segunda-feira, 4 de novembro de 2013

O burato negro madrileño, o centralismo abafante e a soberanía

"Madrid se sale". Este era o titular dun suplemento do diario ABC que hai uns anos adicaba ao despegue fulgurante de Madrid como capital, potencia demográfica, económica, financeira, tecnolóxica, loxística e cultural. Poderiamos atopar outros moitos de idéntico teor; informes e libros a centos.
O que non indagaba aquel apoloxético documento é de onde procedían os recursos que alimentaban aquel fulgor. Non explicaba como fixeron para conseguir ao longo de décadas unha completa centralización e concentración das sedes das grandes corporacións financeiras, industriais, eléctricas, construtoras, inmobiliarias, transportistas, distribuidoras, consultoras, etc na capital do estado; proceso este que foi pilotado polos sucesivos gobernos centrais e que permitía concentrar na capital unha altísima proporción do excedente económico (beneficios) xerado na actividade económica, produtiva e comercial, realizada ao largo e ancho da península (e tamén fóra dela). Tampouco explicaba que unha grande parte dese boom financiábase con inxente investimento público estatal -polo tanto financiado cos impostos de todos os non madrileños- ou tamén co uso impropio dos fondos de cohesión europeos para realizar as grandes infraestruturas internas da Comunidade de Madrid e, sobre todo, as grandes infraestruturas radiais (AVE, Autovías, T4-hub do tráfico aéreo, etc) que convertían Madrid na cabeza hipertrofiada dunha economía peninsular espacialmente xerarquizada.
Máis aínda, tampouco explicaba -e seguen sen explicarnos hoxendía- como unha grande parte dese desenvolvemento centrípeto se financiaba en base a débeda contraída a mancheas por todas esas entidades privadas e públicas. Débedas que co paso do tempo se fixeron enormes e que acaban configurando o verdadeiro burato negro das finanzas españolas, que pexan hoxe como unha lousa as contas públicas, a enorme débeda privada, tanto das finanzas como das grandes empresas. Un papel singular xogou Caja Madrid como entidade financiadora de todos os delirios de grandeza (e negocio) da elite madrileña nos anos de bonanza; porque se nalgún sitio unha caixa foi utilizada politicamente para soporte dos negocios da elite e as administracións ese é o caso da Caja Madrid, utilizada como un cortijo pola mesta trama de lobbies artellados por Aguirre-Aznar-Rato. Deste xeito os cidadáns de fóra de Madrid non só viñeron sendo vítimas dun drenaxe continuo de recursos -por canles públicos e privados- senón que se verán obrigados a contribuír nos vindeiros anos (cando menos unha década longa) para poder facer fronte aos préstamos solicitados para rescatar a todos eses sectores oligopolistas asentados na capital (Bankia, a outra banca tamén madrileña, os sectores oligopólicos citados: grandes promotoras e construtoras, eléctricas, industria militar, AENA, etc ).
Pola contra, a campaña lanzada pola dereita neocentralista pretende situar as culpas do actual desastre económico español nas comunidades autónomas. É un debate truculento que pretende cubrir dous obxectivos: por un lado, desprazar a responsabilidade da crise desde o sistema financeiro e o modelo neoliberal de economía especulativa cara o sector público –en particular o gasto social- e, por outro lado, desprazar as responsabilidades dos desaxustes nas contas públicas desde o goberno central cara as CCAA, aproveitando para demonizalas e con esa desculpa lanzar unha batería de medidas de recentralización radical das competencias, tanto das económicas coma do resto. 
Compre erguer todas as defensas contra ese neocentralismo madrileñista e provinciano e o primeiro paso ten que ser un esclarecemento dos dados e dos feitos máis relevantes. Vainos a vida niso, tanto a social e cultural como a económica.  Estamos obrigados a poñer os datos á luz do dia para situar os problemas no seu xusto lugar, que é, sen dúbida, Madrid: porque aí está o centro do capital financeiro español e dos grandes oligopolios enerxéticos e inmobiliarios responsables da desfeita económica e aí están tamén residenciados os problemas gordos das contas públicas españolas, as do goberno central e as da Comunidade e Concello de Madrid.
O agresivo discurso centralista ten unha importante misión político-ideolóxica que é dar satisfacción á vella caverna do centralismo provinciano español pero, sobre todo, ten outra misión máis prosaica que é a de dar cobertura ideolóxica a un espolio masivo de recursos do conxunto do estado que os poderes económicos asentados na capital precisan levar a cabo ao longo da vindeira década para cadrar as contas, encher o enorme burato creado nos últimos tempos e cebar a bomba da acumulación de capital e riqueza deses sectores oligárquicos.
Sen ir máis lonxe, a desculpa da candidatura olímpica serviulle a Gallardón para enterrar varios miles de millóns de euros de todos en Madrid; agora Botella tenta usar a mesma leria para xustificar unha mobilización de 4.100 millóns de euros (xa sabemos que se fan esas contas que finalmente acabarían sendo o dobre), que crearían 350.000 empregos en Madrid. Todos os españois han estar orgullosos de que a súa capital se converta en facho mundial, anque para tan alto orgullo patriótico haxa que entregar a culler e a faltriqueira!.  
A recentralización política é o medio para unha enorme drenaxe de recursos en beneficio das grandes corporacións financeiras, industriais e de servizos asentadas na capital. Trátase de poñer ao seu dispor os orzamentos públicos pero tamén un máis fácil acceso e control de todo o mercado español, eliminar barreiras para un proceso de concentración do capital por absorción de empresas periféricas ou destrución da súa competencia.
É ben significativa a composición do goberno de Rajoy e os seus altos cargos. Sete ministros naceron en Madrid ou levan tempo establecidos na capital. Máis escandaloso, se cabe, é o feito de que o 80% dos altos cargos dos ministerios son de Madrid. De feito, Esperanza Aguirre fachendea de que 90 altos cargos do goberno Rajoy proceden da equipa madrileña. Non fai falla ser moi mal pensado no porqué dese acaparamento de cargos: dada a importancia e envergadura da estratexia centralizadora non confían nos peóns periféricos. Os poderes económicos madrileños sitúan nos postos de responsabilidade gobernamental os seus peóns que son, ademais, maioritariamente pertencentes as familias da rancia elite económica madrileña. Elite económica que desde o franquismo viviu das concesións do estado e de espremer o orzamento público, conformando iso que os propios economistas oficiais denominaron "capitalismo castizo"; ese tipo de "empresarios cazadores de rendas e contratos públicos" seguiron reforzando as súas posicións ao redor dos sucesivos gobernos centrais e autonómicos, especialmente na éxida Aznar e Aguirre, idade de ouro das "portas xiratorias" e do "capitalismo de amiguetes". Pero tiveron as portas igualmente francas con Zapatero e Blanco. O poder tecido arredor das grandes construtoras (SEOPAN), das grandes empresas públicas privatizadas, das grandes contratistas de servizos públicos, das finanzas e dos medios de comunicación alcanzou unha envergadura tal que nos últimos 15 anos son os que marcan abertamente a axenda política na capital e no estado.
Máis aínda, a estratexia de asalto ao poder do estado e o control do orzamento en beneficio dese capitalismo castizo madrileño é a que explica en última instancia a corrupción de alto estanding que representan o caso Barcenas e a trama Gurtel –máis ben habería que dicir o “caso PP”-. Non se trata simplemente dunha rede de corruptelas para enriquecemento duns cantos aproveitados. É algo dun alcance que vai moito máis alá dunha corrupción de persoas. Trátase de montar un sistema, un complexo político-económico, que permita o reforzamento mutuo do poderío económico madrileño e a recentralización do poder político baixo a hexemonía da dereita.  O financiamento masivo do PP para chegar a convertelo na forza capaz de controlar o poder do estado e da capital é un “investimento” estratéxico desa elite económica. Usar o BOE e o orzamento para engordar ese capital de cazadores de rendas é a vía para manter unha hexemonía política da dereita conservadora e neocentralista, dominando os medios de comunicación da capital e despregando un apabullante poder na competencia electoral.
Se entendemos todo iso estaremos en mellores condicións para captar mellor o significado do lema oficial "Madrid, a suma de todos" e comprenderemos tamén porque os cataláns deciden irse de vez (a pesares de que unha parte da elite económica catalá tentou entrar no clube). Ao mesmo tempo empezaremos a percatarnos do alcance da traizón que para Galiza supón o submiso colaboracionismo de Núñez Feijóo e da actual cúpula do PP en Galiza que ocupa as nosas institucións autonómicas e supedita os intereses do país á estratexia do lobby madrileño. 
Imos facer un pequeno balance que nos permite identificar o alcance dos grandes buratos financeiros do Estado Español e a singular relevancia de Madrid nos mesmos para facérmonos cargo do alcance e consecuencias que para o noso país tería someterse á estratexia madrileña que se veiculiza a través do poder do estado.

O burato da débeda madrileña (e española)

1. Os primeiros datos que compre salientar son os relativos á débeda pública (Datos Banco de España, II trimestre 2012: 
a. A débeda Pública da Administración Central (617.731 Millóns de euros) representa o 76,7% da débeda pública total. Algo que parecen ignorar ou ocultar todos os que vocean contra as autonomías como responsábeis da débeda pública (estas son responsábeis de 150.578 millóns -18,7% do total- e os concellos de 36.306 millóns -4,6%)
b. A débeda das empresas públicas dependentes da Administración Central alcanza os 34.048 millóns de euros a mediados de 2012, o que representa o 59,2% da débeda do conxunto das empresas públicas.
c. A débeda da Comunidade de Madrid alcanza os 17.108 millóns de euros (9,1% do PIB), que representa o 11,4% do total da CCAA. As débedas das empresas públicas da C.de Madrid alcanzan os 1.648 Millóns de euros.
d. A débeda do Concello de Madrid alcanza a astronómica cifra de 6.479 Millóns de euros o que representa o 17,8% de todos os concellos españois.
Todo isto quere dicir que o 79,7% da débeda pública española corresponde ben a Administración Central ou ás Administracións madrileñas. Dato esencial que de xeito teimudo pretenden agachar os creadores do discurso de que todo o problema está provocado polas comunidades autónomas.

2. Unha grande parte do burato das contas públicas está "encofrado e asfaltado" nas múltiples e inmensas obras de infraestrutura executadas na provincia madrileña. Non é esaxerado afirmar que a Comunidade de Madrid é hoxe un territorio cuberto de cemento e chapapote. Vexamos.

2.1. A Comunidade de Madrid converteuse no centro das redes de estradas e camiños de ferro radiais que teñen a súa orixe na cidade de Madrid, facendo que este sexa o territorio mellor comunicado da Península e o quinto a nivel europeo. Isto é a base para unhas potentísimas infraestruturas loxísticas, que  constitúen un dos motores económicos da capital e convértena en líder indiscutíbel por facturación: concentra máis da metade do transporte de mercancías, co 75% das sedes das empresas de transporte e distribución españolas e internacionais.
O "Plan de Infraestructuras Logísticas", que desenvolverá nos próximos 12 anos, mediante modelos de colaboración público-privada, suporá un investimento superior aos 4.500 millóns de euros en urbanización, máis de 7.000 millóns de euros en edificación e o desenvolvemento de máis de 35.000 millóns de m2 de solo loxístico.
A expansión da alta velocidade está ampliando cada vez máis a área de influencia da provincia madrileña, porque o grande aforro de tempo potencia as relaciones coas cidades interconectadas, que pasan a formar parte do hinterland directo de Madrid. Dito doutra forma, a alta velocidade comprime as distancias territoriais e aumenta a xerarquía funcional de Madrid no sistema urbano español.
Nese sentido, non ten ningún rigor territorializar o investimento na rede do AVE como investimento realizado nas comunidades autónomas polas que pasa. O seu beneficio económico maior prodúcese alí onde se da a máis alta densidade de fluxos e de cruces, é dicir, en Madrid. A capital é a gran beneficiaria e fortalecida pola existencia dunha extensa rede radial que ten alí o seu centro neurálxico. De aí o espellismo das estatísticas que nos informan do "investimento público territorializado" en infraestruturas viarias e da alta velocidade. Desde logo, no caso do AVE non sería descabelado afirmar que a metade do investimento realizado é a beneficio da capital, non só porque todas as liñas empezan e terminan a alí senón polos efectos multiplicadores que a súa concentración e  interconexión xeran. Polo tanto, se o investimento total na rede AVE se calcula nuns 40.000 millóns de euros (máis 400 millóns anuais en mantemento) cabería atribuír que uns 20.000 millóns deberían ser colocados no debe de Madrid.

2.2. O "Plan de Carreteras (2007-2011)", supón un investimento de máis de 4.200 millóns de euros, actuando sobre un total de 334 quilómetros de vías (el 14% de toda a rede existente), coa construción de novas estradas, duplicacións de calzada, etc.
Con isto Madrid é a rexión metropolitana europea con máis quilómetros de autopistas e autovías por millón de habitantes (arredor de 140 km, fronte a 71 de París e 43 de Londres). Tamén destaca pola infrautilización de algunhas recentes infraestruturas, caso das autopistas radiais da Comunidade de Madrid, que son economicamente pouco rendíbeis para o sector privado, alcanzando un terzo do tráfico previsto cando se inauguraron.

2.3. O Plan de Infraestructuras Ferroviarias de Cercanías para Madrid, financiado polo Ministerio de Fomento ten previsto investir 5.000 millóns de euros durante o período 2009-2015. Este Plan suporá a execución de 115 km de novas liñas e a ampliación de capacidade mediante a cuadruplicación de vías noutros 66 quilómetros máis.

2.4. Entre 2003 e 2007 o cuantioso investimento do plan de ampliación do Metro (4.300 millóns de euros) permitiu a construción de case 90 quilómetros (un incremento de case o 40% da rede) e 79 novas estacións. Na actualidade Madrid conta cunha rede de 260 quilómetros e 227 estacións, que, si se suman as líñas de metro lixeiro, constitúen o terceiro sistema de metro do mundo, tan só por detrás de Nova York e Moscú.

2.5. AENA e a T-4. A débeda de AENA alcanza os 12.750 Millóns de euros, dos que unha grande parte  (5.527 millóns) derivan do deficitario Aeroporto de Barajas, en cuxa T4 se investiron 6.500 millóns na época de Aznar.  ADIF ten tamén unhas débedas de 9.572 millóns de euros. 

2.6.  As grandes/megalómanas operacións urbanísticas absorberon cantidades de recursos públicos. Por exemplo, o soterramento da M30 a carón do Manzanares supuxo a fabulosa cifra de 10.400 millóns de euros. Agora está en marcha outra de magnitude aínda superior: a Operación Chamartín-Prolongación Castellana, que está inicialmente presupostada en 11.100 millóns de euros (que acabarán sendo finalmente bastantes máis). A maior parte dos fondos corresponden ao Ministerio de Fomento, Adif e tamén á Comunidade de Madrid e Concello. Ese proxecto longamente negociado foi saudado pola patriótica prensa madrileña cos titulares máis entusiastas: "La prolongación de la Castellana a lo largo de casi 3 kilómetros  será el remate que convertirá el paseo de la Castellana en la gran «city», el Manhattan madrileño" (ABC). O que si é certo é que de acordo co proxecto a operación xerará 699 millóns de euros no PIB da cidade e 20.000 postos de traballo sostidos durante os 12 anos de execución do proxecto.
O empeño de Madrid por ser sede dos Xogos Olímpicos está precisamente pensada para xustificar unha nova enxurrada de investimentos públicos financiados polo Goberno Central que manteña ese desenvolvemento urbano insostíbel e absolutamente disparatado pero que move un fabuloso negocio para as grandes corporacións capitalinas. O anterior plan de Gallardón, co apoio entusiasta de Aznar e logo Lissavetzky, ten continuidade agora no de Botella e o madrileñísimo Ministro Wert. Os 4.100 millóns de gastos previstos, maioritariamente públicos, han servir para levar adiante todo tipo de infraestruturas (tres estacións de tren en Valdevebas –o emporio de Florentino-, dúas de metro, máis autovías, enlaces de novas cidades-urbanizacións, rúas, etc, etc) e extravagancias (canal de augas bravas, centro de tiro en Paracuellos, praia no Retiro...). Millóns de diñeiro público de todos os españois a maior gloria da capital entendida como epítome de "España" e a maior gloria sobre todo do capital madrileño que ten na construción e o inmobiliario o seu pulmón. De feito o corazón do poder económico madrileño xira arredor da poderosa SEOPAN, a patronal das grandes construtoras e na que destacan nomes tan coñecidos como Florentino, Koplowitz, Villar Mir, Del Rivero, Entrecanales, Martin, Arturo Fernández, Del Pino, etc.  

3. O burato da burbulla inmobiliaria: pola súa propia natureza é difícil facer unha estimación. A morosidade do sector promotor foi en aumento exponencial nos últimos anos, superando desde mediados de 2012 o 30% (uns 85.000 millóns de euros, que representan o 8,5% do PIB). Obviamente, o risco potencial supera moito esa porcentaxe (morosidade encuberta por renegociacións dos créditos, morosidade futura, etc). As estimación dos expertos e os dados que facilita o Banco de España permiten situar a orde de magnitude do problema: a altura de 2010 o saldo vivo de créditos aos promotores era de 325.000 millóns de euros e, en particular, máis de 100.000 millóns foran destinados á adquisición de solo.
Nese ano o Banco de España estimaba que o risco real do sector financeiro ligado aos activos inmobiliarios situábase ao redor dos 445.000 millóns de euros. Iso equivale aproximadamente ao 45% do PIB español.
Pois ben, a inmensa maior parte dese burato inmobiliario está nas contas das grandes promotoras madrileñas: Metrovacesa, Sacyr-Vallehermoso, Martinsa, Reyal Urbis, Quabit, etc. etc. De feito, a débeda neta nas contas das seis grandes empresas do sector (Acciona, ACS, FCC, Ferrovial, OHL e Sacyr) suma uns 44.600 millóns de euros (un 4,5% do PIB estatal).

4. O burato do rescate bancario e avais á banca:

Parte desa cifra xa foron endosadas por diferentes vías ás contas públicas. As axudas públicas á banca acumuladas até finais de 2011 supoñian ao redor de 141.000 millóns de euros, é dicir un 14% do PIB. Unha parte son as inxección directas de capital (11.300 millóns), outras son Participacións preferentes convertíbeis (9.294 Millóns), Esquemas de Protección de Activos (19.467 millóns), Adquisicións de activos danados (21.036 millóns) e avais de diferente tipo (79.890 millóns).
A maior parte foi financiada directamente polo Tesouro Público (41,6%) e o resto polo FROB (21%) e o Fondo de Garantía de Depósitos (18%).
Como sabemos, o primeiro Consello de Ministros de Rajoy, ao tempo que acordou os recortes e a suba de impostos, acordou tamén abrir unha liña de 100.000 Millóns de euros para axudas e avais á banca para 2012.
Sumándoas ás acumuladas até ese momento estariamos en 241.000 millóns de euros, o que equivale ao 24% do PIB español actual.
Paralelamente, o famoso e controvertido "rescate do sector bancario" recollido no Memorandum of Understanding asinado en xullo de 2012 e financiado con fondos europeos do MEDE e o EFSF destinados á recapitalización do sistema financeiro. A contía total de referencia estableceuse nuns 55.000 millóns de acordo coas estimacións feitas en setembro por Oliver Wyman, dos que ao final se aplicaron 40.000 millóns.
Só Bankia vai absorber uns 18.000 millóns de euros para o seu rescate. É practicamente a metade desta primeira rolda de rescate (39.000 millóns) financiada con fondos europeos. A estes cómpre engadir os 4.665 millón aportados en 2010 polo FROB. En total son 22.600 millóns para a entidade madrileña.

3. O burato da débeda militar:

Con todo o disimulo posíbel o Estado Español leva anos esforzándose por converterse nun membro do “selecto” grupo de países do mundo empeñados en ser “potencias militares”. Iso concrétase entre outras cousas nun crecente gasto militar. Segundo as definicións internacionais do SIPPRI en 2011 o gasto militar total alcanzaría uns 17.200 millóns de euros, ao redor do 1,7% do PIB. Dentro desa contía unha parte nada desprezábel son os 800 millóns de gasto anual na guerra de Afganistán.
Pero, a efectos do que aquí nos interesa, o feito é que unha grande parte dese gasto foi financiado mediante o recurso ao crédito e o endebedamento. A fins do 2011 o Ministerio de Defensa recoñeceu que tiña unha débeda acumulada que roldaba os 32.000 millóns de euros. É, sen dúbida, un burato importante que se suma no monto da débeda pública española. Por si só representa máis do 3% do PIB.
Efectivamente, o Ministerio admite non ter recursos suficientes para facer fronte ao pagamento de 26.692 millóns de euros comprometidos na adquisición dos 19 Programas Especiais de Armamentos (Peas) e, na medida en que consideran que haberán de renegociar coas empresas militares, a cifra final podería situarse na altura de 2015 nuns 36.876 millóns de euros.
A esa fabulosa cifra chégase desde a agresiva política de compras militares posta en marcha baixo o primeiro goberno Aznar. O actual Ministro de Defensa e daquela segundo dese ministerio, Pedro Morenés, foi o artífice en 1998 dunha complexa enxeñería financeira coa que se poñería en marcha o máis vasto programa de compras militares nunca visto, dirixido tanto a empresas españolas como americanas e europeas. Un sistema de compras apancadas que irían aumentando o monto da débeda acumulada até chegar na actualidade ás cifras indicadas.
Polo tanto, ese importante capítulo da débeda pública hai que situalo nas contas da empresas de armamento e nos intereses que nelas se funden de grandes grupos de investimento, lobbies empresariais e conservadores, entre os que existe unha mesta rede de complicidades na sombra da que o actual ministro de defensa é un preclaro representante.
Desde o punto de vista territorial a industria militar e as empresas tecnolóxicas e de servizos ligados á defensa están localizadas fundamentalmente na Comunidade de Madrid (CASA, CESA, Amper, Indra, Hisdesat, INTA, Thales, etc. etc), aínda que teñen tamén unha certa presencia en Andalucía, País Vasco ou Cataluña. Segundo o Ministerio de Defensa o 62% da facturación procede da C. Madrid, razón pola que podemos dicir que o groso da débeda militar acumulada está concentrada na capital do estado.

4. O burato da débeda eléctrica (déficit tarifario ou agasallo ás eléctricas)

Outro dos buratos que pexan a economía española é o chamado déficit tarifario eléctrico. O sector e a Comisión Nacional da Enerxía estimabano nuns 22.392 millóns de euros a fins de 2011 e alcanza na actualidade máis de 28.000 millóns. Esas cifras, seguramente algo interesadas, supoñen perto dun 3% do PIB español.
Esa cifra é o resultado da “graciosa” concesión do Ministro Rodrigo Rato/Montoro/deGuindos ás eléctricas que, ao tempo que “liberaliza” o sector en 2002, garántelles unha tarifa que evolucione acorde co custe marxinal máis alto do sector. Iso, controlado fraudulentamente por un sector oligopolizado daría lugar a unha tarifa disparatada que, a pesar dos aumentos importantes sufridos polos consumidores que soportan a tarifa máis alta da UE, nunca se atreverían a aplicar na súa integridade. A diferenza entre os aumentos reais e os que as compañías estiman dacordo con aquel compromiso gobernamental é o que da lugar ao famoso déficit tarifario, que o Goberno se compromete a compensar. Ese compromiso formal e legal do goberno é na práctica financeira como unha débeda coas eléctricas. O certo é que as empresas eléctricas xa viñeron facendo a súa contabilidade desde 2002 imputando esas tarifas, de xeito que as marxes resultantes (ficticias) xa foron anualmente repartidas en forma de beneficios e dividendos entre os seus accionistas. Temos, polo tanto, un agasallo virtual do goberno Aznar convertido en beneficios contantes e soantes dos propietarios das eléctricas –principalmente os bancos- pero que na práctica hoxe por hoxe é un burato nas contas desas compañías e un burato de débeda para o Estado –e, polo tanto, para todos os contribuíntes-. Contribuíntes que, por outra parte, xa están a pagar parte daquel agasallo en forma de subas da tarifa, que aumentou de xeito importante, en particular en 2010, e que volveu aumentar o goberno do PP.
Desde o punto de vista territorial, as principais industrias de produción e distribución da electricidade están localizadas en Madrid (nomeadamente Endesa e REE) pero o que máis vencella a todas elas coa capital son os accionistas, en particular os grandes bancos que teñen unha forte presenza no seu accionariado, que son na súa inmensa maioría capitalinos.

5. O burato da fraude fiscal:

Sen dúbida, un grande burato son as recorrentes cifras da fraude fiscal anual que os técnicos da Axencia Tributaria estiman nuns 90.000 millóns de euros anuais en impostos e uns 25.000 millóns en cotizacións á Seguridade Social. Iso supón unha magnitude que rolda o 12% do PIB, case duplicando o volume do déficit, mesmo nun ano tan negativo como 2011.

De facto, é o maior burato de fuga de recursos públicos, do que se benefician en pequenas cantidades un importante número de individuos (sobre todo entre as profesións liberais, pequenos establecementos, compradores “sen IVE”, etc) pero que ten como principais beneficiarios a unha pequena fracción de grandes defraudadores e evasores fiscais (promotoras, inmobiliarias, construtoras, sociedades de investimento, sociedades instrumentais, navieras, etc).
A estimación da evasión fiscal anual realizada por Gestha (Técnicos do Ministerio de Facenda) calcula que o 72% da evasión corresponde a Grandes fortunas, corporacións e grandes empresas; un 17% as PEMES; un 8,5% autónomos e un 2,5% outros fraudes non empresariais (arrendamentos, plusvalías, etc).
O 44% das empresas de maior tamaño (máis de 1000 empregados) están radicadas en Madrid (o 39% se tomamos as de máis de 500 empregados e o 24% se tomamos a clasificación da AEAT). Tendo en conta que as grandes fortunas están tamén concentradas na capital (55% do total do declarantes do Imposto de Patrimonio) pode concluírse que Madrid contribúe cunha cota excepcionalmente elevada na fraude fiscal española. Sen pretender determinar unha cifra moi precisa cabería deducir que perto da metade da evasión e da fraude fiscal española ten a súa orixe na comunidade de Madrid.

Como aboiar no burato da débeda madrileña?: o pragmatismo soberanista

Sumando todas estas cifras que vimos glosando grosso modo -obviamente quedan outras moitas sen incluír- alcanzamos unha magnitude que rolda os 270-290.000 millóns de euros. É a cantidade imputábel a Madrid por eses grandes conceptos de débeda e buraco fiscal (infraestruturas diversas, axudas á banca, empresas oligopólicas e evasión fiscal...). É unha contía que vai moito máis alá do 2,3% que representan a débeda oficial da Comunidade de Madrid e o Concello da capital. Dito doutra maneira, esas cifras veñen dicir que Madrid é responsábel de cando menos un terzo (34%) da débeda pública española. Esa débeda imputábel a Madrid representa máis do 27% do PIB español. Unha verdadeira hipoteca para o resto da economía española que o poder económico e o goberno central tentan impoñernos con todas as consecuencias.
Tendo que contribuír a cubrir esa contía é moi difícil que o resto dos territorios se desenvolvan. Iso si, se a imposición funciona e o resto do estado acabamos asumindo a cotaparte no financiamento da economía madrileña entón Madrid e a súa elite económica e política terán garantido un redespregue dos seus negocios oligopolísticos (eléctricas, banca, construtoras e inmobiliarias) e voltarán “acariñar as estrelas” dende o “palco do Real Madrid”. Ese é o xogo no que nos sitúa o centralismo.

Con esas claves podemos entender mellor o empuxe e empeño que os poderes capitalinos poñen no agresivo proxecto de recentralización política e económica. Esa tensión nunca desaparecera pero colleu azos renovados nos últimos anos e está a ser executado con absoluta devoción por parte do goberno central do PP, coa colaboración sumisa dos seus gobernos autónomos. Ese M.A.D.R.I.D. (Movemento Abafante De Recentralización Inducido pola Dereita) está en marcha. A cobertura ideolóxica é construída a conciencia e popularizada por unha abafante artillería mediática.

O nacionalismo galego non pode mirar cara outro lado nin entreterse en disquisicións máis ou menos colaterais ou quiméricas. Temos que enfrontar ese M.A.D.R.I.D. con absoluta clareza e pragmatismo. A submisión non é unha opción, o desvarío evasionista tampouco. Cando ese M.A.D.R.I.D. rompe todas as regras e pactos de xeito decidido e definitivo só cabe aceptar o reto e erguer a estratexia que con criterio pragmático mellor responda aos intereses colectivos do noso país. Agarrarse á bandeira furada dunha autonomía desacreditada e baleira de competencias reais non conduce a ningures. Agarrarse a un federalismo nominal que consagre a renuncia a instrumentos propios esenciais tampouco frea a ambición centralizadora. Aínda que a certos sectores do noso país lle resulte unha aposta arriscada o certo é que a única forma realista de frear o centralismo é erguer a bandeira da soberanía. Non podemos renunciar ao futuro, pagando peaxes insoportábeis e aceptando que nos aten os pes e mans que precisamos para poder axir e traballar. Sen sistema financeiro propio, sen políticas sectoriais propias, sen fiscalidade propia, sen reglas comerciais acaídas non teremos nin economía produtiva, nin emprego nin benestar.
Estamos en momentos de estrema gravidade -unha auténtica encrucillada- e non cabe outra que repensar con radicalidade e pragmatismo as opcións para o noso futuro colectivo. Non enfrontar hoxe con resolución o órdago centralista por medo ou cativeza conducirá o país a décadas de retroceso e declive. Para o nacionalismo sempre será preferíbel pecar de ousado que tirar a toalla antes de dar a batalla. Mesmo no pior dos casos, aínda que sairamos derrotados o país gañaría. Se damos a batalla o país sairá gañando. Por iso a daremos.

(Texto publicado como monográfico A Fondo de Sermos Galiza, n. 25, 12 xullo de 2013)

Sem comentários:

Enviar um comentário