domingo, 16 de dezembro de 2012

Paz Andrade e a batalla contra o centralismo abafante



A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade

Xavier Vence

Conferencia no Congreso Valentín Paz Andrade, organizado pola Real Academia Galega e Concello de Pontevedra. 13-15 de decembro de 2012

Don Valentín Paz Andrade (1898-1987) é un home de pegada longa, que cruzou tempos como cruzou océanos. Viviu nas luces e nas sombras do nacionalismo galego do atormentado e tráxico século XX e viviu desde as exuberantes labaradas daquel capitalismo liberal dos “loucos anos 20”, o seu crack e o seu dooroso e violento estertor e tamén a longa noite do cutre capitalismo orgánico da autarquía franquista.
Pero nin a negra noite política e cultural nin a negra noite da autarquía falanxista esmoreceron a súa iniciativa, a súa permanente inquedanza, a súa vocación ao servizo dunha tarefa, a tarefa de Galiza. El foi un militante. Quer no cultural, quer no político, quer no empresarial. Desde o goberno non, porque nunca tivo tal oportunidade e por iso non parou de argallar e impulsar iniciativas desde abaixo. A empezar polo xornal Galiza (1922-26), que pon a andar con apenas 24 anos, consciente como era da importancia crucial da información no mundo moderno e da necesidade de espertar activamente a conciencia do país, participando con decisión na loita diaria de ideas.
Foi xornalista, avogado, economista, empresario, poeta, ensaísta, político. Un animador, un axitador. Un home total, home inquedo, curioso, ao que ningunha faceta da vida, da cultura e do país o deixaron indiferente.
Foi home de proxecto, con visión de país e con proxecto de país. De conxunto, holístico, completo. Un patriota galego, moi pegado ao terreo, centrado sempre no que era posíbel, a “ruda adversidade urxente” pondaliana, porque creia que non había que agardar por nada e por ninguén para dar un paso na dirección do albo permanente: a liberación do país. O seu pragmatismo e posibilismo, sobre todo baixo a bota da dictadura franquista, podía aparentar moderación pero o seu norte era claro.
Foi fillo do seu tempo, dos seus tempos radicalmente interrompidos por grandes sismos históricos pero tamén foi un adiantado ao seu tempo. Cun fío e un alento permanente, que nace dun pensamento sólido, aberto e moderno desde o principio ao fin.
Foi un home de mundo. Foi un patriota pero nunca foi provinciano ou precisamente por ser nacionalista nunca caeu no provincianismo tan común na Galiza do franquismo. A militancia política primeiro e as pescas despois levárono polo mundo adiante. A América da Galiza da diáspora e a América do noso idioma estendido polo “continente” brasileiro foron dous vectores de internacionalización. A porta aberta ao mar sen cancelas foi outra das fírgoas que lle permitiu osixenar as súas neuronas polo mundo adiante e en institucións internacionais tan relevantes e anovadoras na época coma a FAO.
Non me corresponde a min falar nesta breve intervención de todas as facetas da súa intensa, creativa e xenerosa vida de home de pensamento e acción, para o que outros colegas, desde outras disciplinas, con máis e mellores coñecementos ca min neses eidos, viñeron debullando nos últimos tempos e neste mesmo Congreso.
Eu, coa vosa licenza, vou facer un breve comentario da súa obra económica e a súa actividade emprendedora, poñendo de manifesto a actualidade que, por desgraza, teñen algúns dos factores claves da nosa marxinación por el analizados. Sobre ese paralelismo veremos tamén a pertinencia da súa aposta política por romper os vectores desa marxinación.

quarta-feira, 5 de dezembro de 2012

Construíndo futuro-Documento aberto para o debate-BNG


Documento aberto para o debate sobre o futuro do nacionalismo e a revitalización do BNG

Este documento nace como síntese da primeira rolda de debate interno realizada pola militancia do BNG nas súas Asembleas Comarcais celebradas após as eleicións do 21-O Este documento está destinado a servir de motor para o debate que o BNG quere agora abrir a toda a base social nacionalista, para compartir a valoración da situación e os retos que afronta a sociedade galega e o proxecto nacionalista nesta grave encrucillada histórica.
A apertura deste debate con axenda aberta e coa vontade de abordar en profundidade os retos que temos por diante realízase co convencemento de que este país precisa, hoxe máis que nunca, unha poderosa organización política xenuinamente galega para conquistar a soberanía, erguer unha alternativa á desfeita neoliberal e construír unha sociedade inclusiva, igualitaria e libre. O BNG leva tempo erguendo esa bandeira con valentía máis somos conscientes que os tempos mudan -e nestes anos mudaron con grande celeridade- de xeito que a nosa organización non sempre soubo atinar á hora trasladar as demandas e sentimentos daquela parte da sociedade á que pretendemos representar e mobilizar para acadar aqueles obxectivos.
As eleicións do 21-O convertéronse para nós nun indicador de que hai aspectos das nosas propostas, da nosa forma de traballar na sociedade e do noso funcionamento interno que deben ser analisadas colectivamente e postas ao día. O obxectivo é manter vivo o vencello político e afectivo coa ampla base social do nacionalismo e a esquerda, para dotármonos dunha forza social suficientemente ampla que nos permita confrontar o centralismo abafante, camiñar cara a soberanía e defender os intereses desa maioría social triturada polo neoliberalismo e, polo tanto, do país enteiro. Nós somos parte activa desa maioría inqueda e transformadora coa que queremos compartir o noso proxecto nacional. Tanto no día a día, no traballo e na vida social como na loita política e na xestión dos asuntos colectivos e públicos.
Buscar o acerto nas propostas e recuperar a ilusión, os afectos e o espíritu de traballo mancomunado son os motivos que impulsan estre proceso de debate que agora abrimos coa cidadanía nacionalista. Debate que culminará nunha Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses.

Por que o BNG tivo uns malos resultados o 21-O? Que pasa na sociedade? Que pasou no BNG?


quinta-feira, 1 de novembro de 2012

Castelao, Bóveda e o nacionalismo esgazado


Agora que xa rematou a campaña electoral xa podemos mirar con perspectiva certos argumentos, metáforas e outras figuras retóricas utilizadas ao longo destas semanas. Agora podemos falar delas con máis serenidade. E convén que o fagamos con clareza e espíritu construtivo.
No discurso político adoita facerse uso de todas as figuras retóricas. Das máis poéticas e inspiradas ás máis burdas, como as mentiras puras e lisas, que, desde a alza do movemento neocon, son as figuras retóricas predilectas da dereita.
Na esquerda adoitase tirar máis da retórica épica e histórica. A lexitimidade histórica e ideolóxica son valores moi apreciados. Tamén o programa, como non pode ser doutra maneira en forzas que pretenden ser transformadoras. Iso estivo e está, por suposto, tamén na retórica da esquerda nacionalista, como se esforzou en facer o BNG, con mellor ou peor fortuna, ao longo desta campaña e tamén nos meses anteriores.
O certo é que para a lexitimación das apostas, dos cambios de estratexia e mesmo dos pinchacarneiros sempre se bota man da historia e dos “santos”.
Un deses exercicios que a min me resultou particularmente rechamante foi a forma en que Anova e, antes ca ela, a FPG e os asinantes da vella “Posición Soto” xustificaron a súa aposta pola alianza electoral con Esquerda Unida, botando man da experiencia do Frente Popular do 36, no que participara o Partido Galeguista. O discurso proclamado é, en síntese, o seguinte: “estamos nunha situación de emerxencia, de loita contra o fascismo, como acontecía en 1936 e, polo tanto, hoxe coma daquela apostamos pola alianza electoral cun programa común entre o nacionalismo e a esquerda estatal; iso é o que fixeron Castelao e Bóveda ergo iso é o que nós debemos facer agora e facemos”.
A primeira vista o argumento podería parecer cautivador e consistente. Porén se nos paramos un  pouco resulta moi discutíbel por non dicir falacioso. E, claro está, detrás desa valoración agóchase algo de moito maior alcance que un mero exercicio de retórica; de feito, aí reside en boa medida a cuestión fulcral do nacionalismo moderno: a autoorganización. Vexamos por que.
Deixando a un lado agora a valoración de se a radicalización da dereita e a regresión democrática auspiciada polo neoliberalismo na actualidade, baleirando de contido a democracia por erosión da soberanía, pode ser realmente equiparábel aos fascismos dos anos trinta, hai algúns feitos diferenciais entre o acontecido en 1936 e 2012 que obrigan a poñer en causa ese discurso lexitimador.
O primeiro feito histórico é que naquel entón tratábase dunhas eleccións ao Congreso dos Deputados da República Española. Non eran eleccións ao Parlamento de Galiza, que na altura non existía, porque nin sequera fora aprobado o Estatuto. De feito, o obxectivo primordial do Partido Galeguista naquela alianza era garantir o apoio político para sacar adiante o Estatuto e iso pasaba, primeiro por derrotar á dereita e segundo garantir que as esquerdas españolas –PSOE, IR, PC- se comprometeran no seu apoio (sabendo que eran pouco proclives ao noso estatuto).
Segundo, habida conta do sistema electoral, esa era a única vía segura para colocar algúns galeguistas no Congreso de Deputados da República, condición inescusábel para ese mesmo obxectivo do Estatuto.
Terceiro, tamén eran conscientes os galeguistas progresistas de que nesa altura compría pararlle os pes á dereita fascista e abertamente antiautonomista que dominara o bienio anterior e para iso había que acumular todas as forzas demócratas e progresistas, que pivotaban ao redor do PSOE, Izquierda Republicana, PC. Compre recordar que, non por acaso, en Cataluña o que se presentou foi o Front D’Esquerras, nucleado arredor de ERC. Aquí, a debilidade do PG non permitía outra cousa e, con criterio realista e responsábel, Castelao e Bóveda apostaron por integrarse na Frente Popular.
Sen dúbida, é moi difícil facer un paralelismo mimético entre aquela situación e a actual.
Para empezar, as eleccións do 21-O foron eleccións ao Parlamento Galego, para a súa IX lexislatura; polo tanto, o ámbito de xogo era exclusivamente galego e non estatal. A pesares da hexemonía dos dous grandes partidos estatais, o certo é que as institucións autonómicas xa teñen definido un espazo político propio e o nacionalismo de esquerdas é un polo de referencia que determina moitos dos debates.
Por outra parte, non pode razonarse como se nese Parlamento non existise unha relevante presenza do nacionalismo de esquerdas representado polo BNG, articulado como fronte e da que formaba parte o Encontro Irmandiño até apenas 6 meses antes das eleccións. Do que estamos falando, polo tanto, non é dunha estratexia para garantir a presenza do nacionalismo de esquerdas senón da súa división.
De por parte –e dito con todos os meus respectos- hai que botarlle bastante imaxinación para ver a EU como encarnación do Frente Popular da república, tanto desde un punto de vista cuantitativo como cualitativo. Até estas eleccións EU era unha forza extraparlamentaria en Galiza, razón pola que non parecía que fose a alianza capaz de frear de verdade a dereita radical representada polo PP e impedir a súa continuidade no goberno. Como así se viu.
Desde logo, e máis alá da maior ou menor simpatía que puidera espertar como interlocutor de esquerdas en España ou para entenderse en moitos aspectos da política a nivel estatal –como ven facendo o BNG no Congreso-, desde a perspectiva do proxecto nacionalista unha alianza electoral dese tipo supón unha inflexión nunha liña que levaba asentada no nacionalismo galego desde Castelao e Bóveda: o principio de auto-organización. Nese sentido, é un retroceso político e ideolóxico notábel. Máxime cando se trataba de enfrontar esa coalición a unha opción nacionalista consolidada. E o retroceso pode ser de maior alcance no caso de que despois do proceso electoral se encamiñase cara unha certa integración de caracter orgánico ou estratéxico, como propugnan algunhas partes de Anova.
É lícito abeirar o discurso nacionalista para incardinarse nun proxecto federal de esquerdas, como tamén fixeron nos anos trinta algúns galeguistas que se incorporaron a Federación Republicana Galega, a ORGA de Casares Quiroga ou Izquierda Republicana. Eran tamén xente valiosa, que fixeron contribucións de primeira orde ao noso país e tiveron algúns grandes responsabilidades no goberno da República, pero está claro que non foi esa a opción de Castelao e Bóveda. Estes pularon polo Partido Galeguista e sentaron as bases do nacionalismo moderno, cuxo principio basilar é a autoorganización, é dicir, a construción de organizacións políticas propias e independentes de calquera subordinación ou federación allea. Autoorganización que, como é lóxico, non exclúe a colaboración internacionalista senón todo o contrario; aquela é a condición para estabelecer vínculos inter-nacionais.
Os posicionamentos de Castelao e Bóveda son feitos da nosa historia que, sen dúbida, coñecen ben Beiras, Ferrín e tantos outros amigos nacionalistas. O que xa resulta máis sorprendente é a utilización reiterada dos nomes de Castelao e Bóveda para lexitimar a actual alianza con Esquerda Unida. Ou quizás sexa a consciencia desa  “transgresión das liñas vermellas” o que leva a reiterar os nomes de Castelao e Bóveda na procura de lexitimación.
A transgresión vai empatar con outro argumento que pega na liña de flotación do nacionalismo. O argumento é sabido: hai que unir a esquerda contra o PP. Certamente a unidade neste momento é importante, pero haberá que admitir que deberá empezar pola unidade do nacionalismo de esquerda. Unidade orgánica, unidade de proxecto e unidade electoral. Logo, en función dos resultados, habería que estar dispostos a alianzas de goberno con todas as forzas progresistas para sacar adiante un goberno alternativo ao do PP. Agora ben, lanzar por diante o eslogan da “unidade da esquerda contra o PP” como argumento contra o nacionalismo de esquerdas é alimentar o prexuizo máis sibilino e insidioso contra o nacionalismo. Para quen considera que Galiza é unha nación, non pode aceptar o discurso de que o nacionalismo galego divide. O que divide é a presenza de forzas estatais, competindo no espectro ideolóxico no que existen forzas galegas –o mesmo cabe dicir no eido sindical. Reflexo e consecuencia do feito de aquelas forzas estatais non aceptaren realmente o caracter nacional de Galiza e o seu dereito de autoorganización (cousa que, como se sabe, non acontece exactamente igual en Cataluña, por exemplo).
Outro fío argumental utilizado con profusión nestes tempos consiste na referencia –excesivamente mitificadora e acrítica- á experiencia grega de Syriza. Agora ben, esa socorrida e discutíbel comparación coa Syriza grega choca cun feito básico: Syriza é unha alternativa nacional nun país con Estado propio e sen problemas nacionais no seu interior. Pola contra, no noso caso, trátase dunhas eleccións nunha nación sen estado, nas que unha das patas da alianza é xenuinamente galega e a outra é parte dunha forza estatal (EU-IU/PCG-PCE). De haber algo parecido a un Syriza galego iso era o BNG, do que o Encontro Irmandiño decidiu retirarse (por certo, disque por diferencias insalvábeis cun partido comunista nacionalista para a continuación coaligarse cun partido comunista estatal). Outra cousa ben diferente é que IU teña o proxecto de crear algo asi como unha Syriza española (Izquierda Plural, non sempre moi cooperativa) e quixeran empezar por conformar unha “Syriza autonómica”.
Situados máis concretamente no escenario da crise política que vivimos na actualidade a opción escollida por AGE tamén vai cargada de consecuencias. Como moi ben se encargou de recalcar Beiras nestes tempos estamos diante da crise dun réxime, do réxime que arranca da transición. Agora ben, non leva polo mesmo camiño poñer o énfase na crise do réxime instaurado na transición coa monarquía borbónica e unha democracia bipartidista que deturpa a vontade popular que poñer o énfase na creba do modelo de estado das autonomías a man dun movemento reaccionario recentralizador que obriga aos nacionalismos a abrir un proceso constituinte de ruptura pola vía da soberanía e a independencia. Posto en termos gráficos e maximalistas, entre a loita por unha república española e a loita por unha república galega, o nacionalismo galego non debera ter dúbidas de cal é o eixo prioritario. Iso si, resulta difícil imaxinar a EU embarcada neste último polo, ou non?
Todos estes vectores da contradicción definen o pano de fondo dun debate dentro do nacionalismo e o independentismo que compre obxectivar máis alá das leas e trafulcas superficiais ou episódicas. Isto é particularmente importante cando o que empezou sendo unha “alianza técnica para unhas eleccións” acaba plantexándose como “unha alianza permanente” para facer unha “oposición cohesionada” e, para algúns, mesmo o primeiro paso para unha Frente Ampla.
Unha cousa é respectar e mesmo defender o dereito de autodeterminación e outra ben distinta é ter como obxectivo levantar a conciencia nacional até construír un estado propio. Isto último implica darse como obxectivo central da acción política contribuír activamente a ese proceso, sabendo que este nunca é espontáneo nin moito menos. Polo contrario, é abondo traballoso, como todo o que vai contracorrente.
Polo tanto, dun ponto de vista nacionalista e, particularmente, dado o marco da convocatoria, resulta difícil de comprender esa alianza e máis difícil aínda admitir que poida resultar positiva para o avance do proxecto nacionalista de esquerdas. En todo caso, máis alá da gravidade desta confrontación electoral e das súas consecuencias inmediatas, o máis importante é que a partición do campo nacionalista non acabe cristalizando nun reforzamento orgánico do polo estatalista ou, o que é o mesmo, nun enfeblecemento orgánico do polo nacionalista (de esquerdas, porque é o único que hai). Por iso, o reagrupamento do nacionalismo de esquerdas debería ser a prioridade absoluta. E para esa tarefa si que poderiamos citar o exemplo de Castelao e Bóveda. Prioridade urxente, entre outras cousas, para evitarmos que Galiza quede abeirada no debate aberto para a redefinición do mapa das nacións ibéricas e europeas.
(Publicado en Sermos Galiza, 1.11.2012)

terça-feira, 23 de outubro de 2012

Na hora de refundar para unir


O resultado das eleccións do 21-O devólvenos unha desazonadora realidade. Unha sociedade galega divida en dúas metades no eixo dereita conservadora/esquerda-progresista no que a dereita segue a contar co respaldo da maioría, a pesar de toda a agresividade do seu proxecto actual. Por poucos votos populares, en cantidade minguante e con pouco entusiasmo, pero respaldo ao fin e ao cabo.
Agora ben, non cabe deducir dos resultados, como fai a dereita, que os galegos respaldaron as políticas de radicalización neoliberal de Feijóo e Rajoy: en realidade o PP perdeu 135.000 votantes, un 17% menos que en 2009. O que ocorre é que o PSOE perdeu moitos máis: 231.000 (44%) e o BNG 125.000, que non foron compensados polos 200.000 de AGE. Feitas as contas mesmo cabería dicir que 366.000 electores (27,8%) abandonaron ao PP e PSOE en boa medida como respostas ás políticas de recortes que estes dous partidos practicaron desde 2009 para acá. O PP paga asi a nefasta política de Feijóo -e a de Rajoy no último ano- e o PSOE segue pagando a desastrosa política da última lexislatura de Zapatero (a iso compriría engadir a deriva Rubalcaba e a grave división interna en Galicia).
Dito iso, o máis grave e precupante desde o punto de vista do nacionalismo é o que ocorre cando nos fixamos no eixo forzas nacionalistas/forzas estatais. Estas eleccións devólvennos unha imaxe na que o nacionalismo perde peso de xeito notable, até rozar o limiar de perda do caracter de forza determinante no país. Mesmo sumando tamén os catro deputados de Anova, o peso do nacionalismo no actual Parlamento vai ser o menor dos últimos vinte anos. O BNG perdeu 125.000 votos (46%) a respeito de 2009 e perdeu 166.000 (53%) a respeito de 2005 (o que non anda moi lonxe dos 200.000 de AGE).
Ao meu ver esa perda de votos do BNG derivan case integramente da división prolongada nas súas filas e das dúas escisións do último ano, en especial, da capitaneada por Beiras. Non creo que a causa do declive estivera, en termos xerais, na liña política e na resposta social á crise, na que aportou propostas alternativas ben trabadas e valentes; nese eido creo que o BNG e o nacionalismo sindical gañaronse un recoñecimento como baluarte fronte ás políticas de recortes e tamén na resposta ás políticas de laminación do autogoberno. En claro contraste coa tardanza e timoratismo da resposta ás políticas de Zapatero por parte de CCOO, UGT e EU/IU. Outra cousa é que os resultados poidan evidenciar que o “hiper-activismo” non cotizou especialmente no momento das eleccións.
Polo tanto, as causas do devalo hai que buscalas noutros factores. Deixando a un lado os de carácter subxectivo, que sen dúbida tiveron o seu peso, creo que hai dous de orde política externa e un interno que son cruciais. No externo creo que o BNG interpretou ben as causas e as repostas á crise económica pero interpretou con poucos reflexos a crise política, en particular o problema da desafección cara a política institucional e cara os partidos, especialmente entre a xente nova, pero tamén no conxunto da sociedade. Niso compre admitir que Beiras tivo máis intuición e máis reflexos para captar o que de sinal había no movemento dos 15-M e na súa conexión co espirito pre-político da sociedade –latente e habelenciosamente animado polo rampante antipoliticismo auspiciado pola extrema dereita mediatica. Outros tamén captamos o sinal pero confiamos en que sensibilizando e animando a organización por dentro se podería reaccionar e, de feito, algo diso ocorreu pero só parcialmente e devagariño. O certo é que sen conectar coa mocedade para incardinala nun proxecto ilusionante calquera proxecto acaba esmorecendo.
O segundo factor externo é que a dereita política e mediatica nunca desaproveita as debilidades dos adversarios: a división interna foi habelenciosamente manexada para debilitar ao BNG e, sobre todo, denigrar a súa imaxe. A importancia dese factor non pode ser ignorada á hora de explicar como se pasou, por exemplo, dunhas enquisas na primeira semana de campaña nas que o BNG mantiña máis ou menos as posicións anteriores (12 escanos) a un resultado final de 7. Non o digo como ladaíña exculpatoria senón xustamente naquilo que ten de feito real e digno de análise sociolóxica e comunicacional. Sen unha axeitada cobertura mediatica ese tipo de fenómenos non son posíbeis, do mesmo xeito que non se crean só con esforzo mediatico. En todo caso, isto non é nada novo e non cabía esperar que fose doutro xeito.
Polo tanto, ao final as verdadeiras causas hai que buscalas alí onde é posíbel incidir, é dicir, dentro da organización e, en particular, en como se xestou o proceso de escisións e tamén na capacidade para adaptarse ao novo escenario que creaba a concurrencia delas no panorama electoral. Non é este o momento e o lugar para entrar en profundidades e detalles pero parece claro que o modelo organizativo do BNG, pensado para unir organizacións políticas diferentes, acabou na práctica reforzando a dinámica fragmentadora e disgregadora. Foi esa unha dinámica na que seguramente non hai culpábeis exclusivos pero si responsabilidades compartidas, acumuladas sobre a base dunha estrutura interna que favorece a confrontación e o ensimismamento. Cando a propia estrutura impele a iso de pouco valen os sacrificios puntuais a prol da unidade e iso debe ser motivo de reflexión para conxurar eventuais procesos dese cariz de cara ao futuro.
O que non cabe dúbida é que, xa na traca final, Beiras fixo uso de toda a súa avenza de intelixencia, habilidades, experiencia e capital social acumulado durante a súa longa traxectoria como cartel do BNG para atraer un numerosísimo caudal de votantes do propio BNG e do PSOE, xunto con algúns abstencionistas, que acabaron dando lugar a un auténtico e sorprendente fenómeno electoral. Non só entre a mocedade senón tamén noutros tramos de idade. Con particular éxito nas zonas urbanas, pero sen esquecer a significativa capacidade de arrastre en todos os concellos do país.
É un fenómeno que ten moito de proceso psico-social pero tamén se beneficiou do feito de enfrontarse a liderados febles como o de Pachi Vázquez ou liderados aínda emerxentes como o de Jorquera, que era a primeira vez que protagonizaba unha campaña electoral e tiña un nivel coñecemento por parte do electorado inicialmente baixo.
A cuestión crucial que se plantexa agora non é tanto a dixestión dun batacazo inesperado por parte do BNG ou a dixestión inmediata dun éxito inesperado da coalición Anova-Esquerda Unida, senón que estratexia seguir para levar adiante o proxecto nacionalista e de esquerdas neste país. Pensando no medio e longo prazo. Nese sentido, cabe preguntarse se é posíbel un proceso de confluenencia e refundación a curto prazo ou se haberá que vivir un longo proceso de competencia fraticida e desgaste como nos oitenta. Eís a cuestión que a min máis me preocupa.
Non sei cal será o destino que van seguir os cinco deputados de EU e os 4 de Anova que entran no Parlamento con Beiras; non sei en definitiva cal poida ser o sentido que Beiras e Anova lle queiran imprimir á súa presencia no Parlamento e que tipo de proxecto político aspiran a pular de cara ao futuro –en particular á vista do rápido cambio entre a proclama inicial dunha “alianza puramente técnica para ir a unhas eleccións” ao máis recente anuncio de que se trata dunha “alianza para permanecer”. Pero si teño claro que algúns desexariamos que ese proxecto confluira co do BNG, para reunificar o nacionalismo de esquerdas, a súa militancia e o seu electorado. E tamén temos claro que para iso todos temos que repensar criticamente o pasado e pensar conxuntamente o futuro. Hoxe por hoxe, e máis alá dos resultados electorais, o BNG ten unha estrutura asentada nos diferentes ámbitos da sociedade que o converte en peza clave dese proxecto. Pero tamén é certo que para desempeñar un bo papel nese proceso precisa reconsiderar moitos aspectos da súa organización e cultura orgánica; e tamén repensar, máis unha vez, o seu relacionamento cos movementos sociais, coa sociedade no seu conxunto e, porque non dicilo, coas demais organizacións nacionalistas e da esquerda en Europa.
(Publicado en Sermos Galiza, 23.10.2012)

sábado, 20 de outubro de 2012

Na hora de xuntar para gañar


Moita xente comprometida na batalla contra a ofensiva de radicalización neoliberal vive con auténtica vertixe a espera do incerto desenlace das eleccións do 21-O. Tanto polas consecuencias prácticas inmediatas como polo que pode significar no plano político-ideolóxico. Un eventual trunfo do PP que revalidase por maioría absoluta un goberno que foi pioneiro no ensaio da estratexia de radicalización da dereita española ao calor da crise significaría a validación desa estratexia. Porque non debemos esquecer que Núñez Feijóo (xunto con Aguirre en Madrid) foi o primeiro en ensaiar a política de “austeridade” e recortes sesgados até estrangular a economía produtiva e foi tamén o que primeiro se apuntou ao discurso -e  práctica- acirradamente neocentralista, con ataques aos nosos sinais de identidade e con proclamas –unhas veces implícitas e outras explícitas- contra o autogoberno e a favor da recentralización, devolución de competencias e “reunificación do mercado nacional”. Por que niso leva razón leva razón Feijóo cando reivindica que el foi o “primeiro”, pari pasu con Esperanza Aguirre, con quen, sen dúbida, comparte credo en maior medida que co propio Rajoy. O significado político-ideolóxico dunha reválida nas urnas dese programa ultraliberal e neocentralista sería, certamente, de alcance. Coa agravante de ter sido, ademais, un goberno manifestamente incompetente, con conselleiros mediocres e sen iniciativas para impulsar a economía do país.
Por iso, a moita xente que non estamos tan preocupados pola intrahistoria e as entretelas das organizacións como pola correlación de forzas na sociedade e nas institucións, preocúpanos antes que ningunha outra cousa que poida outorgarse esa reválida. E o que máis incomoda -e desespera- é que tal desenlace poida producirse non tanto porque a maioría da poboación realmente o referende como porque o irresponsábel xogo das forzas de oposición llo poña en bandexa, especialmente coa súa fragmentación.
Todo parece ter acontecido como se o balbordo da crise económica e política disparase o desconcerto e abrise a caixa de pandora das espectativas desmesuradas e das frustracións mal dixeridas. Parece que se tiveran disparado as oportunidades para todas as singularidades. Como ocorre case sempre na esquerda, os momentos de crise crean a ilusión de que calquera cousa é posíbel e enseguida agroman as sete escolas, cos seus misterios e os seus sacerdotes. Ninguén parece estar disposto a perder a oportunidade de fundar unha escola. En fronte, a pragmática dereita deleitase co espectáculo e mesmo pode ofrecerse a organizar os xogos florais e os torneos para que cada escola e cada sacerdote teña o seu minuto de gloria. Entre tanto o monopolio político da dereita pode capear a máis nefasta xestión e administrar en beneficio propio as turbulencias até situar a nave no punto que lle interesa.
Nese sentido, sería unha mágoa que as irresponsabilidades dispersas nos núcleos dirixentes quer da esquerda estatal quer do nacionalismo puideran acabar desembocando nunha carta branca para que a dereita máis reaccionaria e centralista puidese envolver Galiza na bandeira española coma se fose un adorno para o cocido madrileño no que queren converter o estado das autonomías, descontando, claro está, as xa irredutíbeis e perdidas nacións catalá e vasca.
Si, co dramatismo xusto, compre dicir que neste lance Galiza xógase ao mesmo tempo dúas cousas vitais: unha saída progresista á crise do neoliberalismo e a preservación e profundización do seu autogoberno. Non digamos xa as posibilidades de pensar a nosa soberanía ou a nosa independencia. Cun Núñez Feijóo empeñado non só en ser un disciplinado conxurado da ultracentralista política do PP español senón tamén en crecerse no seu papel de ariete contra os nacionalismos catalán e vasco, non é difícil entrever cal vai ser a deriva do xa cativo e mermado autogoberno galego.
Por iso, cáusame mágoa e mesmo certo desasosego ver a moitos amigos e compañeiros nacionalistas afanados en ver se poden recadar uns centos de votos máis ou menos, mesmo sabendo que non van sacar ningún representante, cando menos nalgunhas das circunscricións. Cómpre erguer a mirada e ver que do que se trata, amigos, non é diso. Sacar uns votos máis ou menos pero sen representación é absolutamente irrelevante, sobre todo se somos –ou foramos- conscientes da fondura e radicalidade do proxecto do PP nesta altura. Dito con claridade, o que realmente conta é que a dereita non continúe co controle do goberno, coa ocupación da Xunta de Galicia. O resto, con todos os meus respectos, arderá na fogueira das vaidades.
Se todos os dirixentes do nacionalismo e da esquerda estiveran á altura do desafío que nos coloca o PP neste lance, farían un alto no seu camiño, farían un balance cru das posibilidades e opcións reais que están enriba da mesa e farían un chamado aos seus seguidores a concentrar o voto naquelas opcións con posibilidades reais de obter representación. Circunscrición por circunscrición.
Aquí non pasa como noutros países, coma Francia, nos que hai segunda volta. Aquí hai que anticipala.
Se non o fan os dirixentes e candidatos, farano en moitos casos os electores pola súa conta. Iso é seguro. Pero outros miles de votos irán estragarse na irrelevancia e o gran monopolio da dereita será o directamente beneficiario en todos os casos. Como país, como nación, como esquerda, perderemos todos. Tamén perderán os grupos en cuestión, cuxo futuro nun escenario como o previsíbel terá ben pouco percorrido.
Se houber un destello de brillantez, valentía e xenerosidade, cando menos agora, gañaría a nación e gañaría a esquerda. Tamén os grupos en cuestión.
Se non for así sempre queda confiar na sabedoría do elector, preocupado polo proxecto, polo sentido da corrente e non polos remuíños.  
(publicado en Praza Pública o 18.10.2012)  

sexta-feira, 12 de outubro de 2012

Datos contra mentiras (III)

A realidade é teimuda pero a dereita aínda o é máis na súa vontade de anubar a realidade e o horizonte. Por iso, cando a mentira máis grosa non poden sostela entón enxergan a consabida estratexia de tapar as miserias propias consolándose coas miserias doutros. Se a nosa situación non pode agacharse entón a saída é aquilo de  "e outros peor". 
No caso do paro a estratexia de Feijóo e as dúcias e dúcias de mercenarios acaba sendo aquilo de "vale, temos moito paro pero a culpa é da crise e en Galicia temos menos que no resto das CCAA". 
Diante de tal escapismo non cabe máis que poñer a esa dereita diante das súas verdadeiras responsabilidades. Deixémolo claro cando menos con dous feitos incontrovertíbeis:

a. claro que estamos en crise (iso que Feijóo chama "crisi"). Estamos na crise do modelo neoliberal, ese que impuxeron as finanzas e a dereita, desde Maastricht, Aznar e Fraga. E en crise seguimos coa política da dereita europea e Rajoy, guiada pola estratexia aprobada en 2010, chamada "Pacto polo euro", que se inscrebe na lóxica da radicalización neoliberal: desmantelando o que quedaba do modelo social europeo e o chamado estado do benestar para liberar recursos cos que enxugar o enorme burato deixado pola burbulla financeira, con masivas transferencias para o rescate da banca no presente e ao longo dunha década. Austeridade no gasto social e nas políticas de apoio á economía produtiva para canalizar recursos e impostos para transferilos á banca e aos fondos. Os xuros da débeda xa converteron aos bancos nos principais beneficiarios do orzamento público e a maiores van as inxeccións de fondos para a súa recapitalización, que seguirán engordando a nosa débeda. Con esa política de recortes e impostos regresivos da UE, Rajoy e Feijóo segue a aumentar o paro até o estrangulamento do país. Polo tanto, Feijóo é parte, responsable e representante da política da dereita española e europea. Tamén por iso o 21-O a xente se pronuncia a favor ou en contra das políticas de Rajoy, Merkel e Barroso.


b. o paro en Galiza aumentou desde o I trimestre do 2009 ao II trimestre de 2012 (os datos da última EPA do INE) un 70% e na media española aumentou un 41,9%, que xa lle chega. Só nas provincias da Rioxa e Asturias aumentou máis que na Galiza. Esa enorme diferencia entre un 70% e un 41,9% é o que Feijóo debería admitir e explicar.Tamén o emprego caeu moito maior ritmo que as demais (-11,5% contra -8,8%): os terceiros con peores datos por destrución de emprego. Esas son as realidades que Feijóo nos deixa en herdo e debería explicar, non ocultalas con insultos á intelixencia. 
E, de paso, que explique non só porque aumentou o paro a ese ritmo senón porqué os nosos mozos, moitos deles licenciados e doutores, deixan as listas do paro para irse a Londres, Edinburg, Berlín, México ou Madrid e Barcelona. 




quinta-feira, 11 de outubro de 2012

Datos contra mentiras (II)

Por se alguén tivera algunha dúbida da evolución real da economía das familias galegas no periodo Feijóo (graf. primeiro) ou a valoración que esas familias fan da situación económica xeral do noso país e das perspectivas do paro (gráf. segundo) velaí van estes dous gráficos. Estan tirados directamente do informe feito público esta mesma mañán (11.10.2012) polo IGE (instituto Galego de Estatística).
Son bastante intuitivos e fáciles de entender. O ICC (Indice de Confianza do Consumidor) é a síntese dos outros catro e todos poden oscilar entre -100 e +100. Como pode verse as valoracións son moi-moi negativas en todo o período pero, curiosamente, no último ano todos os compoñentes revelan un desplome, cun deterioro extremo das perspectivas económicas tanto persoais e como xerais. Índices que que alcanzan valores de -30, -40, -50 ou -60 só poden ser calificados como de valoración "catastrófica". 
Supoño que para Feijóo este desplome non ten nada que ver coa súa xestión nin tampouco coa de Rajoy. 
Menos mal que o IGE é un organismo dependente da Xunta de Galicia e que non se atreverá a dicirlle que mente ou esaxera. ¿Ou será que os galegos se confabulan para afearlle a conducta e deslucirlle a súa impecábel xestión?




Datos contra mentiras

Pode parecer surrealista pero vivimos momentos en que a estratexia do poder é impedir un diagnóstico minimamente veraz da realidade "real". Xa non basta cun masivo labor de adoutrinamento ou unha interpretación interesada da realidade, facendo uso e abuso de todos os medios escritos e audiovisuais. Xa non chega coas medias verdades ou as esaxeracións. Non, compre ir un chanzo máis alá na estratexia de distorsión e neutralización da capacidade crítica da cidadanía. Para iso todas as armas son socorridas: a inversión da linguaxe e a destrución do significado das palabras (os recortes son axustes, os estrangulamentos dos países son rescates, os rescates son liñas de crédito, as crebas son concursos de acredores, as participacións preferentes son as primeiras en soportar perdas, a emigración son oportunidades de formación e descubrir mundo, a racionaliación do estado é a centralización, o bilinguismo harmónico ou cordial é a expulsión progresiva da lingua non estatal, a liberdade é que o poder non sexa importunado, a liberdade de opinión é que os poderosos propietarios dos medios poidan dicir o que lles peta e interesa, as guerras son intervencións humanitarias, etc etc). 
A outra arma é o destrozo das cifras. Aproveitando da aura de certeza que aínda inspiran os números ponse en marcha a estratexia de manipulación numérica, até alcanzar a propia destrución da credibilidade que aínda podian inspirar as cifras. Non é que se interpreten dun xeito ou doutro, é que literalmente se manipulan e se lanzan cifras falsas á cidadanía sen que ninguén as corrobore ou audite, labor que deberían cumprir uns medios realmente informativos. Un dos exemplo rechamantes -certamente non o único nin moito menos- é o manexo do sr. Feijóo das cifras de paro. Repite día si e día tamén -e os medios difunden as súa verbas- que o emprego caeu máis na época do bipartito que nos tres anos do seu mandato e o paro aumentou máis. Máis aínda, seguindo o manual de todos os mentiráns, a dereita toda trata de neutralizar unha eventual e merecida acusación de mentira botando por diante a acusación de que calquera que os contradiga é un mentireiro.
Certamente a mentira existe desde que existe a linguaxe, como di Ignacio Mendiola no seu Elogio de la mentira. Tamén é certo que sempre foi parte inseparábel do exercicio do poder, pero creo percibir que nunca foi tan evidente o uso da arma da mentira como ferramenta para dominar a sociedade como na actualidade. O mundo da información é cada vez menos o mundo da verdade e cada vez máis o mundo da mentira como sistema. Feijóo é, sen dúbida, un avanzado dese mundo onde os trileiros deixaron de ocupar furtivamente as esquinas das rúas nos días de feira e pasaron a tomar os palacios do poder. Os adestradores de comunicación da dereita difunden con profesionalidade o oficio para copar todos os platós. Esa é a principal corrupción, a bomba de reloxaría e principal motivo de distanciamento entre a cidadanía e a "política", a política do poder.
Pode parecer banal ou pueril pero considero que non é posible unha democracia se o poder non está seriamente sometido a unha obriga real de verdade e transparencia. Ese tipo de mentiras reiteradas e sistemáticas con ánimo de enganar á cidadanía deberían ser motivo de escarnio público e mesmo habería que dicir que cando son proferidas sistematicamente por unha autoridade pública debería estar penado como falta ou prevaricación, porque transmitir información falsa a sabendas de que o é -e con reiteración- non só constitue unha demostración de ausencia de ética como gobernante senón que esa transmisión de información por unha autoridade pública, en calidade de tal, é  un acto de goberno coma calquera outro con importantes repercusións na vida dos cidadáns. 
A espera de que o deber de respecto á verdade sexa unha obriga legal dun gobernante democrático, só nos queda poñelo en evidencia e declarar o profundo desprecio que tais comportamentos.
Velaí van os datos de emprego e paro en Galiza desde 2005 a 2012 que ofrece o INE na súa páxina web e tamén os datos de afiliados á Seguridade Social que ofrece o Ministerio de Traballo. 
Á vista dos datos sobran os comentarios




sábado, 6 de outubro de 2012

Banca Pública Galega, piar dun novo modelo


A proposta de banca pública galega que hoxe formula o BNG nace como resposta ao fracaso de Núñez Feijóo no manexo da crise das caixas e a súa submisión á estratexia de desmantelamento das mesmas emprendida polo PSOE e o PP centrais, seguindo as consignas da gran banca española e do seu brazo executor que é o Banco de España. A propia crise de liquidez e de solvencia das caixas deriva da combinación letal duns xestores que a partir dun certo momento adoptaron un modelo de negocio idéntico ao da banca privada virada cara a especulación financeira e dun irresponsábel descontrol por parte da Xunta de Galiza e do Banco de España, que lles permitiron unha irresponsábel e temeraria política de endebedamento no exterior e investimento especulativo inmobiliario nas zonas máis desbocadas do levante e centro españois. Por máis que eses directivos actuaron cegados por unha desmesurada ambición persoal e cun abuso de poder á hora de fixar as súas remuneracións inmorais, o certo é que ocorrido non se explica por razóns de carácter subxectivo senón polo fracaso dun modelo de banca que se foi impoñendo nas tres últimas décadas e que nos últimos quince anos contaminou e minou de xeito mortal ás propias caixas de aforros.

quarta-feira, 26 de setembro de 2012

A corrupción como metástase da privatización


O balbordo cínico ao redor dos casos de corrupción que desde hai moito tempo desprazaron neste país o debate serio sobre as políticas e as alternativas políticas volve ocupar a escena da campaña electoral do 21-O. Teño a sensación de que vivimos tempos tipicamente perversos, non só por descubrir a cada paso máis e máis casos de corrupción senón pola convición cada vez máis clara da selectividade dos casos destapados, da moralina hipócrita que os rodea, da pantalla que se pon para ocultar a verdadeira e grande corrupción e do uso cínico dunha enxurrada de casos para destruír a confianza no público, na política e na democracia. Curiosamente, a proverbial corrupción da lugar a todo tipo de tirapuxas partidarias, enche páxinas e páxinas de xornais ou programas de radio ou TV con todo tipo de discursos seudo-morais pero rara vez para denunciar as causas e raíces estruturais da corrupción e, menos aínda, propostas consistentes para erradicala, para remudar as causas que a xeran na escala en que a padecemos. Máis alá da culpabilización individual, da moralina etérea e das apelacións a un comportamento ético dos individuos, compre poñer o dedo na chaga.
O dedo hai que poñelo  nun modelo económico asentado na sublimación do beneficio e o enriquecemento rápido e, sobre todo, na conversión do orzamento público na teta para milleiros e milleiros de empresas que se nutren de contratos e obras públicas, de contratas e subcontratas de servizos públicos, nas compras públicas de bens e servizos. En definitiva, a aposta neoliberal por desmantelar o público, privatizando directa ou indirectamente todas as súas funcións crea as condicións para que a corrupción se instale no interface entre ese sector público e toda esa miríade de empresas, negociantes e conseguidores que van instalarse nos intersticios desa membrana que liga o público e o privado. Influír e capturar as vontades do decisores públicos ou mesmo controlar directamente ou por intermediarios os procesos de decisión acabou por converterse na peza clave da estratexia de todos os cazadores de rendas e negocios rendíbeis e seguros. A corrupción sempre existiu pero a súa proliferación e alcance vai en relación directa coas oportunidades e a magnitude dos negocios en xogo.

Privatización, corrupción e crise da democracia


Compre ver a corrupción como un problema político e non só ético ou moral. Pero non político polo xogo que poida dar para as trafulcas inter e intra partidarias de baixa estofa, que son as que deturpan o noso debate político, senón pola súa relación co modelo socioeconómico e coa calidade da democracia.
A corrupción é un cancro na moral pública, unha mina contra a democracia e unha causa de desbalde e ineficiencia no uso dos recursos públicos. É difícil dicir cal das tres cousas é peor pero, na práctica, van inseparabelmente unidas. A corrupción supón abuso de poder, implica discriminacións arbitrarias e, polo tanto, inxustiza e tradúcese normalmente nun desvío de recursos públicos cara o enriquecemento individual, en detrimento dos demais e plasmándose en actuacións ineficientes.
Os cidadáns honrados sentímonos anoxados, feridos e mesmo indignados cando se dan casos de corrupción, cousa que ocorre demasiado a miúdo. Porque hai moita máis corrupción que a que pasa polos xulgados. Porque nin toda as formas de corrupción están tipificadas no código penal nin todos os casos que vulneran o código penal acaban perseguidos, ben sexa porque ninguén os denuncia –a inmensa maioría dos casos-, porque ningún xuíz, fiscal ou policía intervén, porque se fai a vista gorda cando interesa e, noutros moitos casos, pode haber indicios ou mesmo certezas pero non probas -probas con valor probatorio nun procedemento xudicial. Máis aínda, pode haber corrupción e decisións arbitrarias e inxustas sen vulnerar a legalidade vixente. Unha boa parte do asesoramento xurídico, tanto no eido privado coma no público, consiste en atopar a forma de que sexa legal unha decisión arbitraria ou preconcibida.

terça-feira, 4 de setembro de 2012

O PP desenmascarase e expropia aos aforradores


O Real Decreto Lei 24/2012 de “reestruturación e resolución de entidades” aprobado o 31 de Agosto supón un salto cualitativo na concreción da política de salvación das finanzas a costa da sociedade.
Tres notas xerais definen este decreto. Primeiro, é un decreto que define un estado de excepción económico porque dálle un estatus legal ao novo FROB (e ao Banco de España e o ao Ministerio de Economía nese ámbito) que o sitúa por riba da legalidade ordinaria, tanto no administrativo coma no mercantil, á marxe dos mecanismos de control parlamentario e mesmo xudiciais ordinarios.
Segundo, é un decreto de espolio dos contribuíntes porque unha das medidas estrelas contemplada é a creación do chamado “banco malo” que absorberá unha grande parte dos activos inmobiliarios tóxicos e iso farase cos 100-120.000 millóns de euros do rescate que vai sobre as costas de todos os contribuíntes españois.
Terceiro, é un decreto que regula e faculta ao FROB para consumar a expropiación dos aforradores que previamente as entidades lles colocaran con engano e abuso de confianza “participacións preferentes e débeda subordinada”. Compre dicir e enfatizar que este desenlace non se deriva directa e inexorabelmente das condicións orixinais dos propios produtos (contratos das preferentes e obrigacións subordinadas). É este decreto-lei o que determina este desenlace. É este decreto o que decide e establece que os posuidores de preferentes e subordinadas serán obrigados a asumir unha quita do capital inicial.

terça-feira, 24 de julho de 2012

A ofensiva neocentralista e o fracaso da autonomía


(Respostas ao cuestionario de La Opinión 24/7/2012)
Debería reorganizarse o estado autonómico?
XV: O que debería é redefinirse o estado español no seu conxunto. O que falla non é o estado autonómico en si mesmo senón o conxunto da arquitectura institucional dun estado que segue sumando as estruturas típicas dun estado centralista e as dun estado descentralizado. Con superposicións e colisións entre elas. O estado autonómico tal como foi concretado polas forzas estatais, con 17 CCAA e o famoso café para todos, foi un fracaso. Nin resolveu de verdade o problema político do encaixe das nacións existentes dentro do estado español, pois negóuselles ese recoñecemento e igualáronse a rexións de escasa entidade, cando non inventadas sobre a marcha. Por outro lado, ao superpoñerse ao sistema provincial, sen subsumilo, acabou configurando unha estrutura administrativa de catro niveis pouco funcional, á que logo se engadirían as delegacións do Goberno Central nas CCAA e a da Unión Europea. En conxunto resulta demasiado complexa, disfuncional e cara.

quinta-feira, 12 de julho de 2012

O golpe neoliberal, estrangulamento económico e empobrecemento masivo



65.000 millóns de euros en recortes adicionais en 30 meses, 2,5% do PIB anual, 400.000 empregos menos. Estas serían, traducidas, as cifras grosas do anunciado por Rajoy no Congreso. Unha caída xeneralizada da capacidade de compra e do nivel de vida da poboación, levando ao estremo de privación as rendas modestas,  parados, pensionistas e dependentes. A caída directa de ingresos e o aumento dos impostos regresivos van deprimir a demanda, arrastrando de xeito inducido a produción e o comercio, minando a un tempo o emprego e os ingresos privados e públicos, nunha auténtica espiral destrutiva.
Ese é un novo chanzo do rescate do sistema financeiro -español e europeo- a costa da economía produtiva e das rendas modestas do país.

quarta-feira, 11 de julho de 2012

O rescate español - en chinés


Para os que saben chinés: velaquí van as miñas valoracións sobre o rescate bancario español e a crise do euro publicadas na prensa chinesa, froito da entrevista que me realizou a grande promesa do xornalismo Vera Rios.
Eu confío nela á hora de verquer as miñas opinións ao chinés!!!. Grazas Vera. 

Dear Vera
Please see the article in which your expert Xavier Vence's comment is quoted. The article is widely quoted in many media and websites in China.
Thank you very much for your kindly comments, I hope I may seek your insights in the future.
Chong Dahai

terça-feira, 19 de junho de 2012

Grecia e a democracia intervida


O acontecido en Grecia no último proceso electoral supón un duro golpe para os que vían o proceso de construción europeo como un avance cara o reinado da democracia no continente.
Neste caso non se trata do xa sabido “déficit democrático” das institucións comunitarias, consonte á inexistencia de elección democrática de órganos clave como a Comisión Europea, o cativo poder do Parlamento europeo, a carencia de competencias para o real control da acción de goberno da Comisión, o carácter extrademocrático do Banco Central Europeo, que non responde das súas accións diante de ningunha institución, etc, etc. Ese pecado orixinal do déficit democrático acompaña todo o proceso de integración desde os seus inicios até hoxe. Moitos aceptaron esa pexa con certa indulxencia como se se tratar dun mal menor imposto pola complexidade dun proceso baseado e conducido polos estados. O problema é que o déficit democrático esténdese como un regueiro de pólvora a través de Europa, darriba abaixo e de punta a punta.

domingo, 10 de junho de 2012

Rescatar a banca, afundir o país


O anuncio do rescate por unha contía de 100.000 millóns de euros preséntase por De Guindos como unha axuda xenerosa do eurogrupo á banca española. Afirma que non é rescate ao país pero na realidade é o estado español o que se endebeda, neste caso non nos mercados pero si ante o Fondo de Estabilidade Financeira (FEEF). Polo tanto, compre dicir que a axuda redúcese á que o FROB vai poder conseguir os recursos endebedándose pedindo prestado ao (FEEF) en lugar de facelo nos mercados financeiros. Iso, aparentemente, facilita o acceso a un monto inxente de recursos cando non serían conseguíbeis pola vía ordinaria de tentar de colocar débeda nos mercados, porque con certeza non atoparía compradores. Ademais, dísenos que as condicións en termos de xuros é moito máis xenerosa que a do mercado. Aínda que non se nos di cales van ser os tipos xuro aplicábeis.
Claro está, polo antedito, é obvio que no mercado non sería colocábel ese volume de débeda española e caso de conquerilo sería a uns tipos moi superiores aos actuais. Niso consiste a xenerosidade: o FEEF garante o financiamento do rescate da banca cando os mercados privados non o farían. Pero é o estado español o que se endebeda directamente para obter ese monto que logo inxecta na banca a través do FROB.

sábado, 9 de junho de 2012

Rescate con incerto futuro


O recurso a financiamento extraordinario do Fondo de Estabilidade Financeira (FEEF) por unha contía de até 100.000 millóns de euros para o saneamento do sector bancario español pon a vista de todos a causa real da crise que arrastramos desde hai 4 anos. Queda en evidencia a impostura do discurso oficial que durante todo ese tempo tentou impoñer ao país a idea de que o problema nacía dun excesivo gasto público, das pensións, da lexislación laboral ou dos salarios. Finalmente e a pesar de ter posto a disposición da banca a inxente cantidade duns 150.000 millóns de euros en forma de inxeccións de capital, préstamos públicos ou avais, resulta que ten que recoñecerse unha necesidade que pode acadar eses 100.000 millóns adicionais. A suma das dúas cifras representa aproximadamente o 25% do PIB anual español. Esa é a magnitude do burato no que nos situamos con esta medida e que tentan encher todas as medidas de recortes nos servizos públicos, salarios públicos e privados, pensións etc impostas nestes últimos anos e meses e que se prolongarán nos vindeiros anos. 
É moi importante ter en conta que -máis alá de condicións adicionais que se impoñan- este préstamo do FEEF ao FROB implica a emisión da cantidade correspondente de débeda pública, que aumentará nesa contía e cuxos xuros haberá que sumar ao déficit público español. Polo tanto, non nos enganemos, o rescate da banca española é unha garantía para os acredores internacionais –entre eles a banca alemá- e será pagado con uns 10 puntos máis de débeda pública sobre as costas dos contribuíntes españois.

sexta-feira, 8 de junho de 2012

Banca Pública Galega, por que si?


A proposta de banca pública galega nace dun diagnóstico da natureza da actual crise financeira e do fracaso dun modelo de banca virada cara a especulación; da análise das dificultades estruturais para o financiar o investimento nunha economía periférica e da análise da experiencia da banca pública europea e mundial.
A crise actual certifica o fracaso dunha economía financiarizada, na que a maior rendibilidade está no negocio veloz e especulativo nos mercados globais, abandonando o investimento produtivo de longo prazo como fonte primordial de beneficios. A desregulación converteos na vía máis lucrativa: beneficios máis rápidos, recursos máis líquidos e con mellor tratamento fiscal. A banca privada e os fondos convertéronse no vehículo que desvía os aforros do país cara ese investimento especulativo, minguando os recursos orientados ao investimento produtivo. Isto levou á erosión continua da industria e dos sectores primarios en moitos países -como é o caso da periferia europea- e, finalmente, levounos á profunda crise actual.
A BPG  responde á necesidade de romper ese círculo vicioso do colapso do crédito ao que ten conducido o actual modelo de banca. Sería erro descomunal rescatala para manter o mesmo modelo.

domingo, 3 de junho de 2012

O Atraso-entrevista Faro de Vigo


 Co gallo dos 40 anos da publicación d'O Atraso de Beiras, o Faro de Vigo envioume un cuestionario para publicar como entrevista. O resultado xornalístico esta aqui  http://www.farodevigo.es/galicia/2012/06/03/reto-aprovechar-recursos-o-completar-cadena-productiva-cumplio/654051.html

As preguntas coas miñas respostas literais foron estas outras, obviamente en galego.

sexta-feira, 1 de junho de 2012

MAFO, o centralismo cruel e nós

MAFO marcha humillado e denigrado polo PP. De súpeto, o PP descubriu que non xestionou ben a crise bancaria española e decidiu impedirlle mesmo facer uso da palabra diante do Congreso.
Certamente, o plan de reforma do sistema financeiro español foi un fracaso se do que se tratara con ela fose sanear as entidades con problemas dixeríbeis e reconfigurar un sistema financeiro nunha dirección apropiada para servir de soporte á economía produtiva. Desde o FROB de 2009 até os cinco -si cinco máis- decretos que foron remendando con novos detalles o longo proceso empezado en 2009, non serviron máis que para conducirnos até un 2012 no que os problemas estritamente financeiros están por resolver; os problemas de fondo do sistema financeiro español seguen podrecendo nos balances dunhas entidades zombies que ao lixo inmobiliario e a degradación de activos foron engadindo unha integración complexa en entidades de tamaño ciclópeo que, mesmo de ser feita en condicións normais, tería sido moi difícil. O certo é que o resultado desa parte remexida do sistema acaba sendo de creba técnica xeneralizada. Polo tanto, se aquel fora o obxectivo das reformas habería que concluír que o resultado foi certamente un calamitoso fracaso.

domingo, 20 de maio de 2012

sábado, 19 de maio de 2012

Paz Andrade e a actual marxinación financeira de Galiza


Con grande lucidez, Valentín Paz Andrade definiu como “nó gordiano” do noso desenvolvemento o problema financeiro, o investimento e o aforro. Na súa brillante e actual obra La marginación de Galicia Paz Andrade considera que o noso problema non está do lado dos recursos e dos factores humanos, porque “Galicia atopará vantaxes do lado dos seus factores inmanentes”; o problema está en que Galiza foi “quedando á marxe, ou participando escasamente nos grandes despregues financeiros que comandan os núcleos favorecidos pola polarización do poder económico, o oligopolio da enerxía e a transmigración do aforro”.

sábado, 28 de abril de 2012

Banca Pública Galega (I): crise financeira e banca pública no mundo


UNHA ALTERNATIVA GALEGA Á REFORMA DO SISTEMA FINANCEIRO ESPAÑOL

A NECESIDADE REDEFINIR O SISTEMA FINANCEIRO GALEGO E A CREACIÓN DUNHA BANCA PÚBLICA

Banca Pública Galega (II): a proposta do BNG


II.3. ALTERNATIVA PARA REDEFINIR O SISTEMA FINANCEIRO GALEGO: A BANCA PÚBLICA E NOVA CAIXA DE AFORROS

II.3.1. Marco legal da banca pública na UE e no Estado Español

Como vimos existen múltiples exemplos de bancos públicos en Europa e máis concretamente dentro da Unión Monetaria. Máis alá das preferencias ou opcións políticas imperantes o certo é que non hai ningún impedimento legal e xurídico a nivel comunitario para a existencia ou creación de entidades financeiras públicas.

quarta-feira, 18 de abril de 2012

Orzamentos (II): ¿máis co-pagos regresivos e privatizacións ou máis impostos progresivos?

Como levamos insistindo desde o estourido desta crise, a medida clave para conter o déficit público -ademais daquelas que reactiven o crecemento- ten que asentar nunha decisiva actuación do lado dos ingresos públicos. O problema real do déficit no estado español non arranca dun gasto público excesivo e, menos aínda, dun suposto gasto social excesivo (de feito, somos dos países da eurozona con menor gasto social per capita ou en relación ao PIB); pola contra, o problema arranca do lado dos ingresos.

segunda-feira, 16 de abril de 2012

Orzamentos: depresión económica e depresión democrática

Os orzamentos xerais do estado para 2012 sintetizan todos os despropósitos do desgoberno que se instalou á fronte da economía española, perdendo o control e o norte no medio dunha crise realmente tormentosa.

sexta-feira, 30 de março de 2012

29-M, a gran inflexión

O clamoroso éxito da Folga Xeral en Galiza e no estado español marca un punto de inflexión no estado de ánimo da maioría social. O desconcerto e a resignación ante unha sucesión de medidas presentadas como sacrificios inevitábeis para saír da crise van abrindo paso á sospeita de ter sido vítimas dunha estratexia equivocada ou mesmo deliberadamente enganosa. O medo a desconfiar das medidas oficiais vai abrindo paso ao medo a un abismo real de paro prolongado e privacións.

quinta-feira, 22 de março de 2012

Fusións locais: un plan serio ou só barullo político?


Que dúbida cabe que a Administración local precisa un repaso e non só por causa da crise económica e os apuros orzamentarios. A revisión da estrutura e xeografía da administración local é algo que moitos, en particular desde o nacionalismo, levamos demandando desde hai moito tempo. Sobre todo pola necesidade de racionalizala, poñer ao día unha estrutura que ven do século XIX e que estaba feita desde a perspectiva dun estado centralista e nunhas circuntancias en que o tipo e cantidade de servizos públicos prestados non ten nada que ver cos de hoxe en día. E tamén porque mudou radicalmente a distribución territorial da poboación e o habitat no noso país. O fulminante abandono do rural interior e os procesos de urbanización e periurbanización concentrada na faixa atlántica (nunha franxa de 20 km a cada lado da autostrada e das autovías está hoxe máis do 85% da poboación do país) son hoxe unha realidade tan dramática como insoslaiábel.

quarta-feira, 29 de fevereiro de 2012

Feijóo apaga o facho da ciencia


[Velaquí o meu artigo que acaba de saír publicado na revista Tempos Novos (n. 177, febreiro), xunto cun dossier máis amplo sobre a ciencia en Galiza e a crise: "A ciencia, cercada. Entre a miseria e o éxodo"] 

quinta-feira, 23 de fevereiro de 2012

BNG, falamos de ideas?


Dado que para algúns parece que na XIII asemblea do BNG só houbo eleccións de cargos e desafíos numéricos, non estaría mal que se discutiran e ventilaran resolucións, ponencias e enmendas para entender que camiño acordou seguir o BNG no seu encontro.

sábado, 18 de fevereiro de 2012

Que nos queda da torta?: a deflación salarial en marcha

O pasado 16 de febreiro o IGE fixo públicos os datos de variación do PIB de Galiza para o cuarto trimestre que confirman unha caída intensa do noso PIB (-0,32%), superior á media do Estado español. A vista do que os datos van poñendo en evidencia o éxito das políticas do Goberno Feijóo non podía ser máis contundente: o decidido recorte do gasto público, chegando mesmo ao extremo da eficiencia pechando o exercicio orzamentario no mes de setembro, está surtindo efectos claros.

quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

Máis mentiras ... é a guerra (laboral)


Ou como xustificar un golpe de man no réxime laboral


Nesta crise, coma nas guerras, a primeira que perde é a verdade. Levamos escoitado moitas mentiras nos últimos anos e calquera pode percatarse que o uso e abuso da mentira reiterada é un dos elementos clave da estratexia intoxicadora e dominadora da dereita neoliberal e conservadora, que redescubriu as técnicas máis agresivas do adoutrinamento de masas. Goebels e Orwell en estado puro. Pero as que se están a suceder para dar cobertura á radical reforma laboral impulsada polo PP son de antoloxía.

segunda-feira, 13 de fevereiro de 2012

Stop the University in Ariel

Os meus amigos de Israel pedíronme que asinara esta carta (ver embaixo) contra o proxecto do goberno de Israel que pretende converter un instituto do asentamento de Ariel nunha universidade, como un paso máis na súa vontade de consolidar a ocupación dos territorios palestinianos da Cisxordania.

sábado, 4 de fevereiro de 2012

Bipolar ou caleidoscópico?: A Asemblea do BNG contada aos nenos


Empezarei dicindo que teño a impresión de que nisto, como en tantas outras cousas, a diferencia entre o contado e a realidade é, por dicilo con mesura, considerábel. Máis aínda, teño a impresión de que case nada é o que aparenta.

terça-feira, 31 de janeiro de 2012

Rajoy, colosal no clube dos sadomasoquistas

O desembarco de Rajoy no seu primeiro cumio europeo non puido ser máis "colosal", como a el lle gustaría dicir.
Para empezar, facendo gala das súas dotes idiomáticas, entrou pola sá de reunións falando a diestro e siniestro en español. Sen complexos!. Porque había de telos sabendo, como el ben sabe, que para iso é home de mundo, que o español é a lingua universal, a que fala todo o mundo. Porque é de sentido común. Cal ía ser senón?.

segunda-feira, 30 de janeiro de 2012

Recortes, Recesión e Paro


Coa publicación polo INE dos dados de evolución do PIB no cuarto trimenstre xa é oficial que volvemos entrar en periodo de recesión, que as previsións auguran até 2013. Cando saian os dados por Comunidades Autónomas confirmaremos que Galiza tamén volve estar en recesión.
Isto xunto cos resultados da EPA (Enquisa de Poboación Activa) do cuarto trimestre de 2011 feita pública polo INE o venres pasado é o mellor test do fracaso das políticas de austeridade impostas pola dereita europea e aplicadas con irresponsable obediencia polo Goberno central e con clamorosa frivolidade polo Goberno de Núñez Feijóo.
O paro acada cifras record no Estado Español (5,3 millóns) e tamén en Galiza (240.000).

terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Son os salarios o gran problema das empresas?

O INE ven de publicar un informe cos principais resultados dun amplo inquérito a empresas realizado por Eurostat en 20 países da UE para identificar os problemas e necesidades financeiras das empresas.