Compre ver a
corrupción como un problema político e non só ético ou moral. Pero non político
polo xogo que poida dar para as trafulcas inter e intra partidarias de baixa
estofa, que son as que deturpan o noso debate político, senón pola súa relación
co modelo socioeconómico e coa calidade da democracia.
A corrupción é un
cancro na moral pública, unha mina contra a democracia e unha causa de desbalde
e ineficiencia no uso dos recursos públicos. É difícil dicir cal das tres
cousas é peor pero, na práctica, van inseparabelmente unidas. A corrupción
supón abuso de poder, implica discriminacións arbitrarias e, polo tanto,
inxustiza e tradúcese normalmente nun desvío de recursos públicos cara o enriquecemento
individual, en detrimento dos demais e plasmándose en actuacións ineficientes.
Os cidadáns
honrados sentímonos anoxados, feridos e mesmo indignados cando se dan casos de
corrupción, cousa que ocorre demasiado a miúdo. Porque hai moita máis corrupción
que a que pasa polos xulgados. Porque nin toda as formas de corrupción están
tipificadas no código penal nin todos os casos que vulneran o código penal
acaban perseguidos, ben sexa porque ninguén os denuncia –a inmensa maioría dos
casos-, porque ningún xuíz, fiscal ou policía intervén, porque se fai a vista
gorda cando interesa e, noutros moitos casos, pode haber indicios ou mesmo
certezas pero non probas -probas con valor probatorio nun procedemento
xudicial. Máis aínda, pode haber corrupción e decisións arbitrarias e inxustas
sen vulnerar a legalidade vixente. Unha boa parte do asesoramento xurídico,
tanto no eido privado coma no público, consiste en atopar a forma de que sexa
legal unha decisión arbitraria ou preconcibida.
Os tipos e formas
de corrupción son tan variadas como tipos de actividades humanas. Desde accións
e resolucións inxustas a beneficio de alguén e en detrimento de outros, sexa a
cambio ou non dunha contraprestación económica ou doutro tipo para o que decide
ou para os seus (para a súa familia, empresa, organización...). Pero tamén pode
ser corrupción de alcance a información privilexiada, tanto no eido privado
coma no público: sobre operacións societarias, delación de estratexias de
actuación dun particular, unha empresa ou un organismo público, anticipación de
decisión públicas antes de que estas sexan oficiais (vantaxe de coñecer con
antelación unha convocatoria ou un concurso, as súas condicións,
recualificacións de solo, ubicación futura de infraestruturas ou servizos que
poden dar ou quitar valor a determinados emprazamentos, etc, etc. Todas esas
cousas poden ter un grande valor económico e traducirse en discriminacións
deliberadamente inxustas. E poden ser realizadas a cambio de algo (comechura)
ou mesmo sen iso (prevaricación).
Do mesmo xeito que
a importancia e alcance da acción corrupta pode ser moi dispar. Desde os
favores benignos, aparentemente desinteresados e bondadosos, que están feitos
co ánimo de beneficiar a alguén, sen pensar que indirectamente está
discriminando a outros ou negando as mesmas oportunidades a outros, até os
grandes contratos amañados ou subvencións inmerecidas, etc.
Máis aínda, compre
distinguir corrupción e legalidade. Unha parte da grande corrupción, a máis
substanciosa, realizase facendo uso do BOE ou do DOGA para mudar normas,
regulacións, criterios que van en beneficio directo de determinados axentes
económicos ou sectores. Cando un goberno regula ou desregula un determinado
sector, fixa determinadas condicións e tarifas, normas de contratación,
horarios comerciais (finanzas, telecomunicacións, eléctrico, distribución...)
pode facelo co obxectivo deliberado de favorecer a unha determinada empresa
fronte a outras, ou ás empresas fronte aos usuarios. Ese tipo de acción
lexislativa que responden á presións e indicación directa dos lobby’s é un tipo
de corrupción que se realiza con cobertura legal pero constitúe a corrupción
máis seria e importante nos tempos que corren. E as contrapartidas para os
gobernantes/lexisladores poden ser de moi diferentes e a través de mecanismos
legais ou legalizados: financiamento das súas organización, tratamento
favorable nos medios de comunicación controlados por aqueles lobby’s, etc. Esa
é a gran corrupción. Branca e de luva branca. Nesa categoría entran os regalos
millonarios do goberno central ás eléctricas, á industria militar, á banca ou
ás grandes construtoras. Ou todo o cambalache ilegal de Feijóo co famoso
concurso eólico, as axudas xenerosas a Citroën, os cambios lexislativos na lei
de costas para favorecer a certas grandes empresas, os cambios de réxime e
privatización dos centros de terceira idade (caso Geriatros, etc) ou das
escolas infantís a beneficio de sectas relixiosas como o Opus ou lexionarios de
cristo, cambios ad hominen na lei de
caixas para permitir a continuidade de Gayoso, alteración dos contratos
iniciais en grandes obras como a autovía da Costa da Morte ou o novo Hospital
de Vigo, intermediación directa en grandes contratos internacionais de
empresas, convenios de publicidade e autobombo con determinados medios de
comunicación, etc, etc. Que ese tipo de cousas se fagan con cobertura legal ou
que ningún fiscal ou xuíz se atreva a poñelos en causa non quere dicir que non
entren claramente dentro da categoría de accións inxustas, arbitrarias,
onerosas para a cidadanía, favorecedoras de grupos de interese que son
xenerosos nas contribucións ao partido do poder e, en definitiva, corruptas. É
nese tipo de cousas onde se moven os grandes intereses, os grandes pelotazos,
os grandes negocios se fraguan. Polo tanto, a non deberiamos perder de vista
que a gran corrupción está alí onde os xogos da “alta política” e os “big
business” se cruzan.
Iso non pode facer
ignorar as corruptelas de corredoira feitas diante dos fociños da xente. Pero
si deberá prevernos fronte ao fenómeno contrario: que nos atordoen cun grande
ruído mediatico ao redor da corrupción de pouca monta para que non vexamos ou
ignoremos a corrupción de alto standing.
Así pois, a corrupción ten moitas facianas e
pode moverse a escalas moi diversas. O que si compre é reflexionar sobre as
causas da mesma e as formas de atallala.
No discurso
dominante a corrupción tentan presentala como algo puramente moral, como
resultado do fallo dos valores de certos individuos particularmente perversos
ou avarentos. Certo que nos países en que a moral imbuída nos individuos é máis
estrita e exixente, o nivel da corrupción pode ser considerabelmente menor que
nos países con culturas máis laxas. Pero o máis importante é darse conta que o
volume e tipos de corrupción depende en boa medida do modelo económico, das
regras de xogo e, en particular do volume do interface entre o sector público e
o privado. Canto maior sexan as interrelacións entre un e outro maiores son as
oportunidades e as ocasións; máis fortes son as presións e o incentivos para
que a corrupción prolifere. No ámbito público, nun estado moderno e maduro, o
grao de regulación, os servizos de control interno, intervención, etc é tal que
as marxes de corrupción son realmente limitados. Sobre todo, para a corruptela
económica, de apropiación privada de recursos públicos; non tanto para a
prevención de decisións inxustas. Nese sentido compre afirmar con claridade que
a corrupción non é algo que naza e se dea fundamentalmente no interior da
esfera pública. A corrupción aparece sobre todo no interface co negocio
privado. O que da lugar a maiores oportunidades de corrupción e de maior contía
é a interrelación, o interface, entre o público e o privado. A proliferación de
contratos entre as administracións públicas e as empresas constitúe o caldo de
cultivo ideal para a multiplicación de oportunidades e tentacións de
corrupción. A privatización masiva
de todo tipo de actividades (obras, etc) e dos servizos (saneamento, limpeza,
xestión, estudos, sanidade, educación, etc, etc) e a contratación de empresas
privada para a súa execución ou prestación é o que vai ampliando as ocasións de
corrupción.
Por iso a corrupción
vai en alza a medida que se estende o modelo neoliberal, cando se impulsa até o
extremo a privatización das actividades do sector público, a externalización
dos mesmos, as contratas e subcontratas.
Nun contexto como o
actual onde as compras públicas, os concursos de obras e de prestación de
servizos para o sector público, as externalizacións, etc son o maior nicho de
negocio para o capital privado de sectores tan importantes como a construción,
os servizos de consultoría, as farmacéuticas, as empresas de equipamento
tecnolóxicos avanzado, servizos de saneamento, auga, lixo, reciclaxe, limpeza
etc. parece claro que as argucias e estratexias para facerse con ese mercado
serán moi agresivas, tocaran todas a teclas, buscaran todas as regandixas e
puntos fracos para captar o maior número de contratos. É a loita polos mercados
e os negocios máis suculentos para esas empresas. Na moral privada do beneficio
e na lóxica dos cazadores de rendas non hai límites morais. Cando os maiores
negocios se fan a costa do orzamento público hai que pensar que a presión sobre
os xestores públicos vai ser enorme. Primeiro para capturar o seu favor ou
predilección e logo todas as estratexias sibilinas para mantelos comprometidos
e mesmo para poder chantaxealos cando for preciso.
Cando o responsábel
dunha empresa como Vendex é quen de afirmar no xulgado “pero señoría, ¿como
cree usted que se consiguen las adjudicaciones?”, compre tomar nota moi en
serio. Primeiro, compre investigar todas e cada unha dos centos de contratas
que teñen as múltiples empresas do grupo madrileño Vendex par Galiza adiante –e
polo Estado español adiante. E, segundo, compre repensar en serio o modelo de
sociedade corrupta que están construíndo con esa estratexia de privatizacións
masivas de todos os servizos públicos.
No caso concreto de
Galiza este caso pon de manifesto, ademais, como as privatizacións corruptas
plásmanse nunha colonización do noso orzamento público por parte de grandes
grupos empresariais madrileños. Non é so o caso das trinta empresas do grupo
Vendex que operan entre nós; son tamén as FCC das Koplowitz que controlan case
toda a recollida do lixo en Galiza; as grandes obras e contratas de
Acciona-Florentino, etc etc. Pero tamén as augas de Agbar ou a distribución do
gas de Gas Natural. De xeito que os nosos impostos van emigrar permitindo a
concentración de beneficios e a acumulación de capital en Madrid ou Barcelona.
Con todo, o
problema ao que estamos confrontados xa non é só de desbalde dos recursos
públicos ou de inxustiza. O problema, cando falamos da corrupción de verdade,
da grande, da big corruption, é que é a propia democracia a que esta en causa.
A democracia vese ameazada –e verase máis aínda no futuro- de continuar con
este réxime no que a caza de rendas, contratos públicos e favores regulatorios
se converteu na fonte dos negocios máis gorentosos e seguros. Pouco a pouco
iremos atopando como os lobby’s se apropian directamente da representación
política e da administración. Xa hoxe sabemos que no goberno está o
representante directo do lobby da industria militar, o das eléctricas, o das
construtoras, o de certos medios de comunicación e, por suposto, o da banca. Xa
sabemos que nalgunhas administracións están situados en postos de segundo rango
-pero claves- persoas que representan directamente certos intereses
empresariais. Xa sabemos que certas persoas non poden caer das listas
electorais de certos partidos porque van representar no parlamento a certas
empresas ou lobby’s. O problema é que como non tomemos medidas a tempo iso
acabará –en realidade xa está acabando- coa calidade da democracia. Entre tanto,
entreterannos coas bagatelas dunha garabata por aquí, unha caixa de puros por
alí, unhas botellas de viño por acolá e outros pecados veniais. Que sendo
pecados que compre perseguir e erradicar non deixan de ser veniais. O que
resulta insultante é que cuns cantos pecados veniais pretendan tapar a enxurrada
de latrocinio por xunto que se opera a través do BOE e do DOGA.
Sem comentários:
Enviar um comentário