Mostrar mensagens com a etiqueta Banca Pública. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Banca Pública. Mostrar todas as mensagens

sábado, 21 de maio de 2016

Decálogo para unha Galiza necesitada de goberno de seu (col no Anuario 2016 do Foro Económico de Galicia)

Decálogo para unha Galiza necesitada de goberno de seu

Xavier Vence
Catedrático de Economía Aplicada da USC
Ex-Portavoz Nacional do BNG

As perspectivas económicas do noso país están sometidas ás incertezas de avatares alleos, non só polas interdependencias propias da globalización e que afectan a todos os países, senón pola renuncia do noso goberno a enxergar con firmeza unha estratexia propia. Estamos ao pairo dos ventos dunha profunda crise que non remata, dos cambios xeoestratéxicos, das decisións europeas e estatais sen que Galiza faga causa de obxectivos precisos e claros diante do Goberno central e Bruxelas e sen ter unha aposta ben perfilada por parte da Xunta de Galiza, co necesario respaldo financeiro e o compromiso do sector privado.

Necesitamos un golpe de temón para estar en condicións de reverter unha tendencia de longo prazo marcado polo declive económico e demográfico. Xestionar as tendencias autodestrutivas dese círculo vicioso do declive resulta complexo e custoso: custe engadido da xestión do declive demográfico e do abandono territorial; inversións e servizos para soster pobos (case) baleiros e non produtivos; gasto e non recadación; gastos de conservación do medio, incendios, etc. Darlle a volta a iso debera ser o obxectivo dunha “axenda de país”.

Nestas liñas tentarei de identificar os riscos máis importantes que pairan sobre a economía galega e, ao propio tempo, apuntar as liñas mestras para superalos. Resumireinos arredor de dez eidos nos que, ao meu ver, Galiza debería poñer toda a intelixencia colectiva e toda a súa capacidade política para afrontalos e convertelos en oportunidades para sentar as bases do desenvolvemento futuro do noso país.

Primeiro, no plano internacional temos ameazas claras para a nosa balanza comercial. Por un lado, as exportacións sofren tanto a parálise do mercado europeo como o estancamento dos mercados latinoamericanos; por outro, a caída conxuntural do prezo do crú pode mudar de xeito súbito a curto prazo, deteriorando rápidamente a nosa balanza comercial.
En ambas cuestións, o desleixo da Xunta ten consecuencias graves. Nun caso por ausencia de esforzo propio na diversificación e busca de novos mercados e no outro por desaproveitar as oportunidades para impulsar un mix enerxético baseado na electricidade de orixe endóxena renovábel fronte ao consumo de petróleo e gas de importación. Isto debería abrir novas liñas na política da Xunta (acompañadas polo goberno central) para mudar o modelo de inserción exterior e o modelo enerxético. Porén o único esforzo financeiro recente da Xunta nese eido foi, curiosamente, para aumentar a participación no capital da planta de Gas.

Segundo, a aceptación zombie das consecuencias da implementación dos acordos internacionais da UE e o Estado Español que se concretan en medidas directamente lesivas para sectores que constituen a base da nosa especialización produtiva (pesca-conserva, agro-alimentación, servizos e distribución comercial etc ). Tendo Galiza un perfil de especialización produtiva específico e diferente do conxunto estatal ou doutras CCAA con maior peso político, o que encontramos é que as negociacións e as regulacións que se introducen non salvagardan os intereses dos nosos sectores clave. Este desleixo deriva dunha combinación de factores entre os que cómpre destacar: a ausencia de diagnósticos e estratexias propias por parte do goberno galego e, por veces, o propio desartellamento interno do sector empresarial galego. Sabendo que o campo de xogo é estreito e que as solucións pasan por unha xestión intelixente da “letra miúda” resulta imprescindíbel unha aposta política clara do goberno galego acompañada dunha administración e unha xestión competente que saiba plasmar nos detalles regulatorios a defensa dos nosos intereses estratéxicos. Iso pasa por un aproveitamento ao máximo das competencias estatutarias, para o que é precisa unha profunda e decidida vontade política en clave nacional, xunto cunha realista comprensión de que os discursos neoliberias e acordos desreguladores non implican a perda de función do goberno e a administración pública senón a necesidade de “refinar” a súa forma de lexislar e actuar.

Terceiro, Galiza está pagando as consecuencias da submisa aceptación da aposta estatal -aproveitando a crise financeira- para impulsar a concentración e centralización do sistema financeiro arredor dun número reducido de grandes bancos asentados en Madrid, eliminando as Caixas de Aforros e anulando de facto as competencias autonómicas en materia de crédito. Nunha economía aforradora neta como é a galega, con modesto pulso inversor do tecido empresarial privado (e público), o resultado é -como leva sendo desde décadas atrás- a fuxida de aforro cara a outros territorios ou cara aos mercados globais. Nese sentido, urxe unha acción decidida do goberno galego –coa eventual participación doutras institucións como Deputacións e grandes concellos- para recrear novas entidades de crédito e banca pública que canalicen unha parte dese aforro cara o financiamento de proxectos empresariais e públicos galegos, como vía para impulsar a diversificación produtiva, a innovación e a expansión das empresas galegas. Desde logo, nese novo mix de instrumentos financeiros cómpre reforzar, redimensionar e diversificar todos os instrumentos de capital risco (capital semente, capital desenvolvemento do IGAPE...) para que permitan, entre outras cousas, optimizar os Fondos Estruturais da UE e, en especial, as novas oportunidades que ofrece o Plan Junker e as modalidades de combinación dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos e os Fondos de Investimentos Estratéxicos do Banco Europeo de Investimentos (BEI). Galiza non pode resignarse a ese vergoñento nivel de execución dos Fondos Europeos do septenio pasado, en que se perdeu un tercio dos Fondos por incapacidade e desleixo do goberno presidido por Núñez Feijóo. Neste novo período imos polo mesmo camiño e estamos desaproveitando a disponibilidade de recursos para apostas realmente produtivas e estratéxicas.

Cuarto, debemos dar o salto da dependencia enerxética e regulatoria a un novo marco de enerxías renovábeis e tarifa galega. Nunha economía de fortes interdependencias globais resulta crítico o aproveitamento das especificidades e singularidades de cada país. As capacidades e experiencia construída  ao longo do tempo e tamén as singularidades naturais. Entre as máis importantes está o noso excedente na produción de enerxías renovábeis (hidráulica e eólica) e o potencial para incrementar a súa produción futura (tamén na de orixe mariño e solar). O desenvolvemento con visión integral de toda a cadea eólica e das renovábeis en xeral é unha oportunidade dupla, para impulsar o crecemento económico e o emprego en toda a cadea e para avanzar cara un modelo económico sustentábel. O efecto das decisións combinadas do goberno de Feijóo e do goberno central tiveron consecuencias devastadoras para este sector. A continuidade desas políticas é unha ameaza definitiva para o futuro pero o potencial está aí e constitue unha oportunidade clave para Galiza. A superación do parón ás renovábeis imposto polo goberno central (atendendo aos intereses do lobby eléctrico español) é unha prioridade para o noso país (que, ademais, é unha das poucas nas que os nosos intereses están en liña coa orientación da estratexia enerxética da Unión Europea). En todo caso, e no curto prazo, sería necesaria unha mudanza da regulación centralizadora e uniformizadora do mercado eléctrico que impón tarifas uniformes en todo o territorio español. Esta regulación central impide unha diferenciación territorial de tarifas en función da abundancia e coste de xeneración e distribución –como ocorre noutros países europeos-. Unha tarifa eléctrica galega pemitiría a Galiza beneficiarse desa vantaxe competitiva, tanto para as empresas como para as familias e tamén para o propio sector público (en especial, habida conta da elevadísima factura do alumeado público). Todos os nosos sectores produtivos ven mermada a súa competitividade por estar soportando a segunda tarifa eléctrica máis cara da UE. De igual xeito, unha regulación que favorecera o autoconsumo enerxético nun territorio con tan boas condicións naturais para a produción descentralizada de electricidade tería un impacto moi positivo en custes, competitividade e sustentabilidade.

Quinto, a aposta estatal por voltar confiar nun modelo de crecemento asentado no turismo e na construcción resulta especialmente nociva para Galiza. Polo noso clima, o turismo nunca vai xogar un papel motor da nosa economía como pode facelo no mediteráneo. E isto, xunto co declive demográfico, fai que o sector da construcción non poida xogar un papel extraordinario na dinamización da nosa economía (cousa que si pode e, de feito xoga, noutras latitudes). Tamén por iso, Galiza ten que ter plena consciencia de que necesitamos apostar por outro tipo de modelo produtivo: baseado nos sectores que definen a nosa especialización e que, porén, estamos deixando desmantelar (toda a cadea alimentar, por exemplo) e arredor dos que debemos innovar e impulsar todas aquelas novas actividades que poden diversificar ese tecido produtivo. Obviamente, esa aposta produtiva innovadora ten que partir das actividades xa existentes pero ten que poñer o foco tamén na posta en marcha de novas industrias (e servizos) complementarias, asi como no impulso ao emprendemento que valorice o coñecemento que sae dos nosos laboratorios e na criatividade e talento das novas xeneracións.

Sexto, a Estratexia de Especialización Intelixente do noso país non pode ser un envoltorio para vender iniciativas inconexas senón que debe supoñer unha aposta decidida “de país”, trabando a iniciativa pública e a privada, para aproveitar a experiencia acumulada e a capacidade de I+D para dar un salto tecnolóxico nas nosas especializacións claves, diversificar, reforzar as relacións interempresariais e intersectoriais, alumar actividades complementarias e de servizos intensivos en coñecemento ao socaire desas fortalezas históricas. Na pesca, no marisqueo, na acuicultura, na conserva, no agro, en toda a cadea alimentar, no forestal, no enerxético, no automóbil, na saúde, etc.

Sétimo, Galiza ten unha clara oportunidade no aproveitamento das súas condicións históricas e naturais para converter a produción ecolóxica nun perfil diferenciador, nun sinal de identidade e imaxe de marca do país. A produción ecolóxica pode constituír unha vía para superar o atoamento en certas especializacións intensivas nas que Galiza xoga con desvantaxe fronte a outras economías europeas e podería así posicionarse en nichos de mercados máis remuneradores e con claro futuro. Para iso temos que proceder a un desandamento da intensificación nalgúns segmentos da actividade primaria e, sobre todo, evitar afondar máis nesa senda, abeirando a tentación de proxectos agresivos que van na liña dun modelo que se incribe nas pautas pasadas de produción masiva e de baixa calidade (como pode ocurrir, por exemplo, co modelo de acuicultura do actual plan da Xunta de Feijóo).

Oitavo, Galiza vén perdendo tecido produtivo industrial e de servizos non só pola crise económica e a caída de actividade de certos sectores senón tamén por un agudo proceso de deslocalización de producción e de deslocalización da sede das propias empresas. Precisamos unha estratexia integral para frear a deslocalización de actividades produtivas e tamén de sedes de empresas, que van ligadas a miúdo a depredadoras estratexias de absorción en concentración do capital pero tamén en ocasión por decisións estratéxicas ou fiscais dos seus propietarios. Cómpre reforzar os elos das cadeas de valor e declarar a “guerra política” á depredadora  “guerra fiscal” do furioso centralismo madrileño destinada a captar sedes de empresas e localización de patrimonios e grandes fortunas na capital do estado. Cómpre derrogar a “lei de unidade de mercado” que trata de impedir todo tipo de regulación favorecedora das empresas radicadas no territorio e aproveitar ao máximo as compras públicas como instumento para dinamizar a industria e os servizos localizados na Galiza. En particular, urxe mudar as política de licitación de obra pública e a políticas de concesións de servizos públicos para evitar que o noso orzamento público sexa pasto do lobby das grandes construtoras madrileñas e se converta en ferramenta efectiva de dinamización do tecido produtivo propio .

Noveno, Galiza enfróntase a un cambio de modelos de financiamento tanto a nivel comunitario como español que reducen as aportacións compensadoras das crecentes desigualdades territoriais. No último modelo de financiamento autonómico –que debería ter sido renegociado no ano 2015- Galiza viu mermada a a aportación recibida por parte do Estado, até o ponto de que xa en 2012 a balanza fiscal (excluída a Seguridade Social) é negativa para nós. A expulsión do grupo de “rexión en desenvolvemento” a nivel comunitario tamén se traduce nunha menor participación nos Fondos Europeos no período 2014-2020, a pesares de sufrir unha ampliación da fenda nestes últimos anos, que nos sitúa neste momento 20 puntos por debaixo da media comunitaria. E de cara ao futuro existe a ameaza certa de que o futuro modelo de financiamento autonómico poida ser aínda máis perxudicial para Galiza e poida reforzar aínda máis esa posición de contribuidores netos ás arcas do Estado (mesmo habería que contemplar as consecuencias dunha eventual independencia de Cataluña). Nese sentido, precisamos unha estratexia consensuada entre todas as forzas políticas galegas para acometer mudanzas de calado en diferentes ordes: a) simplificación dos niveis administrativos hoxe insostíbeis (Deputación, Delegacións do Goberno, etc);  b) defender un modelo de financiamento que preserve a nosa capacidade financeira e, de paso, permita unha maior autonomía na política fiscal (p.e., semellante ao sistema vasco de “cupo”); e c) mudar o modelo de financiamento local que na actualidade resulta claramente discriminatorio para os concellos galegos.

Décimo, todo o anterior só pode abordarse desde unha estratexia de empoderamento de Galiza en todos os sentidos, o que, do meu ponto de vista, require un cambio político protagonizado por forzas que teñan o seu centro de interese e decisión no país. Pero nel deberían estar comprometidas tamén todas as forzas que aspiren a xogar un papel no futuro do noso país.



quinta-feira, 12 de dezembro de 2013

Un proxecto para superar a crise e construír un país con futuro


Un proxecto para superar a crise e construír un país con futuro
Discurso no Forum Europa Vigo 12.12.2013

Amigas e amigos
Quixera empezar por dar as grazas a Forum Europa polo seu convite e pola súa eficiente organización desta conferencia que me da a oportunidade de compartir reflexións con destacados representantes da vida política, económica e social desta cidade.

Grazas aos compañeiros e compañeiras pola súa presenza, moi en particular a Manolo Caride polo seu traballo, e grazas a ti Cipriano polas túas agarimosas palabras de presentación.

É unha satisfacción estar aquí rente ao mar de Vigo, desde este Alcabre no que están as raíces máis antigas desta ribeira poboada desde os albores da antiguidade. Parroquia esta que sempre foi rural, a diferenza da Bouzas mariñeira, até que a pequena burguesía viguesa a colonizou con residencias máis ou menos pretenciosas como esta de Sensat, dentro da que agora estamos.

É unha satisfacción estar aquí neste Vigo aberto, desde o que os galegos cruzamos océanos, vivimos no mundo como se fora a nosa casa e, tamén, por onde recibimos a visita, por veces pacífica por veces menos, dos grandes povos mariñeiros do mediterráneo oriental, dos vikingos, dos normandos e dos piratas de Her Majesty.

Pero sobre todo é unha satisfacción estar nesta cidade que é a da miña adolescencia.
Non podo esquecer a miña chegada a esta cidade desde as terras de Camba para estudar a EXB un setembro do xa ben distante 1972. Entre o Colexio Altamar, o instituto de Coia e o Santa Irene fun descubrindo outro mundo. Nas rúas de Vigo, vibrantes coas loitas dos traballadores de Citroën, Vidros de la Florida, Álvarez, Barreras, Ascón, e outras espertou a miña conciencia política e cimentouse o meu compromiso social, en indisolúbel simbiose coa reivindicación dos nosos sinais de identidade como pobo.
Debo confesarvos que é de aqueles tenros anos vigueses de onde procede a miña simpatía polo proxecto político que hoxe represento, por unha alianza das clases traballadoras para construír unha sociedade máis xusta, máis libre e dona de si.

-Vigo, o das 18 parroquias, é motor de Galiza, metáfora do país enteiro, no que se condensan e se cruzan  todas as contradicións pero tamén moitas das súas oportunidades. Vigo é a sedimentación de moitas Galizas: a mariñeira, a labrega, a obreira, a comercial, a industrial.
O Vigo do futuro será vizoso cando asuma plenamente as súas raíces, porque Vigo como dixera Cunqueiro “foi fundada á beira dun verso de Martín Codax".
Que metáfora tan bonita!
Á beira daquel verso galego e en galego de Martín Codax naceu o Berbés, os mariñeiros, os carpinteiros de ribeira, o naval dos soldadores, o automóbil, a clase obreira viguesa, esa que anda a procura dunha clase capitalista viguesa que non acaba de atopar, porque non acaba de botar raíces de verdade.

Pero, amigos e amigas, permitídeme que mude de rexistro porque do que veño falar hoxe aquí non é de metáforas, nin do pasado senón do presente e, sobre todo, do futuro.

Iso é o que nos demanda o noso compromiso ético e social con eses 290.000 parados -50.000 na comarca de Vigo-, as 100.000 familias galegas que teñen todos os seus membros en paro e os miles e miles de familia que hoxe viven por debaixo do limiar da pobreza.
Como dicía o Mefistófeles de Goethe: “non podo falar do sol nin dos mundos; só vexo unha cousa: a miseria dos homes”.
Así que imos poñernos en liña coa gravidade dos tempos que corren aínda que sexa a risco de entrar na prosa crúa do real.

Vigo, coma Galiza enteira, vive trasteada por unha crise que está facendo abanear os cimentos da nosa economía. Vivimos as desastrosas consecuencias dunha economía na que as finanzas veñen estorsionando a economía produtiva e a sociedade. En realidade habería que dicir que o que nos extorsionan son unhas políticas deseñadas para satisfacer a ambición insaciábel das finanzas especulativas, que están a mudar o modelo neoliberal, radicalizándoo.
Unhas políticas que parecen impostas por uns poderes que se sitúan por riba da vontade dos pobos e da cidadanía, a que tratan de convencer de que hai que renunciar a calquera tentativa de control soberano sobre a marcha do país.
Nesa hexemonía absoluta desas finanzas globais desreguladas, por esencia especulativas, está o nó gordiano dos nosos problemas colectivos.
Contra ese modelo batalla o BNG no convencemento de que só así poderemos erguer a economía produtiva, capaz de soster unha sociedade creadora de emprego, de riqueza repartida con xustiza, unha sociedade de servizos públicos de calidade e benestar social.  

-Está ben claro que se os grandes negocios, as grandes oportunidades, a maior rendabilidade está nos investimentos financeiros especulativos, os recursos irán cara aí e fuxirán da economía produtiva.
O investimento produtivo, o que crea emprego e riqueza, require investimento a longo prazo, períodos de maduración e retornos longos, asumir riscos de xestións, se un se equivoca non é tan fácil voltar atrás, pelexar coa competencia ao longo dos anos, asumir os risco do cambio na economía do país e internacional. E as ganancias sempre son moderadas. En cambio, o investimento especulativo é fluído, veloz, volátil, rapidamente reversible, da ganancias máis altas e líquidas.
Hai que asumir que a economía produtiva é contraditoria coa economía virada para as finanzas especulativas.
E aí están as grandes diferenzas entre os distintos proxectos políticos.

O BNG defende a economía produtiva, a que crea emprego e riqueza, xenera salarios dignos e permite soster, cun sistema fiscal progresivo, os servizos públicos.
O PP e o PSOE defenden a economía financiarizada, especulativa, a promovida pola banca, os fondos e as sociedades financeiras, unha economía sometida aos intereses e á lóxica das finanzas.

Por iso é un brinde ao sol ese discurso baleiro do emprendedorismo que se propaga desde o poder. Ollo, non é que estexa mal que haxa xente emprendedora, que a pode haber tanto no eido privado coma no público. O problema é cando iso do emprendedorismo é un mero discurso placebo para desviar a atención a respecto dos problemas de fondo e, de paso, descargar nos individuos a responsabilidade da súa propia exclusión e frustración.

O problema non se arregla con discursos ideolóxicos sobre as virtudes da iniciativa individual, nin tampouco con falsos anuncios de simplificación da burocracia e, menos aínda, aproveitando ese eslogan para repartir subvencións clientelares a plataformas e asociacións seudoempresariais do PP. O verdadeiro problema está na falta de financiamento e de demanda que está dando ao traste con centos de pequenas empresas e iniciativas emprendedoras todos os meses.

A realidade económica é máis crúa que os discursos placebo. O mercado e as políticas están controlados polas grandes corporación.
Que poden facer as formigas emprendedoras ao lado das bulldozer das grandes empresas? Pouca cousa. Que hai que buscarse a vida, si, pero que ninguén venda “crecepelos”. Ou hai políticas para mudar as condicións reais ou con meras apelacións ao emprendorismo non chegaremos moi lonxe.

Tres cuartos do mesmo ocorre con esas invocacións ñoñas á natalidade, como se fose un problema de simple vontade ou vocación e non de falta de empregos, perspectivas e servizos públicos e gratuítos de apoio á infancia.

Para conseguir unha verdadeira revitalización do país hai que mudar os piares que fallan. Nós propoñemos someter as finanzas ás necesidades da produción, da economía produtiva. E para iso precisamos ferramentas para dominar as finanzas. Precisamos soberanía.

As finanzas especulativas queren perfecta liberalización e desregulación para moverse velozmente polos mercados globais. A economía produtiva, pola contra, precisa períodos longos de retorno do investimento, precisa máis estabilidade e máis certezas.
A economía produtiva fai país. Fixa produción, emprego e poboación no territorio. Sobre ela podemos erguer o edificio dos servizos públicos e o estado do benestar.
Sen economía produtiva non hai unha cousa nin a outra.

Ese é o piar esencial da alternativa do BNG. Piar no que está obxectivamente interesada a inmensa maioría da poboación, incluídos os autónomos e empresarios industriais ou terciarios e, por suposto, a xente traballadora, a xubilada e a que se beneficia duns servizos públicos avanzados, quer na sanidade, nos servizos sociais ou na educación.

Por iso o BNG é crítico, profundamente crítico, co modelo de UE neoliberal construída polas finanzas nas dúas últimas décadas; por iso somos críticos e críticas até a insubmisión coas políticas da dereita que acaban de arrasar co que aínda queda en pé das conquistas de décadas.
Por iso dicimos que os recortes feitos a beneficio da banca non levan a ningures e impulsamos ese movimento de resposta que é o “espíritu de Riotorto”.

A PERDA DE TECIDO PRODUTIVO

Nesta crise, coma noutras no pasado, perdemos parte das empresas que creamos ao longo de anos de traballo e crecemento. No seu momento perdemos Ascón, Curbera, Massó, Álvarez, Motores Barreras, Grupo Noroeste, Larsa, MAR, etc.
Neste momento de desvalorización dos activos das nosas compañías vemos como unhas pechan (Freiremar, Alfageme...) e outras son adquiridas por capital ou fondos foráneos a prezos de saldo.
Postos diante desa tesitura case temos que agradecer que haxa compradores que garantan que os centros de produción sigan funcionando. Pero ben sabemos tamén que esas adquisicións son en moitos casos auténticos pelotazos, levados adiante por cazadores de gangas e de axudas públicas. Ademais, normalmente van acompañados de recortes de persoal e renegociacións laborais á baixa. En todo caso ese tipo de desenlaces revelan un fracaso empresarial que ao final se converte nun fracaso colectivo.
Nestes días Narwhal vai ser comprada por alicantinos. Barreras polos mexicanos de Pemex-PMI... (agardemos que o sector público mexicano se porte mellor con eles e con Galiza do que o fai o sector público español-madrileño, que está estrangulando Navantia Ferrol-Fene: a ver se imos ter que pedir ser estado asociado de México!
Compre advertir, de paso, que neste país fixéronse adictos ao catecismo neoliberal, até o punto que non pode haber empresas públicas e logo de privatizalas resulta que acaban en mans de empresas públicas doutros países: Enel é a dona de Endesa, Volkswagen de Seat, Pemex de Repsol e agora de Barreras, o fondo soberano noruego compra Gas Natural, etc.

Pero nestas semanas pairan sobre Galiza tres ameazas ligadas ao desenlace da creba de tres piares da nosa economía:
Que vai pasar con Pescanova?, que vai pasar NGB?, que vai pasar con Navantia? Que vai pasar con elas e con todo o que delas depende?.

O BNG non está en contra da chegada de investidores se veñen coa intención de crear empresas na economía produtiva do noso país, se veñen para crear postos de traballo. O que estamos en contra é de quedármonos sen tecido propio, por causa de políticas e decisións irresponsábeis ou por obra de xestores delincuentes.
Nós queremos que os beneficios e o excedente se reinvista no noso país, que non emigre cada final de ano.
Certo que temos exemplos de empresas ben enraizadas no País pero certo tamén son insuficientes para construír o futuro.

Estamos en Vigo, o motor económico de Galiza, que debería ser unha aposta estratéxica no desenvolvemento do país para o Goberno do Estado e para o Goberno da Xunta.  Pero a realidade é outra, a realidade  pasa por uns actores políticos en Madrid e en Santiago incapaces de defender a inclusión do Porto de Vigo ou da Plataforma Loxística da Plisán entre as infraestruturas de primeiro nivel da Rede Transeuropeas de Transporte. Consecuencia:  o primeiro porto de Galiza queda sen o financiamento europeo que si terán os seus competidores. Nós batallamos aquí e en Bruxelas por conseguilo.
A realidade en Vigo pasa por un sector naval que tiña que se punteiro no mundo, -nun momento en que a construcción de barcos está en máximos históricos-. A incompetencia política na xestión do tax-lease e a falla de financiamento teñen levado ao sector naval vigués ao borde do abismo, cando ten todos as condicións de base para estar ao mesmo nivel cos seus competidores europeos. 
A realidade é que o sector conserveiro que forma parte do ADN desta cidade e da súa área de influencia esmorece.

Non é unha maldición bíblica nin un atavismo galego isto de quedármonos sen a propiedade do noso tecido produtivo.
Nós vimos dicindo como e propoñendo alternativas.
É un problema de non termos poder político nin financeiro de seu.

Non pode ser que á primeira dificultade o vento leve por diante empresas emblemáticas do noso país por falta de estratexia política como nación e por falta de sistema financeiro propio para garantir o fol financeiro imprescindíbel para superar baches e acometer reestruturacións e expansións.

Nin a representación institucional do empresariado nin os actuais gobernantes deste país están a altura para responder a esa necesidade. En particular ese poder político servil con Madrid e ese empresariado institucional máis preocupado por agradar o poder político foráneo e á banca española que os “chulea” que por representar os intereses do tecido empresarial real deste país. Ese empresariado tería que ler “La marginación de Galicia” e aprender de Valentín Paz Andrade que, por certo, viviu moitos anos aquí ben perto desta casa. 45 anos despois seguimos nas mesmas.

Esa vampirización centralista e a drenaxe do noso aforro son o nó gordiano que cómpre rachar para o noso desenvolvemento, hoxe como hai 45 anos, como predicaba aquel galego lúcido que foi Valentín, cuxa herdanza empresarial está a ser estragada diante dos nosos ollos. Pero tamén é certo que, precisamente por iso, a súa herdanza intelectual está máis vixente que nunca. Hoxe volvemos ter que erguer a súa bandeira por unha banca propia, unha banca industrial, que canalice o noso aforro cara o noso desenvolvemento e temos tamén que volver denunciar, como el fixo con afouteza naqueles tempos duros, o papel de Madrid como “sumidoiro de todas as enerxías do sector público”, como el dicía.

Amigas e amigos,
Non imos entrar agora nas causas que están detrás da crise do capitalismo neoliberal hexemonizado palas finanzas especulativas. Pero compre diagnosticar ben como se está xestionando esta crise, en favor de quen e cara onde nos conducen.
Hoxe estamos sendo absorbidos por dous grandes buratos negros superpostos que impoñen unha volta de rosca do modelo imperante: por un lado, o burato negro do rescate da banca especulativa cos recursos de toda a sociedade, os das familias e os da economía produtiva e, por outro lado, o burato negro do centralismo desaforado que busca drenar recursos, competencias e empregos cara o sumidoiro madrileño.

No burato do rescate da banca especulativa van comprometidos a “friolera” de 185.000 millóns de euros de toda a sociedade, entre capital, créditos a fondo perdido, “banco malo”, avais, garantías, etc.  Iso equivale ao 18% do PIB español, que contribuen a levar a débeda pública a ese nivel en que hoxe está: o 100% do PIB.
Era mentira que ían servir para facer fluír o crédito e o único que flúen son os movimentos especulativos e os pelotazos que van dando polo mundo adiante os Botíns e Compañía, a concentración bancaria máis perigosa arredor dos 4 megabancos que serán os donos dos estado español e as remuneración multimillorias dos altos directivos.

Por se o espolio da sociedade se quedase corto o Goberno Rajoy acaba de aprobar un Decreto lei que regula os famosos activos fiscais diferidos (AFD), compensar impostos con ao longo de 18 anos;
pero iso non é todo!, para facilitarlles o acomodo aos ratios de capital de Basilea III, o Estado deberá constituír avais para facer frente a eses eventuais pagos e eses avais van computar como déficit público a partir de 2015. Que contía vai representar?, non se atreven nin a facela pública.
Un escándalo que se suma a miríade de escándalos en favor da banca destes últimos anos.

A verdadeira rémora da competitividade non está nos salarios senón noutros custes como os da electricidade, a enerxía, as comunicacións e nuns tipos de xuro que son os máis altos de Europa. Todos eses custes veñen determinados pola banca que está detrás deses sectores oligopolizados. Non é posíbel unha construción naval competitiva nesas condicións. Nin na metalurxia, nin en tantos outros sectores.
Tampouco é posíbel avanzar en competitividade con recortes en I+D e innovación. Por iso no temos que demandar que proxectos innovadores de futuro como o Campus do Mar teñan o respaldo e compromiso suficiente para saír adiante.

As nosas empresas produtivas teñen que elixir cais son os seus aliados: os traballadores que lle aportan valor ou os oligopolios bancarios, eléctricos e as aseguradoras madrileñas que estrangulan o seu financiamento e os seus custes de explotación.
Até hoxe o empresariado mediano e pequeno aceptaron ser bufóns na corte da gran banca, dos grandes oligopolios, das grandes contratistas. Teñen que pensar no seu futuro: reducir marxes para engordar eses oligopolios ou soster uns salarios que manteñan a capacidade de compra e a demanda para a súa produción. As PEMES producen nun 80% para o mercado interior e esa demanda interna depende sobre todo do consumo das familias e das compras públicas.

A aposta do BNG está clara: banca pública galega para garantir financiamento a custes equiparábeis aos europeos; tarifa eléctrica galega a niveis competitivos co resto de Europa; impostos de sociedades que premien o investimento produtivo e a innovación dentro do país frente a esa fiscalidade actual que, increibelmente, promove a deslocalización e o investimento no exterior. Salarios dignos para mellorar nivel de vida e dinamizar a demanda interna.

Deixade que vos diga algo sobre o outro grande burato negro que é o centralismo. Estamos inmersos nunha avalancha de medidas destinadas a desmontar o limitado autogoberno que temos e a reforzar Madrid como centro do poder total, político, finaceiro e económico. Todo a beneficio da elite económica da corte que se apropiou do poder do estado e que financiou o PP para convertelo na “correa” de transmisión dos seus intereses económicos.
Boa parte das medidas de centralización teñen como misión a drenaxe de recursos para facer fronte a ese 35% da débeda española que está xerada polas administracións grandes empresas oligopolistas radicadas en Madrid: eléctricas, defensa, banca, grandes construtoras, etc. O conxunto de todas elas son responsabeis de máis dun terzo da débeda pública total española.

Amigas e amigos,
Que ninguén se equivoque, debaixo desta gran crise están redefiníndose as regras dun capitalismo voraz e as regras dunha orde territorial que está no antípodas dos intereses do noso país. Como en todas as grandes crises do século XX Madrid manobra para impoñer os seus intereses.

Gostaría de ter máis tempo para poder detallar a envergadura do proceso de recentralización en marcha. É tan multiforme e opaco que non é fácil ver a innumerábel batería de medidas que se están poñendo en marcha, en todos os frentes. Pero permitide que vós diga que é unha auténtica avalancha de medidas, grandes e pequenas, que cada día van aparecendo no BOE, que no caso de Galiza están contando coa complicidade submisa de Núñez Feijóo.
Fixádemos a que estremos están chegando na súa zúnia españolizadora e desprezativa co galego que, despois de aprobar a lei Wert, enterámonos esta semana pasada que o ministerio de economía rexeitou bolsas e proxectos porque os certificados de estudos das Universidades ían en galego. Até ese estremo pode chegar!

Estes últimos días a Comisión gubernamental para a Reforma das Administracións Públicas (CORA) acaba de presentar un documento de 750 páxinas que é un verdaeiro “libro gordo” da recentralización administrativa. Están redondeando o asalto e desmontaxe do autogoberno.
A centralización financeira xa a fixeron e están consumandoa estes días; a lei da unidade de mercado é a outra grande peza xunto coa marca españa. Que dicir desa reforma local que pretende desmantelar os servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes para reforzar unhas Deputacións que en realidade deberían desaparecer.
Nese marco de ataque e desvalorización do autogoberno é onde compre encadrar a insidiosa proposta de redución do Parlamento Galego que está a formular o PP.
Non é para aforrar, é para estragar o cativo autogoberno que temos e ir achandando o camiño da recentralización.

Obviamente, outros, como os cataláns decidiron que eles non van aturar esa deriva e deciden emprender o camiño da libertade.

Unha manifestación da voracidade centralizadora é o que ocorreu coas nosas caixas e con NGB. Este vindeiro luns péchase a a fase de ofertas dese proceso de venda anticipada e acelerada de NGB. Decidida en Madrid, cos ritmos e as regras que lle interesan a Madrid.

Desde o BNG vimos insistindo en que non podemos aceptar o espolio de NGB, rescatada cos nosos impostos e cos nosos aforros. Nada menos que 9.000 millóns de recursos públicos –contía superior ao orzamento anual de Galiza-, aos que hai que sumar os 564 millóns roubados polas preferentes e subordinadas non devoltas.

O FROB e o Goberno Central non venden Bankia pero aquí, co silencio de Feijóo para non incomodar a Botín e compañía, ultiman o saqueo definitivo. A complicidade de Feijóo é unha traizón ao país de consecuencias catastróficas.

Galiza non pode renunciar a ter un sistema financeiro propio, a menos que renuncie a ter futuro. Nós, dun xeito ou doutro, imos batallar até garantirlle a este país esa ferramenta vital. E a mellor de todas é unha banca pública galega, para tratar aos aforradores como persoas, e garantir o uso dese aforro para dar crédito e investir no país. Ter unha banca pública galega é unha oportunidade e unha necesidade e é posible se hober vontade política.
Aqueles que non se deixan guiar polo BNG deberían aprender cando menos dos cataláns. Eles conseguiron consolidar cando menos dous grandes bancos como o Sabadell e Caixabank e agora resulta que un goberno de centro-dereita está creando un Banco Público. Porque alí si e aquí non? Pois é ben claro, porque aquela dereita ten un proxecto de país e a de aquí está entregada á estratexia madrileña.

Amigos e amigas,
Tampouco queremos ser consumidores cegos das grandes corporacións que nos inundan con produtos foráneos. Queremos producir algo, e consumir tamén do noso. Consumir produtos galegos, etiquetados en galego. Porque os temos e cada vez máis.

Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel, queremos a soberanía alimentar. Non imos calar ante unha Política Agraria Común que arrasa o noso rural, e que Madrid utiliza para converternos en importadores e en clientes das grandes cadeas. Ter capacidade real para regular o noso comercio e a nosa distibución, é un cambio posible e necesario.

Necesitamos instrumentos para decidir aquí, para regular desde aquí en interese de Galiza e dos galegos e galegas. Necesitamos liberdade para producir, necesitamos instrumentos para tomar decisións para crear emprego na Terra.
Queremos facer uso das nosas competencias e, coa soberanía como faro, queremos todo o que ten un país normal.

Tanto como iso e tan pouco como iso é o que o país precisa e o que o BNG propón.

Moitas grazas pola vosa paciencia

Xavier Vence.

Vigo 12.12.2013

terça-feira, 22 de outubro de 2013

A soidade dun traidor

O debate do estado da nación e o proxecto de orzamentos para 2014 certifican a renuncia de Feijóo a liderar un proxecto de futuro para o país. No debate vimos a súa estratexia de camuflaxe e ocultación dunha realidade que continua degradándose a pasos acelerados, con máis paro, pobreza, caída xeral do nivel de vida, recortes dos servizos públicos básicos, etc. O recital de mentiras non pode tapar as estatísticas e o que a cidadanía vive nas súas carnes día a día. Pero, o máis preocupante é ver un Presidente empecinado en seguir a mesma senda suicida que lle marca o PP estatal. Submiso a todas as consignas que lle envían de Madrid e carente de ideas e proxectos para saír da crise e levantar o país. O resultado é descorazonador: un país sen temón, sen goberno, sen compromisos de futuro e, polo tanto, sen capacidade para chegar a acordos. Porque ninguén pode dar carta branca, desde logo o BNG non o vai facer, a un goberno tan cativo, submiso a Madrid e falto de iniciativas para reactivar a economía e crear emprego. Máis aínda a súa renuncia a defender posicións esenciais para o futuro de Galiza convérteo nun verdadeiro traidor ao país. A súa submisión ao proxecto centralizador do PP está dándolle a puntilla ao xa limitado autogoberno. A súa solemne e inaudita declaración de “satisfacción porque NGB sexa o primeiro banco intervido en ser vendido” é a constatación da súa irresponsábel frivolidade e submisión aos ditados de De Guindos e da gran banca española. A súa aceptación silenciosa do recorte adicional dos recursos autonómicos e municipais en 17.470 millóns de euros para permitir máis gasto e máis déficit ao goberno central nos dous anos vindeiros significa aceptar que Madrid engorde a costa de encoller Galiza. O mesmo se deduce do seu seguimento da estratexia do PP estatal de reducir o trama autonómico do IRPF –aínda sexa modesto- ao tempo que o goberno central decidiu aumentar o tramo estatal. As contas para 2014, que en termos reais nos devolven ao ano 2002, póñenlle cifras ao empequenecemento do país. Só dentro desa estratexia de achicamento do autogoberno se pode entender a súa proposta de reducir o tamaño do Parlamento, reducindo a súa capacidade lexislativa, a pluralidade e a democracia. Que ninguén se equivoque, reducir o autogoberno é cargarse os servizos públicos que dependen del –sanidade, educación e servizos sociais- e fanar os instrumentos para impulsar o crecemento económico e o emprego no noso país.

Artigo publicado en La Voz de Galicia (co título A soidade de Feijóo)

domingo, 15 de setembro de 2013

Manifestación 15 Setembro: Por unha Patria Soberana

Manifestación 15 Setembro: Por unha Patria Soberana

Inmenso pobo, inmensa nación!
Quen dixo fraqueza?, quen dixo desalento?, quen dixo resignación?
Galiza está viva,
Galiza vive,
está viva por todo o país, de Ortegal ao Miño, do Bierzo a Fisterra.
Mais, hoxe aquí, vibra, aquí latexa, porque vos sodes o corazón de Galiza.

Acabamos de escoitar 12 voces que nacen do fondal deste pobo.
Son 12 berros de indignación, pero tamén de esperanza.

Hai sufrimento, pero tamén hai rebeldía.

Coma en tantas ocasións, esta Quintana milenaria é testemuña da Galiza que non se resigna, da Galiza insubmisa, da Galiza que quere ser dona de seu, da Galiza que aspira a un futuro de dignidade e de liberdade.

Convosco, Galiza ten futuro

Compañeiros e compañeiras:

Estamos atravesando un dos anos máis duros e dramáticos das últimas tres décadas.

Por un lado, este é o sexto ano dunha crise e, o que é peor, dunhas políticas económicas destinadas a rescatar a banca especulativa que están a destruír a nosa economía produtiva, o emprego e as conquistas sociais que custou décadas acadar.

Cal é o resultado?: paro masivo, precariedade extrema, recorte dos dereitos e servizos básicos, marxinación, pobreza e, sobre todo,  falta de futuro.

Nós non podemos resignarnos a ter un 52% da xuventude en paro, mais a sangría migratoria; non podemos resignarnos a ter un  país con 290.000 parados, un país con 92.000 fogares con todos os seus activos en paro.

Isto non é unha crise, é unha desfeita!

Non podemos resignarnos a que sigan pechando empresas, nin pequenas nin grandes, nin comercios, nin negocios autónomos.

Non podemos resignarnos ao abandono do noso medio rural, pechando explotacións a tal ritmo que hoxe temos menos emprego agrario que a provincia de Murcia.

Este abandono sen control é o que fai arder o país, de punta a punta.

Resulta patético ver como o Presidente da Xunta pretende escorrer o vulto da súa responsabilidade alegando que estamos ante un problema de orde público, obra de “pirómanos enfermos e desalmados”. Algún haberá, pero iso non explica o que está pasando.

Non, señor Feijóo, o monte arde porque está abandonado, porque vostede e os seus fomentaron e fomentan o abandono das terras, pero non mudan a estrutura da propiedade, nin teñen unha política forestal e agraria á altura do país.

A verdadeira política contra o lume é o aproveitamento da terra, o cultivo agrario ou forestal, os froitos ou os pastos, os cogomelos ou o lecer.

Por moito que se agoche estes días, Feijóo non pode agochar a histórica responsabilidade deste PP especializado en administrar a desfeita.

O Monte Pindo é hoxe a metáfora de todo o país.

A catástrofe da vaga incendiaria nace do seu desgoberno e agrávase por unha austeridade irresponsable, que pagamos moi cara todos os galegos e as galegas.

Gastamos en apagar o que non gastamos en prevención, e aínda por riba quédanos o país carbonizado. 

Hai pirómanos por acción e “pirómanos por omisión”, Feijóo é pirómano por omisión.

Feijóo está deixando o país reducido a cinzas, e non só no monte.

O esmorecemento agrario e industrial, o roubo do noso aforro non son pragas bíblicas, son a consecuencia de políticas impostas desde Madrid e Bruxelas e que o PP ocupante da Xunta aplicou e aplica con total entrega e submisión.

A única fábrica que a Xunta ten a pleno rendemento é a “factoría de mentiras de Montepío”. Alí, os seus 46 asesores persoais facturan 7 Millóns de euros ao ano de mentiras e placebos. Como esa boutade da “extraordinaria campaña da loita contra os lumes”.  Pero os galegos e as galegas non poden vivir de mentiras narcotizantes e non lles pagan para iso.

Compañeiros e compañeiras,
O país está nunha situación limite, pero non podemos aceptar que nos rouben o futuro.

Centralización

Para empezar, non podemos soportar máis este agresivo proceso de recentralización do Estado, no político e no económico, que se plasma no ataque máis radical ás institucións de autogoberno desde que foran creadas.

A un Estado das autonomías cicateiro, que non recoñece os nosos dereitos como pobo, súmase agora unha ofensiva neocentralista,  empeñada en laminar o noso incipiente autogoberno.

E todo feito a maior gloria de Madrid e dos seus poderosos lobbies económicos, que veñen financiando ao PP de xeito ilegal.

Toda a lexislación dos últimos tempos, -cinicamente chamada “programa de reformas”-, supón unha regresión en termos sociais e en termos de dereitos da cidadanía. Ao mesmo tempo, impón unha arquitectura abertamente centralizadora.

Cando digo toda a lexislación, digo toda, desde as leis relativas ao sistema financeiro, a lei de unidade de mercado, o decreto de horarios comerciais, a lei de costas, a supresión dos servizos ferroviarios, a lei de reforma local, a lei de planta xudicial, a lei da cadea alimentaria, o desenvolvemento centralizador da PAC, ou a lei Wert, esa perla declaradamente confesional e españolizadora, antisocial e antigalega.

O “chencho” do Margallo chega ao extremo de dictar leis para prohibir as relacións internacionais das Comunidades Autónomas, e mesmo obriga aos seus  presidentes a pedir permiso a Madrid para saír fora.

Trituran o Estatuto e logo teñen o santo cinismo de saír en procesión en todos os concellos para erixirse nos seus defensores e anatemizar aos que reivindicamos máis autogoberno e soberanía.

Pero esta ofensiva centralizadora afecta a todo e tamén ao corazón da nosa economía.

A laminación dos escasos instrumentos de autogoberno provocan tamén unha continuada destrución das bases produtivas do país, recortan os servizos públicos e cercenan a capacidade para endereitar a situación.

Corrupción

Para completar o cadro dantesco, vemos como o magma da corrupción anega o panorama político, cubrindo de lama as principais institucións do Estado e do noso país.

Todo o que empezou a ventilarse cos casos Gürtel e Bárcenas revela moito máis que unha suma de corruptelas ou unha crise institucional e política. Revela unha auténtica crise de lexitimidade deste réxime.

O financiamento ilegal do Partido Popular, tamén en Galiza, destapa como a élite económica e financeira de Madrid converteu este partido no  instrumento para impor as súas políticas liberais, e para vampirizar o orzamento público e, xa de paso,  impoñer  a recentralización política e económica no seu propio beneficio.

Todo para encher o enorme burato negro madrileño.


Resposta BNG

Compañeiros e compañeiras

Galiza está no límite, pero non está rendida.
Non nos resignamos.
Temos ben aprendidas aquelas verbas de Manuel María cando escribía:
“O que nos diga que temos
que ter paciencia e calar,
¡Ou é que xa manda en nós
ou é que pensa en mandar!”

Compañeiras e compañeiros,

Hai desleixo culpábel dun PP sen alma galega, pero tamén hai vontade de derrotalo.
Hai rebeldía!
Hai desfeita executada milimetricamente coa complicidade cipaia de Núñez Feijóo, pero tamén hai alternativa.
Hai BNG!

A xenerosa militancia do BNG foi motor incansábel da organización da rebeldía, desde a rúa, desde o Parlamento e desde os Concellos. Si, VÓS, a militancia do BNG, déstes corpo e azos a todos eses movimentos de resposta organizada:

Ø     contra os recortes da sanidade e contra a súa privatización,
Ø     contra os recortes do ensino e a súa rancia españolización,
Ø     contra os recortes na investigación e o estrangulamento das universidades,
Ø     contra o roubo das preferentes e subordinadas,
Ø     contra as sancións inxustas aos pensionistas retornados da emigración
Ø     contra a reforma laboral da xungla inhumana,
Ø     contra esa minaría colonial que abre o país en canal para deixar bombas de cianuro e contaminación,
Ø     contra o desmantelamento definitivo do naval....
Ø     contra os recortes nos dereitos das mulleres,
Ø     contra o acoso do noso idioma, no ensino, nos medios, nos libros,  e agora até nos letreiros das estradas e das autovías.

E nesas seguiremos, porque temos organización e somos indomábeis. Non nos paran con multas nin con represión.
Ninguén nos vai desviar ou entreter na nosa loita democrática por un país con futuro.
Nin as intrigas e intoxicacións do PP, nin os incautos e insensatos que lle queiran facerlle o xogo.

Compañeiras e compañeiros,
A indignación é necesaria, pero a nosa aposta ten que ir un paso máis aló.
Nós erguemos un proxecto con ideas e propostas, para converter o cabreo en esperanza, que é a materia prima do futuro.
Nós temos unha folla de ruta para construír unha Galiza nova, unha Galiza de seu, unha Galiza con futuro.
Un futuro de economía produtiva, traballo, dignidade e benestar nesta Terra.

Soberanía
Non podemos vivir coas mans atadas. Xa sabemos moi ben como nos atan no naval, na pesca ou no agro, pero permitide que me deteña en tres asuntos da máxima actualidade.

Non podemos aceptar que os grandes oligopolios eléctrico, enerxético,  telefónico  dicten, a través dun goberno central corrupto, políticas contra os usuarios. Temos que reclamar competencias e instrumentos para regular estes sectores en interese da nosa cidadanía e do noso país. Sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Non podemos aceptar que Madrid estableza unha tarifa eléctrica bonificada para grandes empresas, que deixa fóra e pon contra as cordas, pequenas e medianas empresas do noso país, como está a pasar con MEGASA. Unha tarifa eléctrica galega, sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Non podemos aceptar que Madrid impoña o parón ás enerxías renovábeis, e de paso leve por diante empresas punteiras como Gamesa, Alsthon, ou T-Solar. Decidir por nós a estratexía das enerxías renovables, sería un cambio radical, pero é un cambio posible, como xa demostramos no Goberno.

Compañeiras e compañeiros,

Mañán mesmo abren formalmente o proceso de venda anticipada e acelerada de NGB.

Non podemos quedar impasíbeis diante do desmantelamento do noso sistema financeiro decidido en Madrid. Non podemos aceptar o espolio dunha NGB, rescatada cos nosos impostos e cos nosos aforros. Nada menos que 9.000 millóns de recursos públicos, -o equivalente ao orzamento anual de Galiza-, aos que hai que sumar os 564 millóns roubados polas preferentes.

O FROB e o Goberno Central, co silencio de Feijóo para non incomodar a Botín e compañía, ultiman o saqueo definitivo. A complicidade de Feijóo é unha traizón ao país de consecuencias catastróficas.

Galiza non pode renunciar a ter un sistema financeiro propio, a menos que renuncie a ter futuro. Nós, dun xeito ou doutro, imos batallar até garantirlle a este país esa ferramenta vital. E a mellor de todas é unha banca pública galega, para tratar aos aforradores como persoas, e garantir o uso dese aforro para dar crédito e investir no país. Ter unha banca pública galega sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Amigos e amigas,
Tampouco queremos ser consumidores cegos das grandes corporacións que nos inundan con produtos foráneos. Queremos producir algo, e consumir tamén do noso. Consumir produtos galegos, etiquetados en galego. Porque os temos e cada vez máis.

Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel, queremos a soberanía alimentar. Non imos calar ante unha Política Agraria Común que arrasa o noso rural, e que Madrid utiliza para converternos en importadores e en clientes das grandes cadeas. Ter capacidade real para regular o noso comercio e a nosa distibución, é un cambio radical, pero é un cambio posible.

Necesitamos instrumentos para decidir aquí, para regular desde aquí en interese de Galiza e dos galegos e galegas. Necesitamos liberdade para producir, necesitamos instrumentos para tomar decisións para crear emprego na Terra.
Queremos facer uso das nosas competencias e, coa soberanía como faro, queremos todo o que ten un país normal.

Porque, en palabras de Celso Emilio:
“Nunca virá de fora
remedio ou esperanza”.

Queremos as mellores armas para defender a nosa economía produtiva, para defender a clase traballadora, para defender a nosa xente. E esas armas son as armas dun Estado.

Queremos un parlamento soberano, que cando decide anular as quitas das preferentes, os seus acordos vaian a misa.

Queremos un parlamento soberano que cando decide que en Fene se poden construír barcos ninguén poida vetalo.

Queremos que cando nós decidamos sacar Ence da ría de Pontevedra, non veña unha lei de costas do Estado a impedilo.

Que se nós decidimos que as deputacións deben desaparecer, por disfuncionais e antidemocráticas, desaparecen e xa está.

Que somos nós quen decidimos como prestan os servizos de proximidade os concellos do país.

Que non vai vir Wert  reespañolizar o ensino, pero tampouco vai ter cabida quen desde aquí pretenda tratar o galego como idioma estranxeiro.

Nós sabemos que esta nación,  como dicía Uxío Novoneira,  aínda está a tempo “de ser outra cousa”.

Compañeiros e compañeiras, 

Que ninguén se equivoque: a soberanía non é un asunto exclusivamente identitario, nin tan sequera é algo que interese só aos nacionalistas. A soberanía é cousa de todas as xentes que habitan este país. Porque a soberanía é condición para un futuro digno para todos e todas, nacionalistas e non nacionalistas. É a precondición para poder aplicar políticas de esquerda.

Desde logo, non hai esquerda posíbel sen soberanía, máis aínda, non hai democracia real sen soberanía.

Precisamos o marco de competencias soberanas para romper cos mercados globais, e orientar as políticas económicas, sociais e culturais na procura da xustiza social, do recoñecemento e da autoestima de todos os seres humanos que, coa a nosa diversidade, habitamos este vello e torturado solar galaico.

Amigos e amigas nacionalistas, temos que explicarlle isto aos que non son nacionalistas, aos que naceron aquí e aos que naceron fora, aos que falan galego e aos que falan calquera outra lingua.

Compañeiros e compañeiras: A unidade é importante para todos os compartimos o norte soberanista.

O nacionalismo ten que alargar a súa base, precisamos un vasto exército con medio millón de papeletas nas súas mans para estarmos en condicións de dar o grande salto adiante.

Pero, amigas e amigos, para que poidamos avanzar no plano político e institucional é preciso “petar na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, tocando todas as teclas: as do corazón, as do espirito e as da prosaica vida.

Por iso apoiamos con decisión a plataforma Galiza pola Soberanía. Desexamos que voe libre e que vaia dando pasos para converterse nun auténtico movemento cívico multicor, que alente a conciencia nacional deste país, desde abaixo, desde a base.

Desde aquí proclamamos ben claro: nós non temos inimigos no nacionalismo, nin temos tampouco inimigos na esquerda.

Os nosos inimigos son os poderes económicos que estrangulan o noso país, os oligopolios capitalinos e os políticos mercenarios que os serven.

O noso pior inimigo é a falta de confianza en nós propios, o pesimismo antropolóxico, aceitar o tópico que de nós tratan de construír para apoucarnos.

O que non podemos compartir é a volta atrás e renunciar ao camiño percorrido polo nacionalismo ao longo de décadas. Non podemos seguir o camiño dos que agarrados á quimera da “creba democrática estatal” abeiran a loita pola soberanía. Non podemos debilitar a autoorganización e contribuír a reforzar a presenza das forzas estatais.

Non hai que ter medo á maioría de idade, non hai que ter medo a tomar as nosas propias decisións. O perigo está cando outros toman as decisións por nós, o que quere dicir que normalmente son contra nós.

Os países que se erguen gañan. Aí está o exemplo dos nosos amigos latinoamericanos, aí está a recente epopeia soberanista de Ecuador, Bolivia, Venezuela, Uruguai e os demais. Aí están os exemplos da dúcia de pobos europeos que nos últimos vinte anos conquistaron a liberdade, aí están os que seguen o seu ronsel hoxendía: Escocia, Flandes, Euskadi, Catalunya.

Amigas e amigos, mañá 16 de setembro cumpriranse 80 anos do recoñecemento internacional de Galiza como nación, naquela Asemblea da Sociedade de Nacións celebrada en Berna no ano 1933. Aquel logro colectivo, xestionado por Plácido Castro e outros galeguistas, é hoxe forza e inspiración para reivindicar o noso papel como nación no mundo.

O futuro está nas nosas mans.
O futuro non se mendiga, tómase.
Non nos queda outra, ou soberanía ou declive.
Nós apostamos pola soberanía, paso a paso.
Con decisión, Galiza ten futuro.

Compañeiros, compañeiras,

Deixade que remate en ton poético e acendamos os nosos corazóns cos versos épicos que Alfredo Brañas colocara, hai máis dun século, no seu Deus Fratesque Gallaecia:

“Cantai galegos o himno xigante,
dos pobos ceibes dos pobos grandes,
cantai galegos a idea santa
da independencia da nosa Patria” 

Viva Galiza Ceibe e Popular!
Adiante  co BNG!

Compostela, 15 de setembro de 2013.

Xavier Vence

Portavoz Nacional do BNG