segunda-feira, 27 de janeiro de 2014

Máis Galiza noutra Europa

Máis Galiza noutra Europa
Xavier Vence

Galiza está nunha situación límite. Centos de miles de galegos e galegas malviven ao borde da exclusión e da privación. Son moitos os que padecen infraalimentación, sen teito e sen cobertura social e sanitaria.

A xente ten dereito a saber porqué chegamos até ese punto.

A xente ten que saber por que hoxe hai 200.000 ocupados menos que en 2008. Pero ten que saber tamén algo aínda máis escandaloso: que hoxe hai 210.000 ocupados menos que no ano 1976, algo insólito nun mundo que medra e que contrasta co aumento de catro millóns de ocupados no estado español nese mesmo período. Mesmo sendo este mediocre, ese contraste da a medida do noso devalo histórico.

Sen emprego, sen traballo, non hai futuro.

Pois ben, esta situación de declive do noso país non caeu do ceo como maldición bíblica. Temos que explicar as causas e os verdadeiros remedios. Hai que denunciar as mentiras e placebos. A xente alucina co sangue frío d@s dirixentes populares para naturalizar a mentira como discurso cotián pero estes días fixeron saber que aínda poden superarse. Feijóo pode dicirnos que estamos en plena recuperación aínda que perdamos 38.000 empregos “porque moita a xente se xubila” e quédase tan ancho. Máis inspirado estivo Fernández Díaz, ese ministro ultra, cando invoca a intercesión de santa Teresa para recuperar a economía. A verdade é que pode ser igual de eficaz un éxtase da santa coma a política do PP!

O que a xente precisa é que alguén lle explique que modelo económico, que modelo institucional, que políticas, que intereses están detrás dese devalo da nosa capacidade produtiva durante anos, non só ao longo destes anos de crise senón desde fins dos setenta en diante. Que impacto tivo a UE? que impacto tivo o estado español?

Galiza ten un grande potencial para xerar riqueza e benestar pero ten unha eiva que precisa corrixir: a falta de soberanía. Xa o dicía ben Castelao, a Galiza “fáltalle algo moi importante para ser perfeita: fáltalle independencia política, o goberno propio, que toda sociedade humana necesita”.

Falta de soberanía dentro do Estado Español, falta de soberanía en Europa. É un doble corsé que se reforza mutuamente e que nos impide adoptar as medidas necesarias para o noso desenvolvemento, para romper coa globalización neoliberal.

O problema desa doble subordinación vóltase máis agudo cando aquí gobernan forzas coma o PP, submisas, abertamente centralistas, antigalegas, absolutamente corrompidas ao servizo dos poderes económicos de fóra. O seu desleixo diante do destrozo económico e social que vivimos é indignante e pon a xente moza diante dun futuro sen pisca de esperanza. Con total impudicia tentan aliviar presión empurrándoa á “mobilidade exterior”, sabendo que o éxodo segue a ser unha “renuncia á revolta”.

Pois non, o que realmente fai falta e con urxencia é que a xente se revolte, que a xente nova reclame o seu lugar e o seu futuro.

Non só Europa, o mundo vive a tiranía dun capitalismo especulativo e parasitario. Hai que romper con ese modelo de globalización neoliberal.

Para facelo cómpre soberanía.

Hai que dicilo alto e claro: o noso problema político principal é o Estado Español e o seu centralismo, sen cuxa superación non será posíbel resolver o noso estrangulamento económico.

A UE é un problema engadido ao noso problema principal. A nosa falta de soberanía no EE impide sermos suxeito político de pleno dereito en Europa. Impide a representación e a negociación directa de acordo cos nosos intereses.

Desde logo, este modelo de UE non nos serve, porque desde o ponto de vista socioeconómico é a punta de lanza para a imposición da globalización neoliberal no continente. E co futuro tratado de librecomercio con EEUU reforzará aínda máis esa aposta.

Nunca acreditamos neste proxecto de UE economicista. Xa Castelao percibía ese risco en 1948, cinco anos antes da sinatura do Tratado de Roma, cando nun artigo titulado “Perante a Unión Europea” dicía: “o movemento federalista europeo nasceu como unha concepción nidiamente política, aínda que agora se deixe enlordar por intereses económicos”. Acertou de cheo, pero non podía imaxinar que o que empezaría sendo unha “Europa dos mercaderes” acabaría sendo unha “Europa das finanzas”, entregada á defensa das finanzas especulativas, da banca e dos acreedores.

O BNG non se equivocou. Ás eivas que xa denunciamos cando se debateron o Tratado de Maastricht e o Tratado Constitucional temos que engadir agora o proceso de radicalización neoliberal que está en marcha na UE desde o “Pacto polo Euro” de 2011 e o “Tratado de Estabilidade” de 2012. Todo ese paquete vai acompañado dunha centralización tecnocrática cara a Bruxelas, que da máis poder aínda ás estruturas de goberno non sometidas a control democrático directo, como o BCE e a Comisión, que están trufadas polos intereses dos grandes lobbies empresariais e das finanzas. Unha UE na que a hiperhexemonía xermana resulta cada vez máis asfixiante.

Por iso a nosa resposta non é “máis Unión Europea” senón “máis Galiza noutra Europa”, a Europa dos pobos, verdadeiramente democrática, unha Europa social e xusta, respectuosa coa diversidade e sustentábel. Unha Europa na que Galiza poida exercer a súa soberanía.

Que dicir dos fondos? Os Fondos Europeos percibidos non son solidariedade neta dos países do norte. Ben sabemos que en grande parte son financiados polas nosas propias contribucións e, sobre todo, chegan como contrapartida polo noso mercado e por aceptarmos o corsé do euro e outras políticas lesivas para a nosa economía produtiva.

En todo caso, catorce anos fondos estruturais (2007-2020) son menos que os 9000 millóns de euros que puxemos para o recate de Novagalicia Banco. A nosa participacións nos fondos máis estratéxicos (I+D, Innovación, Plataformas Tenolóxicas, etc) é moi baixa. Os fondos de cohesión son xestionados polo estado con criterios centralizadores (infraestruturas radiais, etc). Nos fondos estruturais as liñas mestras decídense en Madrid e foron aplicados a infraestruturas e proxectos de discutíbel interese social e estratéxico para Galiza. Nos fondos agrarios e pesqueiros (dúas políticas comúns) a nosa participación é moi inferior ao que nos corresponde e, en boa parte, foron destinados a abandono de explotacións e desguace de barcos e, ademais, condicionaron o deseño das propias políticas galegas e españolas.

Estes días estamos aprendendo que na PAC española seguen mandando os terratenientes absentistas de secano, convertidos agora da man de Arias Cañete en auténticos PAC-tenientes, xa que eles se apropiarán da maior partes dos fondos. Coa presente reforma da PAC os países poden fixar os seus propios criterios de distribución e se o estado español fixese como Francia, como nós demandamos, Galiza recibiría máis do doble de fondos.

Por todo iso o BNG quere garantir a defensa dos nosos intereses cunha presenza directa do noso país na UE, en todas as institucións. Para empezar, de cara as eleccións de maio, queremos conformar unha grande coaligazón de forzas nacionalistas de esquerda que garanta a defensa directa dos intereses do noso país no Parlamento Europeo e, ao propio tempo, batallar con outras forzas transformadoras por construír outra Europa, unha Europa dos pobos, non sometida aos intereses da grande finanza e dos grandes lobbies empresariais. Esa é a forma de defender os intereses da nosa economía produtiva sustentábel, do emprego digno na terra, dos servizos públicos de calidade, da igualdade social e dos dereitos sociais e cívicos avanzados para todas e todos.

Imos a estas eleccións europeas cos deberes feitos. Nestes cinco anos traballamos arreo para levar a voz dos intereses de Galiza, a voz da dignidade deste pobo, a voz dos movementos sociais, ecoloxistas e cidadáns do noso país. Co BNG e con Ana Miranda levamos alí as ideas e propostas para mellorar as normas e as políticas europeas en sentido progresista, atendendo aos nosos intereses nacionais, aos intereses de tod@s @s que sofren as peores consecuencias desas políticas. Demostramos capacidade, competencia, iniciativa. Demostramos que o BNG é a forza útil deste País. A única que ergue a nosa bandeira de xeito infatigábel. Galiza existe en Bruxelas porque o BNG estivo alí. Os demais están alí para acatar a disciplina de partido estatal e para acatar a disciplina dos seus grupos a nivel europeo. Todos os galegos e galegas perciben e recoñecen o noso labor. Temos que transformar ese recoñecemento nunha maré de apoios de cara as eleccións de maio.

Para iso temos que poñer ao dia as nosas propostas e afinar o noso discurso, con argumentos claros, concretos e directos. Sabendo que o noso obxectivo é acadar o respaldo dunha maioría de galegas e galegos. Porque queremos ser a voz de todas e todos eles. Porque temos que converter as eleccións de maio na ocasión para derrotar nas urnas os representantes da troika e o centralismo que nos estrangulan.


Intervención na inauguración das Xornadas da Fundación Galiza Sempre sobre a UE

Pontevedra, 25 de xaneiro de 2014





Sem comentários:

Enviar um comentário