Un proxecto para superar a
crise e construír un país con futuro
Discurso no Forum Europa Vigo 12.12.2013
Amigas e amigos
Quixera empezar por dar as grazas a Forum Europa polo seu convite e pola
súa eficiente organización desta conferencia que me da a oportunidade de
compartir reflexións con destacados representantes da vida política, económica
e social desta cidade.
Grazas aos compañeiros e compañeiras pola súa presenza, moi en particular a
Manolo Caride polo seu traballo, e grazas a ti Cipriano polas túas agarimosas
palabras de presentación.
É unha satisfacción estar aquí rente ao mar de Vigo, desde este Alcabre no
que están as raíces máis antigas desta ribeira poboada desde os albores da
antiguidade. Parroquia esta que sempre foi rural, a diferenza da Bouzas
mariñeira, até que a pequena burguesía viguesa a colonizou con residencias máis
ou menos pretenciosas como esta de Sensat, dentro da que agora estamos.
É unha satisfacción estar aquí neste Vigo aberto, desde o que os galegos
cruzamos océanos, vivimos no mundo como se fora a nosa casa e, tamén, por onde
recibimos a visita, por veces pacífica por veces menos, dos grandes povos
mariñeiros do mediterráneo oriental, dos vikingos, dos normandos e dos piratas
de Her Majesty.
Pero sobre todo é unha satisfacción estar nesta cidade que é a da miña
adolescencia.
Non podo esquecer a miña chegada a esta cidade desde as terras de Camba
para estudar a EXB un setembro do xa ben distante 1972. Entre o Colexio Altamar,
o instituto de Coia e o Santa Irene fun descubrindo outro mundo. Nas rúas de
Vigo, vibrantes coas loitas dos traballadores de Citroën, Vidros de la Florida,
Álvarez, Barreras, Ascón, e outras espertou a miña conciencia política e
cimentouse o meu compromiso social, en indisolúbel simbiose coa reivindicación
dos nosos sinais de identidade como pobo.
Debo confesarvos que é de aqueles tenros anos vigueses de onde procede a
miña simpatía polo proxecto político que hoxe represento, por unha alianza das
clases traballadoras para construír unha sociedade máis xusta, máis libre e
dona de si.
-Vigo, o das 18 parroquias, é motor de Galiza, metáfora do país enteiro, no
que se condensan e se cruzan todas as
contradicións pero tamén moitas das súas oportunidades. Vigo é a sedimentación
de moitas Galizas: a mariñeira, a labrega, a obreira, a comercial, a
industrial.
O Vigo do futuro será vizoso cando asuma plenamente as súas raíces, porque
Vigo como dixera Cunqueiro “foi fundada á
beira dun verso de Martín Codax".
Que metáfora tan bonita!
Á beira daquel verso galego e en galego de Martín Codax naceu o Berbés, os mariñeiros,
os carpinteiros de ribeira, o naval dos soldadores, o automóbil, a clase
obreira viguesa, esa que anda a procura dunha clase capitalista viguesa que non
acaba de atopar, porque non acaba de botar raíces de verdade.
Pero, amigos e amigas, permitídeme que mude de rexistro porque do que veño
falar hoxe aquí non é de metáforas, nin do pasado senón do presente e, sobre
todo, do futuro.
Iso é o que nos demanda o noso compromiso ético e social con eses 290.000
parados -50.000 na comarca de Vigo-, as 100.000 familias galegas que teñen
todos os seus membros en paro e os miles e miles de familia que hoxe viven por
debaixo do limiar da pobreza.
Como dicía o Mefistófeles de Goethe: “non podo falar do sol nin dos mundos;
só vexo unha cousa: a miseria dos homes”.
Así que imos poñernos en liña coa gravidade dos tempos que corren aínda que
sexa a risco de entrar na prosa crúa do real.
Vigo, coma Galiza enteira, vive trasteada por unha crise que está facendo
abanear os cimentos da nosa economía. Vivimos as desastrosas consecuencias
dunha economía na que as finanzas veñen estorsionando a economía produtiva e a
sociedade. En realidade habería que dicir que o que nos extorsionan son unhas
políticas deseñadas para satisfacer a ambición insaciábel das finanzas especulativas,
que están a mudar o modelo neoliberal, radicalizándoo.
Unhas políticas que parecen impostas por uns poderes que se sitúan por riba
da vontade dos pobos e da cidadanía, a que tratan de convencer de que hai que
renunciar a calquera tentativa de control soberano sobre a marcha do país.
Nesa hexemonía absoluta desas finanzas globais desreguladas, por esencia
especulativas, está o nó gordiano dos nosos problemas colectivos.
Contra ese modelo batalla o BNG no convencemento de que só así poderemos erguer
a economía produtiva, capaz de soster unha sociedade creadora de emprego, de
riqueza repartida con xustiza, unha sociedade de servizos públicos de calidade
e benestar social.
-Está ben claro que se os grandes negocios, as grandes oportunidades, a maior
rendabilidade está nos investimentos financeiros especulativos, os recursos
irán cara aí e fuxirán da economía produtiva.
O investimento produtivo, o que crea emprego e riqueza, require
investimento a longo prazo, períodos de maduración e retornos longos, asumir
riscos de xestións, se un se equivoca non é tan fácil voltar atrás, pelexar coa
competencia ao longo dos anos, asumir os risco do cambio na economía do país e
internacional. E as ganancias sempre son moderadas. En cambio, o investimento
especulativo é fluído, veloz, volátil, rapidamente reversible, da ganancias
máis altas e líquidas.
Hai que asumir que a economía produtiva é contraditoria coa economía virada
para as finanzas especulativas.
E aí están as grandes diferenzas entre os distintos proxectos políticos.
O BNG defende a economía produtiva, a que crea emprego e riqueza, xenera
salarios dignos e permite soster, cun sistema fiscal progresivo, os servizos
públicos.
O PP e o PSOE defenden a economía financiarizada, especulativa, a promovida
pola banca, os fondos e as sociedades financeiras, unha economía sometida aos
intereses e á lóxica das finanzas.
Por iso é un brinde ao sol ese discurso
baleiro do emprendedorismo que se propaga desde o poder. Ollo, non é que
estexa mal que haxa xente emprendedora, que a pode haber tanto no eido privado
coma no público. O problema é cando iso do emprendedorismo é un mero discurso
placebo para desviar a atención a respecto dos problemas de fondo e, de paso,
descargar nos individuos a responsabilidade da súa propia exclusión e
frustración.
O problema non se arregla con discursos ideolóxicos sobre as virtudes da
iniciativa individual, nin tampouco con falsos anuncios de simplificación da
burocracia e, menos aínda, aproveitando ese eslogan para repartir subvencións
clientelares a plataformas e asociacións seudoempresariais do PP. O verdadeiro
problema está na falta de financiamento e de demanda que está dando ao traste
con centos de pequenas empresas e iniciativas emprendedoras todos os meses.
A realidade económica é máis crúa que os discursos placebo. O mercado e as
políticas están controlados polas grandes corporación.
Que poden facer as formigas emprendedoras ao lado das bulldozer das
grandes empresas? Pouca cousa. Que hai que buscarse a vida, si, pero que
ninguén venda “crecepelos”. Ou hai políticas para mudar as condicións reais ou
con meras apelacións ao emprendorismo non chegaremos moi lonxe.
Tres cuartos do mesmo ocorre con esas invocacións ñoñas á natalidade, como
se fose un problema de simple vontade ou vocación e non de falta de empregos, perspectivas e servizos públicos e gratuítos de apoio á infancia.
Para conseguir unha verdadeira revitalización do país hai que mudar os
piares que fallan. Nós propoñemos someter as finanzas ás necesidades da
produción, da economía produtiva. E para iso precisamos ferramentas para
dominar as finanzas. Precisamos soberanía.
As finanzas especulativas queren perfecta liberalización e desregulación
para moverse velozmente polos mercados globais. A economía produtiva, pola
contra, precisa períodos longos de retorno do investimento, precisa máis estabilidade e máis certezas.
A economía produtiva fai país. Fixa produción, emprego e poboación no
territorio. Sobre ela podemos erguer o edificio dos servizos públicos e o
estado do benestar.
Sen economía produtiva non hai unha cousa nin a outra.
Ese é o piar esencial da alternativa do BNG. Piar no que está obxectivamente
interesada a inmensa maioría da poboación, incluídos os autónomos e empresarios
industriais ou terciarios e, por suposto, a xente traballadora, a xubilada e a
que se beneficia duns servizos públicos avanzados, quer na sanidade, nos
servizos sociais ou na educación.
Por iso o BNG é crítico, profundamente crítico, co modelo de UE neoliberal
construída polas finanzas nas dúas últimas décadas; por iso somos críticos e
críticas até a insubmisión coas políticas da dereita que acaban de arrasar co
que aínda queda en pé das conquistas de décadas.
Por iso dicimos que os recortes feitos a beneficio da banca non levan a
ningures e impulsamos ese movimento de resposta que é o “espíritu de Riotorto”.
A PERDA DE TECIDO PRODUTIVO
Nesta crise, coma noutras no pasado, perdemos parte das empresas que
creamos ao longo de anos de traballo e crecemento. No seu momento perdemos
Ascón, Curbera, Massó, Álvarez, Motores Barreras, Grupo Noroeste, Larsa, MAR,
etc.
Neste momento de desvalorización dos activos das nosas compañías vemos como
unhas pechan (Freiremar, Alfageme...) e outras son adquiridas por capital ou
fondos foráneos a prezos de saldo.
Postos diante desa tesitura case temos que agradecer que haxa compradores
que garantan que os centros de produción sigan funcionando. Pero ben sabemos
tamén que esas adquisicións son en moitos casos auténticos pelotazos, levados
adiante por cazadores de gangas e de axudas públicas. Ademais, normalmente van
acompañados de recortes de persoal e renegociacións laborais á baixa. En todo
caso ese tipo de desenlaces revelan un fracaso empresarial que ao final se
converte nun fracaso colectivo.
Nestes días Narwhal vai ser comprada por alicantinos. Barreras polos
mexicanos de Pemex-PMI... (agardemos que o sector público mexicano se porte
mellor con eles e con Galiza do que o fai o sector público español-madrileño, que
está estrangulando Navantia Ferrol-Fene: a ver se imos ter que pedir ser
estado asociado de México!
Compre advertir, de paso, que neste país fixéronse adictos ao catecismo
neoliberal, até o punto que non pode haber empresas públicas e logo de privatizalas resulta que acaban en
mans de empresas públicas doutros países: Enel é a dona de Endesa, Volkswagen
de Seat, Pemex de Repsol e agora de Barreras, o fondo soberano noruego compra Gas Natural, etc.
Pero nestas semanas pairan sobre Galiza tres ameazas ligadas ao desenlace
da creba de tres piares da nosa economía:
Que vai pasar con Pescanova?, que vai pasar NGB?, que vai pasar con
Navantia? Que vai pasar con elas e con todo o que delas depende?.
O BNG non está en contra da chegada de investidores se veñen coa intención
de crear empresas na economía produtiva do noso país, se veñen para crear
postos de traballo. O que estamos en contra é de quedármonos sen tecido propio,
por causa de políticas e decisións irresponsábeis ou por obra de xestores delincuentes.
Nós queremos que os beneficios e o excedente se reinvista no noso país, que
non emigre cada final de ano.
Certo que temos exemplos de empresas ben enraizadas no País pero certo
tamén son insuficientes para construír o futuro.
Estamos en Vigo, o motor
económico de Galiza, que debería ser unha aposta estratéxica no desenvolvemento
do país para o Goberno do Estado e para o Goberno da Xunta. Pero a
realidade é outra, a realidade pasa por uns actores políticos en Madrid e
en Santiago incapaces de defender a inclusión do Porto de Vigo ou da Plataforma Loxística da Plisán entre as
infraestruturas de primeiro nivel da Rede Transeuropeas de Transporte. Consecuencia: o primeiro porto de
Galiza queda sen o financiamento europeo que si terán os seus competidores. Nós
batallamos aquí e en Bruxelas por conseguilo.
A realidade en Vigo pasa
por un sector naval que tiña que se
punteiro no mundo, -nun momento en que a construcción de barcos está en máximos
históricos-. A incompetencia política na xestión do tax-lease e a falla de
financiamento teñen levado ao sector naval vigués ao borde do abismo, cando ten
todos as condicións de base para estar ao mesmo nivel cos seus competidores
europeos.
A realidade é que o sector conserveiro que forma parte do
ADN desta cidade e da súa área de influencia esmorece.
Non é unha maldición bíblica nin un atavismo galego isto de quedármonos sen
a propiedade do noso tecido produtivo.
Nós vimos dicindo como e propoñendo alternativas.
É un problema de non termos
poder político nin financeiro de seu.
Non pode ser que á primeira dificultade o vento leve por diante empresas
emblemáticas do noso país por falta de estratexia política como nación e por
falta de sistema financeiro propio para garantir o fol financeiro
imprescindíbel para superar baches e acometer reestruturacións e expansións.
Nin a representación institucional do empresariado nin os actuais
gobernantes deste país están a altura para responder a esa necesidade. En
particular ese poder político servil con Madrid e ese empresariado
institucional máis preocupado por agradar o poder político foráneo e á banca
española que os “chulea” que por representar os intereses do tecido empresarial
real deste país. Ese empresariado tería que ler “La marginación de Galicia” e
aprender de Valentín Paz Andrade que, por certo, viviu moitos anos aquí ben
perto desta casa. 45 anos despois seguimos nas mesmas.
Esa vampirización centralista e a drenaxe do noso aforro son o nó gordiano
que cómpre rachar para o noso desenvolvemento, hoxe como hai 45 anos, como
predicaba aquel galego lúcido que foi Valentín, cuxa herdanza empresarial está
a ser estragada diante dos nosos ollos. Pero tamén é certo que, precisamente
por iso, a súa herdanza intelectual está máis vixente que nunca. Hoxe volvemos
ter que erguer a súa bandeira por unha banca propia, unha banca industrial, que
canalice o noso aforro cara o noso desenvolvemento e temos tamén que volver
denunciar, como el fixo con afouteza naqueles tempos duros, o papel de Madrid
como “sumidoiro de todas as enerxías do sector público”, como el dicía.
Amigas e amigos,
Non imos entrar agora nas causas que están detrás da crise do capitalismo
neoliberal hexemonizado palas finanzas especulativas. Pero compre diagnosticar
ben como se está xestionando esta crise, en favor de quen e cara onde nos
conducen.
Hoxe estamos sendo absorbidos por dous grandes buratos negros superpostos
que impoñen unha volta de rosca do modelo imperante: por un lado, o burato
negro do rescate da banca especulativa cos recursos de toda a sociedade, os das
familias e os da economía produtiva e, por outro lado, o burato negro do
centralismo desaforado que busca drenar recursos, competencias e empregos cara
o sumidoiro madrileño.
No burato do rescate da banca especulativa van comprometidos a “friolera”
de 185.000 millóns de euros de toda a sociedade, entre capital, créditos a
fondo perdido, “banco malo”, avais, garantías, etc. Iso equivale ao 18% do PIB español, que
contribuen a levar a débeda pública a ese nivel en que hoxe está: o 100% do
PIB.
Era mentira que ían servir para facer fluír o crédito e o único que flúen
son os movimentos especulativos e os pelotazos que van dando polo mundo adiante
os Botíns e Compañía, a concentración bancaria máis perigosa arredor dos 4
megabancos que serán os donos dos estado español e as remuneración
multimillorias dos altos directivos.
Por se o espolio da sociedade se quedase corto o Goberno Rajoy acaba de
aprobar un Decreto lei que regula os famosos activos fiscais diferidos (AFD),
compensar impostos con ao longo de 18 anos;
pero iso non é todo!, para facilitarlles o acomodo aos ratios de capital de
Basilea III, o Estado deberá constituír avais para facer frente a eses
eventuais pagos e eses avais van computar como déficit público a partir de
2015. Que contía vai representar?, non se atreven nin a facela pública.
Un escándalo que se suma a miríade de escándalos en favor da banca destes
últimos anos.
A verdadeira rémora da competitividade non está nos salarios senón noutros
custes como os da electricidade, a enerxía, as comunicacións e nuns tipos de
xuro que son os máis altos de Europa. Todos eses custes veñen determinados pola
banca que está detrás deses sectores oligopolizados. Non é posíbel unha
construción naval competitiva nesas condicións. Nin na metalurxia, nin en
tantos outros sectores.
Tampouco é posíbel avanzar en competitividade con recortes en I+D e
innovación. Por iso no temos que demandar que proxectos innovadores de futuro
como o Campus do Mar teñan o respaldo e compromiso suficiente para saír
adiante.
As nosas empresas produtivas teñen que elixir cais son os seus aliados: os
traballadores que lle aportan valor ou os oligopolios bancarios, eléctricos e
as aseguradoras madrileñas que estrangulan o seu financiamento e os seus custes
de explotación.
Até hoxe o empresariado mediano e pequeno aceptaron ser bufóns na corte da
gran banca, dos grandes oligopolios, das grandes contratistas. Teñen que pensar
no seu futuro: reducir marxes para engordar eses oligopolios ou soster uns
salarios que manteñan a capacidade de compra e a demanda para a súa produción.
As PEMES producen nun 80% para o mercado interior e esa demanda interna depende
sobre todo do consumo das familias e das compras públicas.
A aposta do BNG está clara: banca pública galega para garantir
financiamento a custes equiparábeis aos europeos; tarifa eléctrica galega a
niveis competitivos co resto de Europa; impostos de sociedades que premien o
investimento produtivo e a innovación dentro do país frente a esa fiscalidade
actual que, increibelmente, promove a deslocalización e o investimento no
exterior. Salarios dignos para mellorar nivel de vida e dinamizar a demanda
interna.
Deixade que vos diga algo sobre o outro
grande burato negro que é o centralismo. Estamos inmersos nunha avalancha de
medidas destinadas a desmontar o limitado autogoberno que temos e a reforzar
Madrid como centro do poder total, político, finaceiro e económico. Todo a
beneficio da elite económica da corte que se apropiou do poder do estado e que
financiou o PP para convertelo na “correa” de transmisión dos seus intereses
económicos.
Boa parte das medidas de centralización
teñen como misión a drenaxe de recursos para facer fronte a ese 35% da débeda
española que está xerada polas administracións grandes empresas oligopolistas
radicadas en Madrid: eléctricas, defensa, banca, grandes construtoras, etc. O
conxunto de todas elas son responsabeis de máis dun terzo da débeda pública
total española.
Amigas e amigos,
Que ninguén se equivoque, debaixo desta
gran crise están redefiníndose as regras dun capitalismo voraz e as regras
dunha orde territorial que está no antípodas dos intereses do noso país. Como
en todas as grandes crises do século XX Madrid manobra para impoñer os seus
intereses.
Gostaría de ter máis tempo para poder detallar a envergadura do proceso de
recentralización en marcha. É tan multiforme e opaco que non é fácil ver a
innumerábel batería de medidas que se están poñendo en marcha, en todos os
frentes. Pero permitide que vós diga que é unha auténtica avalancha de medidas,
grandes e pequenas, que cada día van aparecendo no BOE, que no caso de Galiza
están contando coa complicidade submisa de Núñez Feijóo.
Fixádemos a que estremos están chegando na súa zúnia españolizadora e
desprezativa co galego que, despois de aprobar a lei Wert, enterámonos esta
semana pasada que o ministerio de economía rexeitou bolsas e proxectos porque
os certificados de estudos das Universidades ían en galego. Até ese estremo
pode chegar!
Estes últimos días a Comisión gubernamental para a Reforma das
Administracións Públicas (CORA) acaba de presentar un documento de 750 páxinas
que é un verdaeiro “libro gordo” da recentralización administrativa. Están
redondeando o asalto e desmontaxe do autogoberno.
A centralización financeira xa a fixeron e están consumandoa estes días; a
lei da unidade de mercado é a outra grande peza xunto coa marca españa. Que
dicir desa reforma local que pretende desmantelar os servizos nos concellos de
menos de 20.000 habitantes para reforzar unhas Deputacións que en realidade
deberían desaparecer.
Nese marco de ataque e desvalorización do autogoberno é onde compre
encadrar a insidiosa proposta de redución do Parlamento Galego que está a
formular o PP.
Non é para aforrar, é para estragar o cativo autogoberno que temos e ir
achandando o camiño da recentralización.
Obviamente, outros, como os cataláns decidiron que eles non van aturar esa
deriva e deciden emprender o camiño da libertade.
Unha manifestación da voracidade centralizadora é o que
ocorreu coas nosas caixas e con NGB. Este vindeiro luns péchase a a fase de
ofertas dese proceso de venda anticipada e acelerada de NGB. Decidida en
Madrid, cos ritmos e as regras que lle interesan a Madrid.
Desde o BNG vimos insistindo en que non podemos aceptar o
espolio de NGB, rescatada cos nosos impostos e cos nosos aforros. Nada menos
que 9.000 millóns de recursos públicos –contía superior ao orzamento anual de
Galiza-, aos que hai que sumar os 564 millóns roubados polas preferentes e
subordinadas non devoltas.
O FROB e o Goberno Central non venden Bankia pero aquí,
co silencio de Feijóo para non incomodar a Botín e compañía, ultiman o saqueo
definitivo. A complicidade de Feijóo é unha traizón ao país de
consecuencias catastróficas.
Galiza non pode renunciar a ter un sistema financeiro
propio, a menos que renuncie a ter futuro. Nós, dun xeito ou doutro, imos
batallar até garantirlle a este país esa ferramenta vital. E a mellor de todas
é unha banca pública galega, para tratar aos aforradores como persoas, e
garantir o uso dese aforro para dar crédito e investir no país. Ter unha banca
pública galega é unha oportunidade e unha necesidade e é posible se
hober vontade política.
Aqueles que non se deixan guiar
polo BNG deberían aprender cando menos dos cataláns. Eles conseguiron
consolidar cando menos dous grandes bancos como o Sabadell e Caixabank e agora resulta
que un goberno de centro-dereita está creando un Banco Público. Porque alí si e
aquí non? Pois é ben claro, porque aquela dereita ten un proxecto de país e a
de aquí está entregada á estratexia madrileña.
Amigos e amigas,
Tampouco queremos ser consumidores cegos das grandes
corporacións que nos inundan con produtos foráneos. Queremos producir algo, e
consumir tamén do noso. Consumir produtos galegos, etiquetados en galego.
Porque os temos e cada vez máis.
Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel,
queremos a soberanía alimentar. Non imos calar ante unha Política Agraria Común
que arrasa o noso rural, e que Madrid utiliza para converternos en importadores
e en clientes das grandes cadeas. Ter capacidade real para regular o noso
comercio e a nosa distibución, é un cambio posible e necesario.
Necesitamos instrumentos para decidir aquí, para regular
desde aquí en interese de Galiza e dos galegos e galegas. Necesitamos liberdade
para producir, necesitamos instrumentos para tomar decisións para crear emprego
na Terra.
Queremos facer uso das nosas competencias e,
coa soberanía como faro, queremos todo o que ten un país normal.
Tanto como iso e tan pouco como iso é o que o país precisa e o que o BNG
propón.
Moitas grazas pola vosa paciencia
Xavier Vence.
Vigo 12.12.2013
Sem comentários:
Enviar um comentário