domingo, 23 de fevereiro de 2014

A encrucillada 2014

As eleccións europeas de 2014 teñen unha importancia sobranceira en si mesmas porque representan a ocasión para que Galiza sexa visibilizada directamente en Europa, para que o nacionalismo poida trasladar ao Parlamento Europeo as angurias e aspiracións da cidadanía galega trasteada polas políticas dunha Europa cada vez máis radicalmente desigual e inxusta, sometida aos megapoderes que rexen os nosos destinos por riba dos poderes democráticos.
É o momento de enfrontar unha Europa internamente cruel cos débiles pero submisa diante dos lobbies ou diante da gran potencia hexemónica. Unha Europa que recorta democracia e dereitos civís -como a privacidade- e é humillada polo “gran irmán americano”, que non respecta nin as comunicacións dos cidadáns europeos nin tan sequera a dos seus presidentes e primeiros ministros. Unha Europa que se somete a ese imperio que fai da espionaxe masiva unha base da súa fortaleza económica e do seu poderío global. É o momento de defender a radicalidade democrática e o antiimperialismo como base dunha Europa diferente.

Estas eleccións europeas teñen outra significación de alcance para a consolidación do proxecto nacionalista no noso país. Nun momento no que dentro da propia UE agroman os primeiros procesos de creación de novos estados no seu seo como consecuencia do avance e recoñecemento de vellas nacións como Escocia, Cataluña, Flandres, Valonia, Euskal Herria. Mesmo Gales ou Bretaña están re-emerxendo. É o imparábel e natural proceso de “alargamento interno” ou ruptura dos estados que pouco a pouco irá normalizando as condicións para unha Europa dos pobos. Galiza non pode descolgarse dese proceso no que nos xogamos a posibilidade de acadar un novo estatus nun horizonte máis ou menos próximo. O noso camiño será o longo que sexa preciso mais as evidencias acabarán levando a un abano cada vez máis amplo de galegos e galegas a proclamar a necesidade dun estado propio para gobernarmos o noso futuro coas mellores ferramentas posíbeis, que son xustamente as ferramentas dun estado.

A crise da globalización neoliberal, a crise das soberanías recortadas, fan que a reivindicación de estado propio estea hoxe no centro da axenda en seis nacións europeas, cando menos. Iso mesmo fai que ese teña que ser hoxe o centro do discurso de calquera alternativa nacionalista no noso país. Ningún nacionalista pode ignoralo. Sería unha grave miopía e irresponsabilidade non percibir a singularidade deste momento para a loita polo recoñecemento das nacións en Europa. Por iso a responsabilidade dos nacionalistas galegos neste momento ten que plasmarse en colocar Galiza con rotundidade nese debate soberanista. E a mellor maneira de facelo é conformar unha grande coalición nidiamente nacionalista, con xenerosidade e altura de miras.
Trátase de enxergar unha coalición dos nacionalismos de esquerdas, que para iso somos os que conformamos a vangarda nesa loita polo recoñecemento, ao tempo que pulamos por unha mudanza radical nas regras de xogo económicas e no modelo social en Europa. Non caben aquí desvaríos nin diletancias coa cuestión da esquerda. Calquera proxecto de esquerda precisa romper coa globalización neoliberal, coa liberalización e a desregulacións dos mercados. Non hai proxecto posíbel para a esquerda sen a soberanía que nos empodere fronte aos mercados globais, como a crise actual se encargou de evidenciar con total virulencia. Que esquerda non se enterou aínda? Que viabilidade ten calquera esquerda sen previamente conquistar soberanía para decidir “soberanamente” outro tipo de políticas e outro modelo social? Que políticas sociais, que servizos públicos, que benestar son posíbeis sen preservarmos unha economía produtiva que xere empregos, rendas e ingresos públicos suficientes para financialos? Como pode preservarse unha economía produtiva diversificada e sostíbel sen soberanía para regular os fluxos externos?
Hoxe por hoxe, a esquerda ou é soberanista ou ten escasas posibilidades de poder plasmar as súas propostas alternativas. Por iso todos os nacionalistas de esquerda das diferentes nacións coincidimos na prioridade desa loita e tamén na necesidade de conformar alianzas que nos reforcen mutuamente. E todos sabemos e compartimos que o camiño para avanzar non pasa por entregarlles o protagonismo ás forzas estatais, sexan estas máis ou menos de esquerdas, fagan uso ou non dunha retórica “comprensiva” coas aspiracións autodeterministas. Pola contra, é o momento de facer valer os argumentos para erguer en cada nación alternativas nacionalistas capaces de encarnar unha opción maioritaria para toda a esquerda social.

Pero hai un terceiro factor que compre ter ben presente: a forma de encarar as eleccións europeas de 2014 vai marcar o futuro do nacionalismo galego para os vindeiros anos –e, polo tanto, a viabilidade práctica do que acabo de sinalar.
O nacionalismo galego viviu un desafortunado proceso de disgregación, froito da incapacidade para administrar consensuadamente dentro da casa común un certo retroceso no apoio social e electoral desde fai xa máis dunha década e da incapacidade para dixerir unha renovación xeracional inasumida e mal executada. A creación de novas organizacións e a necesidade conseguinte de definir espazos propios acabou dando lugar a discursos que se foron afastando co paso do tempo e que acabaron creando a sensación dunha separación irreversíbel.
As eleccións de 2014 representan unha oportunidade para frear o proceso disgregador e crear as condicións para o reencontro ou, cando menos, para retecer a colaboración desde a diversidade. Un sumatorio que debería situar o nacionalismo galego por volta do 20-25% do electorado de xeito case inmediato. Algúns creemos que 2014 é unha oportunidade única e quizais a mellor que pode presentarse en moito tempo para dar o paso da colaboración a través da unidade de acción, conformando unha ampla coalición de forzas nacionalistas de esquerda.
No espazo nacionalista de esquerdas pode haber diferenzas e mesmo ocasionais disputas pero non hai barreiras insalvábeis. Do lado de acó do Rubicón as diferenzas encaixan dentro da matriz común. O problema está cando alguén decide cruzar o Rubicón. A partir dese momento muda, quéirase ou non, o propio campo de xogo e os aliñamentos e, en consecuencia, as voltas atrás resultan máis complexas. As confrontacións abertas no plano político e electoral acaban creando un foxo non só entre os dirixentes ou entre a militancia das respectivas organizacións senón tamén no propio corpo social. Os efectos colaterais da disputa política acaban facendo mella no divorcio afectivo e, finalmente, ideolóxico dunha parte da base social. Iso é o que no longo prazo debilita e desgasta o conxunto do nacionalismo.
Para dicilo con total clareza, se unha forza como Anova decidira dar o paso de ir baixo o paraugas de Izquierda Unida, sexa cal sexa a denominación da candidatura, faría moito máis difícil retecer ese espazo. E iso debilitaría o espazo nacionalista e a propia nación. Supoñería un paso atrás no proxecto de construción da nación soberana, que asenta sobre todo no afortalamento das forzas políticas propias, con proxecto de seu e non supeditado ás forzas de obediencia estatal.
A alianza electoral que conformou AGE, coa EU actuante en Galiza, foi presentada no seu momento como unha unidade de acción puntual que non ataría para alianzas futuras, reivindicando Beiras a idea da “xeometría variábel” de alianzas. Se neste lance das europeas a xeometría variábel proclamada queda descartada co argumento do eventual “despeito” do socio ou calquera outro pinchacarneiros retórico, estarían certificando a irreversibilidade do paso dado.
O propio texto de Beiras para posicionarse a prol dunha integración na candidatura de IU acaba poñendo ao descuberto que toda a pirotecnia verbal depregada nos últimos meses arredor da “fronte ampla nacionalista e rupturista” ou da “creba do réxime e da restauración borbónica” ou “dos vizosos movementos sociais” non eran máis que fabulacións inverosímiles para facer conversación ao longo dun camiño cuxo desenlace final estaba perfectamente calculado a priori. Acabar enganchada de Izquierda Unida é o final dunha aventura que lonxe do discurso proclamado sobre a simbiose cos movementos sociais é, na práctica, un cartel electoral cunha finalidade centrada na ocupación de espazo de representación institucional, aquí e en Bruxelas.

O BNG si está hoxe traballando activamente en todos os movementos sociais activos que hai no país. E faino traballando man con man con persoas dos máis variados perfís, sen buscar protagonismos espúreos. Pero, ao mesmo tempo, o BNG ten claro que o proceso soberanista/autodeterminista non é compatíbel cunha subordinación a forzas de carácter estatal. Esa é a posición do BNG desde sempre, non por sectarismo senón porque o obxectivo primordial definitorio dunha forza nacionalista é a afirmación da nación, a defensa dos seus intereses específicos e eliminación de calquera caste de supeditación a intereses ou forzas estatais e, no noso caso, como ferramenta indisociábel da estratexia para o desenvolvemento do país e o cambio social. Formular esta cuestión como un problema de talante ou sectarismo é en si mesmo revelador da incomprensión da realidade nacional, da negación da realidade nacional como realidade substantiva. Efectivamente, para os nacionalistas españois a existencia de nacionalismos soberanistas sempre foi visto como “un incordio”, un capricho, un factor de división fronte a “natural unidade” das propostas no plano estatal. Para esa visión estatal –bastante común non só na dereita española senón tamén na esquerda- os demais nacionalismos que se lle opoñen sempre foron un factor de división. E iso sen remontarnos a aqueles momentos en que falar en galego nas asembleas era virulentamente rexeitado polos militantes do PCE por consideralo factor de división. Afortunadamente as formas mudaron moito e para ben, o fondo xa é outro cantar...
Pola contra, os nacionalistas afirmamos a importancia central do principio de auto-organización, porque as forzas políticas propias son o motor e xermolo para a creación das bases do novo estado. Sobre esa base, co recoñecemento mutuo como iguais, sempre será posíbel a cooperación internacionalista. Para sumarse a esa andaina non hai cancelas para ninguén; todos os que queiran teñen a nosa man tendida.

O rupturismo retórico da “fronte ampla” fai bandeira da república federal e, entre nós, para o que está a servir é para romper o nacionalismo e romper co nacionalismo. O compromiso de “mínimos” da “fronte ampla” obriga a acoplar o discurso ao federalismo de IU, renunciando de facto a proclamar calquera discurso soberanista/independentista. O “silenciador” xa ven operando nos últimos meses até o ponto de facer inaudíbel o discurso dos outrora independentistas e soberanistas que hoxe aceptan a disciplina de AGE. O paso que están a piques de dar non fará máis que rematar ese proceso e non será estraño ver como, no intento de acomodarse ao novo marco discursivo, algúns empezarán tornarse arietes contra os antigos compañeiros e camaradas. Nese sentido, a “fronte ampla” é a máis sibilina termita anti-nacionalista e anti-independentista. Precisamente por iso non lle faltarán padriños. Iso é nadar coa corrente nun país onde o nacionalismo é aínda unha incómoda minoría.

A apelación retórica á unidade baixo o paraugas da “Fronte Ampla” para acabar con IU convértese, na práctica, nun envoltorio para a división e ruptura do nacionalismo.
A esquerda rupturista estatal tan só é rupturista co nacionalismo e os que optan por unirse a forzas estatais o que están a facer é romper o nacionalismo. Non é cuestión de repartir ou quitar carnés de nacionalismo individual. O problema é que, máis alá de como cada un se sinta e considere, se un forma parte dunha forza política que abeira totalmente do seu discurso diario a reivindicación nacional, o seu nacionalismo desaparece de facto diante da sociedade.

Nese contexto, o BNG non pode máis que recoñecer a decepción polo camiño emprendido por esa pola esgazada do nacionalismo, polo debilitamento temporal que esa aventura representa para o nacionalismo galego no seu conxunto. En todo caso, confiamos na madurez da base social nacionalista e do pobo galego en xeral para encetarmos entre todos e todas unha etapa de reforzamento do proxecto nacionalista de esquerdas que hoxe representa o BNG. Nós seguimos apostando pola recuperación da unidade nacionalista, para sumarmos forzas para erguer o proxecto de nación, defender unha Galiza potente en Europa e no mundo. Un proxecto que desde hoxe terá que retecerse por abaixo e desde abaixo, onde nace a unidade máis forte e consistente. Con todas as persoas, colectivos e movementos que loitan para defender un país con futuro, inclusivo e con xustiza social real. Nós estamos abertos, non hai cancelas para os nacionalistas que deciden por si, para que Galiza decida por si. Nós sabemos que, con decisión, este país ten futuro. Porque, como dicía o xenio de Carlos Blanco hai uns cantos anos, “somos unha potencia”.

domingo, 16 de fevereiro de 2014

Tempo de autodeterminación-ALE

Amigos e amigas das 40 organizacións nacionalistas participantes na XII Asemblea xeral da Alianza Libre Europea,

Compañeiras, compañeiros

Quero empezar agradecendo aos 150 compañeiros e compañeiras chegadas das diferentes nacións sen estado de Europa pola súa compañía estes tres días de reflexión e de convivio. Tanto as organizacións políticas como as súas organización da mocidade, semente desa Europa nova pola que batallamos todas e todos os que aquí estamos.

Estes días partillados son importantes para consolidar esa rede de solidariedade imprescindíbel entre todos o pobos negados de Europa, entre todas as nacións sen estado, que reclamamos o noso pleno recoñecemento como suxeitos políticos na escena internacional.

O avance de cada un de nós depende do impulso dos nosos respectivos pobos.
Agora ben, cada avance dun pobo europeo cara a soberanía constitúe un estímulo e un impulso para todos os demais. De cada experiencia aprendemos todos. Os actuais camiños percorridos por Escocia ou Catalunya cara os seus referendos son un laboratorio no que todos aprendemos. A complexa e complicada construción dun estado novo no marco europeo por vías totalmente pacíficas é un fantástico proceso social, político e institucional, tanto cara dentro como de cara a comunidade internacional.

Neste ano as experiencias de Escocia e Catalunya son un estímulo para todos as nacións sen estado de Europa. Desde aquí desexámoslles éxito no respectivos referendos. O de Escocia está convocado. No caso de Catalunya temos que sumar todas as voces dos demócratas para esixir ao Estado Español que respecte o dereito a celebrar o referendum con todas as garantías.
O dereito a decidir é un dereito democrático que non pode ser negado por ningún demócrata europeo. Porén, o estado español e outros estados europeos negan o seu exercicio. Tamén a Comisión Europea e o seu presidente conservador, sr Barroso, actúan como cancerberos dos estados negacionistas.

Por iso é moi importante que unamos as nosas voces para reclamar unha Europa que recoñeza na práctica o dereito de autodeterminación.
En maio temos eleccións ao Parlamento Europeo. Temos que conseguir unha potente representación das nosas forzas no Parlamento Europeo para avanzar cara unha Europa dos Pobos e converter o dereito a decidir nun principio institucional básico.
Temos que camiñar cara unha nova arquitectura europea.
Este ano temos unha oportunidade para empezar a construír outra Europa.
Desde logo, o BNG aspira a unha representación potente e directa de Galiza en Europa da man da nosa eurodeputada Ana Miranda. Temos que levar alí a voz da nosa nación, dos nosos sectores produtivos destrozados por políticas europeas e españolas inxustas.

Das experiencias Escocesa e Catalana, pero tamén da flamenca ou a vasca aprendemos que os pasos cara a autodeterminación requiren a previa conquista das institucións de autogoberno polas forzas nacionalistas. Desde elas construímos a nación política e preparamos o país para a soberanía.
Moitos de nós temos, polo tanto, a prioridade de acadar unha maioría social e política que permita ese escenario.
Temos que facelo a partir dos problemas que preocupan a maioría social.
Esta crise económica, social e institucional que estamos vivindo é unha oportunidade para as opcións soberanistas.
O fracaso dunha UE neoliberal, dominada polos mercado liberalizados e desregulados, evidencia a necesidade de instrumentos de regulación e políticas que preserven as condicións de desenvolvemento e benestar de cada territorio.

O fracaso de certos estados, como o español, que está nunha fuga cara adiante que o conduce a implosión centralista, é unha oportunidade para as nacións para afirmarse.

Non só para as nacións ricas, apoiadas en argumentos de transferencias fiscais, senón tamén para as nacións menos ricas, como Galiza, que precisan instrumentos políticos para impulsar a súa economía produtiva e o emprego que eviten a desertización demográfica, a emigración masiva e o brain drain.

Desde logo o centralismo e a dereita conservadora do PP non ten un proxecto de futuro para o noso país. Só ten como meta colaborar de xeito submiso no proceso recentralizador do PP estatal.
Feijóo e os seus ocupan as institución do noso país asumindo un rol subsidiario, actuando como auténticos mercenarios ao servizo da estratexia madrileña e dos lobbyes económicos madrileños: gran banca, eléctricas, grandes construtoras e empresas de servizos.
Feijóo e os seus colaboran entusiastas no espolio do país, o espolio dos seus recursos e do seu aforro e entregan directamente o orzamento dos galegos as empresas madrileñas coas que contratan os servizos públicos privatizados.
A corrupción que sufrimos non é só a da Pokemon, na que vemos a dúas empresas foráneas como Vendex e Aquagest cun modus operandi corruptor para apropiarse dos servizos públicos dos nosos concellos.
A maiores, a corrupción grosa –a big corruption- está nas grandes contratas de infraestruturas, na regulación do sector eléctrico a favor dos grandes oligopolios do sector,  na entrega das nosas institucións financeiras, na legalización do roubo e a estafa aos nosos aforradores, etc, etc.
Agora tentan poñer o ventilador para construír o discurso de que “todos somos iguais”. Pois temos que dicir ben alto NON SOMOS IGUAIS. Nós estamos en contra das privatizacións e é evidente no sumario –como hoxe recoñece algunha prensa- que os de Vendex non entraron en Pontevedra, onde gobernamos desde 1999, porque non encontraron ninguén disposto a corromperse, porque o BNG non se corrompe. Non somos iguais!
A corrupción está asociada a ese modelo de economía desregulada e de privatizacións que veñen impulsando as políticas neoliberais europeas e, en particular, esa Directiva Bolkestein que impulsa as privatizacións de servizos e arrasa cos dereitos laborais, e que neste país aplica con paixón e entrega a dereita española e tamén os socialiberais do PSOE.
Pedimoslle a Feijóo que cese aos corruptos pero, en realidade, como vai facelo?, se el e o xefe dun partido corrupto de arriba abaixo, que goberna en contra da maioría social e do país. Poñendo o Diario Oficial de Galicia  e o orzamento do país ao servizo de todas esas empresas que nos vampirizan e financian ao PP.

Con eses gobernos, con esas regras, con esas políticas, non é posíbel saír da crise. Non é posíbel impulsar a economía produtiva e o emprego. Non é posíbel preservar as conquistas do estado dos servizos públicos avanzados como a sanidade, educación, servizos sociais, etc.

Aplican as crueis e inútiles políticas da troika pero non por ser ningunha imposición. Son as súas políticas. O seu proxecto é o proxecto de toda a dereita, española e europea.
Un proxecto de radicalización neoliberal que se leva por diante o outrora chamado modelo social europeo, o dereito laboral e as conquistas de décadas do estado do benestar.

Con ese obxectivo traballaremos nos meses que veñen.
Moito ánimo, “bon courage”, para todas e todos.


Intervención no acto de clausura das XII Asemblea da Alianza Libre Europea, celebrada en Santiago de Compostela. 15.2.2014.

segunda-feira, 10 de fevereiro de 2014

Acabar co Poder en B

Non hai corrupción benigna. Aínda que no totum revolutum da Pokemon se mesturan conversas inocuas e mencións a persoas que non aceitan entrar no xogo, o certo é que aparecen abondosos indicios de delitos e corrupción sistemática de cargos do PP e do PSOE.

A reacción destes partidos é negar os feitos, ensaiar evasivas e non a asumir responsabilidades políticas. Como fan Rajoy e Feijóo nos casos Gürtel e Bárcenas. Resulta indignante ese intento de tapar o grave magnificando o pequeno, soltando tinta a fin de que pareza que todos somos iguais ou parapetándose detrás da presunción de inocencia xudicial. O máis perverso é ese esforzo por reducilo todo a un asunto de enchufismo, presentándoo como “corrupción benigna” e mesmo caritativa.

Eses pretendidos “enchufes piadosos” tamén son delito e non poden agochar as toneladas de lixo: empresas como Vendex que converteron a corrupción en arma competitiva; empresas como Aquagest que se laian do que “lles custou gañar as eleccións” en Santiago; información privilexiada; concursos amañados; sobres de diñeiro; redes de colocación fraudulenta de familiares e militantes do partido de quenda e, como vemos na Coruña ou Santiago, tamén persecución mafiosa e despedimento de traballadores/as non afíns. Uns enchufados e outros electrocutados.

Sería un grave erro restarlle importancia a esa rede de tráfico continuado de influencias e diñeiro que pon ao descuberto o modus operandi da madrileña Vendex ou da catalá Aquagest, que de paso colonizan os nosos orzamentos. Son as irmáns pequenas da Gürtel e Bárcenas pero permiten ver a dimensión estrutural da corrupción. Que descubririamos se algún xuíz puxera baixo control os móbiles das grandes construtoras? Por iso resulta alarmante a complicidade do PP e do PSOE cos seus alcaldes e cargos públicos implicados.

Esa corrupción eleva os custes para os contribuíntes e mingua a calidade dos servizos, a beneficio da empresa que xestiona eses servizos privatizados. O poder económico conquista o poder político, vampirizando os recursos públicos e a propia democracia. Ese poder en B, alimentado polo diñeiro negro, móvese en paralelo ao poder das institucións e acaba poñendo a sociedade a mercede de redes clientelares que reparten negocios e traballos. A esencia do baltarismo asolaga ás nosas cidades.
Non abonda con pedir desculpas, a única forma de restablecer a dignidade das institucións e o respecto á cidadanía é a dimisión dos realmente implicados. E para cortar a raíz da corrupción cómpre rescatar os servizos privatizados e administralos co rigor e a transparencia do público.


Xavier Vence,  portavoz nacional do BNG.

(Artículo publicado en La Voz de Galicia, 9.2.2014)