sábado, 4 de fevereiro de 2012

Bipolar ou caleidoscópico?: A Asemblea do BNG contada aos nenos


Empezarei dicindo que teño a impresión de que nisto, como en tantas outras cousas, a diferencia entre o contado e a realidade é, por dicilo con mesura, considerábel. Máis aínda, teño a impresión de que case nada é o que aparenta.
Nin as diferencias son as que parecen ser ou se escenifican nin as afinidades son as que se representan ou proclaman. É certo que calquera relato, para que funcione e levante pasións ten que ser simple, aparentemente moi claro, con brancos e negros, con bós que son sempre bós e malos que sempre son malos. Pero resulta que visto con certo desapaixoamento, nin iso é asi, nin as posicións de cada quen son prístinas, nin seguen trazos lineais ao longo do tempo senón máis ben bastante sinuosos e cheos de reviravoltas. Nin uns acertaron sempre e os outros se equivocaron sempre –e viceversa- senón que, aínda que hoxe non o pareza, todos os grupos hoxe en disputa partillaron decisións, representación institucional, candidaturas electorais con resultados intercambiabeis, etc de xeito que se fai por veces forzado –certo que nuns máis que noutros- desentenderse á hora de partillar tamén as consecuencias e os resultados, cos seus éxitos –transversais- e os seus fracasos –tamén transversais-. Xa se sabe que é humano, demasiado humano, asinar os éxitos e abxurar dos fracasos.
Pero o certo é que as consecuencias dalgunhas decisións tardan un tempo en manifestarse e iso pode facer que aparezan como responsabeis os que lles toca colleitalas, foran ou non os causantes, ao tempo que os que por acaso xa non están ao frente poden reclamarse exentos de toda culpa. En idéntico sentido, non por recoñecer a touro pasado as consecuencias nefastas queda un libre de responsabilidade de ter participado na toma de decisións que conduciron aos fracasos, a menos que medie un claro exercicio de autocrítica.
De igual xeito, algo de relativismo compre poñer nos factores que tecen a conformación de cada polo. As afinidades tampouco son permanentes, nin tan siquera moi estábeis e duradeiras. Hai, como lle gusta dicir aos estrategas, unha xeometría variábel que muda no tempo –as veces en moi pouco tempo- con grande flexibilidade, o que fai pensar que se trata máis de movimentos tácticos que cuestións de principios. Os movementos de Máis Galiza desde unha alianza con APU, impoñendo a exclusión de EI, na anterior asemblea até a alianza in extremis con eles de cara a esta última é tan só un clamoroso botón de mostra. Máis aínda, que eses movementos de marcos poidan facerse sen grande dramatismo existencial revela en si mesmo que as extremas non teñen grandes gábias separadoras. E isto é, xustamente, para min, a primeira constatación e a máis crucial para entender o BNG e a súa asemblea: máis que un substrato bipolar o que hai é unha estrutural fractal, caleidoscópica, de beiras moi difusas.
Hai que recoñecer que as distancias e as diferencias son grandes ou pequenas segundo se miren co microscopio ou desde un pequeno outeiro. Mirados con detalle e detenimento cada ser humano somos unha realidade singular e irreductíbel, diferente a calquera outro. Nese sentido quédase curta aquela consigna dos troskistas cando dician que “dous son partido e tres organización”. Ben mirado habería que ir máis alá e, na mellor tradición xudea, recoñer que cada un de nós somos un partido e para iso nen sempre coherente e cohesionado e, desde logo, non eternamente inmutábel. Como din os xudeos de si mesmos, onde hai dous xudeos hai dúas opinións e que dúbida cabe que nós somos fillos da tradición e cultura individualizadora/socializadora xudeo-cristiana.
Polo tanto, o que mantén unido a un determindado colectivo humano é a fortaleza dalgún obxectivo común compartido. Canto máis ampla e variada sexa a lista dos obxectivos maiores serán os motivos de discrepancia. Claro está que a loita política hoxe, nunha sociedade complexa como a nosa, non pode estar definida e guiada por un único obxectivo, poñamos por caso a soberanía do país, por iso os factores de diferenciación e confronto son múltiples. O importante nesa tesitura é saber se hai un obxectivo suficientemente poderoso, por exemplo o citado, cuxa posición central e hierárquica é claramente compartida, de xeito que poida actuar de cemento suficientemente forte como para evitar a disgregación. Tamén é certo que a súa capacidade unificadora non pode ser infinita, remata no momento en que a súa forza centrípeta deixa de ser quen de contrarrestar as forzas centrífugas das demais diferencias. Canto máis alargadas e profundas se vaian facendo esas outras diferencias máis difícil será manter unida esa multitude. Por esa razón resulta pouco verosímil na nosa sociedade actual a convivencia nunha mesma organización de persoas con ideoloxías claramente de esquerdas e persoas con ideoloxías claramente de dereitas. Por iso, no BNG, por moito que algúns o desexaran e o formularan publicamente como desideratum, nunca houbo ese tipo de perfil. Efectivamente, algúns dirixentes con escasa formación política e no climax do pensamento único neoliberal da década pasada chegaron a ser cegados polo espellismo desa ilusión. E é certo tamén que ese delirio tivo consecuencias na percepción do BNG por parte dun segmento da súa base social e electoral, desafección que aínda perdura. Agora ben, ese espellismo desaparece coa crise do neoliberalismo en 2008 –de feito Quintana despregaría na campaña de 2009 un discurso contra o neoliberalismo e o capitalismo de casino, que resultaba pouco críbel despois do discurso anterior. A partir de 2009 a dirección do BNG desfai calquera equívoco posíbel nesa materia: somos nacionalistas  e de esquerdas, sen ambigüidades nin falsos acenos. Certo que unha parte da nomenclatura institucional aupada nese período non abandoou totalmente aquela ensoñación e, mesmo situados persoalmente na esquerda, viven aínda coa ilusión do miragreiro que sería se a auga e o aceite puideran realmente misturar.

Feita esa contextualización, paso a facer a miña radiografía do BNG e da  súa XIII asemblea que tanta tinta leva gastado xa na imprensa e na internet.

1.     Bipolar ou caleidoscopio?.
Nesta XIII asemblea apareceu escenificada unha bipolaridade, arduamente construída por algúns nos últimos tempos, que, ao meu ver, representa de xeito moi imperfecto –e nocivo- unha composición interna moito máis rica en matices. Nin os polos conformados son internamente homoxéneos nin tampouco simetricamente diferentes do polo que queda enfronte. Eu vexo un BNG cunha riqueza  cromática moito máis ampla, como un continuum que aínda cando se estruture eventualmente en grupos, a súa realidade interna non define bloques estancos internamente homoxéneos senón que cada un deles reproduce en boa medida esa variedade cromática que, polo tanto, en parte se superpón ou intersecciona coa dos outros grupos.
Esa riqueza cromática deriva -alén de talantes e talentos- dunha ampla gama de combinacións e cruces nos dous eixes que definen o BNG: nacionalismo e esquerda.
No eixe nacionalista conviven desde independentistas até autonomistas pasando por unha gama de posicións intermedias que se cualifican de soberanistas, defensores do estado plurinacional e mesmo galeguistas “agnósticos” que militan no BNG non tanto por nacionalistas como por compartir outros valores (ecoloxismo, esquerda real, etc).
No eixe ideolóxico esquerda-dereita tamén hai unha grande variedade cromática que vai desde unha esquerda anticapitalista, unha esquerda antineoliberal, até algúns social-liberais pasando por altermundialistas e socialdemócratas. Ao mellor mesmo algún social-cristián.
Cando cruzamos os dous eixes vemos que as combinacións son múltiples. Polo tanto, ao redor dun gran núcleo central soberanista e antineoliberal hai toda unha constelación de perfís realmente ampla. E, como dicía, esa riqueza cromática non se da só entre a ampla e maioritaria masa de afiliados non adscritos a grupos senón que se da tamén, en proporcións diferentes, dentro dos propios grupos organizados. Todo o mundo recoñece a variedade cromática dentro dos Irmandiños ou Máis Galiza (onde entre outras avenzas está o PNG, Inzar ou Esquerda Nacionalista); pero é que tampouco a UPG é monolítica nin moito menos –aínda que sexa disciplinada-. E desde logo non o é cando artella a APU; como tampouco o é o MGS, embora polo seu tamaño poida ser o máis homoxéneo.
Aínda que cada un deles teña un centro de equilibrio propio, arredor dese centro hai unha gama de matices que en boa medida se solapan con perfís homologábeis noutros grupos.
Xusto por esa realidade caleidoscópica e polo cemento que constitue o arco da vella que caracteriza o universo de non adscritos a grupos é polo que eu considero pouco verosímil que se dean condicións para unha escisión organizada.
Que nunhas circunstancias determinadas se conformen dúas (ou tres) grandes opcións para un tour de force interno non quere dicir que exista unha liña divisoria diáfana con bloques separados e internamente cohesionados como para emprender un proxecto por separado que rompa a unidade na diversidade hoxe existente. E, menos aínda, que o eleitorado puidera entendelo. Cousa en absoluto diferente sería se alguén, seguramente desde fóra do BNG, for quen de crear unha opción de centro/centro dereita galeguista. Iso é algo que xa caería fóra do campo de que estamos a falar e moitos nacionalistas de esquerda celebrarían que ese outro polo tivese azos para nacer/renacer porque axudaría a nacionalizar o debate político e romper o monopolio do PP no espazo da dereita.

2.     Esa mesma diversidade caleidoscópica trasladase ás votacións que tiveron lugar na Asemblea, tanto nas votacións de enmendas ás ponencias como nas diferentes votacións para elixir os órganos de dirección, portavoz e candidato á presidencia da Xunta.
Aínda que no último tramo do proceso asemblear se conformasen dúas grandes opcións (e unha terceira moi minoritaria) que pretendían disputarse a hexemonía interna e iso acabou forzando á militancia a unha incómoda e, en moitos casos, dramática elección. Aínda que cada unha das dúas (tres) opcións foran quen de conformar un núcleo duro máis ou menos incólume nas tres votacións finais, o certo é que probabelmente houbo máis cruces de voto do que permiten supoñer as simples comparacións de datos agregados. Explícome. Non todos os que preferían a Jorquera de candidato tiñan a mesma preferencia para a portavocía nacional; non todos os que querian a Beiras de portavoz tiñan a mesma preferencia pola equipa que o acompañaba para a executiva e o consello nacional. Non todos os que apoiaban a Aymerich para a súa candidatura tiñan igual querencia por apoiar a Beiras a portavocía. Non todos os votos da terceira lista (MGS) foron de adhesión como tal senón que puido ser escollida de xeito instrumental para evitar dar un apoio a unha das outras dúas, tentando evitar unha maioría neta de calquera dos outros dous na primeira votación. E todo iso porque, para alén de preferencias ideolóxicas ou distancias máis ou menos marcadas con uns ou con outros, hai unha parte do BNG que actuou e votou orientada pola prioridade da unidade e a integración. Como puido verse en numerosas intervencións ao longo das diferentes sesións.

3.     O proceso asemblear último, levando ao extremo a bipolarización, evidencia os riscos do modelo organizativo actual para garantir a cohesión. Como dicía, o BNG é un calidoscopio pero non por ser suma de partes estancas senón pola transversalidade das súas variedades cromáticas, con gamas que se solapan nos diferentes grupos organizados e, sobre todo, pola masa multicolor que actua de cemento. O problema é que esa masa multicolor foi tensionada e inducida a posicionarse polarizadamente nos tres últimos anos (asemblea de delegados de 2009, eleccións de candidaturas municipais...), o que en si mesmo constitue o principal erro cometido polas elites dirixentes nos últimos anos e que, desde o meu punto de vista, pon á luz un dos riscos que permite ou favorece o actual modelo organizativo.
Visto desde fóra o BNG é máis homoxéneo e coherente do que moitos desde dentro parecen percibir. Outra cousa é que as loitas polo poder inherentes a todo grupo político acaben cristalizando estruturas separadas, organizadas para disputar esa hexemonía. Agora ben, iso é máis o resultado do propio modelo organizativo que unha espresión de diferencias estratéxicas fondas. Non é que non exista variedade de gamas internas, como dixen, senón que a súa estruturación en grupos pode responder máis a dinámicas de disputas de poder que a programas ideolóxicos. Asunto ben diferente é que logo calquera grupo para cohesionarse precise dotarse dun corpus teórico diferenciador, exacerbando no discurso diferencias programáticas que en moitos casos son espúrias e, seguramente, non compartidas por todos os que se poñen detrás de cada pancarta. O problema é que as palabras e as consignas cárgaas o diaño, de xeito que o que foi lanzado cun fin instrumental por algún líder acaba collendo vida propia na cabeza de moitos seguidores.

4.     En todo caso, esta Asemblea falou clariño da necesidade de equilibrio e de integración. Gañou quen gañou -limpa e democraticamente- pero ningún dos grupos organizados pode dicir que quedara mal posicionado ou descolocado. Unha executiva 7-7-1 é a expresión matemática desa vontade. O erro sería que os electos á fronte de cada candidatura esqueceran o mandato da asemblea. Tanto se persisten en prolongar a escenificación das tirapuxas como se utilizan a súa representación para apaños entre as cúpulas dos grupos organizados corren o risco de escorrentar tanto a militantes como a electores.  Do meu punto de vista o verdadeiro risco non é a escisión, que estou seguro que ningún dos dirixentes con perspectiva histórica se atrevería a protagonizar, senón que o verdadeiro risco é o goteo. E o goteo pode ter máis que ver co fastío das liortas internas sen sentido estratéxico que con grandes discrepancias políticas ou ideolóxicas.
5.     O sentir da base militante do BNG e da súa base social é que xa está ben de “cópulas na cúpula” e compre poñer toda a enerxía e intelixencia na batalla cara fóra, ofrecer alternativas á crise e gañar ao PP. Nese sentido, do meu punto de vista, esta Asemblea pecha un ciclo de re-acomodo despois do devalo 2001-2009, reacomodo que empezara de xeito atropelado e pouco madurado na Asemblea de 2009. Nela consolídase unha ancoraxe clara nos principios do nacionalismo soberanista e da esquerda antineoliberal, concretados nun desenvolvemento programático pragmático, como recollen as ponencias con todas as enmendas incorporadas. Cos documentos aprobados o BNG situase con clareza pero con realismo diante dos profundos desafíos que presenta o fracaso do proxecto neoliberal a nivel global e europeu e tamén diante da onda agresiva do neocentralismo. Son os piares necesarios que os tempos que vivimos reclaman, porque non son tempos de falsas alegrías nin de amábeis contrincantes. Son tempos de deterioro profundo das condicións económicas, de crise social, de crise institucional e de recrudecimento da agresividade neoliberal. E, no que a nós nos afecta como nacionalistas, son tempos de profunda regresión no autogoberno e no respeto aos sinais de identidade colectiva. Polo tanto, non son tempos de contemporizar cos de enfronte. Pola contra, son tempos de usar toda a intelixencia e flexibilidade para acumular forzas e alargar alianzas para poder vencer nesa confrontación. O que desde logo non son tempos é de rifar ou dividir. E menos aínda de caer en frivolidades. Son tempos de unir forzas para traballar cara fóra, para facer chegar á sociedade unha alternativa de solucións e esperanza fronte á negrura dos xinetes da estratexia do shock.

21 comentários:

  1. Eu estiven alí e a túa análise paréceme boa en xeral.

    ResponderEliminar
  2. grazas pola analise, constructiva e con ideas para a reflexion.
    Gustariame ver ao BNG tan forte como estaba a meiados dos 90! desta volta o vento non sopra en popa pero todavia hai moitas ideas no noso programa que son ben fermosas.

    ResponderEliminar
  3. Obrigado por esta análise tan demorada e non tan para nenos. Ás veces dubido se esa estrutura fractal da que falas é unha virtude ou pola contra unha pexa, en calquera caso coincido en que se o BNG quere ser unha alternativa real o tempo de rifar e dividir ten que ficar atrás. Non sei se o soberanismo é o cemento que poida amalgamar todo isto, pero para min, como a esquerda é a auga, o soberanismo é a area necesaria para esa mestura sobre a que construír. Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Estou moi de acordo en que a estrutura do BNG forma parte fundamental do problema. Pero non se ve ningún movemento de corrección desta eiva, máis se vén dando o contrario durante toda a vida da fronte. Esa estrutura non serviu para unir, senón para dividir. De todos os xeitos, o ruxe-ruxe que se escoita por aí fóra é que finalmente a escisión é inminente.

    A túa análise é moi interesante, pero ben se ve que en poucos días formará parte da historia. Haberá que reformulalo para que a(s) parte(s) que abandonen a fronte sexan quen de construír unha organización que sintonice cos intereses e a aquiescencia das camadas sociais agredidas pola desfeita neoliberal e neocentralista. Volverémenos ver tod*s aí, o que non sei é se coa lección aprendida.

    ResponderEliminar
  5. Parabéns polo texto. Teño discutido moito sobre as actitudes e comportamentos dalgúns dentro do bloque, fóra de discusións ideolóxicas e de reflexións de fondo político. Coido que o BNG queda ben definido na túa análise mais hai que ter en conta toda a artillería coa que conta o enemigo, coa axuda de resentidos que ocupan o tempo en facer dano e dos iluminados que se reinventan cada día para tratar de presentar un proxecto alternativo.
    É tempo de unir forzas, construir e resistir. Esta crise buscará unha saída social e o bloque ten que estar aí cando chegue ese día.

    ResponderEliminar
  6. Expléndida análise... Non me apuntei á asemblea porque estou farto de loitas internas mal explicadas... Non penso abandonar o barco...mentras o país que eu soño en galego exista...Eu tamén considero importante que naza un partido de centro nacionalista...pero eu son de esquerdas... Non serei eu quen abandone a esquerda para facelo...

    ResponderEliminar
  7. Magnífica análise, debería ser de lectura obrigada entre toda a militancia, simpatizantes e moitos votantes. Parabéns.

    ResponderEliminar
  8. "Os movementos de Máis Galiza desde unha alianza con APU, impoñendo a exclusión de EI, na anterior asemblea até a alianza in extremis con eles de cara a esta última é tan só un clamoroso botón de mostra..." Onde viches isto Xavier? Eu en ningures, e non estou nas quimbambas. Se daquela EI apoiara a +G, en vez de fuxir, a historia do BNG sería outra: tivo a chave na súa man e no soubo que facer con ela. Mágoa.

    ResponderEliminar
  9. Non concordo absolutamente ca meirande parte das cousas que dis. Imos ver, se dis que Quintana era neoliberal, manda carallo na habana, e a corriente de +Galiza é a que a xente da U chamaba hai catro anos "quintanista", cando a APU pactou en certo senso con eles tamén significou cos polos se atraen?... Non eran os da APU que clamaban por unha asablea cunha lista única???? Lembroche que no bloque está o PNG, que é un partido liberal.

    Non dis nada do mintireiro de Rafa Vilar, que dixo que non pactaría ca U na asemblea, e que na segunda votación pediu expresamente o voto para a UPG... digamos que a APU ten 8 cadeiras e +Galiza e EI teñen 7. Rafa non vai morder a man que lle da de comer. De todolos xeitos a votación perdeuse pola desafeción das bases que non apoian a U, que son os que levan anos largándose do BNG (non os catro gatos de Primeira Linha e Nos-UPG). Igualiño cos cabalos percheróns a U non quere mirar cara os lados. A xente anda farta de sectarismos upegallos, o domingo que foi o día que mais xente votou foi o 25% da militancia, unha merda de porcentaxe. Iso sí, gañou lexítimamente, e iso ninguén, absolutamente ninguen pode discutirllo.

    Soberanista???? Tendo en conta que a porcentaxe de votos do BNG baixa en cada elección, a asemblea pensa que isa é a nova aposta... manda carallo na habana. A casa non se pode comezar polo tellado, construámola polos alicercer.

    O problema Beiras-Paco (PSG-UPG) foi o que se viu a pasada fin de semana, é un problema de egos, diferenza organizativa pero EI e a UPG teñen poucas diferenzas (EI é mais troskista e a U abertamente Stalinista). Pero +Galiza representa outro tipo de nacionalismo, que non sataniza ao traballador autónomo, chamado dende moita xente da U como "pequeno burgués", e que aposta por un nacionalismo socialdemócrata de verdade, e unha apertura cara a sociedade para conquerir o poder na Xunta, non para ser a comparsa do PSdeG. O nacionalismo galego é nun senso básico como o español, sentímonos parte dun país pero temos diferentes puntos de vista. O modelo de fronte estivo ben, pero ten que nacer outro partido cunha vocación mais aberta á sociedade, porque o nacionalismo é plural. Se en Euskadi e Catalunya hai varios partidos nacionalistas, por que non eiquí?

    As bases dese nacionalismo son as que nin quixeron partillar desta asemblea porque están fartos, fartos das purgas ideolóxicas, fartos dos insultos, fartos de escoitar frases como as que escoiten "xa está toda a tripulación, agora que marchen as ratas".

    Cun ambiente como o que hai, o mesmo co que a propria U non alenta en absoluto a rebaixar, é moi difícil convivir. Todos cometemos erros, pero hai cousas que non poden seguir igual.

    ResponderEliminar
  10. Hai moitas afirmacións nas que non estou de acordo contigo.
    Hai diferentes maneiras de entender a sociedade galega.
    Hai cada vez máis xente que denunciamos as contradicións dos sectores comunistas na súa práctica política.
    Somos cada vez máis os e as que non aceitamos a bandeira coa estrela comunista, nin os puños en alto, nin os modelos cubano, venezolano...
    Etc. Etc.

    ResponderEliminar
  11. Con todos os respectos, non concordo. Entre outras cousas, interpretar a tremenda división que se vive no nacionalismo como un problema de cúpulas é obviar ou descoñecer a realidade do BNG en practicamente tódalas comarcas do país. O tempo non tardará nada en corrobar isto. E, por moito que nos lamentemos, aquelo de "Máis BNG e menos partes" que nos ilusionou a algúns naceu e morreu co tempo de Anxo Quintana á fronte do BNG. E non precisamente por responsabilidade de Quintana nin dos que o apoiaban.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non é certo que iso de "Mais BNG e menos partes" nacera e morrera con Quintana. Esa expresión foi utilizada por vez primeira nos documentos públicos editados polas candidaturas de militantes non adscritos que concurrimos á X e XI asembleas nacionais (estan escritos). Sí e certo que o conceito morreu con Quintana e especialemte cando o asumui como propio unha corrente organizada que nunca o praticou.

      Eliminar
  12. Que uma análise mantenha uma estética racionalista, e esta certamente a mantem, não a converte em boa em todas as suas partes. Sobretudo quando as análises, mais que explorarem a realidade, estão ao serviço de ideias preconcebidas: neste caso, parece que a união por cima de tudo.
    Ainda que o Xavier Vence seguramente tem muita razão ao diminuir a magnitude das diferenças entre os grupos do BNG, cumpre não esquecer que estas diferenças se alargam muito fora do BNG, nessas grandes minorias conscientes (a Galiza que quer ser) que procuram (ainda) os seus referentes políticos dentro do BNG.
    De todas formas, será a história (esperemos que imediata) a que validará a análise como correcta ou não, nos seus aspectos preditivos.
    Não sei se a actual amalgama benegueira seria capaz de acoplar-se, por exemplo, com as tendências horizontalizantes que começam a aparecer na nova sociedade, ou contrarrestar a brutalidade que vem dos diversos amos do mundo, simplesmente duma óptica de nacionalismo conseguidor, século XX demais. Não creio que o actual BNG de para muito mais.
    Desde certa discrepância, obrigado polo contributo.

    ResponderEliminar
  13. Superficial, non deixa de ser unha análise superficial que fica no formalismo como así será calquera análise que obvie que o bando vencedor desta XIII asemblea é o bando da burocrácia interna, núcleado ao redor do partido guía que se sinte propietario da organización, o bando no que militan a inmensísima maioría dos que viven e comen do BNG ou aínda dos nunca viviron doutra cousa que non fose o tinglado organizativo BNG-CIG e todos con todos os seus chiringos, desde a sede nacional aos FESGA, FRUGA... Quen non sexa capaz de analizar que o modelo organizativo (caleidoscópico no ideolóxico) formal o que esconde realmente no seu seo é o modelo real (onde os profesionais do partido guía e apéndices,o "aparato", os propietarios fundadores, confrontan aos amadores, amateurs...) ou non é capaz de ver nada ou pretende ocultalo. No fondo, un conflito larvado de castas internas e formas de vida. A biografía do Jorquera, un individuo que nunca coñeceu outra forma de vida que non fose o vivir do BNG (primeiro liberado nacional do BNG, alá polo 89/90) exemplifica a natureza do seu bando, partido, seita e tinglado.

    ResponderEliminar
  14. Pareceme que o artigo contribúe intelixentemente a coñecer mellor quen somos no BNG, ao marxe de que cada quen coincida en maior ou menor medida cas visións nel expresadas, e penso tamén que cos tempos negros que estamos vivindo, coa que está caendo e coa que amenaza aínda de caer se non o impedimos, xa é moita hora de dedicar o mellor das nosas enerxías a dar a batalla cara a fora, buscando na práctica política da movilización e organización de masas todas as confluencias posibles para crear alternativas e procurar solucións

    ResponderEliminar
  15. Moitas persoas dunha "banda" e máis da outra, están completamente de acordo coa necesidade de aglutinar forzas para defender o país. Concordo coa visión fractal da organización e sobre todo na coincidencia de moitas persoas que, dada a situación actual, están optando por un "modelo" ou por outro. Creáronse fronteiras como as de África, artificiais, pero que fenderon a organización de arriba a abaixo. Agora que xa quedou demostrado que é preciso borralas non é tan doado porque a realidade é que hai unha minoría que as utilizou e as utiliza para as loitas de poder e non vai renunciar a elas así que parece que van seguir vencendo os comportamentos negativos a pesares das demandas, a gritos, dentro e fóra, de cambiar de actitude. Estamos de acordo, si, pero iso agora como se demostra? Como se materializa? Como se pasa do discurso á práctica? Non sei se a actual dirección será capaz ou simplemente serán os responsables da desaparición do BNG.

    ResponderEliminar
  16. É uma análise certeira na forma, mas não falas do que verdadeiramente creba a confiança: a atitude de uma das partes do BNG com os que não considera "dos seus". Ou é que ti acaso não o viviste quando aqueles se negaram a apoiar listas à reitoria na USC por não estarem eles nessa lista, porem sim os "outros" nacionalistas? Ou é que não dinamitaram os Comités quando não os podiam controlar? Concordo que não há essencialmente um problema programático, mas "de atitude", de respeito e de aceitação que nalgum momento a outra parte do BNG poida controlar a organização ou organizações. Ou que se passou com a Mesa quando houve há alguns anos o "desembarco" para a controlar? P.ex. resulta sintomático que CCOO e CiG tinham um acordo para alternar um liberado como responsável da Mesa. Alguns consideraram que só podia ser da CIG. E que intentaram no SLG? E o que fizeram na CIG após a integração "arrasando" com todos os da INTG? E o que se passou na ASPG? E.... Pode o BNG só medrar relacionando-se com o seu âmbito? Acaso não deveria de chegar o nacionalismo a acordos com outras organizações não-nacionalistas pelo bem do país?
    Há um problema de "talante", de consideração "dos outros" (já nem só dos outros do BNG, mas dos outros do País), de medrarmos na intolerância e mesmo no ódio aos que não pensem como nós. E isso leva a uma possição de ressistência, de mirarmo-nos a nós mesmos, de ensimesmar-se... Não é isto uma boa falta de cimentos internos?
    Eis a verdadeira razão da escisão que está por vir. Não é programático, mas de carácter.

    ResponderEliminar
  17. Bo artigo Xavier. É unha mágoa que moita militancia non o entenda como podo ver nos comentarios. Eu comparto practicamente todo o que dis porque como afirmas, hai máis que nos une (me une)que o que nos separa. Falta de estratexia, falta de intelixencia política... Esas diferencias resaltadas dende +gz, ei, mgs e en gran medida por ApU fixeron o que ti ben afirmas que houbera unha masa de anti-upg que están máis preoucupados en batallar co compañeiro que en facerlle oposición ao PP. Líderes sen cargo político nen altura política que ven na escisión a cura a todos os seus males. Eu dígovos que os feitos fan as persoas e que en política, vos definen como o que sodes: interesados. Veña ide indo...

    ResponderEliminar
  18. Trátase dunha reflexión moi interesante e necesaria. Entendo que escrita sen mais pretensións que axudar a reflexionar, cuestión que en si mesma xa é abondo meritoria, nomeadamente nos tempos nos que moita xente fala dende a aparente posesión da verdade absoluta. Certamente "as palabras e as consignas cárgaas o diaño", ogallá os principais responsabeis das correntes (centrífugas) teñan capacidade e vontade de esconxuralas a tempo. Dilapidar o traballo construído con tanto esforzo e por tanta xente anónima non pode dilapidarse agora. Faise imprescindible fomentar a transversalidade entre todas as partes e estratos da organización. Ogalla nos dean o tempo.
    Un saúdo e moito ánimo.

    ResponderEliminar
  19. Como descrición non é desacertado. Porén, ao meu xuízo, un problema no menor que padece o BNG é o empeño, por parte dalgúns, en establecer internamente, unha especie de “loita de clases”, baseada nunha morea de prexuízos (xa que logo, sen base e coñecemento real da composición do propio BNG e da sociedade galega, en xeral). A miúdo, pídense, por parte do chamado sector “oficial”, propostas programáticas alternativas, mais trátase dunha demanda imposíbel, pois as discordancias internas, apenas proveñen de aí, senón de formas de actuar e relacionarse entre si, os membros do propio BNG, así como dentro da sociedade galega. Ti mesmo, Xavier, por moito que esteas próximo á ideoloxía da UPG, nunca confiarán en ti, porque para eles non es máis que un “burgués”. Instalouse unha especie de obreirismo, que obra por prexuízos, resentimento e por cuestión emocionais de variado tipo … O mal do BNG hoxe é unha cuestión de pel, difícil de superar e de describir. Falan de proletariado como algo asumido por quen así realiza tales proclamas e diríxense aos demais como se de burgueses se tratase. O máis curioso é que os primeiros de “obreiros” non teñen nada. Decote son profesores, cun soldo a fin de mes e ben acomodados (do cal me alegro, por suposto), mentres os supostos “burgueses”, pois ou son traballadores ou desempregados, … Resulta irritante, a verdade. De aí que Beiras, sexa coñecido co alcume pexorativo de “O pianista” e cousas polo estilo … En fin, reminiscencias de inxustos padecementos infantís e/ou adolescentes. Atraso e prexuízos. Tod@s, independentemente da nosa procedencia social comprendemos algún día que as clases sociais en Galiza son, certamente difusas e confusas; moitas veces, os trazos separadores proveñen pola adhesión máis ou menos tardía ao idioma castelán, por parte dos nosos devanceiros; pola acomodación destes aos parámetros sociais ben vistos e instalados no País como positivos para o ascenso social, … Suponse que cando un/unha nacionalista adopta tal postura ideolóxica é que comprendeu e integrou este tipo de cousas, produto do asimilismo español; que asumíu radicalmente certos postulados que implican a autorredención do pobo galego, … Mais algúns seguen ancorados en traumas da súa tenra infancia (aínda que tamén hai quen tenta sandalas coas características propias do “novo-riquismo”, que de todo hai na viña do señor …). Con estes vimbios da autonomeada “intelixencia galega”, non hai maneira de saír do burato. E a interna e artificiosa “loita de clases” segue a campar presa dos propios fantasmas … Así non hai maneira de ir cara ningures.
    Non se pode loitar contra todo e contra tod@s ao mesmo tempo

    ResponderEliminar
  20. Parabens Vece pola túa análise, penso que estás ben acertado. Os do PP estarán encantados mirando como dende dentro do BNG lle fan o traballo. A ver se nos deixamos de liortas e os que realmente se sinten identificados co nacionalismo empezan a falar cara afora dos problemas do país, e que teñan coidadiño non ser inxénuos pensando que a cando deixen de criticar os compañeiros a prensa lle vai prestar as mesmas páxinas.

    ResponderEliminar