terça-feira, 22 de outubro de 2013

A soidade dun traidor

O debate do estado da nación e o proxecto de orzamentos para 2014 certifican a renuncia de Feijóo a liderar un proxecto de futuro para o país. No debate vimos a súa estratexia de camuflaxe e ocultación dunha realidade que continua degradándose a pasos acelerados, con máis paro, pobreza, caída xeral do nivel de vida, recortes dos servizos públicos básicos, etc. O recital de mentiras non pode tapar as estatísticas e o que a cidadanía vive nas súas carnes día a día. Pero, o máis preocupante é ver un Presidente empecinado en seguir a mesma senda suicida que lle marca o PP estatal. Submiso a todas as consignas que lle envían de Madrid e carente de ideas e proxectos para saír da crise e levantar o país. O resultado é descorazonador: un país sen temón, sen goberno, sen compromisos de futuro e, polo tanto, sen capacidade para chegar a acordos. Porque ninguén pode dar carta branca, desde logo o BNG non o vai facer, a un goberno tan cativo, submiso a Madrid e falto de iniciativas para reactivar a economía e crear emprego. Máis aínda a súa renuncia a defender posicións esenciais para o futuro de Galiza convérteo nun verdadeiro traidor ao país. A súa submisión ao proxecto centralizador do PP está dándolle a puntilla ao xa limitado autogoberno. A súa solemne e inaudita declaración de “satisfacción porque NGB sexa o primeiro banco intervido en ser vendido” é a constatación da súa irresponsábel frivolidade e submisión aos ditados de De Guindos e da gran banca española. A súa aceptación silenciosa do recorte adicional dos recursos autonómicos e municipais en 17.470 millóns de euros para permitir máis gasto e máis déficit ao goberno central nos dous anos vindeiros significa aceptar que Madrid engorde a costa de encoller Galiza. O mesmo se deduce do seu seguimento da estratexia do PP estatal de reducir o trama autonómico do IRPF –aínda sexa modesto- ao tempo que o goberno central decidiu aumentar o tramo estatal. As contas para 2014, que en termos reais nos devolven ao ano 2002, póñenlle cifras ao empequenecemento do país. Só dentro desa estratexia de achicamento do autogoberno se pode entender a súa proposta de reducir o tamaño do Parlamento, reducindo a súa capacidade lexislativa, a pluralidade e a democracia. Que ninguén se equivoque, reducir o autogoberno é cargarse os servizos públicos que dependen del –sanidade, educación e servizos sociais- e fanar os instrumentos para impulsar o crecemento económico e o emprego no noso país.

Artigo publicado en La Voz de Galicia (co título A soidade de Feijóo)

domingo, 13 de outubro de 2013

C.Naval, Eleccións europeas (Anova,IU), debate estado da nación, propostas. Entrevista en ABC

Entrevista en ABC, domingo 13.10.2013: C.Naval, Eleccións europeas (Anova,IU), debate estado da nación, propostas.

http://www.abc.es/local-galicia/20131013/abci-entrevista-vence-201310131054.html


http://www.abc.es/local-galicia/20131013/abci-vence-feijoo-entrevista-201310131116.html

Feijóo: I+D ou Q+D?

Con Feijóo a política de I+D quedou reducida a un “Que máis Da”. Non hai máis que ver os datos oficiais disponíbeis. Os últimos datos publicados polo INE revelan unha caída do gasto en I+D en Galiza dun 10% entre 2009 e 2011. Uns 58 millóns de euros menos en apenas tres anos. Caída que afecta tanto ás empresas como ás universidades. O esforzo en I+D baixou dun xa exíguo 1,04% a un 0,93% do PIB; expresado doutro xeito, pasamos de gastar 213 euros per capita en 2008 a 192 euros en 2011. Unha merma moi considerábel, mesmo sen ter en conta o efecto da inflación.

Os datos do INE poñen en evidencia que o recorte do esforzo en I+D foi moito máis intenso en Galicia que na maioría das CCAA. Como consecuencia o noso esforzo en I+D (0,93%) retrocede e volve situarse moi lonxe da media estatal (1,33%), a unha distancia sideral a respecto de Madrid, País Vasco ou Navarra que superan o 2%; tan só superamos a Baleares, Canarias, Murcia, Castela A Mancha e Extremadura, os páramos da ciencia e a innovación ibérica. Nestes anos mesmo nos adiantaron Andalucía, Aragón, Asturias e Cantabria. Iso significa, en esencia, que ningunha outra CCAA foi tan lonxe como nós á hora de cargar na I+D a espada da austeridade.

Isto resulta especialmente grave e preocupante se temos en conta que Galiza está entre o “selecto” grupo de CCAA que ten á súa disposición o Fondo Tecnolóxico 2007-2013, dotado con 300 millóns de euros concedidos pola UE e xestionado polo CDTI, que está orientado exclusivamente para as rexións converxencia (ou obxectivo 1), é dicir, para Galiza, Extremadura e Andalucía.
O que acontece con este fondo é grave, por non dicir escandaloso, porque no presente ano 2013 remata o seu período de vixencia e Galiza está desaproveitando irresponsabelmente eses fondos únicos e estraordinarios. É -case habería que dicir foi- unha oportunidade perdida –ou moi infraaproveitada- xusto dun fondo que pola súa orientación podería ser clave e estratéxico para renovar a capacidade científico-tecnolóxica e o tecido produtivo do noso país. O certo é que ese desaproveitamento deriva tanto dunha clamorosa falla de iniciativa da Xunta de Galicia como da súa miopía á hora de aplicar -tamén neste ámbito- unha política de recortes que impide dispoñer do 30% necesario para cofinanciar os proxectos que se acollen ao Fondo Tecnolóxico, como ocorre con outros fondos europeos.

O dobre estrangulamento da investigación

O parón e retroceso da actividade científica nas universidades galegas ven por dúas vías diferentes. Por un lado, a caída de recursos nas convocatorias de proxectos de investigación e de recursos humanos e, por outro lado, a imposición dunha insidiosa “taxa de reposición cero” que obriga a amortizar todas as prazas que quedan vacantes por xubilación ou baixa e que afectan tanto á docencia como á investigación. A primeira vía de retallo, o recorte das axudas, é obvio e explícito porque se reflicte nas partidas orzamentarias correspondentes. Nestes últimos anos caeron de xeito acelerado –máis de 500- investigadores e técnicos de investigación de diferentes tipos de convocatorias (dos que os das convocatorias de  Parga Pondal ou Ramón y Cajal son apenas unha punta do iceberg). Os datos máis fragmentarios dos que podemos dispoñer neste momento indican que nos anos 2012 e 2013 prodúcese unha deterioración aínda máis marcada, porque se van esgotando proxectos plurianuais concedidos en anos anteriores e a Xunta de Galicia paralizou as convocatorias de proxectos de I+D e as de persoal de apoio á investigación. Isto unido aos considerábeis recortes dos fondos estatais está facendo que moitos laboratorios, moitos grupos e moitos investigadores vaian esgotando os recursos que viñan arrastrando de anos anteriores e van véndose abocados a reducir actividade e prescindir de investigadores –ou precarizándoos aínda máis.
e reducíronse os cadros de persoal de profesorado universitario como consecuencia da amortización masiva das prazas de xubilados e prexubilados.

 O segundo método –taxa de reposición cero- é máis sibilino pero de consecuencias igualmente graves que se traduce nunha mingua continua dos cadros de persoal docente e investigador. Na medida en que iso se converte nun criterio estrutural nas universidades –ao igual que na Administración e outros niveis de ensino medio- vai ir provocando un diezmo progresivo do seu persoal, reducindo capacidade tanto para a investigación como para a docencia. O ano pasado a taxa de reposición era do 10% (por cada dez xubilacións podía crearse unha praza) pero o primeiro real decreto de axustes do Goberno de Rajoy puxo a guillotina na “reposición cero”, criterio que de continuar co plan de axuste anunciado diante de Bruxelas prolongarase durante varios anos. Este proceso pode adquirir niveis realmente estranguladores se temos en conta que, por razóns históricas, unha grande parte do persoal das universidades está en idades próximas á xubilación e non poderá ser remprazado por seiva nova. Especialmente na Universidade de Santiago, porque as outras dúas universidades ao ser máis novas teñen un persoal algo máis xove.

A reducción do orzamento para as universidades, en xeral, e para investigación, en particular, foi moi intensa nos últimos  exercicios, facendo que algunhas das convocatorias de axudas anuais non chegaran xa a publicarse. Ao tempo, o peche de exercicio en 2011 e 2012 deixaron moitos dos recursos orzamentados sen executar.

Recortan futuro

Máis alá das cifras compre facer algunha reflexión para entender até que punto os recortes en investigación son un moi mal negocio para o país. É o mellor exemplo de como a falsa virtude da austeridade pode ser un pecado mortal que leva o país á condena por largo tempo.
O investimento en investigación e en formación das novas xeracións é un tipo de gasto moi particular non só pola importancia do seu impacto a curto prazo e por ser crucial para o futuro do país, senón por ser un proceso de creación de recursos e capacidades que se extende ao largo dun lapso de tempo moi prolongado, de xeito que a interrupción dese proceso non só ten efectos inmediatos senón que corta unha secuencia que destrue todo o esforzo feito até entón. A creación de ciencia é o mesmo que a creación de investigadores de xeito que cando cortamos a carreira dun investigador destruímos un potencial e, ademais, estragamos o esforzo feito para formalo e para dotalo de medios e para apoiar a súa actividade investigadora até ese momento.

Compre, polo tanto, tomar as decisións non a cegas senón priorizando as áreas que poidan responder a necesidades da sociedade, do tecido produtivo realmente existente no país, daquelas nas que haxa apostas estratéxicas claras e sólidas de cara ao futuro ou daquelas nas que haxa necesidades docentes futuras nas propias universidades ou noutros centros de investigación.

Salvo para aqueles que renuncien ao futuro e á dignidade, para todos os demais isto non pode seguir así. Non é só cousa da crise, é o fracaso dun modelo e, se non hai reacción para preservar o construído, mellorando tamén a xestión, en poucos anos corremos o risco de ter universidades que non só non melloran senón que non serán nin a sombra do que hoxe son.









Gastos internos totais en I+D (miles de euros correntes). Galiza. Fonte: INE

Total
Sector empresas (1)
Sector Administración Pública
Sector Ensino Superior (2)
2001
240265
67186
37114
135965

2002
293195
113415
..
179780

2003
338446
135562
41010
161874

2004
366290
137692
58584
170014

2005
405196
176035
63976
165185

2006
449522
198290
75306
175926

2007
555626
307668
72879
175078

2008
584213
281033
77511
225669

2009
524125
232792
84926
206407

2010
531601
239588
84742
207271

2011
526471
254781
..
195454



  Publicado no suplemento AFONDO de Sermos Galiza (10.11.2013)

domingo, 15 de setembro de 2013

Manifestación 15 Setembro: Por unha Patria Soberana

Manifestación 15 Setembro: Por unha Patria Soberana

Inmenso pobo, inmensa nación!
Quen dixo fraqueza?, quen dixo desalento?, quen dixo resignación?
Galiza está viva,
Galiza vive,
está viva por todo o país, de Ortegal ao Miño, do Bierzo a Fisterra.
Mais, hoxe aquí, vibra, aquí latexa, porque vos sodes o corazón de Galiza.

Acabamos de escoitar 12 voces que nacen do fondal deste pobo.
Son 12 berros de indignación, pero tamén de esperanza.

Hai sufrimento, pero tamén hai rebeldía.

Coma en tantas ocasións, esta Quintana milenaria é testemuña da Galiza que non se resigna, da Galiza insubmisa, da Galiza que quere ser dona de seu, da Galiza que aspira a un futuro de dignidade e de liberdade.

Convosco, Galiza ten futuro

Compañeiros e compañeiras:

Estamos atravesando un dos anos máis duros e dramáticos das últimas tres décadas.

Por un lado, este é o sexto ano dunha crise e, o que é peor, dunhas políticas económicas destinadas a rescatar a banca especulativa que están a destruír a nosa economía produtiva, o emprego e as conquistas sociais que custou décadas acadar.

Cal é o resultado?: paro masivo, precariedade extrema, recorte dos dereitos e servizos básicos, marxinación, pobreza e, sobre todo,  falta de futuro.

Nós non podemos resignarnos a ter un 52% da xuventude en paro, mais a sangría migratoria; non podemos resignarnos a ter un  país con 290.000 parados, un país con 92.000 fogares con todos os seus activos en paro.

Isto non é unha crise, é unha desfeita!

Non podemos resignarnos a que sigan pechando empresas, nin pequenas nin grandes, nin comercios, nin negocios autónomos.

Non podemos resignarnos ao abandono do noso medio rural, pechando explotacións a tal ritmo que hoxe temos menos emprego agrario que a provincia de Murcia.

Este abandono sen control é o que fai arder o país, de punta a punta.

Resulta patético ver como o Presidente da Xunta pretende escorrer o vulto da súa responsabilidade alegando que estamos ante un problema de orde público, obra de “pirómanos enfermos e desalmados”. Algún haberá, pero iso non explica o que está pasando.

Non, señor Feijóo, o monte arde porque está abandonado, porque vostede e os seus fomentaron e fomentan o abandono das terras, pero non mudan a estrutura da propiedade, nin teñen unha política forestal e agraria á altura do país.

A verdadeira política contra o lume é o aproveitamento da terra, o cultivo agrario ou forestal, os froitos ou os pastos, os cogomelos ou o lecer.

Por moito que se agoche estes días, Feijóo non pode agochar a histórica responsabilidade deste PP especializado en administrar a desfeita.

O Monte Pindo é hoxe a metáfora de todo o país.

A catástrofe da vaga incendiaria nace do seu desgoberno e agrávase por unha austeridade irresponsable, que pagamos moi cara todos os galegos e as galegas.

Gastamos en apagar o que non gastamos en prevención, e aínda por riba quédanos o país carbonizado. 

Hai pirómanos por acción e “pirómanos por omisión”, Feijóo é pirómano por omisión.

Feijóo está deixando o país reducido a cinzas, e non só no monte.

O esmorecemento agrario e industrial, o roubo do noso aforro non son pragas bíblicas, son a consecuencia de políticas impostas desde Madrid e Bruxelas e que o PP ocupante da Xunta aplicou e aplica con total entrega e submisión.

A única fábrica que a Xunta ten a pleno rendemento é a “factoría de mentiras de Montepío”. Alí, os seus 46 asesores persoais facturan 7 Millóns de euros ao ano de mentiras e placebos. Como esa boutade da “extraordinaria campaña da loita contra os lumes”.  Pero os galegos e as galegas non poden vivir de mentiras narcotizantes e non lles pagan para iso.

Compañeiros e compañeiras,
O país está nunha situación limite, pero non podemos aceptar que nos rouben o futuro.

Centralización

Para empezar, non podemos soportar máis este agresivo proceso de recentralización do Estado, no político e no económico, que se plasma no ataque máis radical ás institucións de autogoberno desde que foran creadas.

A un Estado das autonomías cicateiro, que non recoñece os nosos dereitos como pobo, súmase agora unha ofensiva neocentralista,  empeñada en laminar o noso incipiente autogoberno.

E todo feito a maior gloria de Madrid e dos seus poderosos lobbies económicos, que veñen financiando ao PP de xeito ilegal.

Toda a lexislación dos últimos tempos, -cinicamente chamada “programa de reformas”-, supón unha regresión en termos sociais e en termos de dereitos da cidadanía. Ao mesmo tempo, impón unha arquitectura abertamente centralizadora.

Cando digo toda a lexislación, digo toda, desde as leis relativas ao sistema financeiro, a lei de unidade de mercado, o decreto de horarios comerciais, a lei de costas, a supresión dos servizos ferroviarios, a lei de reforma local, a lei de planta xudicial, a lei da cadea alimentaria, o desenvolvemento centralizador da PAC, ou a lei Wert, esa perla declaradamente confesional e españolizadora, antisocial e antigalega.

O “chencho” do Margallo chega ao extremo de dictar leis para prohibir as relacións internacionais das Comunidades Autónomas, e mesmo obriga aos seus  presidentes a pedir permiso a Madrid para saír fora.

Trituran o Estatuto e logo teñen o santo cinismo de saír en procesión en todos os concellos para erixirse nos seus defensores e anatemizar aos que reivindicamos máis autogoberno e soberanía.

Pero esta ofensiva centralizadora afecta a todo e tamén ao corazón da nosa economía.

A laminación dos escasos instrumentos de autogoberno provocan tamén unha continuada destrución das bases produtivas do país, recortan os servizos públicos e cercenan a capacidade para endereitar a situación.

Corrupción

Para completar o cadro dantesco, vemos como o magma da corrupción anega o panorama político, cubrindo de lama as principais institucións do Estado e do noso país.

Todo o que empezou a ventilarse cos casos Gürtel e Bárcenas revela moito máis que unha suma de corruptelas ou unha crise institucional e política. Revela unha auténtica crise de lexitimidade deste réxime.

O financiamento ilegal do Partido Popular, tamén en Galiza, destapa como a élite económica e financeira de Madrid converteu este partido no  instrumento para impor as súas políticas liberais, e para vampirizar o orzamento público e, xa de paso,  impoñer  a recentralización política e económica no seu propio beneficio.

Todo para encher o enorme burato negro madrileño.


Resposta BNG

Compañeiros e compañeiras

Galiza está no límite, pero non está rendida.
Non nos resignamos.
Temos ben aprendidas aquelas verbas de Manuel María cando escribía:
“O que nos diga que temos
que ter paciencia e calar,
¡Ou é que xa manda en nós
ou é que pensa en mandar!”

Compañeiras e compañeiros,

Hai desleixo culpábel dun PP sen alma galega, pero tamén hai vontade de derrotalo.
Hai rebeldía!
Hai desfeita executada milimetricamente coa complicidade cipaia de Núñez Feijóo, pero tamén hai alternativa.
Hai BNG!

A xenerosa militancia do BNG foi motor incansábel da organización da rebeldía, desde a rúa, desde o Parlamento e desde os Concellos. Si, VÓS, a militancia do BNG, déstes corpo e azos a todos eses movimentos de resposta organizada:

Ø     contra os recortes da sanidade e contra a súa privatización,
Ø     contra os recortes do ensino e a súa rancia españolización,
Ø     contra os recortes na investigación e o estrangulamento das universidades,
Ø     contra o roubo das preferentes e subordinadas,
Ø     contra as sancións inxustas aos pensionistas retornados da emigración
Ø     contra a reforma laboral da xungla inhumana,
Ø     contra esa minaría colonial que abre o país en canal para deixar bombas de cianuro e contaminación,
Ø     contra o desmantelamento definitivo do naval....
Ø     contra os recortes nos dereitos das mulleres,
Ø     contra o acoso do noso idioma, no ensino, nos medios, nos libros,  e agora até nos letreiros das estradas e das autovías.

E nesas seguiremos, porque temos organización e somos indomábeis. Non nos paran con multas nin con represión.
Ninguén nos vai desviar ou entreter na nosa loita democrática por un país con futuro.
Nin as intrigas e intoxicacións do PP, nin os incautos e insensatos que lle queiran facerlle o xogo.

Compañeiras e compañeiros,
A indignación é necesaria, pero a nosa aposta ten que ir un paso máis aló.
Nós erguemos un proxecto con ideas e propostas, para converter o cabreo en esperanza, que é a materia prima do futuro.
Nós temos unha folla de ruta para construír unha Galiza nova, unha Galiza de seu, unha Galiza con futuro.
Un futuro de economía produtiva, traballo, dignidade e benestar nesta Terra.

Soberanía
Non podemos vivir coas mans atadas. Xa sabemos moi ben como nos atan no naval, na pesca ou no agro, pero permitide que me deteña en tres asuntos da máxima actualidade.

Non podemos aceptar que os grandes oligopolios eléctrico, enerxético,  telefónico  dicten, a través dun goberno central corrupto, políticas contra os usuarios. Temos que reclamar competencias e instrumentos para regular estes sectores en interese da nosa cidadanía e do noso país. Sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Non podemos aceptar que Madrid estableza unha tarifa eléctrica bonificada para grandes empresas, que deixa fóra e pon contra as cordas, pequenas e medianas empresas do noso país, como está a pasar con MEGASA. Unha tarifa eléctrica galega, sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Non podemos aceptar que Madrid impoña o parón ás enerxías renovábeis, e de paso leve por diante empresas punteiras como Gamesa, Alsthon, ou T-Solar. Decidir por nós a estratexía das enerxías renovables, sería un cambio radical, pero é un cambio posible, como xa demostramos no Goberno.

Compañeiras e compañeiros,

Mañán mesmo abren formalmente o proceso de venda anticipada e acelerada de NGB.

Non podemos quedar impasíbeis diante do desmantelamento do noso sistema financeiro decidido en Madrid. Non podemos aceptar o espolio dunha NGB, rescatada cos nosos impostos e cos nosos aforros. Nada menos que 9.000 millóns de recursos públicos, -o equivalente ao orzamento anual de Galiza-, aos que hai que sumar os 564 millóns roubados polas preferentes.

O FROB e o Goberno Central, co silencio de Feijóo para non incomodar a Botín e compañía, ultiman o saqueo definitivo. A complicidade de Feijóo é unha traizón ao país de consecuencias catastróficas.

Galiza non pode renunciar a ter un sistema financeiro propio, a menos que renuncie a ter futuro. Nós, dun xeito ou doutro, imos batallar até garantirlle a este país esa ferramenta vital. E a mellor de todas é unha banca pública galega, para tratar aos aforradores como persoas, e garantir o uso dese aforro para dar crédito e investir no país. Ter unha banca pública galega sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Amigos e amigas,
Tampouco queremos ser consumidores cegos das grandes corporacións que nos inundan con produtos foráneos. Queremos producir algo, e consumir tamén do noso. Consumir produtos galegos, etiquetados en galego. Porque os temos e cada vez máis.

Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel, queremos a soberanía alimentar. Non imos calar ante unha Política Agraria Común que arrasa o noso rural, e que Madrid utiliza para converternos en importadores e en clientes das grandes cadeas. Ter capacidade real para regular o noso comercio e a nosa distibución, é un cambio radical, pero é un cambio posible.

Necesitamos instrumentos para decidir aquí, para regular desde aquí en interese de Galiza e dos galegos e galegas. Necesitamos liberdade para producir, necesitamos instrumentos para tomar decisións para crear emprego na Terra.
Queremos facer uso das nosas competencias e, coa soberanía como faro, queremos todo o que ten un país normal.

Porque, en palabras de Celso Emilio:
“Nunca virá de fora
remedio ou esperanza”.

Queremos as mellores armas para defender a nosa economía produtiva, para defender a clase traballadora, para defender a nosa xente. E esas armas son as armas dun Estado.

Queremos un parlamento soberano, que cando decide anular as quitas das preferentes, os seus acordos vaian a misa.

Queremos un parlamento soberano que cando decide que en Fene se poden construír barcos ninguén poida vetalo.

Queremos que cando nós decidamos sacar Ence da ría de Pontevedra, non veña unha lei de costas do Estado a impedilo.

Que se nós decidimos que as deputacións deben desaparecer, por disfuncionais e antidemocráticas, desaparecen e xa está.

Que somos nós quen decidimos como prestan os servizos de proximidade os concellos do país.

Que non vai vir Wert  reespañolizar o ensino, pero tampouco vai ter cabida quen desde aquí pretenda tratar o galego como idioma estranxeiro.

Nós sabemos que esta nación,  como dicía Uxío Novoneira,  aínda está a tempo “de ser outra cousa”.

Compañeiros e compañeiras, 

Que ninguén se equivoque: a soberanía non é un asunto exclusivamente identitario, nin tan sequera é algo que interese só aos nacionalistas. A soberanía é cousa de todas as xentes que habitan este país. Porque a soberanía é condición para un futuro digno para todos e todas, nacionalistas e non nacionalistas. É a precondición para poder aplicar políticas de esquerda.

Desde logo, non hai esquerda posíbel sen soberanía, máis aínda, non hai democracia real sen soberanía.

Precisamos o marco de competencias soberanas para romper cos mercados globais, e orientar as políticas económicas, sociais e culturais na procura da xustiza social, do recoñecemento e da autoestima de todos os seres humanos que, coa a nosa diversidade, habitamos este vello e torturado solar galaico.

Amigos e amigas nacionalistas, temos que explicarlle isto aos que non son nacionalistas, aos que naceron aquí e aos que naceron fora, aos que falan galego e aos que falan calquera outra lingua.

Compañeiros e compañeiras: A unidade é importante para todos os compartimos o norte soberanista.

O nacionalismo ten que alargar a súa base, precisamos un vasto exército con medio millón de papeletas nas súas mans para estarmos en condicións de dar o grande salto adiante.

Pero, amigas e amigos, para que poidamos avanzar no plano político e institucional é preciso “petar na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, tocando todas as teclas: as do corazón, as do espirito e as da prosaica vida.

Por iso apoiamos con decisión a plataforma Galiza pola Soberanía. Desexamos que voe libre e que vaia dando pasos para converterse nun auténtico movemento cívico multicor, que alente a conciencia nacional deste país, desde abaixo, desde a base.

Desde aquí proclamamos ben claro: nós non temos inimigos no nacionalismo, nin temos tampouco inimigos na esquerda.

Os nosos inimigos son os poderes económicos que estrangulan o noso país, os oligopolios capitalinos e os políticos mercenarios que os serven.

O noso pior inimigo é a falta de confianza en nós propios, o pesimismo antropolóxico, aceitar o tópico que de nós tratan de construír para apoucarnos.

O que non podemos compartir é a volta atrás e renunciar ao camiño percorrido polo nacionalismo ao longo de décadas. Non podemos seguir o camiño dos que agarrados á quimera da “creba democrática estatal” abeiran a loita pola soberanía. Non podemos debilitar a autoorganización e contribuír a reforzar a presenza das forzas estatais.

Non hai que ter medo á maioría de idade, non hai que ter medo a tomar as nosas propias decisións. O perigo está cando outros toman as decisións por nós, o que quere dicir que normalmente son contra nós.

Os países que se erguen gañan. Aí está o exemplo dos nosos amigos latinoamericanos, aí está a recente epopeia soberanista de Ecuador, Bolivia, Venezuela, Uruguai e os demais. Aí están os exemplos da dúcia de pobos europeos que nos últimos vinte anos conquistaron a liberdade, aí están os que seguen o seu ronsel hoxendía: Escocia, Flandes, Euskadi, Catalunya.

Amigas e amigos, mañá 16 de setembro cumpriranse 80 anos do recoñecemento internacional de Galiza como nación, naquela Asemblea da Sociedade de Nacións celebrada en Berna no ano 1933. Aquel logro colectivo, xestionado por Plácido Castro e outros galeguistas, é hoxe forza e inspiración para reivindicar o noso papel como nación no mundo.

O futuro está nas nosas mans.
O futuro non se mendiga, tómase.
Non nos queda outra, ou soberanía ou declive.
Nós apostamos pola soberanía, paso a paso.
Con decisión, Galiza ten futuro.

Compañeiros, compañeiras,

Deixade que remate en ton poético e acendamos os nosos corazóns cos versos épicos que Alfredo Brañas colocara, hai máis dun século, no seu Deus Fratesque Gallaecia:

“Cantai galegos o himno xigante,
dos pobos ceibes dos pobos grandes,
cantai galegos a idea santa
da independencia da nosa Patria” 

Viva Galiza Ceibe e Popular!
Adiante  co BNG!

Compostela, 15 de setembro de 2013.

Xavier Vence

Portavoz Nacional do BNG

Soberanía, Diada, NGB, Pescanova: Entrevista en Via V

quinta-feira, 22 de agosto de 2013

DISCURSO NO DIA DA GALIZA MÁRTIR 2013

DISCURSO NO DIA DA GALIZA MÁRTIR,
EN PONTEVEDRA 17 DE AGOSTO DE 2013
"Ti eres lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro;
potente trebón que berra e crama,
home do pobo, asoballado e puro!"
 (Manuel María)

Familia Bóveda e familias dos demais mártires do 36
Alcalde da Boa Vila, Alcalde de Poio
Compañeiras e compañeiros,

No dia de hoxe, como vimos facendo dende 1942 alá onde podemos, xuntámonos aquí os homes e mulleres demócratas e patriotas, os que temos Memoria, para render merecida homenaxe aos nosos mártires do 36. Ao compañeiro Alexandre que caeu na Caeira atravesado polas balas asasinas dos fascistas tal dia como hoxe. Pero con el rendemos homenaxe e memoria aos perto de 5.000 de galegos e galegas, demócratas, republicanos, nacionalistas que caeron asasinados naqueles meses e anos vítimas da barbarie fascista e españolista.
Todos eles e elas foron heróis que deron a súa vida nesa loita eterna contra a opresión, pola liberdade e pola xustiza.
Rendemos homenaxe tamén aos que pegaron cos seus osos no exilio, dos que algúns como Castelao foron os artífices da reivindicación da súa memoria, a empezar por esa impresionante triloxía constituída polas estampas da Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos.
Pero rendemos homenaxe tamén aos milleiros de homes e mulleres que caeron presos, padeceron torturas e persecución de por vida, pero sobreviviron aquí e adicaron a súa vida a loita pola liberdade, pola xustiza e pola dignidade. Do País e das persoas.
Estamos aquí porque temos Memoria, porque temos motivos para ter memoria, porque temos xentes como Alexandre que foron e son exemplo inspirador, fermento vivificante para construír un futuro diferente, con Galiza e o pobo galego como eixo e norte das nosas vidas.

Temos que estar aquí tamén porque o espírito daqueles fascistas segue estando aí. A dereita cavernícola e centralista segue estando aí. Cando escoitamos ao animal do Alcalde do PP de Baralla -habería que dicir cabalo de bastos ou sota da bastos da baralla- ben sabemos que non é un verso solto, mellor dito, non é un carneiro solto. É o ego profundo da dereita española, tan ben representada no noso país. Non é que a dereita fascista volva agora, co cabalo de bastos de Baralla á fronte. Non, a esa dereita pásalle como ao dinosaurio de Augusto Monterroso, sempre estivo aí, agochada. Cando non lle queda máis remedio disimula pero levan a besta dentro.
Aí temos tamén o Alcalde de Cedeira que despois de erguer monolitos a Franco, agora cede gratuitamente o albergue municipal aos falanxistas da OJE. Pero aí están as cesións de Feijóo de residencias de terceira idade ou escolas infantís a sectas católicas integristas e reaccionarias; ou reforzando con recursos públicos os seus colexios privados, doutrinarios e que mesmo segregan por sexo incumprindo sentenzas xudiciais. Ou volvendo meter o adoutrinamento sectario e españolizador no currículo educativo, como pretende a ultra-reaccionaria lei Wert.
Aí están 21 as licencias de FM que a Xunta de Feijóo ven de outorgar o pasado 14 de Agosto á COPE, Intereconomía e Libertad Digital e outro medio cento a empresas amigas do PP.
Xogan á democracia porque é o que toca pero xa sabemos que os seus principios rematan cando se pon en perigo o seu poder. Non hai reparos en pasar por riba de quen estorbe e pisar aos inimigos. O caso é o poder, o caso é manter os privilexios, o caso é que haxa negocio para os seus, o caso é manter a raia os que non se someten ao seu molde. Por iso non podemos baixar a garda, amigos e amigas, hai que estar sempre alerta fronte á dereita antidemocrática e españolista. Por iso temos que saber que o que pasou con Bóveda, o que pasou no 36, foi tan só a versión extrema dunha dereita que está permanentemente parapetada detrás do poder e disposta a sacar as gadoupas sempre que faga falta.

Hoxe a forma é outra. A corrupción estrutural e sistemática é a nova forma de exercer a dominación. Un golpe de estado permanente que secuestra a democracia. Máis alá das corruptelas e sobresoldos dos mercenarios servís, o pior desa corrupción é o proxecto que hai detrás. O realmente grave é que con esa ferramenta a plutocracia centralista garante o control do orzamento público e do BOE. Da cobertura mediática xa se encargan eles directamente.
Da igual o que o PP ou PSOE prometan aos seus electores nas mascaradas das campañas electorais. Xa sabemos que ao día seguinte gobernan e lexislan para o lobby que manexa os fíos. Menten, menten con tal cinismo e obscenidade que un xa non sabe se é pior a corrupción agochada ou a mentira evidente. Esa mentira sostida con obscenidade é unha humillación para toda a cidadanía. Pero está feita desde a convicción de que, como dicía Michel Foucault, non existe verdade á marxe do poder. Creen que poden impoñer a súa mentira como verdade. Pero, amigos e amigas, non llelo imos permitir!!.
Ese lobby que está detrás de Bárcenas-Aznar-Rajoy-Feijóo encarna un perigoso capitalismo de rapina pero tamén ten unha xeografía. É o lobby madrileño, o palco do Bernabéu, que para mellor controlar todo acabou impoñendo ese radical proceso de recentralización política, que é tamén centralización financeira e económica. Son unha ameaza para o futuro do noso país. Están a piques de acabar co noso sistema financeiro e de estrangular a nosa economía produtiva.

Amigos e amigas de Pontevedra, corrupción e centralismo é o que está detrás do interminábel “culebrón” de ENCE. O PP disimulou sempre que puido pero nunca deixou de someterse aos intereses da pasteira. Tan só se agocha oportunistamente para conquistar o poder, logo o que fai é tirar a careta e lexisla desde Madrid para impoñer os intereses da pasteira. O que non poden defender diante da cara da xente impóñeno desde a distancia, parapetados detrás do BOE centralista. Pero non o imos consentir, nin desde Madrid nin desde a Xunta, entre todos e todas imos conquistar o ar para os cidadáns, para a saúde e a Ría para o marisqueo e o lecer.

Compañeiras e compañeiros,
Estamos aquí porque somos un pobo con historia, un nacionalismo con fachos como Bóveda e Castelao que nos seguen iluminando.
Sabemos que cos vímbios da Memoria podemos erguer a Patria que queremos. 

Non podemos esquecer nunca as verbas de Castelao en 1947 cando cruzaba o Atlántico no Paquebote Campana cara o seu exilio definitivo:
"Nos moitos cimeterios de Galiza, dormen os derradeiros mártires da Libertade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortaes,  porque non pertenece a Historia senon a Tradición en arume de lenda. Bóveda terá de ser nun mañán próisimo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención".

Verbas semellantes lle adicou tamén no seu Alba de Gloria e, efectivamente, hoxe Bóveda volta ser “bandeira da nosa redención”. Bóveda e Castelao son os fachos que alumean o noso camiño no medio das tribulacións, como as que hoxe parecen abanear as certezas dunha parte da familia nacionalista .

Bóveda era corazón e intelixencia dun proxecto que revive a cada paso con nós, como moi ben dicía tamén Castelao nas páxinas d’A Nosa Terra en 1942:
"Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chea de luz, pero nós crearemos outra nova e entón o mártir revivirá".

De feito, eu podo imaxinar a Bóveda paseando hoxe sen pestanexar con Amalia polos soportais da Ferrería e as rúas peonís da Boa Vila, recuperada e primorosamente coidada para os viciños e viciñas polos compañeiros Lores, Mosquera, Anxos, Carme, Raimundo, Bará,  Guillerme e todos os demais.

Aínda podo entrever a Alexandre debatendo dos grandes problemas do país con Daniel Castelao ou con Valentín Paz Andrade e vexo que todo o que din vibra cunha sorprendente e rechamante actualidade nos xornais dos nosos días:
-a crise financeira do capitalismo liberal, naqueles anos 30 coma hoxe
-a necesidade de Caixas e de Banca Pública, daquela o mesmo que hoxe
-a necesidade dunha facenda galega para acabar co espolio, daquela o mesmo que hoxe
-a necesidade dunha fiscalidade directa progresiva e non impostos indirectos inxustos, daquela coma hoxe
-da “separación da débeda pública, para que Galiza non tivese que pagar a contraída en beneficio doutros e moitas veces con perxuizo noso”, parece escrito hoxe mesmo!
-ou falar do centralismo carpetovetónico dos Lerroux-Gil Robles-Calvo Sotelo transmutados hoxe en Rosa Díez, Aznar, Aguirre ou Rajoy, sempre nas mesmas!, daquela coma hoxe
-ou argumentar a necesidade dun estado galego, daquela coma hoxe
-ou falar da necesidade da autoorganización política, das forzas políticas propias, da traizón continua dos autoproclamados federalistas, daquela coma hoxe
-ou da necesaria unidade dos nacionalistas, que con tesón e altura de miras cultivou arreo e que tamén hoxe compre recuperar
-ou coidando até o detalle da organización diaria do partido para garantir unha presenza nutrida en todo o país, en todas as comarcas. Daquela coma hoxe, camarada Bieito, compañeira Goretti.

Si compañeiros e compañeiras, a súa axenda de entón é a nosa axenda de hoxe. Tres cuartos de século e seguimos dando voltas aos mesmos asuntos, pero tamén segue aceso o mesmo espírito. Non é o eterno retorno, é a dialéctica da historia que nos fai confrontar de xeito recorrente os mesmos grandes problemas, aínda que sexa baixo roupaxes lixeiramente descoloridos ou repintados.

Alexandre podería resucitar e continuar a conversa case no mesmo punto onde a deixou. Desde logo podería entender perfectamente os vectores de fondo das nosas anguerias actuais, os nosos debates neste momento crítico e dramático para o país. Porque os problemas de fondo aos que tanto esforzo adicou seguen situados nas mesmas dicotomías onde el as deixou:
-finanzas especulativas ou economía produtiva
-tributos espoliadores e inxustos ou progresivos e xustos
-monarquía/república unitaria española ou estado galego e república federal ibérica
-centralismo ou goberno propio
-sucursalismo ou forzas políticas propias.

Pois ben, compañeiros e compañeiras, nós temos hoxe unha tarefa, temos unha misión: completar a titánica obra comezada por Bóveda e Castelao, construír un estado para esta nazón.

Para facelo temos que ir paso a paso:
-espallar o seu, o noso, ideario emancipador
-organizar, organizar a todas e todos os nacionalistas
-xuntar con xenerosidade a todo o mundo
-confiar nas nosas forzas, nas forzas propias, confiar no pobo galego
-ir casa por casa, precisamos medio millón de galegos e galegas que confíen en nós

A grande diferenza a respeito daqueles anos e da angueira que consumiu os días de Bóveda e Castelao é que hoxe temos aquilo polo que eles batallaron de xeito táctico: Estatuto e institucións de autogoberno.
Loitar por conseguir aquel obxectivo táctico -como el insistía en chamar, táctico-  xustificou todos os seus movementos e alianzas naquel lustro republicano. Coa ORGA de Casares Quiroga, con Portela Valladares e desde logo a alianza electoral coa Frente Popular no 36. Había que conseguir o Estatuto e o Parlamento galego como fose.

Hoxe temos esas institucións. Son coma cascas baleiras, é certo, cada vez máis ensumidas e sen vida, pero están aí.
Están sendo inutilizadas e destruídas polos seus ocupantes, mercenarios servidores do radicalismo centralista madrileño.
Pero están aí. Hai que conquistalas, conquistalas para convertelas no xermolo do noso estado. Ese é o noso obxectivo táctico hoxendía. Como fan os escoces co Holyrood ou os cataláns co seu Parlament. Para iso precisamos gañar a confianza da maioría dos galegos e galegas. E para avanzar nesa dirección precisamos xuntar as forzas de todos os nacionalistas que queiran de verdade construír o novo estado, para situármonos no mundo e en Europa.
Para esa tarefa precisamos as nosas forzas. Todas. Pero non precisamos reforzar as forzas españolas. Non podemos voltar oitenta e dous anos atrás. Non podemos traizoar a Bóveda, a Castelao e todos os que deron o paso definitivo cara a autoorganización.

O que hai que conseguir non se vai conseguir en Madrid, hai que conquistalo aquí. Non é cuestión de amainar o españolismo da esquerda española e convencela das bondades do federalismo, porque nin os españois van aceptar ser federais, máis que como vía de consolidación e reforzamento do estado central -que niso consiste o federalismo de UPyD, PSOE e IU- nin iso nos resolve o noso problema. O que precisamos é gañar no noso territorio. Para iso hai que gañar a xente, precisamos medio millón que entendan a soberanía.
Por iso hai que sumar forzas e gañar as conciencias. Por iso estamos comprometidos co movemento estratéxico multicor Galiza pola Soberanía. Vencer o pertinaz discurso hexemonista do centralismo é algo que non se consegue sen esforzo activo e perseverante. Non abonda con proclamar o respecto á libre determinación, hai que sachar a intelixencia colectiva todos os dias. Hai que converter a soberanía no sentido común da solución aos problemas económicos e sociais.
A soberanía como condición para construír unha sociedade mellor, para poder poñer en marcha políticas progresistas e de clase.

Algúns agora buscan no republicanismo e a ruptura da monarquía o novo santo grial do radicalismo inocuo. Benvidos sexan ao republicanismo os que un día fixeron da Constitución monárquica do 78 o seu catecismo.
Repito, benvidos! Pero que ninguén se confunda, que ninguén pretenda reducir a crise institucional e territorial do estado español a unha cuestión de monarquía ou república.
Nós non imos errar o tiro, alá eles co seu Borbón, o noso obxectivo é romper o centralismo, sexa monárquico ou republicano.
Tampouco os escoceses, flamengos, cataláns ou vascos confunden o albo principal.
Compañeiros e compañeiras nacionalistas, que o discurso evanescente da ruptura do réxime non vaia en realidade actuar de mantra para a ruptura do nacionalismo.
Que ninguén se equivoque, debaixo desta gran crise están redefiníndose as regras dun capitalismo voraz e as regras dunha orde territorial que está no antípodas dos intereses do noso país. Como en todas as grandes crises do século XX, Madrid tivo poder e habelencia para ir impoñendo os seus intereses e así pasou de ser a alcoba dos borbóns a ser o sumidoiro de todas as enerxías peninsulares, como dicía Paz Andrade, metrópole das finanzas e dos servizos da península, hipertrofiada polo rendismo parasitario das privatizacións.

A soberanía non é un asunto só identitario –que tamén- senón que a soberanía é o único escenario no que se poderán adoptar políticas progresistas de clase.
Soberanía para romper cos mercados e rescatar a democracia secuestrada polos poderes económicos e os lobbys, recuperar o poder do pobo sobre a economía, para garantir un futuro con emprego e mellores condicións de vida para todos e todas. En definitiva, soberanía para defender as conquistas sociais.
Precisamos soberanía para acabar con ese capitalismo furtivo, de silveira, que estraga recursos, deixa destrucción e contaminación, que zuga as contas das familias e o orzamento público por todas as vías: xuros, concesións e contratos, pero que ademais, aínda por riba, non paga impostos. Ese capitalismo de vacacións fiscais permanentes, nos paraísos da evasión e a fraude consentida. Ese é o capitalismo financeiro, parasitario, rendista que arrasa coa nosa economía produtiva, o noso emprego e o noso benestar.

Amigos e amigas, este é un ano singular,
A catástrofe tráxica da chapuza tecnolóxica española roubounos 79 seres únicos e tinguiu de inmensa dor o noso Día da Patria. A chapuza colonial e corrupta estragou o Día da Patria, pero non minguou a nosa vontade patriótica, cargouna de 79 razóns máis para loitar por unha sociedade que prime o servizo público, a seguridade e o benestar fronte ao beneficio das empresas zugadoras do orzamento público.
Pero este ano tamén vai ser singular porque imos provocar un punto de inflexión na batalla contra o neoliberalismo da selva, contra a corrupción como sistema de goberno dos lobbys e contra a mentira como forma de dominar a sociedade.

Estamos nunha situación límite e cómpre dicir basta, xa abonda.
Cómpre erguer o país.
Para comezar a andaina convocamos a todos os galegos e galegas a unha grande mobilización en Compostela o 15 de setembro.
Vai ser unha inmensa mobilización do pobo galego polo futuro, polo emprego, contra o espolio financeiro de NGB e do país, contra a corrupción, pola democracia e a soberanía.
Queremos eleccións anticipadas, en Galiza e no Estado Español, para rescatar a democracia secuestrada polos corruptos centralistas, para darlle a oportunidade á cidadanía de limpar as institucións, recuperar poder de decisión e enxergar políticas para saír da crise.
Vémonos o 15 de setembro en Compostela
Con Bóveda e Castelao sempre na Memoria,  
Viva Galiza Ceibe e Popular.

Pontevedra, 17 de agosto de 2013, Día da Galiza Mártir

Xavier Vence

Portavoz Nacional do BNG

Podes visualizalo en GZVideos
http://youtu.be/Se_1ZXauvrg