia electoral da
proposta BNG pero o 2,8% do 26-Xuño é a certificación definitiva de que ao
electorado non lle doe a desaparición do BNG. Cando o 97,2% non estima útil votar
unha forza política non podemos considerar ese feito como un mal dato ou un revés;
nin tan siquera como un grave revés. Cómpre admitir que caemos por debaixo do
limiar da insignificancia política e quedamos nun recuncho do taboleiro. Diante
desa crúa realidade caben dúas actitudes: tapar os ollos como se estiveramos diante
dunha fatalidade que compre responder con fe relixiosa para afrontar unha
“travesía do deserto” ou ben asumir o fracaso dunha forma concreta de entender
o proxecto nacionalista e apostar con responsabilidade pola súa redefinición
desde un proxecto de nova planta, cun ideario estratéxico capaz de conectar
cunha maioría social que precisa alternativas de goberno aquí e agora.
A cuestión é, polo tanto, que facer? A responsabilidade neste momento non
pasa por tapar os ollos nin tampouco polo silencio, como se a realidade social
mudara con esa fantasía propia dos xogos infantís. O futuro non pasa por
agardar o enésimo fracaso para corroborar que “xa se vía vir” e agradecer a “abnegada
fidelidade” ao minguado corpo de fieis que aínda quedan. A responsabilidade
hoxe non consiste en seguir a un “núcleo irradiador” equivocado –deixaremos
para outro momento as súas razóns e motivacións- que reclame complicidade e
silencio en sucesivos círculos concéntricos. Eu respecto e comprendo a moitas persoas
afectiva, ideolóxica e vitalmente vencelladas durante anos a unhas siglas e un
proxecto que sofren o indicíbel antes de dar o paso á discrepancia aberta,
porque supón case sempre un desgarro íntimo e tamén a exposición a reaccións
grupais por veces irrespectuosas. Non só as respecto senón que considero que
unha amplísima maioría son imprescindíbeis para un proxecto nacionalista de
futuro.
Polo tanto, eu respecto todas as opcións pero reclamo o dereito a discrepar,
sobre todo cando estamos perdendo a última oportunidade para salvar os móbeis
e, peor aínda, estamos contribuíndo –sen querer- ao descrédito do nacionalismo
por reclamar a exclusividade dese rótulo para unha marca concreta que non
esperta agora especial entusiasmo. Contribuír a identificación do fracaso dunha
sigla concreta co fracaso do nacionalismo é unha grave irresponsabilidade,
ademais dunha falsidade histórica.
Ninguén pode reclamar silencio cando ese silencio é utilizado para impoñer
sen autocrítica unha precaria maioría dentro do “núcleo irradiador” que logo se
traslada ao resto da fronte nunha sorte de sucesivos círculos concéntricos. Ninguén
pode reclamar silencio para asi poder facer un cómodo traxe a medida co que
para caricaturizar os discrepantes. Ninguén pode reclamar fe cando deu probas
de equivocarse tantas veces e tan escasa vontade de emenda real. Apelar a estas
alturas a aceptar unha hipotética “travesía do deserto” é demandar complicidade
nun suicidio colectivo, porque, con certeza, despois do deserto non hai nada,
tan só máis deserto. Sobre todo, porque afirmando como intocábel o núcleo do
problema (como fixo a UPG no seu congreso do 22 de maio) a suposta travesía
convértese en realidade nunha “acampada no deserto”. Por iso, eu son dos que cre que nunha
situación límite como a que temos diante cada quen ten que asumir a súa responsabilidade,
en función do seu leal saber e entender, para contribuír como mellor poida á
emerxencia dun novo proxecto colectivo. Polo ben do nacionalismo e polo ben de
Galiza.
O 26 de Xuño o electorado galego sentenciou de xeito claro e contundente
que a forma concreta de proxecto nacionalista que lle ofrece o BNG non lle
interesa. Quere iso dicir que se acabou ou se acaba o nacionalismo? Significa o
esgotamento do BNG que xa non ten futuro o proxecto nacionalista no noso país? Significa
que o tope do BNG é o tope do nacionalismo? Eu respondo ás tres cuestión cun non
rotundo. O nacionalismo, ou mellor dito, un proxecto nacional transformador é
unha necesidade para afrontar os retos de Galiza no presente e no futuro. Os
que cremos que Galiza ten necesidade de forzas propias e dun goberno que teña
os intereses de Galiza como prioridade absoluta e non subordinada temos
necesidade de construír colectivamente unha nova ferramenta política (https://chamamentodevidan.wordpress.com/).
Non para acrescentar unha nova capeliña ou unha nova sigla senón para erguer un
proxecto abranxente superador da fragmentación frustante que nos paraliza. Tampouco
para ensarillarse nunha permanente vertixe de exercicios de camuflaxe que poden
brindar días de esplendor electoral pero resacas de frustración política e
social.
Con toda a experiencia acumulada, con todo o potencial humano activo –o que
hai no BNG e noutras organización e outro moito esparexido, desanimado ou
desaproveitado- temos que botar a andar un proxecto para a maioría social do
noso país, radicalmente democrático, sen partidos guía. En realidade -e iso ten
que ser unha mudanza a respecto do pasado- a ambición ten que ser unir todo o
corpo central do nacionalismo nunha organización sen tabiques e, ademais, achegar
a toda esa nova xeración de cidadáns, nov@s ou non tanto, que espertaron á vida
política e ao activismo social nestes últimos anos e, tamén, a moitas outras
persoas que poden partillar un proxecto nacional de esquerdas ou progresista.
Un proxecto con capacidade para ofrecer unha alternativa realista aos
problemas prioritarios da maioría social, con vocación transformadora pero
tendo moi en conta e con realismo o marco estatal, europeo e internacional, non
para perennizalos senón tecer alianzas a cada nivel que camiñen na súa mudanza
nunha dirección progresista e favorábel aos intereses de Galiza como nación e
como pobo.
(Publicado en Praza Pública o 23 de xullo de 2016)
sábado, 21 de maio de 2016
Crise do modelo de financiamento e recentralización
Crise do modelo de financiamento e recentralización
Xavier Vence. Catedrático de Economía Aplicada da USC
Perdidos na pirotecnia do espectáculo político esquecemos debater como
atallar as graves ameazas para o futuro do noso país e da vida das persoas que
nel habitamos. A crise política e institucional do estado español estrangula o
financiamento do goberno e servizos públicos de Galiza pero ao mesmo tempo está
levando á prórroga do modelo de financiamento de 2009 que, de acordo coa
previsión legal, debería terse reformado xa en 2014. A estas alturas aínda non
se abriu formalmente a negociación do novo modelo pero o que tamén é certo que
as espadas están en alto. Algunhas CCAA veñen explicitando moi claramente as
súas apostas e o Goberno Central e os partidos estatais tamén evidencian a
negativa a reducir o tamaño e o papel do Goberno central. Pola contra, a Xunta de Galiza segue calada,
sen tomar a iniciativa e mantendo unha actitude sumisa á estratexia madrileña e
resignada –ou iso parece- a encaixar novas perdas. As mensaxes de Feijóo
parecen centradas en implorar compasión para que Madrid e os demais sexan benévolos
e “decidan con xustiza”. Non imos a ningún lado cunha actitude de esmoleiro
sumiso, cando o que todos nos xogamos é o futuro da dotación dos nosos servizos
públicos, o nivel de vida colectivo e a capacidade para dinamizar a nosa
economía. O problema non é meramente técnico nin tampouco de relacións persoais
dos dirixentes, é un problema político, no sentido máis profundo. É obvio que
Galiza precisaría un presidente que se puxera á fronte dun grande consenso de
todas as forzas políticas –e tamén das sociais e empresariais- para fixar un
diagnóstico claro, uns obxectivos e unha estratexia partillada para defender os
intereses colectivos dos galegos e galegos, nunha materia na que nos xogamos o
groso dos nosos recursos para soster a sanidade, a educación, os servizos
sociais e todos os demais servizos públicos. E tamén os recursos para dinamizar
a nosa economía e o emprego.
O modelo de financiamento autonómico de 2009, que asinou o presidente
Feijóo recén chegado á Xunta, levou a que Galiza vira mermada a súa capacidade
de xeito dramático, até o punto de que cos datos liquidados de 2012 presentemos
unha balanza fiscal negativa. En contra do discurso centralista dominante, o
certo é que nese ano Galiza aportou ao Estado 1.300 millóns de euros máis do
que recibiu. A pesares de termos unha renda per cápita 13 puntos inferior á
media.
Teriamos moito que discutir sobre os criterios de reparto do Fondo
total entre CCAA, que resultan discriminatorios para Galiza por non contemplar acaidamente
moitas das nosas especificidades, pero o gran problema de fondo é a magnitude
dos recursos que o Estado Central se queda para si, que representan cunha
proporción excesiva dos ingresos totais recadados. Por algo se reserva o
monopolio da xestión e recadación dos grandes impostos. Discutir iso é a clave
e é xusto ao que se negan as forzas estatais.
Temos unha Administración Central excesiva que, ademais, se vén
reforzando co proceso de
recentralización impulsado polo PP e unhas prioridades de gasto central moi discutíbeis
(militar, apoio á banca, ás eléctricas, grandes construtoras, etc.). E, sobre
todo, cómpre poñer a lupa non só no gasto senón tamén nos ingresos. É aí onde
se dirime a verdadeira autonomía fiscal e a asunción de responsabilidade por
parte dos gobernos autónomos. Hoxe o groso da política fiscal (cos seus regalos
fiscais, buratos para a evasión e a fraude) depende do goberno central e a súa xestión
está en mans da Axencia Tributaria do Estado. A política fiscal e a decisión
unilateral sobre a parte que se queda o goberno central para si mesmo é o que
determina o tamaño da torta a repartir entre as CCAA. Aí está o nó gordiano do financiamento de
Galiza e mentras non se rache seguiremos tendo un autogoberno menor de idade,
insuficiente e incapaz.
Temos por diante, pois, unha enorme tarefa política na que todas as
forzas galegas deberían estar comprometidas: plena autonomía fiscal para fixar
os tributos, perseguir a fraude e a evasión –en colaboración con outros países-
e, como instrumento para executar esa política, crear un Axencia Tributaria
Galega que recade todos os tributos e que logo se negocie unha contribución a
un orzamento central que estexa moi ben acotado para cubrir funcións que sexan
realmente de interese xeral.
En definitiva, non debemos discutir só dos criterios de reparto do
gasto entre autonomías –que tamén- senón dos ingresos públicos, da política
fiscal e da xestión deses tributos. Esa é a base que nos permitiría ter
capacidade para deseñar outras políticas para desenvolver as nosas capacidades
produtivas, crear emprego e riqueza na dimensión necesaria para poder logo –vía
impostos- financiar os nosos servizos públicos, garantir o benestar da nosa
poboación e superar o noso drama demográfico.
(artigo publicado en Faro de Vigo, 22.05.2016)
Decálogo para unha Galiza necesitada de goberno de seu (col no Anuario 2016 do Foro Económico de Galicia)
Decálogo
para unha Galiza necesitada de goberno de seu
Xavier Vence
Catedrático de Economía Aplicada da USC
Ex-Portavoz Nacional do BNG
As perspectivas económicas do noso país están sometidas ás incertezas
de avatares alleos, non só polas interdependencias propias da globalización e que
afectan a todos os países, senón pola renuncia do noso goberno a enxergar con
firmeza unha estratexia propia. Estamos ao pairo dos ventos dunha profunda crise
que non remata, dos cambios xeoestratéxicos, das decisións europeas e estatais
sen que Galiza faga causa de obxectivos precisos e claros diante do Goberno
central e Bruxelas e sen ter unha aposta ben perfilada por parte da Xunta de
Galiza, co necesario respaldo financeiro e o compromiso do sector privado.
Necesitamos un golpe de temón para estar en condicións de reverter unha
tendencia de longo prazo marcado polo declive económico e demográfico.
Xestionar as tendencias autodestrutivas dese círculo vicioso do declive resulta
complexo e custoso: custe engadido da xestión do declive demográfico e do
abandono territorial; inversións e servizos para soster pobos (case) baleiros e
non produtivos; gasto e non recadación; gastos de conservación do medio,
incendios, etc. Darlle a volta a iso debera ser o obxectivo dunha “axenda de
país”.
Nestas liñas tentarei de identificar os riscos máis importantes que pairan
sobre a economía galega e, ao propio tempo, apuntar as liñas mestras para
superalos. Resumireinos arredor de dez eidos nos que, ao meu ver, Galiza
debería poñer toda a intelixencia colectiva e toda a súa capacidade política
para afrontalos e convertelos en oportunidades para sentar as bases do
desenvolvemento futuro do noso país.
Primeiro, no plano internacional temos ameazas claras para a nosa
balanza comercial. Por un lado, as exportacións sofren tanto a parálise do
mercado europeo como o estancamento dos mercados latinoamericanos; por outro, a
caída conxuntural do prezo do crú pode mudar de xeito súbito a curto prazo,
deteriorando rápidamente a nosa balanza comercial.
En ambas cuestións, o desleixo da Xunta ten consecuencias graves. Nun
caso por ausencia de esforzo propio na diversificación e busca de novos
mercados e no outro por desaproveitar as oportunidades para impulsar un mix
enerxético baseado na electricidade de orixe endóxena renovábel fronte ao
consumo de petróleo e gas de importación. Isto debería abrir novas liñas na
política da Xunta (acompañadas polo goberno central) para mudar o modelo de
inserción exterior e o modelo enerxético. Porén o único esforzo financeiro
recente da Xunta nese eido foi, curiosamente, para aumentar a participación no
capital da planta de Gas.
Segundo, a aceptación zombie das consecuencias da implementación dos
acordos internacionais da UE e o Estado Español que se concretan en medidas
directamente lesivas para sectores que constituen a base da nosa
especialización produtiva (pesca-conserva, agro-alimentación, servizos e
distribución comercial etc ). Tendo Galiza un perfil de especialización
produtiva específico e diferente do conxunto estatal ou doutras CCAA con maior
peso político, o que encontramos é que as negociacións e as regulacións que se
introducen non salvagardan os intereses dos nosos sectores clave. Este desleixo
deriva dunha combinación de factores entre os que cómpre destacar: a ausencia
de diagnósticos e estratexias propias por parte do goberno galego e, por veces,
o propio desartellamento interno do sector empresarial galego. Sabendo que o
campo de xogo é estreito e que as solucións pasan por unha xestión intelixente
da “letra miúda” resulta imprescindíbel unha aposta política clara do goberno
galego acompañada dunha administración e unha xestión competente que saiba
plasmar nos detalles regulatorios a defensa dos nosos intereses estratéxicos.
Iso pasa por un aproveitamento ao máximo das competencias estatutarias, para o
que é precisa unha profunda e decidida vontade política en clave nacional,
xunto cunha realista comprensión de que os discursos neoliberias e acordos
desreguladores non implican a perda de función do goberno e a administración
pública senón a necesidade de “refinar” a súa forma de lexislar e actuar.
Terceiro, Galiza está pagando as consecuencias da submisa aceptación da
aposta estatal -aproveitando a crise financeira- para impulsar a concentración
e centralización do sistema financeiro arredor dun número reducido de grandes
bancos asentados en Madrid, eliminando as Caixas de Aforros e anulando de facto
as competencias autonómicas en materia de crédito. Nunha economía aforradora
neta como é a galega, con modesto pulso inversor do tecido empresarial privado
(e público), o resultado é -como leva sendo desde décadas atrás- a fuxida de
aforro cara a outros territorios ou cara aos mercados globais. Nese sentido,
urxe unha acción decidida do goberno galego –coa eventual participación doutras
institucións como Deputacións e grandes concellos- para recrear novas entidades
de crédito e banca pública que canalicen unha parte dese aforro cara o
financiamento de proxectos empresariais e públicos galegos, como vía para
impulsar a diversificación produtiva, a innovación e a expansión das empresas
galegas. Desde logo, nese novo mix de instrumentos financeiros cómpre reforzar,
redimensionar e diversificar todos os instrumentos de capital risco (capital
semente, capital desenvolvemento do IGAPE...) para que permitan, entre outras
cousas, optimizar os Fondos Estruturais da UE e, en especial, as novas oportunidades
que ofrece o Plan Junker e as modalidades de combinación dos Fondos Estruturais
e de Investimento Europeos e os Fondos de Investimentos Estratéxicos do Banco
Europeo de Investimentos (BEI). Galiza non pode resignarse a ese vergoñento
nivel de execución dos Fondos Europeos do septenio pasado, en que se perdeu un
tercio dos Fondos por incapacidade e desleixo do goberno presidido por Núñez
Feijóo. Neste novo período imos polo mesmo camiño e estamos desaproveitando a
disponibilidade de recursos para apostas realmente produtivas e estratéxicas.
Cuarto, debemos dar o salto da dependencia enerxética e regulatoria a un
novo marco de enerxías renovábeis e tarifa galega. Nunha economía de fortes
interdependencias globais resulta crítico o aproveitamento das especificidades
e singularidades de cada país. As capacidades e experiencia construída ao longo do tempo e tamén as singularidades
naturais. Entre as máis importantes está o noso excedente na produción de
enerxías renovábeis (hidráulica e eólica) e o potencial para incrementar a súa
produción futura (tamén na de orixe mariño e solar). O desenvolvemento con
visión integral de toda a cadea eólica e das renovábeis en xeral é unha
oportunidade dupla, para impulsar o crecemento económico e o emprego en toda a
cadea e para avanzar cara un modelo económico sustentábel. O efecto das
decisións combinadas do goberno de Feijóo e do goberno central tiveron
consecuencias devastadoras para este sector. A continuidade desas políticas é
unha ameaza definitiva para o futuro pero o potencial está aí e constitue unha oportunidade
clave para Galiza. A superación do parón ás renovábeis imposto polo goberno
central (atendendo aos intereses do lobby eléctrico español) é unha prioridade
para o noso país (que, ademais, é unha das poucas nas que os nosos intereses
están en liña coa orientación da estratexia enerxética da Unión Europea). En
todo caso, e no curto prazo, sería necesaria unha mudanza da regulación
centralizadora e uniformizadora do mercado eléctrico que impón tarifas
uniformes en todo o territorio español. Esta regulación central impide unha
diferenciación territorial de tarifas en función da abundancia e coste de
xeneración e distribución –como ocorre noutros países europeos-. Unha tarifa
eléctrica galega pemitiría a Galiza beneficiarse desa vantaxe competitiva,
tanto para as empresas como para as familias e tamén para o propio sector
público (en especial, habida conta da elevadísima factura do alumeado público).
Todos os nosos sectores produtivos ven mermada a súa competitividade por estar
soportando a segunda tarifa eléctrica máis cara da UE. De igual xeito, unha
regulación que favorecera o autoconsumo enerxético nun territorio con tan boas
condicións naturais para a produción descentralizada de electricidade tería un
impacto moi positivo en custes, competitividade e sustentabilidade.
Quinto, a aposta estatal por voltar confiar nun modelo de crecemento
asentado no turismo e na construcción resulta especialmente nociva para Galiza.
Polo noso clima, o turismo nunca vai xogar un papel motor da nosa economía como
pode facelo no mediteráneo. E isto, xunto co declive demográfico, fai que o
sector da construcción non poida xogar un papel extraordinario na dinamización
da nosa economía (cousa que si pode e, de feito xoga, noutras latitudes). Tamén
por iso, Galiza ten que ter plena consciencia de que necesitamos apostar por
outro tipo de modelo produtivo: baseado nos sectores que definen a nosa
especialización e que, porén, estamos deixando desmantelar (toda a cadea
alimentar, por exemplo) e arredor dos que debemos innovar e impulsar todas
aquelas novas actividades que poden diversificar ese tecido produtivo.
Obviamente, esa aposta produtiva innovadora ten que partir das actividades xa
existentes pero ten que poñer o foco tamén na posta en marcha de novas
industrias (e servizos) complementarias, asi como no impulso ao emprendemento
que valorice o coñecemento que sae dos nosos laboratorios e na criatividade e
talento das novas xeneracións.
Sexto, a Estratexia de Especialización Intelixente do noso país non
pode ser un envoltorio para vender iniciativas inconexas senón que debe supoñer
unha aposta decidida “de país”, trabando a iniciativa pública e a privada, para
aproveitar a experiencia acumulada e a capacidade de I+D para dar un salto
tecnolóxico nas nosas especializacións claves, diversificar, reforzar as
relacións interempresariais e intersectoriais, alumar actividades
complementarias e de servizos intensivos en coñecemento ao socaire desas
fortalezas históricas. Na pesca, no marisqueo, na acuicultura, na conserva, no
agro, en toda a cadea alimentar, no forestal, no enerxético, no automóbil, na
saúde, etc.
Sétimo, Galiza ten unha clara oportunidade no aproveitamento das súas
condicións históricas e naturais para converter a produción ecolóxica nun
perfil diferenciador, nun sinal de identidade e imaxe de marca do país. A
produción ecolóxica pode constituír unha vía para superar o atoamento en certas
especializacións intensivas nas que Galiza xoga con desvantaxe fronte a outras
economías europeas e podería así posicionarse en nichos de mercados máis
remuneradores e con claro futuro. Para iso temos que proceder a un desandamento
da intensificación nalgúns segmentos da actividade primaria e, sobre todo, evitar
afondar máis nesa senda, abeirando a tentación de proxectos agresivos que van
na liña dun modelo que se incribe nas pautas pasadas de produción masiva e de
baixa calidade (como pode ocurrir, por exemplo, co modelo de acuicultura do
actual plan da Xunta de Feijóo).
Oitavo, Galiza vén perdendo tecido produtivo industrial e de servizos
non só pola crise económica e a caída de actividade de certos sectores senón
tamén por un agudo proceso de deslocalización de producción e de deslocalización
da sede das propias empresas. Precisamos unha estratexia integral para frear a
deslocalización de actividades produtivas e tamén de sedes de empresas, que van
ligadas a miúdo a depredadoras estratexias de absorción en concentración do
capital pero tamén en ocasión por decisións estratéxicas ou fiscais dos seus
propietarios. Cómpre reforzar os elos das cadeas de valor e declarar a “guerra
política” á depredadora “guerra fiscal”
do furioso centralismo madrileño destinada a captar sedes de empresas e
localización de patrimonios e grandes fortunas na capital do estado. Cómpre
derrogar a “lei de unidade de mercado” que trata de impedir todo tipo de
regulación favorecedora das empresas radicadas no territorio e aproveitar ao
máximo as compras públicas como instumento para dinamizar a industria e os
servizos localizados na Galiza. En particular, urxe mudar as política de
licitación de obra pública e a políticas de concesións de servizos públicos
para evitar que o noso orzamento público sexa pasto do lobby das grandes
construtoras madrileñas e se converta en ferramenta efectiva de dinamización do
tecido produtivo propio .
Noveno, Galiza enfróntase a un cambio de modelos de financiamento tanto
a nivel comunitario como español que reducen as aportacións compensadoras das
crecentes desigualdades territoriais. No último modelo de financiamento
autonómico –que debería ter sido renegociado no ano 2015- Galiza viu mermada a
a aportación recibida por parte do Estado, até o ponto de que xa en 2012 a
balanza fiscal (excluída a Seguridade Social) é negativa para nós. A expulsión
do grupo de “rexión en desenvolvemento” a nivel comunitario tamén se traduce
nunha menor participación nos Fondos Europeos no período 2014-2020, a pesares
de sufrir unha ampliación da fenda nestes últimos anos, que nos sitúa neste
momento 20 puntos por debaixo da media comunitaria. E de cara ao futuro existe
a ameaza certa de que o futuro modelo de financiamento autonómico poida ser
aínda máis perxudicial para Galiza e poida reforzar aínda máis esa posición de
contribuidores netos ás arcas do Estado (mesmo habería que contemplar as
consecuencias dunha eventual independencia de Cataluña). Nese sentido,
precisamos unha estratexia consensuada entre todas as forzas políticas galegas
para acometer mudanzas de calado en diferentes ordes: a) simplificación dos
niveis administrativos hoxe insostíbeis (Deputación, Delegacións do Goberno,
etc); b) defender un modelo de
financiamento que preserve a nosa capacidade financeira e, de paso, permita
unha maior autonomía na política fiscal (p.e., semellante ao sistema vasco de
“cupo”); e c) mudar o modelo de financiamento local que na actualidade resulta
claramente discriminatorio para os concellos galegos.
Décimo, todo o anterior só pode abordarse desde unha estratexia de
empoderamento de Galiza en todos os sentidos, o que, do meu ponto de vista,
require un cambio político protagonizado por forzas que teñan o seu centro de
interese e decisión no país. Pero nel deberían estar comprometidas tamén todas
as forzas que aspiren a xogar un papel no futuro do noso país.
segunda-feira, 29 de fevereiro de 2016
APERTURA DA XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG NA CORUÑA
APERTURA DA XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG NA CORUÑA
Benvidas a esta XV AN
Temos por diante unha xornada apretada para debater a fondo e tomar
decisións para poñer ao día o proxecto nacionalista. Sabendo que o ano 2016 vai
ser un ano clave. En 2016 xogámonos a posibilidade dun cambio e un punto de
inflexión en Galiza e tamén dun punto de inflexión no nacionalismo.
Chegamos coa idea da refundación na cabeza porque as circunstancias
demandan cambios e estamos decididos a levalos a cabo porque este país necesita
un proxecto nacionalista potente. Sacarémolo adiante! Farémolo entre todos e
todas pensando na maioría social da nosa nación.
Viñemos a Coruña a mantenta porque esta é cidade de fundacións e
refundacións. Queremos conmemorar o centenario da fundación, precisamente aqui,
do xermolo do nacionalismo contemporáneo organizado.
Un 18 de maio de 1916, na rúa Rego da auga -aí a un paso de onde
estamos- sede daquela da Real Academia Galega, reuníranse os 28 fundadores da
primeira “Irmandade de Amigos da Fala”. Convocados por Antón e Ramón Vilar
Ponte botan andar a primeira célula do nacionalismo
organizado. A seguir virían as de Santiago,
Monforte, Ourense, Pontevedra, Vilalba e no 1917 as de Ferrol, Vigo, Betanzos. O
boletín A Nosa Terra desde abril do 1917.
Xa no 1918 dan o salto á acción directamente política coa Asemblea Nazonalista
de Lugo, con Vilar Ponte, Risco, Peña Novo, Losada, Castelao e tantos outros e
nela consagran a ruptura co rexionalismo e a afirmación doutrinal e
programática nacionalista. Era o momento das nacións en Europa e aí entramos
nós.
Daquel rebulir de 1916 arranca todo. E desde aquela temos unha historia
longa, un século de loita, un século de sementeira e de organización, para
darlle a este pobo autoestima, recoñecemento, prosperidade e, sobre todo,
vontade futuro.
O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100
anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!
Porque o nacionalismo é o pobo galego en pé!!
Compañeiras e compañeiros,
O nacionalismo está hoxe nun punto delicado. Perdemos apoios e
fragmentámonos.
Tamén niso parece que levamos o ADN dos nosos ancestros. As Irmandades esgázanse
na xuntanza de Monforte de 1922, aparece a Irmandade Nazonalista, logo algúns
como Vilar Ponte montarán a ORGA, con Casares Quiroga; hai un intento de
reunificación na 7ª asemblea, en Pontevedra, da que xorde en 1931 o Partido
Galeguista, con Castelao e Bóveda á fronte, pero Antón continua na ORGA até
1934. No 1935, prodúcese a famosa escisión da Dereita Galeguista que rexeita a
alianza coa Frente Popular. Logo continuou o PG con Castelao no exilio. Viría a
traizón piñeirista no interior.
Arrancamos de novo no 64 coa UPG, sumando forzas até 1977, logo virian
sucesivas divisións no 77 e 81. Logo volveuse retecer pouco a pouco até culminar
no 1993 cun BNG en ascenso e desde aí tivemos o nacionalismo unido até 2012. E
aí volvemos destecer. E nesas andamos, tratando de retecer desde 2013, pero
aínda non fomos quen. E non queda outra que seguir facendo o imposíbel por
conseguilo porque só na unidade poderemos avanzar.
Temos unha historia marcada a lume pola síndrome de Penélope, tan ben
espresada naqueles fermosos pero desacougantes versos de Díaz Castro “Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove”.
Días atrás estiven lendo un estudo
sobre os Irmáns Vilar Ponte e a controversia política do tempo das Irmandades e
o PG até o 1936. Canta melancolía!! As mesmas disputas entre eles, case as
mesmas frases cruzadas duns para os outros, sempre nas mesmas!!. O caso é que á
hora da verdade alí estaban todos a traballar polo mesmo e batallando contra o mesmo
Estado español, contra os turnistas e os caciques.
Eles tiñan a súa lea entre
os chamados “políticos” e o “apostólicos”, chamádelle se queredes os “pragmáticos”
e os “ideoloxistas”. Antón Vilar Ponte acusaba aos “políticos” como Peña Novo
–que chegara a ser concelleiro aquí na Coruña- de pensar máis “no ideal da vitoria
que na vitoria do ideal” e os “políticos” laiábanse da lentitude con que
discorre o proceso de liberación do país. E Vilar ensínalles a porta: “...os cobizadores
de medro poden arredarse de nós a tempo (...) Quenes non teñan maior fe que os
israelitas para atravesal-o deserto, recuen axiña”.
Cos principios a punta de bandeira dicía en 1922 “(...) namentras non
se modifiquen as leises do Estado hespañol, as cortes de Madrid sonnos
compretamente alleas. Nós somentes iríamos á unhas eleucións pra unhas Cortes
galegas costituentes, que lle deran á Galicia a soberanía compreta”...
...Como sabedes Antón Vilar acabaría fundando a ORGA con Casares
Quiroga seis anos despois e sería xa en 1934 cando se achegaría ao PG, con
grande alborozo de Castelao e Bóveda.
Se comparamos aos Vilar
Ponte e aos Castelao, nós somos da estirpe de Castelao, dos que optamos sempre pola
autoorganización. Castelao, ademais, púxonos en garda fronte ás promesas e
engados dos federalistas españois “de boquilla”. Con toda razón e as cousas non
mudaron hoxe. Pero iso non é contradictorio coa decisión realista de Castelao,
Bóveda e Vilar Ponte de facer unha alianza electoral táctica en 1936. Co
obxectivo de sacar adiante o Estatuto.
Non faltan paralelismos
entre aqueles anos 20-30 e os actuais, non só pola crise financeira do
capitalismo liberal senón tamén a crise social e política, a extrema dereita,
as guerras imperialistas, o anarquismo... E tamén polas viravoltas do
nacionalismo.
Amigas e amigos,
Somos moito de tecer e destecer, unímonos e dividímonos con parello
entusiasmo, pero este país precisa superar esa melancolía poética e embarcase
na épica de tecer e avanzar.
Isto tentamos facer nestes tres anos, conscientes de que só avanzamos
de verdade cando estivemos unidos. Como pasa noutras latitudes e iso nos aprenden tamén os Escoceses,
Irlandeses, Cataláns, Valencianos e Corsos. Uníronse e gañaron.
Estamos nunha situación moi delicada que ten raíces moi fondas e vén de
anos.
É hora de repensar ferramenta e discurso.
Nestes anos fixemos cambios, hai que facer máis e máis profundos.
Non se trata de volver atrás, nin de recuperar un pasado que xa foi,
nin máis clarificación nin máis contundencia.
Xa estamos clarificados abondo!! Aquí falta moito nacionalista que anda
buscando un espazo acolledor.
Temos que priorizar absolutamente a causa que nos une: a liberdade de
Galiza e o benestar do noso pobo. Deixar a un lado aqueles matices que nos
diferencian.
Temos que vernos como compañeir@s en igualdade total de condicións.
Fai falta firmeza no obxectivo final, pero a partir de aí precisamos
enriquecernos de matices e perfís diversos. Temos que apreciar SINCERAMENTE o
positivo das diferenzas, das pequenas contradicións que nos fan máis humanos.
Precisamos a flexibilidade do xunco, cintura, empatía e capacidade para
compartir alianzas para sumar, “navegar de bolina” –como dicía Bóveda- e ir
conseguindo obxectivos aínda que sexan modestos..
Perdemos moita xente e perdemos moitos votantes.
Hai que recuperalos e hai que buscar novos apoios.
Onde?: Sábeno ben os mariñeiros que van a marea: HAI QUE BOTAR AS REDES ONDE
HAI PEIXE
Onde non hai, escusamos perder o tempo
Como?: con refundación e con alianzas
Temos que REFUNDAR! Niso seica estamos tod@s de acordo. Pero... non
para retabicar e repintar, cos vímbios que xa están dentro. Necesitamos atraer
nova xente, novas forzas para ampliar o proxecto. Máis que siglas, xente.
Temos que refundar, pero que tipo de organización nos pide hoxe a
xente?
Temos que escoitar a nosa base social e responder con sinceridade.
Eu dígovos a miña fórmula: UNHA ÚNICA SIGLA, UNHA ÚNICA LEALDADE, UNHA
ÚNICA DIRECCIÓN. (Leninismo puro!!!)
Temos que ampliar a base. Por onde anda hoxe a xente nova activa que
quere mudar as cousas? Pois cara aí temos que apuntar o barco. Non para mudar
de barco pero si para andar polo medio do caladoiro.
Temos que facer ALIANZAS. A cidadanía que quere mudanza entendeu que a
fragmentación era unha trampa mortal e decidiu voto útil para tentar gañar a
partida. Temos que escoitala!! Logo xa se verá se se dan as condicións.
Temos que saber ler o punto e hora da nosa loita. En cada momento temos
que saber aceptar as prioridades acuciantes da nosa xente. Como dicía Pondal,
“o caso está na ruda adversidade urxente”. Ese ten que ser o criterio. Mirar
para o horizonte pero sempre cos pes na terra e as mans pegadas a xente que ten
que acompañarnos nese longo camiño. Decía V.I.U. “un paso por diante pero só un
paso”
Hai que combater esa idea de que o nacionalismo é un asunto identitario,
coma se non tiver a ver cos problemas acuciantes da nosa xente. Nós ben sabemos
que o nacionalismo é algo máis esencial: confianza nas nosas potencialidades, vontade
de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais
da maioría, para compartir unha calidade de vida digna, sen precariedade, sen
pobreza, sen emigración.
Esa é a realidade, pero o que conta en política é a PERCEPCIÓN da
realidade, como di Joseph Brodsky. E a percepción da maioría da xente que quere
mudar este país é que a soberanía, en Galiza, hoxe, está moi distante como para
ser solución e fixa como prioridade mudar os gobernos e mudar as políticas. Vencer
o PP e mudar as políticas neoliberais e recentralizadoras. Este é o punto e
hora da nosa base social. Está dicíndonolo todos os días, dínolo nas urnas. Non
podemos tapar os oídos e seguir co piloto automático.
O certo é que a longa hexemonía do PP é a principal ameaza para o país
e o nacionalismo. Derrotar o PP é a prioridade en 2016, para frear a desfeita económico-social
e a laminación do autogoberno, para elevar a conciencia nacional e avanzar cara
a soberanía. Temos unha oportunidade única e temos que ser os primeiros en mover
ficha para conseguilo. Por patriotismo, por responsabilidade co país e tamén por
responsabilidade co noso propio proxecto. 2016 é un ano clave e temos que
atinar.
Permitídeme rematar cunha nota persoal.
Elixístesme Portavoz Nacional hai tres anos. Foi unha honra e unha
grande responsabilidade.
Non pelexei por vir, nin pelexei por quedar.
Fixen, fixemos, o posible por axudar a mudar cousas e algo avanzamos, na
boa dirección, pero quizais foi algo tarde e insuficiente.
Toda a equipa de dirección fixo o que puido e máis.
Vós tamén. Grazas a todos e todas!!
De cara ao futuro, Non é cuestión de máis esforzo, non se pode pedir
máis.
É cuestión de atinar na folla de ruta:
UN NORTE CLARO, UNHA ESTRATEXIA GRADUALISTA E FLEXÍBEL E UNHA TÁCTICA
REALISTA E PRAGMÁTICA.
Compañeiras e compañeiros,
Son nacionalista, soberanista e de esquerdas dende moi noviño. Coma moit@s de vós.
Daquela pensaba que os grandes cambios ían chegar axiña, con
mobilización social ou insurreccións.
Con algúns aniños máis xa vin que isto era moito máis complicado.
Leva tempo, vainos levar tempo, e en democracia hai que conseguir o
respaldo da xente.
O exemplo témolo á vista. Escocia e Cataluña son a lección máis
poderosa: perspectiva histórica, 20 e 35 anos de autogoberno nacionalista, con
moito traballo, tamén por abaixo, construíron paso a paso unha nación política,
disposta a pelexar por un estado propio para voar libres.
Sen gobernar non hai saltos posíbeis. Non queda outra. Por iso temos
que empezar por desaloxar canto antes a esa dereita hexemónica que esgana este
pobo e lamina o noso autogoberno. Cun programa pegado ás necesidades da xente.
Eses son os primeiros chanzos para un longo percorrido cara a
soberanía. Pode que eu non vexa o final pero traballarei con todas as forzas
para cimentar os primeiros chanzos dun autogoberno nacionalista, para andar ese
camiño paso a paso, para que a miña filla e o meu fillo, que teñen agora a
idade que eu tiña daquela, eles si cheguen a vivir nunha Galiza ceibe, máis
próspera e máis xusta.
Precisamos moitas máis mans. Farémolo, entre todas. Desde 2016.
Por eles, por vós e polas que han de vir
Viva Galiza Ceibe
...E agora a debater e acordar!
A Coruña, 28 de febreiro de 2016
XV Asemblea Nacional do BNG
Centenario das Irmandades da Fala
Corte realizado por Bibiana Villaverde para V televisión
Subscrever:
Mensagens (Atom)