sábado, 31 de janeiro de 2015

Sete anos de vacas fracas. Que facer para que non sexan outros sete?

Sete anos de vacas fracas. Que facer para que non sexan outros sete?

(Véspera do aniversario do nacemento de Castelao en Rianxo un 30 de xaneiro de 1886, fai 129 anos)
Bos días a todos e a todas e moitas grazas por asistir a esta charla-coloquio organizada, unha vez máis, polo  Forum Europa Tribuna Galiza.

Vou aproveitar a miña intervención para facer unha radiografía de como vemos a situación do país desde o BNG e cales son as nosas alternativas para frear o devalo actual e aproveitar as nosas potencialidades. Tratarei de convencelos de que Galiza é un país con futuro pero hai que construilo e facelo sobre outros alicerces.

Levamos sete anos de profunda crise. Pero non se cumpre aquí o ciclo bíblico de sete anos de fames e sete anos de abundancia. Tal como se formulan as cousas desde o establisment podemos ter outros sete anos máis de vacas fracas.
Postos a empezar mentando as regras económicas do “libro de libros” habería que recoñecer que tampouco se respecta o precepto do “ano sabático” que, entre outras cousas, obrigaba á “remisión das débedas” cada sete anos, tal como establecía o Deuteronomio.

No mundo de hoxendía as cousas son diferentes.
Aquí levamos en crise 7 anos, con políticas centradas en salvar e rescatar as finanzas especulativas e as grandes empresas a costa do empobrecemeno da maioría da sociedade: levaron a ruína a milleiros de pequenas empresas, traballador@s e autónom@s; espoliaron @s contribuíntes medios co aumento do IVE, IBI, IRPF, impostos especiais; aumentaron os prezos dos bens básicos como enerxía e transportes; reduciron os salarios, a capacidade de compra, o nivel de vida medio e a calidade dos servizos públicos. De feito hoxe o Estado Español é o segundo país máis desigual da UE.
Estamos nun mundo certamente moi asimétrico, moi desigual. Para as familias non hai “remisión de débedas” nin reestruturación, hai execución de hipotecas, desafiuzamentos e condena á indixencia de miles de familias que quedarán de por vida coa lousa das débedas impagábeis. Pola contra, hai uns seres especiais que son os grandes financeiros e especuladores que fixeron da débeda o seu negocio e aos que non só lles aplicamos a graza dun ano sabático senón que levan sete anos seguidos de ano sabático, de condonacións. Levamos rescatándoos 7 anos e pretenden que sigamos rescatándoos de por vida
E non é unha metáfora, é unha realidade, porque as súas débedas son agora débedas de todos nós a 10-15 anos vista.
Liberámolos a eles das súas débedas ao tempo que nós nos escravizamos.

Somos reféns da gran finanza endebedada que conseguiu aquilo que dicia Bertolt Brecht: “un home que ten débedas realmente grandes inspira respeto. Xa non é el só o que treme polo seu creto; tamén tremen os seus acreedores. Hai que arrimalo aos grandes negocios para evitar que sucumba á desesperación... ese home convértese nunha potencia”. Iso que Brecht escribía n’Os negocios do señor Xulio César, permítenos de paso ver os paralelismos de tres momentos históricos nos que as montañas de débedas dinamitaron o sistema: a caída da república romana, a crise do capitalismo liberal dos anos 30 -cando empeza a novela- e a crise actual do neoliberalismo.

Hoxe non imos facer historia, imos acercarnos ao presente, pero farémolo cunha perspectiva alonxada do curtopracismo que domina o discurso económico e político actual.
Para os que mandan todo o seu afán parece reducirse a ir matando as malas noticias cun “barullo” de datos mensuais ou trimestrais, comparacións trucadas mesturadas con previsións que nunca se cumpren, etc etc que só teñen como fin atordoar a xente.

Eu propóñovos ver os cambios con perspectiva de longo prazo. Non se trata só de onde estamos senón de cara a onde imos.

Hoxe xa temos claro que a crise non foi só un estourido da burbulla inmobiliaria senón que é o resultado dun modelo neoliberal dominado polas finanzas e crecentemente desigual.
Que leva ocorrendo ao longo destes 7 anos de crise?: pois paradoxalmente non unha reconsideración crítica dese modelo senón que o que estamos vivindo en directo é unha acelerada radicalización do neoliberalismo. Non de recuperación de nada senón de tránsito cara unha versión máis descarnada do capitalismo, pilotado, iso si, polos mesmos que nos trouxeron até aquí: as finanzas globais.

O proxecto de radicalización neoliberal xa levou por diante moitas conquistas, pero de continuar por máis tempo, como pretenden, levará por diante moitas conquistas de civilización e devolveranos a unha sociedade de miseria, violencia e gobernos autoritarios.

O que está pasando non nos colleu desprevenidos a algúns economistas. Permitídeme un pequeno exercicio de inmodestia.
No 2005 eu publicara un libro que se titula O fracaso neoliberal na Galiza e o seu contido foi por desgraza premonitorio. Ao estourar a crise, en 2008, escribin que o neoliberalismo só podía manterse se a poboación aceptaba un empobrecemento dun 30-40% (e cara aí imos). No 2011 publiquei Crise e radicalización neoliberal onde destripaba todos os pasos que se ían dando nesa dirección e as consecuencias desastrosas que traerían.
O pior é que, como xa dicía daquela, a pesar dese sacrificio social e humano de proporcións históricas, o modelo neoliberal non funcionará porque é inviábel e chegou ao seu límite: con máis diñeiro ficticio dos Bancos Centrais e máis débeda non hai gran futuro.

Non son pouc@s @s economistas crític@s que levan tempo falando do estancamento do capitalismo e mesmo do seu colapso. Agora empeza a haber economistas oficiais, próximos a Wall Street, como Larry Summers ou Robert Gordon etc que falan dun horizonte de “estancamento secular” (secular stagnation). Máis pedagóxica, a literatura acompaña,  con ese libro de George Packer que leva por título The Undwindding, que nos ofrece unha estarrecente reportaxe da desfeita da sociedade americana.

Non hai recuperación nin a vai haber: horizonte de estancamento secular

Porén, @s predicador@s ideolóxicos e os políticos cómplices están a outra cousa. Instalados na miopía do curto prazo  tentan manter amansada a poboación.

Empecemos, pois, polo curto prazo. Vexamos brevemente que está pasando no último ano?
Aproveitando unha leve melloría dos mercados de débeda, derivada da primeira gran inxección de 1 billón de Euros do BCE desde 2012, o goberno leva uns meses lanzando as campanas ao vóo cunha suposta recuperación no estado español. Máis aínda, pretende atribuírse o mérito da mesma.
Quixera deixar claras tres cousas. A primeira, unha melloría puntual con esas bases non significa unha verdadeira recuperación económica e saída da crise; segundo, a melloría circunscríbese sobre todo aos balances da banca e as rendas financeiras, rescatadas con recursos públicos (uns 180 mil millóns) e tsunami de liquidez monetaria do BCE, pero vai acompañada de destrución de capacidade produtiva e emprego, empobrecemento e desigualdades (se algún de vós participa en certos fondos de investimento pode estar sacando rentabilidades astronómicas dun 20, un 50 ou mesmo dun 100%, pero a maioría da poboación perde e moitos caen na privación até facernos o segundo país máis desigual da UE); e terceiro, o que cun certo rigor se poida dicir do Estado español, non pode afirmarse nin de lonxe de Galiza, que segue no rodopío do devalo económico e demográfico.

Unha cousa é evidente: Se houbera recuperación non faría falta tal despregue de medios para pregoala.
Porque atordoan a poboación co salmo da recuperación, da saída da crise?
Saben que a desesperación da xente xa non pode agardar máis e pode estourar en calquera momento.
Teñen que acalmar os ánimos con recorrentes promesas de recuperación.
En realidade cómpre recordar que levan así desde o segundo ano da crise. Dende que en 2009 Zapatero empezara a falar dos “brotes verdes”, non pararon de soar as trompetas da recuperación. Cada ano anunciábase o seu advenimento. A verdadeira miragre sempre chegaría o ano seguinte.

Pero bon, o que si cabe dicir é que a nivel de estado freouse a pendente de caída e o PIB mostra signo positivo que pode alcanzar o 1,2% no conxunto de 2014. Coa caída da factura petroleira, o tsunami monetario e a mellora da prima de risco e as condicións do financiamento, a conxuntura mellora algo pero non porque haxa crecemento da base produtiva ou porque resultase eficaz algunha política do goberno, as chamadas “reformas”, senón porque o BCE decidiu darlle a manivela da liquidez a esgalla para os bancos desde 2012, co tipo de xuro a 0,05% e tamén porque os conflitos xeopolíticos levan a tirar a baixa os prezos do petróleo.
Pero, aínda asi, iso non garante un crecemento a medio prazo e a economía non tira en Europa; por iso xogan a última carta do BCE con esta nova bomba de 1,1 billón de euros ficticios que acaban de aprobar para inundar os mercados a partir de xaneiro de 2015 até 2017. Pero tampouco esa bomba monetaria resolverá os problemas da economía produtiva, que é o verdadeiro miolo do problema e cuxo mal está na falta de mercados solventes, mercados que, pola contra, está perdendo aqui e en Europa como consecuencia da liberalización e o empobrecemento. Ese é o verdadeiro problema para o futuro, a produción de bens e servizos en condicións rendíbeis que é a que crea emprego e sostén os ingresos públicos.

Pois ben, o problema é que en Galiza a situación é moito máis delicada aínda; non hai agora recuperación de verdade, nin vai habela, pero é que nin sequera chega a melloría conxuntural.


Porque non a hai?
Parémonos un chisco en Galiza.
O PIB en Galiza é hoxe un 7% menor que no ano 2008 e os datos dos últimos trimestres apenas mostran un paso do signo negativo da recesión para un signo positivo, pero son tan baixos (+0,4%) que só revelan o estancamento económico. Apenas se move a demanda de consumo (+0,5%), non hai investimento (+0,2%).
Caen as exportacións e a produción industrial, aumenta o déficit exterior outra vez.
A cifra de negocios da industria caeu en 2014 un 3,2%.
O noso agro e a nosa pesca esmorecen estrangulados por prezos de oligopolios e por cotas que limitan a produción.
Iso si, recupéranse os bancos con cartos públicos (uns 185.000 Millóns), reínflase a especulación cos rescates e o diñeiro regalado do BCE (1 billón ao 0,25%) .
Así apenas se crea emprego, e o pouco que se crea é ultraprecario, con salarios de miseria. O 16,5% dos empregos son semanais. A tempo parcial, por días no terciario e na construción con salarios por debaixo do salario mínimo, pero abondosos en horas, mesmo superando a xornada laboral legal ou de convenio.
As pequenas e medianas empresas que producen para as grandes ou que son subcontratadas sofren un estrangulamento nos prezos que acaba cos marxes de negocio e mesmo obriga por veces a traballar a perdas para ter carga de traballo.

O certo é que en Galiza estamos en mínimos históricos. Movémonos arredor de 1 millón de ocupados, menos que hai 30 anos. Desde fins de 2008 hai 196.000 ocupados menos, un 16,5% menos. Nos 4 últimos meses segueu aumentando o paro ao tempo que no resto do estado se freou .
A afiliación á SS caeu no mes de decembro en 13.088 persoas (cos datos a 31 de decembro).
O máis grave en termos tendenciais é que non só perdemos ocupados senón que perdemos poboación activa: unas 19.000, que emigran fóra do país. Sería irresponsábel ocultar as consecuencias dramáticas deste feito para o futuro económico e demográfico de Galiza. Afonda o círculo vicioso de declieve que é preciso romper con urxencia.

Claro que hai diferenza de pulso entre Galiza e o resto do estado, e iso hai que poñelo no debe do centralismo e de Feijóo, do seu entreguismo obediente a Madrid (“Galicia non é un problema para España”), do seu radicalismo neoliberal campión dos recortes e no feito reiterado de que as políticas que se aplican desde Madrid, con toda a paixón recentralizadora penalizan e pexan moi particularmente a nosa economía. Recortes asimétricos do déficit, balanza fiscal negativa para Galiza, negocio dos lobys madrileños co noso orzamento…

Por que non a vai haber recuparación?  
Non hai futuro se no canto de corrixir as eivas profundas que a crise puxo ao descuberto o que fan é impulsar un “capitalismo confiscatorio” para tapar os buratos d@s auténtic@s responsábeis co suor, sufrimento e espolio das vítimas: traballador@s, contribuíntes, usuari@s e aforrador@s (ou @s emigrantes retornad@s). 
Pero… é que noso caso, no caso de Galiza, ademais dun ultraliberalismo inviábel, sufrimos tamén o efecto do centralismo madrileño.
Aos problemas xerais deste modelo engádense estes problemas estruturais e diferenciais do noso país é o que parecen incapaces de entender e recoñecer tantos as dereitas como as esquerdas españolas.
Centralismo que pretende seguir espremendo o noso aforro e a nosa fiscalidade para encher o burato da súa débeda: 180.000 millóns do rescate bancario e da burbulla (Bankia, Sareb; avais,…); 38.000 millóns da débeda das empresas de defensa; 28.000 do déficit tarifario; 5.000 millóns das autopistas radiais madrileñas; AENA (cos 6.000 millóns da T4)… 
Porque pretenden seguir someténdonos a unhas relacións de intercambio inxustas, con prezos de auténtica colonia: baixos para o que producimos (leite, carne, peixe, electricidade, madeira, etc) e altos para o que consumimos (tarifa eléctrica común, gasoil-gasolina, tren, transporte aéreo, peaxes elevadísimos para a nosa conexión interna, etc). 
A nosa industria, a nosa agricultura e os servizos soportan uns custes de electricidade e de transporte que pexan a competitividade, o que fai especialmente difícil saír adiante cando a competencia é tan desigual. 
Co noso mercado dominado pola súa gran distribución comercial oligopólica é difícil dar saída en condicións randíbeis á nosa produción primaria e reter as rendas das marxes comerciais.
Así non hai maneira de saír do burato. 
E naquilo que podemos levantar cabeza deseguida nos poñen novos atrancos, vetos, reconversións forzosas, limitacións a produción, cotas leiteiras e pesqueiras, supertaxas, etc.
O resultado é paro, emigración e devalo demográfico.
O futuro é realmente negro e hai que facer algo, temos que facer algo. Non podemos resignarnos a que todas a conquistan se veñan abaixo.
Pero, entón, hai solución?

Si, claro que hai. Non é sinxela. Pero haina.
O primeiro requisito é ter claro o tipo de país e de sociedade que queremos porque do contrario, como dicía Séneca, “non hai ventos favorábeis para quen non sabe a onde quere ir”. Polo menos hai que ter claro o que non queremos. O que non queremos é este escenario de empobrecemento cara o que pretenden levarnos.
Para darlle a volta a todo isto precisamos un proxecto. Galiza precisa que o proxecto do nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente. 

Empezando polo máis sinxelo.
Hai que romper de inmediato coas políticas de recortes e apostar con decisión por políticas expansivas de gasto, non gasto improdutivo ou ineficiente, pero si investimento en recursos de futuro: investigación, innovación, educación, servizos públicos avanzados…
O investimento e os empregos creados en todas esas actividades terán a doble virtude de crear riqueza de cara o futuro e de actuar tamén como factor dinamizador da demanda a curto prazo, esencial para reactivar o sector privado, en particular das PEMES industriais, comerciais e dos servizos.
Claro que ese incremento de gasto hai que financialo. E como facelo?.
Hai que mudar o actual marco de financiamento autonómico que está estrangulando as nosas contas públicas. Sendo unha das CCAA de menor nivel de renda per capita resulta que estamos a ter unha balanza fiscal negativa. Precisamos soberanía financeira, recadar nós os tributos todos e ter plena capacidade normativa.
Hai que aumentar ingresos e iso pode facerse con impostos ás grandes rendas -en particular as rendas financeiras- e as grandes fortunas.
Queremos que o aforro e as ganancias empresariais se invistan aquí e non nos paraísos da evasión fiscal ou na especulación financeira global. Queremos que os moi ricos, as grandes fortunas e as grandes empresas paguen impostos, paguen aquí e paguen máis para contribuír a financiar un gasto público que dinamice o investimento e a demanda, un gasto público que financie bos servizos públicos e un orzamento público redistribuidor que reduza as desigualdades insoportábeis e a pobreza galopante.
Velaí un dato que por si só di todo: Galiza recadou polo Imposto de Patrimonio en 2013 278 mil de euros, é dicir nada!. Pero se as 9 maiores fortunas galegas pagasen realmente polo seu Patrimonio total (57.500 M €, equivalente ao noso PIB) as nosas contas públicas serían outras completamente diferentes. Só cos 9 grandes poderiamos facer cousas ben grandes en educación, sanidade educación, loita contra a exclusión, cantos tratamentos contra a hepatite C, canto persoal máis para Urxencias!!
Claro está que para conseguir iso que parece tan sensato precisamos soberanía fiscal e políticas fiscais progresivas.
Dito isto tamén quero insistir en que a proposta do BNG non é só aumentar o gasto público, tamén creemos que hai ámbitos onde se pode reducir gasto socialmente innecesario. E sobre todo propoñemos un gran paquete de aforro suprimindo parte deses 6 niveis administrativos que resultan caros, ineficientes e fonte distorsións. Por iso propñemos suprimir as Deputación Provinciais e as delegacións do Coberno Central e a propia dimensión dese Goberno Central. Aí si que poderiamos conseguir aforros significativos e melloras da eficiencia, pero para iso temos ir na dirección inversa á que hoxe están promovendo desde o PP e as forzas recentralizadoras.
E, sobre todo, temos que mudar as políticas:
Non podemos ver estragados os nosos recursos por imposicións miopes ou intereseiras de Bruxelas ou de Madrid como ocorre co cerco, co xeito, ou como ocorre tamén no agro ou no naval.
Non podemos aceptar que os nosos recursos naturais, os eléctricos ou o aforro emigren sen crear riqueza no país.
Temos que investir en novas actividades, baseadas tamén no coñecemento e na innovación. Cunha estratexia de especialización intelixente –de verdade e non ese “powerpoint” feito pola Xunta- centrada sobre todo na diversificación a partir daquilo no que temos vantaxes, experiencia acumulada, capacidade comercial, etc. Non se trata de apuntarse nun papel á última moda dos gurús estrela do momento, non se trata de crear bonsais artificiais que logo consumen todo o noso esforzo sen deixar de ser un eterno bonsai. Trátase sobre todo de incorporar coñecemento, diversificar bens ou servizos ao redor daquelas actividades ou sectores nos que temos unha base produtiva, tecnolóxica e investigadora minimamente sólida.
Compre investir en talento e aproveitalo produtivamente. Abandonar a retórica e ir aos feitos.
Non podemos aceptar esa política miope de recortes que está estragando os esforzos de I+D última década. Nos primeiros catro anos de Feijóo retrocedemos a un nivel de esforzo de I+D do 0,86% do PIB, un retroceso dunha década, 1.500 investigadores (en Equivalencia de Xornada Completa, realmente son moitas máis persoas) expulsados do sistema e nulas espectativas para a maioría dos que permanecen. Cómpre volver poñer a I+D e a innovación nos orzamentos e non só nos discursos.
Indo un paso máis alá. É preciso un novo modelo de inserción na economía internacional, tanto no relativo ás finanzas como ao comercio internacional. Ese cambio de marco regulatorio require, sen dúbida, soberanía e vontade de exercela nesta dirección.
Para poñer a banca ao servizo da economía produtiva necesitamos Banca Pública Galega e outra regulación.
Para frear a desindustrialización e recuperar a industria precisamos frear a liberalización . Desde logo temos que impedir a ameaza que supón o TTIP que se negocia na trastenda entre a UE e EEUU.
O ciclo da hiperglobalización, da globalización neoliberal trouxo esta situación de profunda crise estrutural que non ten solución nese marco. A hiperglobalización é insostíbel económicamente e insoportábel socialmente. Pouco a pouco van abríndose camiño outras opcións para reconstruír os equilibrios básicos. Iso devolve ao centro da escea a cuestión da soberanía dos países, como vén facendo Latinoamérica desde hai unha década e como afirma Grecia desde este domingo. Dun xeito ou doutro, que nunca será idéntico a como foi noutros períodos no pasado, pero a soberanía será o concepto arredor do que xirará o novo paradigma.
Noutra dimensión e dado que o noso problema máis agudo e evidente é o emprego resulta necesaria unha reflexión adicional sobre o impacto das novas tecnoloxías e, en particular, do dixitalismo, sobre o traballo na sociedade que vén. Na era dixital mudan moitos aspectos da vida das persoas, das relacións entre elas, o tipo de bens e servizos que consumimos e a forma en que os consumimos.
Todo iso obriga a pensar novas formas de traballo pero tamén a xestionar socialmente a reducción de postos de traballo e do tempo de traballo global.
Está claro que cómpre abordar unha estratexia de reparto do traballo cohesionador, que garanta a inclusión laboral e social e que contribúa a unha sociedade máis igualitaria. Iso é posíbel pero require un cambio de paradigma.
Ao mesmo tempo cómpre abrir novo nichos de actividade que creen novos empregos. Exemplos claros no noso caso serían todos os ligados a calidade, en particular a calidade alimentaria sustantiva (non a das etiquetaxes), con produción de alimentos sanos, saudábeis, ecolóxicos, que poden crear novos empregos e mellor calidade de vida (aínda que implique menor produtividade); actividades vencelladas ao coidado e aproveitamento do medio ambiente en parámetros de sustentabilidade; investigación; creación cultural propia; ocio de relación social, etc.
Nese novo paradigma guiado pola sustentabilidade vai de seu a reducción do gasto en transporte (moi intensivo en enerxía fósil) e adquiren preeminencia os criterios de producción local (alimentaria, servizos, etc) En Francia os circuitos curtos de comercialización representan o 21% dos ingresos das explotacións, aqui apenas un marxinal 0,05%. De igual xeito, cómpre pensar na producción e consumo local da enerxía (renovábeis); comercio local e de proximidade (modelo urbano compacto e evitando fuga de rendas da intermediación).
En todos eses eidos os nosos concellos teñen un papel moi activo a desempeñar. Alí onde gobernamos xa estamos facendo cousas e seguiremos facendo máis se a reforma local mutiladora e centralizadora do PP non o impide.
En síntese, soberanía enerxética, soberanía alimentar, soberanía financeira son principios orientadores de futuro, que enchen de contido práctico a nosa aposta pola soberanía política.
E non falei de corrupción, porque a corrupción é un cancro asociado a unha sociedade en descomposición. Feijóo dí que “Imos ser a rexión máis transparente de Europa”: si, cos bolsillos limpos e baleira de xente!
É non falei da débeda. Porque en realidade o problema da débeda non se arranxará se non hai crecemento económico e creación de rendas.
Por todo o dito afirmo que no marco actual e coas políticas actuais non hai recuperación posíbel nin saída da crise, por moito que a maquinaria da propaganda mentirán do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos.
Pero, amigas e amigos, hai saída, hai alternativa.
Non vou dicir que o que vos propoño sexa fácil ou sexa para mañán. Pero ese é o norte e canto máis nos aproximemos nesa dirección mellor nos irá.

Por todo iso é polo que afirmo que o nacionalismo, o soberanismo, é unha alternativa necesaria e non un adorno retórico, nin unha elucubración ideolóxica nin tan sequera unha fixación identitaria: o soberanismo é a vía práctica para ter as ferramentas que permitan resolver os problemas concretos dos galegos e galegas, os máis importantes no seu día a día: ter emprego, salarios dignos, ter recursos para facer fronte ás súas necesidades vitais, ter sanidade, educación e outros servizos públicos de calidade.
Esa é a política do posíbel pola que tamén aposta o BNG.

E para iso queremos contar con tod@s vós,
empezando polas preguntas que teñades agora.
Moitas grazas

Compostela, 29 xaneiro de 2015-01-29

Xavier Vence

Castelao 2015: ilusión para derrotar a resignación e o empobrecemento



Un ano máis rendemos homenaxe a memoria do rianxeiro e grande patriota que foi até o último alento Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, fai agora 65 anos.
Hai xusto 100 anos que Castelao tomou unha decisión. Mellor dito, aquel Castelao ben novo, con 29 anos, tomou en 1915 dúas decisións que serían claves para o seu futuro e para o futuro de tod@s nós: abandona a mediciña para preparar as oposicións ao corpo de estatística de Facenda, que acabaría tendo como destino en Pontevedra e, levado polo seu anticaciquismo, rompe co maurismo do seu pai, que fora alcalde de Rianxo.
Hai 100 anos Castelao deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución e o exilio.
Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro, sairía adiante o ano seguinte, en 1916, a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado.
Un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura.
Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.
O nacionalismo galego ten moitos inimigos, inimigos poderosos fóra e traidores na elite provinciana do país, por iso temos aínda unha tarefa importante por diante.
Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder ou da represión, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país.
Absorberon, apropiáronse e leváronnos  Fenosa, Larsa, Leyma, Banco Pastor, as Caixas, R, Barreras, Pescanova… pero o nacionalismo do BNG non vai ser absorbido.
Afortunadamente, milleiros de galegas e galegos alentan hoxe o BNG e as Asembleas Abertas polo país adiante. Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.
Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar o “ser natural das cousas”, que non pode ser outra cousa que o nacionalismo banal español.
Non entenden que o nacionalismo é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.

Unha nación na que a xente nova poida estudar en centros públicos de calidade;
Unha nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas , no comercio, nos servizos ou na investigación;
Unha nación onde a xente enferma teña garantida unha sanidade pública universal de calidade, non con esas urxenciadas degradas e ateigadas ou cos periplos da “ruta do cancro” ou cos enformos da hepatite C implorando por un medicamento que lles salva a vida e que se raciona por cutre economicismo;
Unha nación onde os servizos sociais públicos atendan á xente que o precisa e onde os servizos para a infancia fagan compatíbel a crianza nenos e nenas e a vida laboral dos pais e nais.
Iso é o que queremos, unha nación que produza, que cree emprego, que compita con innovación e produtividade e non con salarios de miseria.
Non queremos ser carne de canón na emigración,
Non podemos ver estragados os nosos recursos por imposicións miopes ou intereseiras de fóra como ocorre co cerco, co xeito, como ben saben os mariñeiros de Rianxo, ou como ocorre tamén no agro ou no naval.
Non podemos aceptar que os nosos recursos naturais, os eléctricos ou o aforro emigren sen crear riqueza no país.
Queremos que o aforro e as ganancias empresariais se invistan aquí e non nos paraísos da evasión fiscal ou na especulación financeira global.
Queremos que os moi ricos, as grandes fortunas e as grandes empresas paguen impostos, paguen aquí e paguen máis para contribuír a financiar un gasto público que dinamice o investimento e a demanda, un gasto público que financie bos servizos públicos e un orzamento público redistribuidor que reduza as desigualdades insoportábeis e a pobreza galopante.

Sen iso non hai recuperación posíbel nin saída da crise, por moito que a maquinaria da propaganda mentirán do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos. Os datos por desgraza son teimudos, temos os peores datos de caída da actividade industrial, aumentou o paro en 15.000 persoas no último cuatrimestre do ano.

Non hai futuro se no canto de corrixir as eivas profundas que a crise puxo ao descuberto o que fan é impulsar un “capitalismo confiscatorio” para tapar os buratos d@s auténtic@s responsábeis co suor, sufrimento e espolio das vítimas: traballador@s, contribuíntes, usuari@s e aforrador@s.

Pero… é que noso caso, ademais dun ultraliberalismo inviábel, sufrimos tamén o efecto do centralismo madrileño.
Centralismo que pretende seguir espremendo o noso aforro e a nosa fiscalidade para encher o burato da súa débeda.
Porque pretenden seguir someténdonos a unhas relacións de intercambio inxustas, con prezos de auténtica colonia: baixos para o que producimos (leite, carne, peixe, electricidade, madeira, etc) e altos para o que consumimos (tarifa eléctrica, gasoil-gasolina, peaxes, tren, transporte aéreo, etc).
Con custes de electricidade e de transporte que pexan a competitividade da nosa industria é difícl saír adiante.
Co noso mercado dominado pola súa gran distribución comercial oligopólica é difícil dar saída en condicións á nosa produción primaria e reter as rendas das marxes comerciais.
Así non hai maneira de saír do burato.
E naquilo que podemos levantar cabeza deseguida nos poñen novos atrancos, vetos, reconversións forzosas, limitacións a produción, cotas leiteiras e pesqueiras, supertaxas, etc.
O resultado é paro, emigración e devalo demográfico. Os que no fan nada por darlle a volta aos graves problemas da dependencia foránea veñen logo coas bágoas de crocodilo ao redor da natalidade, da que hipocritamente son tan devotos os cínicos de Monte Pío e da dereita.
Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente.
Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo até conseguir un estado de opinión revolucionario”, como nos propuña Castelao.

Este ano temos eleccións municipais e as xerais do estado; o ano que vén temos as autonómicas. Temos moi presente o ciclo completo. Para nós as tres son moi importantes, cruciais. As municipais teñen que servir para asentar o nacionalismo no territorio, consolidarnos como alternativa á dereita e ao centralismo e como opción de goberno en moitas vilas e cidades.
As Xerais teñen que servir para que Galiza defenda os seus intereses nacionais en Madrid e, sobre todo, que o nacionalismo poda participar e terciar nun eventual debate sobre o modelo de estado, porque Galiza non vai renunciar a ser unha nación de primeira.
Pero hai que ser claros, o futuro do noso proxecto xógase aquí, a clave está en conseguir a complicidade da maioría da sociedade galega.
As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Temos a obriga de derrotar o PP e cómpre traballar coa ilusión de sermos a alternativa que lidere esa vitoria e poidamos así inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Esa ten que ser a meta para o ciclo político que agora comeza coas municipais.
O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante.
O BNG imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para sumar e crear complicidades.
As Asembleas Abertas foron e seguirán sendo unha plataforma vital para conectar e incorporar a miles de persoas que queren compartir un proxecto de transformación pensado desde o país. Nós abrimos as nosas portas a todas esas persoas, incorporamos moitas nas nosas candidaturas e seguiremos incorporando máis. Máis persoas e máis ideas para os programas. O BNG vai ser a voz e a alternativa de toda a cidadanía rebelde que quere mudar as cousas desde os concellos, para empezar derrotando ao PP, e construír un proxecto para defender Galiza e gobernar Galiza.

Temos un ano decisivo por diante; en realidade temos dous anos decisivos para o futuro da nosa nación, para provocar unha inflexión, converter en determinante o nacionalismo e sentar as bases para a gran aventura cara a soberanía.

Os concellos son o primeiro chanzo, importantes pola súa función para responder en proximidade ás necesidades da xente e tamén para socializar por abaixo o noso proxecto político. Aquí estamos neste Rianxo de Castelao, gobernado por un alcalde nacionalista, con Adolfo e demais compañeiras e compañeiros. Eles son un magnífico exemplo da forma de gobernar do BNG, honesta, participativa, de compromiso coa xente, cos sectores produtivos, pesca, marisqueo, o xeito. Aquí demostramos que mesmo herdando un concello moi endebedado poden facerse moitas cousas pola xente. Demostramos a nosa aposta pola sustentabilidade, coa vontade de superar o modelo insostible, ineficiente e caro de Sogama.
Estamos orgullos@s de Rianxo, de Adolfo, e orgullos@s tamén de todas as nosas alcadesas, alcaldes e concelleiras que levan entregado con xenerosidade moitas enerxías na defensa dos intereses colectivos dos seus veciños e veciñas e que o 25 de maio van ser quen de recuperar novos espazos e novos concellos que hoxe están en mans desa dereita caciquil, sumisa aos que arruinan o país e, en moitos casos, corrupta.
O 25 de maio o BNG vai demostrar que estamos en forma e que somos a alternativa do país fronte ao neoliberalismo, o centralismo e o caciquismo.

Orgullosas tamén de Deira, que nos acompaña, e que tanto leva batallado pol@s veciñ@s de Boiro e por consolidar o proxecto nacionalista. Agora que decidiu deixar a vida municipal quero renderlle unha viva homenaxe de agradecemento, pero non como despedida senón que sei que Deira ten aínda moito que aportar á nosa xente, aos veciños, aos emigrantes retornados e ao nacionalismo.

Amigos e amigas,
O país está nunha situación crítica e require solucións.
Nós temos propostas e solucións pensadas a medida da envergadura dos nosos problemas, tanto a nivel municipal coma xeral.
O PP non ten propostas para saír da crise, tan só rescatar as finanzas e a gran empresa e repartir empobrecemento e precariedade a esgalla.
A única receita para a maioría social é a propaganda, propaganda a esgalla que é o que levan facendo nos últimos meses coa maquinaria das mentiras a todo trapo.
Pero coas mentiras non pode tapar os problemas nin o fracaso das súas políticas. E con elas non hai recuperación nin a vai haber.
En realidade levan coas trompetas da recuperación inminente dende que en 2009 empezaron a falar dos “brotes verdes”, ano tras ano coa mesma canción, pero cando facemos balance de cada ano comprobamos que seguimos en crise e en devalo. Coma naquela foliada d’A Roda, “sempre andas dicindo para o ano que vén/chega outro ano, e pasa tamén”.
Agora confían no ciclo bíblico dos sete anos de vacas gordas e os sete anos de vacas fracas. Por desgraza os sete anos de vacas fracas poden seguirlle outros sete, se aceptamos as políticas neoliberais e centralistas.
No BNG dicimos que xa abonda de desfeita, hai que romper coa globalización ultraliberal e co centralismo
No BNG temos moi claro que non hai proxecto posíbel de esquerdas sen soberanía para exercitalo. Traballo digno, igualdade, democracia e identidade.
Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos até coller as rendas o autogoberno para avanzar con máis firmeza.
O ano 2015 vai ser un ano para mudar moitas cousas no noso país. Traballaremos con ilusión para pasar a páxina negra do PP e do centralismo máis teimudo.
2015 ten que marcar un punto de inflexión para devolver a esperanza a este pobo
Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia desas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, van coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.
Nós, desde o Rianxo de Castelao, iremos en gamela ou en xeiteira, navegaremos de bolina, pero, coma os nosos valentes mariñeiros doutrora chegaremos a “TerraNova”.
Poñeremos os cimentos dunha terra nova na Nosa Terra.

Longa vida ao Irmán Daniel
Viva Galiza Ceibe

Rianxo, 10 de xaneiro de 2015







sábado, 27 de dezembro de 2014

Francisco Carballo, memoria de proxecto vivo


Estou seguro que neste intre o compañeiro e amigo Francisco Carballo esta ollándonos con ese sorriso beatífico tan característico, feliz de ver aquí xunta a tanta xente, diversa, que el quería e estimaba.
El foi toda a súa vida un bo e xeneroso, un santo laico, por iso estamos aquí rendéndolle unha merecida homenaxe de despedida.
El non gostaba da pompa nin do boato, por iso lle ofrecemos unha homenaxe sinxela, popular, dende o corazón.
Non gostaba de gabanzas pero somo nós os que temos a necesidade de ofrecerlle este adeus de recoñecemento. Estou certo de que Carballo apreciaría este modesto acto de recoñecemento como proba de que o seu labor foi fértil, que a semente non caeu unas pedras senón no rego, como el mesmo dicía hai ben pouco.

Eu coñecín a Francisco Carballo alá polo ano 76 ou 77 en Vigo. El xa era un home feito e dereito, pasara daquela a barreira dos 50 e chegara a Vigo uns poucos anos antes. En realidade, iso soubeno xa andado o tempo, os dous chegamos a Vigo máis ou menos a un tempo, polo ano 73, el con 48 anos e eu con apenas 11. Chegou a Vigo despois duns anos en Barakaldo onde conviviu con outros curas obreiros e abertzales –o que de seguro marcou un punto de inflexión no seu compromiso- e despois dun paso como reitor dos Paules en Salamanca decidiu voltar a Terra para loitar ao lado dos seus, ao lado do seu pobo. Tamén neste derradeiro transo repetiu o mesmo camiño e aqui descansará para sempre, fundido para sempre co seu pobo, na súa memoria, na nosa memoria.

Coñecino nalgún dos moitos actos que se celebraban na Asociación Cultural de Vigo da que el foi presidente un tempo. Naqueles ciclos de conferencias sobre historia, política ou economía de Galiza. Tamén nas Asembleas da AN-PG que alí mesmo se celebraban.
Aínda que levara só tres ou catro anos semellaba que estaba plenamente arraizado en Vigo e moi axiña gañou sona de grande persoa e de compromiso social e patriótico. Diante dunha xeración de rapazada nacionalista, que era o que abundaba daquela, a figura dun Carballo feito e dereito sempre animaba e daba confianza. Nunca deixou de facelo.

O compañeiro Francisco Carballo foi unha persoa de múltiples facetas: como cura, teólogo, profesor, historiador, editorialista e militante nacionalista.
Persoa de profundas conviccións, sempre mantivo lealdade ás súas raíces, populares e galegas. Viviu a súa fe como cristián de base, comprometido cos humildes, ao servizo do pobo oprimido, realizou unha creativa labor intelectual e unha intensa actividade cultural e política.
A súa actividade intelectual, como teólogo progresista simpatizante da teoría da liberación ou como historiador estivo sempre ao servizo da concienciación popular, para proporcionar argumentos para a loita contra todo tipo de opresión e, en particular, contra a opresión nacional.
A obra intelectual non era un mero exercicio académico ou para o conforto erudito. El entendíaa como parte da loita popular na teoría.
A súa contribución máis importante foi no eido da historia. Carballo entendía que o seu labor era axudar a deconstruír a historia escrita desde arriba, polo poder. El deuse como tarefa destapar os relatos falsos do poder, sexa o poder da igrexa oficial, sexa o poder das clases dominantes ou sexa o relato das nacións opresoras, como é o caso da historia mitificada da España oficial.
Carballo investigaba e escribía a historia para facer pobo e para construír nación. Había que dar a coñecer a nosa historia e desmontar a historia escrita polos colonizadores.
Por iso desde moi cedo formou parte do Frente Cultural da AN-PG e desde aí impulsaría aquela mítica Historia de Galicia, editada en 1979 e que fora secuestrada, en plena “modélica” transición, e pola que Carballo foi procesado e condenado a 6 meses de prisión ou multa de 20.000 pesetas, por cualificar de “asasinato” o asasinato de Moncho Reboiras. Logo seguiría escribindo e animando esa “escola” da historia nacional liberada das servidumes do poder, quer político quer académico.

Toda a súa actividade era intencionalmente política, como Presidente da Asociación Cultural de Vigo, como conferencista, como promotor d’A Nosa Terra en 1977 e presidente da súa editora, como candidato ao senado polo BNPG en 1977, na fundación do BNG en 1982 no que militou até o último minuto, colaborando en todo o que se lle pediu, mesmo como candidato en diferentes convocatorias electorais.
  
Foi sempre un nacionalista comprometido, optimista, de visión ampla, de vocación unitaria e maioritaria, de principios firmes, inimigo de calquera sectarismo, sempre soubo escoitar e foi sempre un defensor do entendemento fronte ao diferencialismo estéril.

Quixera rematar co que creo son algunhas das súas últimas mensaxes políticas que nos deixou nalgunha das entrevistas do último ano e que están cheas de sabedoría e intencionalidade.

Nunha delas dicía Carballo, “o nacionalismo galego ten moitos inimigos. A crise debe ensinar que cómpre perseguir a unidade e esa unidade ten que vir non da ideoloxía senón dun proxecto. Cómpre sensatez, non cabe seguir na fantasía, hai que vivir na realidade e é aí onde ten que construírse a unidade. Hai que establecer uns mínimos e deixar de lado aquilo que nos diferenza, levar adiante un proxecto realista, práctico, para aumentar a masa social. Sobra ortodoxia e falta ortopraxe”
Iso si, el insistía moito “non se trata só de gañar uns votos senón que ten que haber un proxecto e uns puntos mínimos para a unidade: Galiza é unha nación; Galiza está subordinada; Galiza precisa romper esa subordinación; Galiza precisa producir; Galiza ten que cultivar unha cultura propia fronte ao individualismo”.
Mellor condensado imposíbel.

Francisco Carballo, que viviu un século longo de grandes rupturas, grandes guerras, ditaduras, de progresos e devalos, e que foi até o último alento unha persoa moi informada e optimista, vía que estamos nun deses tempos de grandes cambios, tempos nos que cómpre esquecer o medo.
Dicía nunha das súas últimas gravacións, dirixíndose sobre todo a xente máis nova:
 “Hai que crear outro mundo, é posíbel!
Galiza ten que liberarse porque está subordinada e escravizada.
Os galegos están alimentados coas mentiras, coa falacia da indecencia.
Vivimos un mundo detestable pero cheo de sementes de vitoria.
Gañade colaboradores, non teñades medo, tede esperanza”

Hoxe somos todos carballistas.
Grazas Paco por todo o que fixeches, nós seguiremos o teu exemplo e faremos o noso. Estarás para sempre na nosa memoria, na memoria do teu Pobo.
Beizón e gloria ao compañeiro Francisco Carballo.

Maceda, 27 de decembro de 2014
Xavier Vence
 

domingo, 7 de dezembro de 2014

Contra a corrupción, o espolio e o centralismo: Democracia, Autogoberno, Soberanía

Contra a corrupción, o espolio e o centralismo: Democracia, Autogoberno, Soberanía

Hoxe non é un día para grandes conmemoracións pero si para renovar as nosas reivindicacións.
A Constitución do 78, nacida dun pacto cos poderes herdeiros do franqismo moribundo, tentou poñer cancelas á democracia e non nos recoñece como pobo, non nos recoñece como nación.
Por iso os nacionalistas daquela non a refrendamos.
Nós propoñiamos daquela outras Bases Constitucionais da Nación Galega para un pacto confederal.
Aproveito para render homenaxe ao compañeiro Francisco Carballo que nos deixou hai unha semana e a quen eu tivera ocasión de ver en Vigo participando activamente naquela campaña; eu que con 17 anos non puidera votar coma moitos dos que aqui estades.
Pídovos un caluroso aplauso de despedida para Paco Carballo.

36 anos despois seguen nas mesmas pero en descomposición e coas costuras rachadas e esfiañadas

O paso do tempo cargounos de razóns.
A degradación do réxime constitucional, trufado desde o principio polos vellos poderes económicos, polas vellas familiar do réxime, por unha xudicatura e uns poderes fácticos reacomodados, foi reproducindo cada vez máis claramente os vellos vicios da España cutre, castiza, carpetovetónica. A dos Rato, Aguirre, Aznar, Díaz Ferrán, Florentino, Arturo Fernández e agora coa guinda esperpéntica do “pequeno Nicolás”.

Hoxe hai moitas máis razóns para rexeitar un réxime constitucional dexenerado e corrompido desde a cúspide. Un réxime que se demostra incapaz para dar resposta ás aspiracións e ás necesidades imperiosas da sociedade.

Hoxe podemos comprobar que mesmo as promesas que contiña aquela Constitución en aspectos democráticos, sociais ou territoriais quedaron absolutamente desfigurados polo camiño.

A economía social de mercado é hoxe mercado desregulado dominado polos oligopolios e sometido aos caprichos das finanzas e os mercados globais.

Onde van os preceptos relativos ao control público dunha economía social de mercado ou a planificación pública da economía?
Onde van os dereitos sociais nominalmente consagrados como o dereito ao traballo ou a vivenda? Quedaron en mera retórica fronte a cruel lóxica dun capital especulativo.
A exclusión laboral, a precariedade e pobreza salarial, a pobreza rampante son actas de denuncia da letra morta constitucional.

Mesmo o dereito a unha saúde pública universal de calidade está sendo hoxendía posto en almoeda cos recortes e as privatizacións a beneficio dos lobbys empresariais amigos do PP e os fondos de investimento.

Que queda do proclamado sistema fiscal progresivo cando o 80% da recadación procede das clases traballadoras? Que queda dun sistema fiscal progresivo cando as grandes fortunas e as grandes empresas están masivamente en paraisos fiscais ou na fraude?

O corsé neoliberal imposto polos poderes económicos, por Bruxelas e polos acordos internacionais esganou calquera posible xestión democrática da economía.
A desregulación, liberalización e privatizacións puxeron a sociedade aos pés dos cabalos desbocados do mercado.
O que está claro é que todo iso non se fixo por decreto divino. As complicidades nese proceso son a expresión da verdadeira, da grande, corrupción, a de guante blanco e real decreto no BOE.

Que dicir da descentralización?
As promesas de descentralización para as chamadas “nacionalidades históricas” quedaron reducidas a unha descentralización da xestión pero sen capacidade real de decisión. As competencias inicialmente recollidas no Estatuto foron desactivadas e baleiradas de conteudo coas continua centralizacións cara arriba, cara Bruxelas e cara Madrid.

As timoratas promesas iniciais logo abriron paso a centralización. Si, outravolta a asfixiante centralización.
O recurso sistemático á lexislación básica estatal invasiva das competencias autonómicas forma parte dunha estratexia agresiva de recentralización que mata o autogoberno e cega calquera espectativa de avance por esa vía. A negativa centralista á blindaxe das competencias autonómicas evidencia unha vontade recentralizadora que pretende ir a máis.

As nacións, con Cataluña á fronte, reaccionamos. Hoxe Cataluña está convencida que non hai convivencia posíbel con ese españolismo centralista que, como a cabra, sempre tira ao monte.

Galiza, os nacionalistas galegos, non podemos consentir esa centralización que nos nega e nos espolia. Nós só podemos aceptar camiñar cara adiante, agrandar o autogoberno, de cara a soberanía. Pero desde logo non imos consentir que este país sucumba coa complicidade traidora dese mercenario amoral que ocupa a Residencia de Monte Pío.

Temos un país con potencialidades, con recursos humanos ben formados, con recursos naturais, hídricos, enerxéticos, con grandes portos, con aforro e non podemos permitir que esmoreza vítima de políticas miopes,  que no mellor dos casos ignoran os nosos intereses e polo común atráncannos e espóliannos .
Non podemos permitir que o país quede desertizado, vítima do avellentamento e a emigración;
que as terras fértiles queden abandonadas, a monte;
que as rías morran de toxinas por falla de saneamento;
que a electricidade emigre gratis a Madrid por esas arterias de alta tensión;
que o aforro fuxa polas veas virtuais dunha banca colonial;
que os cartos do noso consumo vaian directos a Madrid pola tubaxe da aspiradora das grandes cadeas do Corte inglés, Carrefour ou Mercadona;
que os nosos impostos vaian ás mans de Montoro para rescatar Bankia, o déficit tarifario, o burato de defensa, o rescate das concesionarias e para pagar por secula seculorum a débeda, a lexítima e a ilexítima dos bancos, convertidas ambas en santas e sagradas grazas á famosa reforma espress, aí si, do Art 135 da Constitución. Impostos de todos os galegos e galegas para encher o burato que deixan as grandes empresas e bancos que fuxen cos seus beneficios, con total impunidade, cara os paraísos fiscais.

Nós non estamos dispostos a consentir esta estampa da Galiza sumisa destes anos cutres de Feijóo que está posto aí como el mesmo di para no crear problemas a España”, para que Galiza non reaxa.
Pois que non o dubide, Galiza vai reaxir e revivir. Galiza pode ser un país de primeira e os/as nacionalistas imos ascendela a primeira.
Para iso temos que darlle a volta a ese centralismo que nos atenaza.

Está claro que sen soberanía financeira non pode haber autogoberno real. Trinta e seis anos despois de aprobada a Contitución e 33 do Estatuto resulta que padecemos o control da recadación fiscal por parte da Axencia Estatal. Pero as cousas van a peor nos últimos anos porque o goberno central reserva unha parte crecente do orzamento para si; impón teitos de gasto e de déficit que cercenan as contas autonómicas e municipais en tanto que reservan marxes moi superiores para o goberno central; un financiamento autonómico inxusto que fai que Galiza teña nos últimos anos unha balanza fiscal deficitaria a pesares de sermos unha das economías con menor renda per capita.
A recentralización é a vía máis clara para poñer o BOE ao servizo das grandes empresas, dos grandes lobbys. A recentralización de competencias e recursos é a porta grande para a gran corrupción, a corrupción VIP, de luva blanca, que é a que move fortunas á paladas.

En aplicación dese desenvolvemento Constitucional recentralizador desmantelaron as caixas a beneficio da gran banca, deixaron a Galiza sen o control sobre o 50% do seu sector financeiro. Aqui veñen todos os bancos españois a captar aforro ao 1 ou 2% e logo emigra para alimentar os mercados especulativos globais e o investimento noutras latitudes, en tanto que a nosa economía padece unha seca de crédito e un elevado prezo do diñeiro.
Asi se consagra o espolio do noso aforro, asi se vampiriza e estrangula a nosa economía.

En aplicación desa recentralización eles deciden o parón do sector eólico e deciden tamén o prezo da electricidade, cun mercado centralizado e deseñado á medida dos intereses do lobby eléctrico. O noso excedente de producción eléctrico beneficia a Madrid e as nosas empresas e familias non poden beneficiarse dunha tarifa eléctrica galega. Asi vemos como empresas electro-intensivas como Alcoa ou Megasa anuncian peches e regulacións de emprego.
Para que lle serve a Galiza ser excedentaria en enerxía eléctrica? Se pechan esas empresas aínda vai aumentar máis o excedente eléctrico e exportaremos máis a bó prezo para Madrid.

De que val que recibamos Fondos Estruturais ou de Cohesión se logo é en Madrid onde deciden o deseño das grandes redes radiais de infraestruturas a maior gloria dese centro convertido en burato negro de todos os destinos. E aínda por riba son as Grandes construtoras do lobby madrileño do PP as que fan o negocio e amasan fortunas con eles.
Asi medra o lobby do Palco do Bernabeu e engorda a cabeza da hidra dese centralismo que nos aferrolla e arruina.

Non podemos fiar o noso futuro aos mercenarios que están ao servizo dos grandes lobbies, que por esa vía cada vez engordan máis e se voltan aínda máis poderosos.
Estamos vendidos nas mans duns bandidos. Venderonnos en todas as negociacións con Bruxelas, na PAC, na Pesca, no Naval. A última acabamos de destapala estes días co asunto da prohibición “do xeito”, grazas que esta aí o BNG, coa grande Ana, para descubrilo, reaxir e resolvelo. Fixo máis esta delegación do xeito organizada polo BNG, con Dani Rodas e Adolfo Muiños, que todos os demais. O goberno central ou a Xunta nin estaban nin se lles agardaba. Banda de vendidos! Que pode esperar Galiza se non estamos nós para representar directamente os intereses colectivos deste país?

Por se as consecuencias socieconómicas da deriva constitucional non fosen abondo, vemos como se degradan tamén as condicións da nosa vida institucional, cunha democracia de ínfima calidade e como van debilitando o vigor dos nosos sinais de identidade colectiva.
A colonización informativa e comunicacional vai acompañada dun cerco sistemático á nosa cultura e a todas as manifestación e usos da nosa lingua.
A imposición naturalizada dese nacionalismo banal español vai acompañada da desprotección e esforzos de marxinalización e exclusión da lingua.
Aí estan os últimos datos do IGE que revelan unha caída de 6 puntos na porcentaxe de galegofalantes desde que chegou Feijóo e a constatación de que o 75% dos menores de 15 anos non usa nunca ou case nunca o galego.
E para maior escarnio e insulto temos que aturar que todo iso vaia parapetado detrás dese insidioso e mesquiño discurso da “imposición del gallego”. Levando ao estremo esa moda neocón da manipulación orwelliana da semántica.
Cousa esta que aplican até o delirio na estratexia de construír espantallos retóricos cos que entreter, despistar ou amedrentar á cidadanía.
O bronquismo e hooliganismo para tapar os debates, ese sacar a paseo falsas diatribas sobre violencia ou terrorismo, o intento de tapar a gran corrupción coa multiplicación da minucia, etc son outras tantas estrataxemas desta dereita conservadora, dereita extrema e agresiva, co obxecto de atordoar a opinión pública e mantela, maina ou indignada, pero alonxada do debate político real.
A corrupción da linguaxe e a corrupción dos medios de adoutrinamento é hoxe por hoxe a máis seria e perigosa das corrupcións porque busca impedir o debate democrático e a conformación dunha opinión política verdadeiramente libre.
Esa é a súa estratexia para destruír calquera esperanza da xente.

Teñen moito poder, teñen moitas armas... Pero non gañarán.
Darémoslle a volta.
Este país ten potencialidade e ten futuro
Esta sociedade está acurralada e amedrentada pero non está derrotada, non está rendida.
Reaccionará, reaccionaremos. Saíremos adiante. Faremos un país de primeira
Venceremos, venceremos nós.

Contra a corrupción, democracia
Contra o espolio, autogoberno
Contra o centralismo, soberanía
Viva Galiza Ceibe

Xavier Vence

6 decembro 2014