quinta-feira, 30 de abril de 2015

¿QUÉ REPRESENTA ENCE NA ECONOMÍA PONTEVEDRESA? -Dictame elaborado dez anos atrás


¿QUÉ REPRESENTA ENCE NA ECONOMÍA PONTEVEDRESA?

Xavier Vence Deza. Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Director do Grupo de Investigación sobre Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvimento (ICEDE) da USC.

Houbo un tempo en que calquer industria, fose do tipo que fose e tivese as consecuencias que tivese, tiña que ser valorada positivamente. Industria e progreso eran case sinónimos. Afortunadamente eses tempos foron superados. Hoxe, a industria, igual que calquer outra actividade, debe ser avaliada globalmente. Deben ponderarse de xeito realista os seus efeitos positivos e os negativos. Aos beneficios privados para os propietarios de calquer establecimento compre apoñerlle os beneficios sociais, se os hai, pero tamén os custos e perxuicios sociais, que os economistas deron en chamar externalidades negativas. Cando se trata de industrias cun alto índice de impacto medioambiental estas últimas poden ser moi elevadas. A contabilidade privada non as ten en conta pero a sociedade –outros sectores productivos, os cidadáns en xeral- padecen as suas consecuencias. Cando se trata dunha área urbana e moi poboada está claro que esas externalidades negativas teñen un alcance e unhas consecuencias moi superiores a cando se localizan en áreas relativamente apartadas. O que a cidadanía pontevedresa plantexa non é se ENCE debe estar ubicada en Galiza ou non senon algo moito máis concreto, se debe aceptarse a sua presencia indefinida dentro da cidade de Pontevedra ou non. Está claro, ademáis, que unha ría é un ecosistema especialmente sensíbel e delicado. É lícito, polo tanto, que a sociedade avalíe os pros e ontras dunha determinada industria. É máis, é un signo de responsabilidade que as institucións públicas asuman as consecuencias dese escrutinio. Niso consiste hoxe o progreso: creación de riqueza con responsabilidade social e medioambiental.
Nese contexto é no que debemos situar a valoración do complexo industrial de ENCE na ría de Pontevedra. Unha ría ao redor da que viven perto de duascentas mil persoas. O que aqui presentamos non é unha avaliación integral do seu impacto positivo e negativo –estudo que está por facer- senon tan só unha contextualización a partires dunha análises da estrutura productiva da área territorial urbana de Pontevedra (ATUP).

 Baseandonos nas estatísticas relativas ao emprego por ramas de actividade económica a nível municipal facilitadas polo Instituto da Seguridade Social, examinaremos a importancia real de cada actividade productiva en termos de emprego. Dispoñemos deses dados de emprego para os Concellos da ATUP (Pontevedra, Marin, Poio e Vilaboa) para o ano 2001 e 2003, clasificados en función da rama de actividade a dous díxitos da CNAE-93. Deste xeito que poderemos examinar o peso das ramas ramas industriais ligadas á industria papeleira en relación ao emprego das demáis ramas productivas. Logo poderemos ver a evolución do emprego asalariado para o periodo comprendido entre 1994 e 2003, o que nos proporcionará unha idea máis ou menos aproximada da tendencia recente de cada unha desas actividades.

1.     o lugar da industria do papel NA ESTRUCTURA PRODUCTIVA da Área Territorial Urbana de Pontevedra (ATUP).

Na ATUP había rexistrados na Seguridade Social en decembro de 2003 un total de 49.370 traballadores, que representan un proporción modesta (ao redor do 5,1%) do total galego, dos cais a maioría concentrase no concello de Pontevedra, que representa máis das tres cuartas partes do total (77,6%).
Desde o ponto de vista sectorial ésta é un área netamente terciarizada e cun moi baixo nível de industrialización; o peso destacado da pesca e o avultado sector da construcción son trazos relevantes que singularizan ao conxunto da ATUP. O forte peso dunha área eminentemente urbana como Pontevedra é o que semella explicar que na estructura productiva da ATUP o sector servizos sexa dominante cun peso algo superior ao 70%. Cun peso elevado aparece a construcción (12%) e de xeito moi significativo a industria apenas representa un 11,7%. Os sectores primarios empregarían a case que un 6,5% dos traballadores, destacando as actividades pesqueiras e acuícolas con preto do 5%. Resulta moi relevante xa de entrada que as actividades pesqueiras e acuícolas representen un peso equivalente á metade de todo o sector industrial.

1.       Figura. ATUP. Emprego por grandes sectores. 2001
Fonte: Elaboración propia a partires de dados da Subdir. G. de Estadísticas Sociales y Laborales.

Os dados de afiliación á Seguridade Social permiten un nível de desagregación por ramas de actividade (CNAE-93 a dous díxitos), o que nos posibilita unha análise detallada da estructura productiva da ATUP, da que poderian tirarse as seguintes conclusións:
-Existe unha forte dependencia do emprego de carácter público, en especial da rama de Administración Pública, que con 8.000 empregos constitue a principal bolsa de actividade e que se apoia sobre todo no rol de Pontevedra como capital provincial e como cabeceira comarcal.
-Pontevedra actúa tamén como núcleo da área para as actividades de servizos públicos, tales como Sanidade, Educación, etc. Tamén algúns servizos de tipo menos tradicional como poden ser os que se atopan na rama de Outras actividades empresariais, se concentran neste concello.
-Dentro das actividades terciarias, ademáis das citadas, merece a pena reter a relativa importancia que teñen as vínculadas á intermediación financeira e ao transporte, ligada en boa medida esta última ao tráfico portuario (tanto transporte terrestre –cereais, madeira, etc- como as actividades anexas ao transporte marítimo).
-A área rexistra un peso importante das actividades pesqueiras concentradas sobre todo nos concellos de Marín e Poio, concellos que manteñen aínda unha flota importante.
-Un sector cun peso relativo importante, moi por riba da media galega ou doutras áreas urbanas, é o de construcción. A sua relevancia deriva tanto da escasa dimensión doutras actividades (en particular as industriais) como da incidencia real de certos factores como a actividade turística no entorno da ATUP e o importante desenvolvemento da segunda residencia asi como a radicación na área de empresas constructoras de importante dimensión con actividades fóra da área.
-A industria conta cunha modesta presencia na área, aínda que con algúns sectores en expansión. Merece a pena destacar que a principal rama industrial é a Industria de productos alimenticios, que conta con 741 traballadores, o 1,6% do total de afiliados á SS na área; é ademáis a única rama con certa presencia en todos os concellos. Polo demáis, merecen unha mención certas actividades como a fabricación de productos metálicos, industrias da madeira e automóbil en Pontevedra e construcción naval en Marín. Curiosamente e frente a todo o ruído social e mediático a industria do papel (pasta) apenas contabiliza 300 empregos directos, que representan un 0,6% do total, segundo os dados da Seguridade Social.

2. Variacións da estructura productiva na última década

A evolución dos dados de emprego asalariado do Réxime Xeral da Seguridade Social entre 1994-2001-2003 permitenos detectar cais son as actividades en expansión e aquelas que presentan unha tendencia declinante ou permanecen estancadas.
As ramas que experimentan unha maior expansión son as do sector servizos, de xeito que a ATUP afianza neste período o seu perfil terciario, perdendo peso as actividades primarias e industriais. A pesares do crecemento lento da rama de Administración Pública neste periodo, dita terciarización está sendo impulsada por ramas como o Comercio (minorista e maiorista) e a Hostelería, Sanidade e Asistencia Social, Correos e telecomunicacións e tamén servizos a empresas. Unha parte destas ramas terciarias son relativamente intensivas en man de obra de alta cualificación e novas tecnoloxías, como é o caso de Outras Actividades Empresariais e sanidade.
A construcción experimentou un incremento modesto no número de empregados no periodo 1994-2001, o que podería estar relacionado co cambio de sé dunha grande constructora; porén, medra a forte ritmo entre 2001 e 2003.
Entre as ramas que máis emprego perderon temos que destacar en primeiro lugar a de Agricultura, gandería e pesca e a maioría das ramas industriais. As actividades primarias (se ben só contamos dados para afiliados ao réxime xeral) semellan estar perdendo activos de forma acusada. En sentido positivo cabería destacar o importante crecemento nos últimos anos da rama de Selvicultura e explotación forestal (que pasa de 28 empregados en 2001 a 257 en 2003).
Nas ramas industriais prodúcese unha caída xeralizada agás en determinadas ramas das que cómpre sinalar Fabricación de productos alimenticios e a Fabricación de vehículos que se localiza na área nos últimos anos, convertendose nun foco de emprego importante e a máis importante e prometedora para a diversificación do tecido productivo. As que máis retroceden son as de Fabricación de productos metálicos, a Industria de outros productos minerais e a de Alimentación. Tamén perde activos a industria do papel, artes gráficas e edición, asi como industrias da madeira. Resulta particularmente destacable a perda de emprego nas ramas de industrias da madeira e de industrias do papel, revelando até que ponto éstas perden protagonismo como factor directo de dinamización do emprego na área de Pontevedra (ATUP). 

2.             Táboa. ATUP. Afiliados á S.S. por rama de actividade. 2001

Fonte: Elaboración propia a partires de dados da Subdir. G. de Estadísticas Sociales y Laborales.






3.       Figura. ATUP. Variación na afiliación á S.S. (réxime xeral) por ramas de actividade.1994-2001
Fonte: Elaboración propia a partires de dados da Subdir. G. de Estadísticas Sociales y Laborales

3. INCIDENCIA DO COMPLEXO INDUSTRIAL ENCE-ELNOSA SOBRE OUTRAS ACTIVIDADES ECONÓMICAS RELEVANTES NA ÁREA PONTEVEDRESA: ALGÚNS INDICIOS.

No relativo á posible incidencia negativa do complexo ENCE-ELNOSA sobre as actividades productivas e de servizos do contorno, resulta rechamante a ausencia a estas alturas dun estudo rigoroso e sistemático do seu impacto socieconómico. Por suposto, sempre resultará moi difícil atribuir un valor monetario ao innegable efecto negativo sobre a calidade de vida ou sobre a saúde derivado da “mera” contaminación atmosférica e olfativa típica dunha planta de fabricación de pasta de papel.
O que si podemos é apoiarnos nos indicios que a información estadística disponible sobre algunhas actividades potencialmente afectadas pola contaminación dese complexo industrial. Nese sentido tan só comentaremos o que en liñas xerais pode intuirse sobre os seus efeitos directos e indirectos sobre as actividades pesqueiro-marisqueiras da Ria de Pontevedra e sobre as actividades turísticas.
Como xa comentamos, as actividades pesqueiro-marisqueiras eran e aínda seguen a ser de grande importancia nos concellos limítrofes da Ría de Pontevedra, até o ponto de representar nos concellos da ATUP un 5% do emprego total. Obviamente, é maior aínda en Bueu ou Sanxenxo-Portonovo. A pesares da tendencia declinante dos últimos lustros segue a ser unha actividade moi relevante e cabería pensar que o pode seguir sendo no futuro de darse as condicións axeitadas.  
Entre os factores que teñen incidido negativamente na sua evolución no pasado hai que incluir a implantación e expansión productivo-contaminante do Complexo ENCE-ELNOSA. Parece contrastado polos múltiples estudos biolóxicos e bioquímicos que se teñen realizados até o presente sobre o impacto do Complexo ENCE-ELNOSA, que éste tivo efectos moi negativos para o medioambiente mariño da Ria de Pontevedra, afectando negativamente tanto á poboación de diferentes especies de peixes e moluscos como á sua calidade e aptitude para o consumo humano e, en consecuencia, ao seu valor. A reducción da actividade pesqueiro-marisqueira da área máis próxima á ubicación do complexo está perfectamente documentada. A evolución desas actividades na Ria non deixa lugar a dúbidas. Mesmo o comparativemente menor desenvolvemento de aproveitamentos acuícolas da parte alta da Ria, comparado coas outras Rias Baixas, permite comprender até que punto o efecto expulsión ou repulsión da contaminación ten actuado no pasado frente a aproveitamentos productivos do medio mariño.
A reducción dos índices de contaminación do citado complexo industrial que se ten operado nos últimos anos non parece ter sido suficiente para a recuperación das capacidades de aproveitamento piscícola-marisqueiro desa parte da Ría.

O outro ámbito económico no que cabe avaliar o impacto económico da presencia do Complexo ENCE-ELNOSA é no relativo ás actividades turísticas, de grande importancia real e potencial. O conxunto dos municipios que dan para a ría de Pontevedra constituen a principal área de recepción de visitantes de toda Galiza pero, curiosamente, os indicadores disponibeis permiten observar unha distribución xeográfica da intensidade turística que mostra un gradiente de maior a menor canto máis nos aproximamos á actual ubicación do citado complexo industrial. Isto permite supoñer que existe un certo efecto expulsión do turismo, tanto por reducción do espacio litoral de libre disfrute para o turismo de praia como polo efecto disuasorio da contaminación mariña e, sobre todo, atmosférico-olfativa.

Cadro 1.  Indice turístico

Concello
Índice turístico (*)
Marín
10
Poio
35
Pontevedra
72
Sanxenxo
188
Vilaboa
11
Provincia
1.161
Galicia
3.066
Fonte: Anuario Económico de España. La Caixa
(*) É practicamente un indicador da oferta turística posto que, sobre a base 100.000 para todo o Estado, considera a categoría dos establecementos, número de cuartos e ocupación anual; todo isto en función da  cuota do IAE.

Tomando como indicador o índice turístico podemos ver importancia turística de cada concello. Da análise do cadro podemos tirar a conclusión dunha marcada desigualdade entre os diferentes municipios que conforman a ATUP que, en todo caso, se manteñen moi lonxe de Sanxenxo, a pesares do incuestionable atractivo da cidade de Pontevedra para certo turismo urbano e cultural. Particularmente rechamante é a debilidade do índice turístico de Marín. O concello de Sanxenxo ten un valor máis elevado que os catro municipios da ATUP xuntos. Se a comparasemos coa área veciña de Vigo tamén sairía bastante mal parada, sobre todo na perspectiva cualitativa.
Polo tanto, desde o punto de vista turístico a ATUP non mantén o nível medio das Rías Baixas, área da que forma parte central. Parece que o feito de se encontrar no fondo da ría e cun foco de contaminación industrial tan característico desincentiva o turismo de sol e praia que progresivamente se vai deslocando para os areais máis exteriores onde a calidade das augas, do ambiente atmosférico-olfativo e da paisaxe é de mellor calidade. Así, por exemplo en Poio a actividade turística é máis intensa a medida que vamos cara ao oeste pero menor aínda que Sanxenxo e O Grove. No concello de Marín acontece algo semellante, mais con certos matices. Os maiores fluxos van cara os concellos veciños de Bueu e Cangas, ou en todo caso para os areais marinenses máis exteriores (p.e. Aguete). Unicamente a cidade de Pontevedra ten unha oferta e unha demanda algo diferente vinculada coas súas funcións urbanas e cun incipiente turismo de congresos; en todo caso insuficiente e menor que a maior parte das cidades galegas. De feito, as grandes cadeas hoteleiras poñen serios reparos para investir nunha cidade con ese “ambiente”.
En definitiva, o desexo da ATUP de se vocacionar cara o turismo parece terse encontrado con limitacións importantes derivadas en boa medida do forte impacto ambiental do complexo industrial de Ence-Elnosa, que xunto outros factores facilitaron a competencia doutros concellos próximos aos da ATUP.

4. CONCLUSIÓNS

A. A importancia relativa da industria papeleira na economía local, medida polo volume de emprego directo xenerado, é moito máis modesta do que cabería supoñer e, ademais, é declinante. Os seus efectos beneficiosos para outras actividades complementarias (transporte marítimo e terrestre, etc) non derivan da sua ubicación física actual senon que poderían producirse en igual ou semellante medida de estar ubicada noutros puntos da comarca ou da provincia.

B. O complexo industrial ENCE-ELNOSA tivo e ten unha incidencia negativa na evolución de algunhas actividades económicas relevantes na área pontevedresa, en particular nas actividades pesqueiras-acuícolas e nas actividades turísticas, ademáis de afectar á calidade de vida de toda a poboación e, polo tanto, a atractividade da área.

C. En fin, en ausencia dun estudo integral do seu impacto, non lle faltan razóns á cidadanía para pensar que é máis o que o complexo Ence-Elnosa lle fai perder á economía e á sociedade da área pontevedresa que o que lle dá a gañar. 

1 comentário:

  1. Como votante do BNG espero que este partido que ten representación en tres Deputacións e que teñen que contar cos nosos votos,espero que unha desas Diputacións sexa po Bng e preferentemente a de Lugo e por outra banda en caso de non ser así que se aplique o mesmo raseiro que no concello de Lugo porque o Bng debe ser un partido limpo que non acepte imputados nos cargos tal como publicou a prensa.Un saúdo.

    ResponderEliminar