quarta-feira, 18 de abril de 2012

Orzamentos (II): ¿máis co-pagos regresivos e privatizacións ou máis impostos progresivos?

Como levamos insistindo desde o estourido desta crise, a medida clave para conter o déficit público -ademais daquelas que reactiven o crecemento- ten que asentar nunha decisiva actuación do lado dos ingresos públicos. O problema real do déficit no estado español non arranca dun gasto público excesivo e, menos aínda, dun suposto gasto social excesivo (de feito, somos dos países da eurozona con menor gasto social per capita ou en relación ao PIB); pola contra, o problema arranca do lado dos ingresos.
O desequilibrio dispárase tanto da caída de ingresos provocada polo brusco parón da actividade económica como pola caída de ingresos derivada dun sistema fiscal cuxas contrareformas o foron convertendo en algo cada vez máis procíclico, máis regresivo e con máis vías de fuga e evasión, de xeito que unha vez cae o emprego e o consumo interno -os dous vectores nos que hoxe asenta a recadación- desplómanse en picado os ingresos públicos. Ese feito esencial é o que se lle oculta á cidadanía tanto polo PP como polo PSOE e todos os propagandistas e creadores de opinión.
Efectivamente, en virtude da multitude de contrarreformas fiscais regresivas introducidas na última década, baixo Aznar e Zapatero, realizaronse enormes agasallos fiscais ás rentas financeiras (bonificacións do 99% dos beneficios a SICAV, fondos, sociedades de capital risco e capital equity, reducción dos tipos aplicados ás rendas financeiros no IRPF, etc); aos beneficios empresariais (baixando 5 puntos o tipo impositivo en Sociedades e un sinnumero de deducións e bonificacións, moitas delas favorecendo a deslocalizacións e os pelotazos); ás rendas máis elevadas (redución do tipo marxinal do IRPF para as rendas máis altas desde o 48 a 43%) e aos grandes patrimonios (coa supresión do imposto de patrimonio en 2009 e do impostos de transmisións e sucesións). 
Todas esas medidas de reducción, exención ou bonificacións fiscais realizadas a ese tipo de rendas fixeron que o fisco deixara de ingresar cantidades enormes todos os anos. Segundo diferentes estimacións dos especialistas da facenda poden situarse arredor dos 12.000/15.000 millóns de euros anuais, sen contar as relativas a sociedades financeiras e a evasión ou a fraude. É unha cantidade nada desprezábel (arredor dun 10% dos ingresos totais) que podería ter incrementado o superávit nos anos de expansión e reducido de xeito moi significativo o déficit anual desde que estourou a crise. O déficit podería ser entre un 15 e un 25% inferior segundo os anos. Non é pouca cousa, sobre todo sabendo que iso sería así tan só con ter evitado uns regalos fiscais ás rentas especulativas e aos máis acaudalados, realizadas baixo os gobernos de Aznar e Zapatero, que nese aspecto seguiron exactamente a mesma política.
Iso acumulado ao longo dos últimos oito anos serían, en cifras redondas, unha cantidade que se siuaría aredor dos 100.000 millóns de euros, que equivale a un tercio da débeda pública total acumulada no estado español nese mesmo periodo.
Moitos levamos tempo reclamando a reversión de todo ese tipo de medidas graciosas para unha elite, que foron perforando un sistema tributario que, por outra parte, nunca chegara a ser modélico. Cada ano que pasa é tempo perdido para recuperar o equilibrio fiscal sobre bases sostíbeis e un chanzo máis na nosa particular baixada aos infernos de Dante.
Pois ben, neste orzamento de 2012 o goberno do PP abre tamén a espita dos ingresos públicos e os impostos. Non lle quedaba outra. Pero vexamos como como o fai. Despois de facer unha campaña na que un dos seus compromisos bandeira era non subir impostas, resulta que inmediatamente adopta unha serie de medidas nesa dirección. Por un lado, toca o IRPF e o Imposto de Sociedades, coa previsión de aumentar a recadación nuns 9.500 millóns de euros; por outro, aumenta os prezos e cobros polos servizos públicos; e, en terceiro lugar, promulga unha amnistía para evasores e defraudadores. 
A reforma do IRPF (aprobada xa no RD de 30 de decembro) eleva os tipos impositivos cunha fórmula progresiva pero cuxa implementación conducirá a que as rendas medias e as rendas baixas as que soporten o aumento de recadación de 4.100 millóns de euros.
As medidas relativas ao Imposto de Sociedades afectan a seis das vías que veñen convertendo este imposto nun auténtico gruyère e que en conxunto veñen permitindo que as grandes empresas que deberían pagar un imposto do 30% dos beneficios acaben pagando realmente un 3, un 10 ou un 15%. E algunhas nada. A media parece que está arredor do 12%. O certo é que os cambios que agora se introducen non eliminan os buratos, tan só fan unha corrección que trata de limitar o seu alcance ou xenerosidade na maioría dos casos; agora ben, unha das medidas mesmo amplia a "xenerosidade".
As medidas no IS son as seguintes. Un dos cambios consiste na reducción do máximo deducíble (do 5 ao 1%) polo investimento en fondo de comercio na compra de entidades; outro cambio consiste na eliminación da liberdade de amorteceemnto para as grandes empresas; outro pon un límite do 30% dos resultados para as deducións que as empresas poden realizar sobre os gastos financeiros en que incurren as empresas para financiar os seus investimentos no exterior (era escandaloso e segue a selo que estemos financiando a deslocalización de empresas con rescursos fiscais de todos); un cuarto cambio pon un límite a deducción de beneficios extraordinarios (do 35 ao 25%) ou do gasto en I+D (do 60 ao 50%).  Porén, para facilitar as operacións de compra-venta de participacións en empresas foráneas flexibilizan o réxime de exención das ventas (un mal pensado podería sospeitar que é para dar cobertura a casos como unha eventual venta -abortada- de YPF aos chinos por parte de Repsol ou outras operacións semellantes).
Por outro lado, estan as medidas máis graves centradas en trasladar directamente os custes dos servizos aos usuarios: eleva todas as taxas e prezos públicos (taxas na xustiza, taxas universitarias...) e mesmo introduce pagamentos por prestacións básicas como os medicamentos para case todos os enfermos, rompendo principios básicos do noso modelo sanitario. Con estas medidas estima obter uns 10.200 millóns de euros. O problema nestes casos como o sanitario non é tanto o monto de euros que se fixa como pago neste momento senón a ruptura do modelo e a introdución duns novos principios, sobre a base dos que as tarifas mudarán logo, no futuro inmediato, de xeito moito máis radical. O realmente importante é que se aproveita o pánico da crise para impoñer a clausura dun modelo universal e gratuito e sentar as bases dun modelo no que o pagamento polo usuario vaia converténdose en peza clave. Nese sentido hai que valorar os anuncios da Ministra de Sanidade o día 18 de abril sobre o co-pagamento farmacéutico e demais, como acertadamente denuncia a Asociación Galega para a Defensa da Saúde pública. Son cambios que inauguran unha cadea pasos dirixidos a romper o modelo de prestación de servizos públicos esenciais, na dirección de que estes non se financien tanto vía impostos -con carácter progresivo- e que, pola contra, sexan pagados directamente polos usuarios, eliminado o seu carácter solidario e igualitario: pagará máis quen máis necesidades teña. A "austeridade" pública transmútase así en gasto privado, coa particularidade de ser regresivo, de xeito que a calidade do servizo ao alcance de cada un dependerá en parte da capacidade de pago de cada un. Cousa que, por outra parte irá variando no tempo, porque unha cousa son as tarifas e co-pagos que se establecen de partida, para facer "aceptábel" o cambio de modelo, e outra cousa completamente distinta será o que ocorra a partir de aí, nos vindeiros anos.
A maiores aumentan o IBI e moitas taxas locais (saneamento, lixo, augas, etc).
E para redondear o paquete de medidas relativa a impostos, o goberno promulga unha sorte de amnistía fiscal para rescatar dividendos e beneficios domiciliados en paraísos fiscais ou noutros países (que só terán que cotizar ao 8%) e tamén para aflorar rentas opacas no IRPF, Imposto de Sociedades e Imposto da Renda de non residentes (que nestes casos cotizarán ao 10%). É unha medida absolutamente inmoral que ofrece a toda sorte de defraudadores unha vía real para materializar dous obxectivos a un tempo: por un lado, legalizar e gañar a impunidade polos delictos cometidos e, por outro, pagar un gravame realmente irrisorio dun 8 ou 10%, segundo os casos. Un premio absolutamente insultante para o conxunto dos contribuintes. Esta medida que mesmo é considerada inconstitucional por moitos xuristas é cinicamente defendida polo goberno como medio para recadar uns 2.500 millós de euros, cifra que todos os especialistas consideran deliberadamente inflada. 
Cabe dicir que a gravidade desta medida transcende o estrictamente pecuniaria porque evidencia unha renuncia a unha incisiva política de loita contra a fraude e a evasión fiscal. Máis aínda, é unha medida que resulta contradictoria e esterilizadora da inspección antifraude e da loita contra o delito fiscal. Mesmo pode aventurarse que da amparo e encubre outro tipo de delitos como consecuencia da garantía de confidencialidade que se lles ofrece aos que se acollan a esta medida.
En definitiva, estamos diante dun paquete fiscal que, salvo algunhas medidas introducidas no IS, son abertamente regresivas e, o que é peor, van creando as condicións cara unha mudanza no carácter público dunha parte das prestacións e servizos públicos. Polo tanto, fronte á opción da dereita que aposta por impostos e pagos ou co-pagos regresivos, que en realidade están pensados para ir abrindo o camiño á privatización xeneralizada, compre insistir na necesidade dunha reforma fiscal claramente progresiva que garanta a suficiencia financeira do sector público. O primeiro paso para iso é desenmascarar o discurso lexitimador das medidas que impulsa o programa de radicalización neoliberal, aqui e en toda Europa, o discurso da auteridade.
Como non hai duros a catro pesetas, compre denunciar que o discurso da austeridade tenta situar na cabeza da xente un falso dilema ou unha falsa solución. Máis alá dos esforzos que poden facerse en optimizacións de xestión, que sempre son ben recibidas, o discurso da austeridade pretende trasladar á cidadanía o imposíbel siloxismo de que é desexábel para a cidadanía que o goberno reduza masivamente o gasto público. O que oculta ese siloxismo é que unha "austeridade" significativa na provisión dos servizos públicos acarreta unha destas dúas opcións: ou os servizos empeoran a súa calidade de xeito significativo ou ben os usuarios se fan cargo directo dos seus custes. Neste caso a austeridade de gasto público transmútase en gasto e custe para os usuarios, para os cidadáns. Polo tanto, a verdade é que dun xeito ou doutro, han de ser pagos por alguén; e se os servizos han de ser de calidade, serán custosos. A cuestión é por parte de quen han ser pagos e, polo tanto, como. Pagalos vía impostos é a solución máis xusta para unha sociedade que quere un mínimo de cohesión social prestando os servizos básicos para todos, con carácter universal e gratuito. Se os impostos son realmente progresivos quere dicir que estamos facendo unha redistrución da renda pola vía da prestación dos servizos en condicións igualitarias para todos, en función das súas necesidades e non en función dos seus ingresos. Se renunciamos a financialo vía impostos e decidimos cobralo directamente aos usuarios entón pasamos a un modelo completamente diferente: o servizo recibido dependerá da capacidade de pago, sexa este provisto polo sistema público ou polo privado. Por moito que se engalane cun discurso demagóxico de cobros en función da renda que, ademais de ser de difícil implementación e xestión, non deixan de ser meros acenos de partida para colectivos moi determinados; pero a progresividade de facto desaparece.
Ese é o verdadeiro dilema no que está situado o problema na actualidade pero camuflado pola dereita baixo o mantra da austeridade e fixando todo o foco no gasto, dando por suposto que non hai nada que facer polo lado dos ingresos, presentado a súa solución como a única opción posíbel e urxida por unha situación de emerxencia extrema.
Unha alternativa realista e pragmática á crise fiscal actual pasa por reverter todas as contrarreformas regresivas introducidas nos últimos anos -incluidas algunhas das que agora adopta o goberno de Rajoy- e mesmo compriría ir máis alá con algunhas novas figuras impositivas adaptadas aos tempos actuais e aos fluxos que caracterizan esta economía, en particular os omnipresentes fluxos financeiros. Por iso levamos insistindo tamén na implantación dun imposto de grandes fortunas e outros impostos como a taxa Tobin ou a introdución dun tipo extra no IVE para unha selección de productos ou servizos de consumo de luxo. Non só por razóns de conseguir maior recadación, que tamén; non só por razóns de xustiza redistributiva, que tamén; senón mesmo para mudar os actuais incentivos fiscais que resultan perversos porque invitan a investir máis nos negocios financeiros e especulativos que nos produtivos. Calquera persoa sen prexuizos entende que compre premiar máis o investimento e a creación de emprego dentro do país que, como ocorre na actualidade, o investimento financeiro no exterior.
Con este tipo de reformas progresivas é perfectamente posíbel incrementar a capacidade financeira do sector público, equilibrar as contas a un ritmo razonábel, favorecer o crecemento económico e manter uns servizos públicos de calidade que contribuan á igualdade e a cohesión social, imprescindíbel para manter as conquistas da civilización. Para que a palabra progreso non sexa un termo para uso exclusivo de historiadores.
O problema non é técnico, é político. É un dilema en canto ao modelo de sociedade que queremos construír. A dereita neoliberal ten a súa opción moi claramente definida e unha estratexia moi ben artellada en todas as instancias  e en todas as dimensións. Falta por saber se as forzas do progreso que representan ás clases populares están a altura. Algúns parece claro que si, pero é unha batalla na que as minorías por si só non son suficientes. Precísase a conformación dunha ampla maioría que sexa quen de erguer e facer valer un programa alternativo ao do neoliberalismo radicalizado. Voilà.




Sem comentários:

Enviar um comentário