segunda-feira, 28 de novembro de 2011

A crise sen fondo na Galiza de Feijóo: ¿austeridade ou desleixo?

Nos anos 2009-2011 a economía móvese entre a recesión e o estancamento (o PIB amosa taxas negativas ou nulas en máis da metade dos trimestres), cae lixeiramente o consumo das familias e afúndese o investimento (Formación Bruta de Capital) de xeito continuado nestes tres anos; o índice de produción industrial caeu fortemente no trienio (con excepción do primeiro semestre de 2010). A caída é igualmente intensa na industria que na construción ou na produción enerxética; é algo máis moderada no sector primario e nos servizos, onde a tónica é o estancamento.

¿Gobernos técnicos ou Golpe de palacio das finanzas?: unha UE en malos pasos

O omnímodo poder estruturado arredor da alta finanza, os bancos centrais cinicamente cualificados como “independentes”, as servís institucións internacionais, as grandes corporacións globais dos sectores oligopolísticos e os grandes grupos mediáticos globais actúa como o verdadeiro poder que se impón e ningunea os demais poderes da sociedade, singularmente os que emanan da representación democrática da cidadanía, provocando unha inédita deslexitimación das institucións, da política e dos partidos gobernantes.


Sacrificados no altar das finanzas

Nos últimos tempos é tan trepidante o ritmo das noticias económicas catastróficas que resulta difícil non perder a perspectiva da secuencia que van describindo os feitos, esquecendo onde residían as causas e esquecendo tamén as medidas que foron adoptadas, as razóns dos que denunciaban o seu previsible fracaso, os motivos polos que a pesar de todo se adoptaron e como acabaron efectivamente en fracaso real. Do mesmo xeito pérdense no barullo todas aquelas medidas anunciadas pero que, sen que se diga e se explique por que, acaban non aplicándose nunca (control dos paraísos fiscais, control dos movementos especulativos dos fondos, das posicións curtas e en descuberto, das remuneracións dos directivos, etc., etc.). Europa, a cámara lenta, escenifica o fracaso catastrófico dun proxecto urdido sobre molde neoliberal; a lentitude da secuencia permite vivir con dramatismo e tensión cada paso, sancionado con roldas de prensa dunha Merkel e un Sarkozy que decidiron erixirse no comité central da eurozona ou... da grande banca e fondos da eurozona e, particularmente, da súa. Cada día que nos anuncian a bancarrota definitiva de Grecia é un día máis en que se nos escamotea a referencia á causa real e verdadeira da crise da débeda que non é outra que a burbulla de débeda acumulada durante anos por unhas finanzas especulativas así como por ter construído un euro e un Banco Central Europeo á medida das necesidades desa banca e non dos países da área euro, nin dos seus cidadáns, nin tan sequera do seu tecido produtivo.