sexta-feira, 1 de junho de 2012

MAFO, o centralismo cruel e nós

MAFO marcha humillado e denigrado polo PP. De súpeto, o PP descubriu que non xestionou ben a crise bancaria española e decidiu impedirlle mesmo facer uso da palabra diante do Congreso.
Certamente, o plan de reforma do sistema financeiro español foi un fracaso se do que se tratara con ela fose sanear as entidades con problemas dixeríbeis e reconfigurar un sistema financeiro nunha dirección apropiada para servir de soporte á economía produtiva. Desde o FROB de 2009 até os cinco -si cinco máis- decretos que foron remendando con novos detalles o longo proceso empezado en 2009, non serviron máis que para conducirnos até un 2012 no que os problemas estritamente financeiros están por resolver; os problemas de fondo do sistema financeiro español seguen podrecendo nos balances dunhas entidades zombies que ao lixo inmobiliario e a degradación de activos foron engadindo unha integración complexa en entidades de tamaño ciclópeo que, mesmo de ser feita en condicións normais, tería sido moi difícil. O certo é que o resultado desa parte remexida do sistema acaba sendo de creba técnica xeneralizada. Polo tanto, se aquel fora o obxectivo das reformas habería que concluír que o resultado foi certamente un calamitoso fracaso.

Nese caso habería que dicir ben claro que á hora de repartir culpas somos poucos os que estamos lexitimados para facelo. Efectivamente, toda a reforma desde o FROB en diante foi pilotada polo Banco de España pero feita e aprobada co consenso de PP e PSOE. Polo tanto, o PP non está lexitimado para eludir a súa responsabilidade en todo o que se veu facendo baixo a batuta de MAFO e tan só cabe interpretar a súa actuación actual como unha manobra para gañar certa indulxencia, desviando a responsabilidade cara unha persoa que, por outra parte, está amortizada e a punto de rematar o mandato. A maiores, a pesares da súa entrega sistémica, é militante do PSOE, así que, operación redonda. MAFO bebe a cicuta da man cínica e desapiadada dun PP mestre á hora de atopar chibos expiatorios que purguen as culpas propias ou compartidas.
Porén a realidade das cousas é máis sibilina e insidiosa. A cuestión que razoabelmente cabe colocar nesta altura é cal era a verdadeira motivación que guiou o proceso posto en marcha en 2009, centrado, como sabemos, nas caixas de aforros.
O acontecido nesa curta pero densa e turbulenta historia ten outras claves de lectura plausíbeis. Claves que non é algo que resulten totalmente sorprendentes a posteriori senón que algúns as denunciamos a priori. Fronte ao discurso proclamado, o proceso lanzado a principios de 2009 tiña unhas motivacións inmediatas e centrais diferentes do saneamento das entidades máis expostas ao ladrillo. Efectivamente, o obxectivo central nesa altura era desmantelar o sistema de caixas, entregar o seu mercado á grande banca e quitar do medio ás Comunidades Autónomas, con competencias exclusivas sobre o sector das caixas e ningunhas sobre a banca. Isto foi masivamente enmascarado polos medios de comunicación pero foi abertamente anticipado e denunciado desde o primeiro momento por algunhas plumas como a do que subscribe. Esa motivación menos “patriótica” é a que explica a obvia estupidez de xuntar nunha mesma entidade un montón de entidades con problemas, como se a simple suma tivera virtudes curativas, cando en realidade auméntaos, escálaos. Máxime cando todo iso se fai coincidir coa en si mesma complexa fusión de entidades con equipos, intereses e culturas diversas. Todo ese despropósito só é explicábel na medida en que non se tentaba resolver os problemas técnico-financeiros das caixas senón acabar con elas e de aí as formas, os contidos e os ritmos do proceso pilotado por MAFO. O obxectivo era máis político que outra cousa e iso marcou todos os pasos. Por iso, non tomaron medidas de alcance cos activos inmobiliarios, nin fixeron as remudas necesarias nas equipas directivas, nin pediron responsabilidades, nin regularon como sería de esperar as remuneracións, etc, etc. Tratábase de conseguir a complicidade e colaboración dos que estaban á fronte das entidades no desenvolvemento do proxecto político pilotado por MAFO. O certo é que na medida en que os problemas técnico-financeiros –e de dirección- non se resolveron, o paso do tempo o único que fixo foi agravalos.
Agora non fai falta ser un visionario para entender que, con pequenos rodeos e complicacións imprevistas -non pequenas-, tanto uns como outros foron executando a folla de ruta marcada desde algúns anos atrás pola gran banca, Botín e González. Xa o dixo hai poucos días Botín: “la reestruturación fue un éxito y está muy bien orientada”. Do que se trataba -e do que se trata- é de que ao final de todo o proceso a posición de hexemonía dos dous grandes bancos fose total e de que Madrid tivera outro gran banco da súa elite castiza (os cataláns pola súa parte traballaban desde hai tempo para ter as súas propias marcas e de feito teñenas: Caixabank e Sabadell). Neste momento están a piques de conseguir a súa ansiada posición de oligopolio perfecto, aínda que a gravidade das desfeitas que tiveron lugar polo camiño tiveran un efecto devastador para a economía galega e española e mesmo lles puideran ocasionar algún rascuño transitorio a estas entidades. Os acontecementos imprevistos coa crise da área euro desluciu, atrancou e mesmo atrapallou todo o proceso.
Desque a gran Banca e MAFO puxeron en marcha o proceso de desmantelamento das caixas de aforros da man do FROB, co apoio do PP e PSOE, aconteceron moitas cousas. Moitos avatares que con todas as viravolta e intrahistorias poden facer perder a perspectiva do proceso de fondo. Tampouco as cousas sairon redondas porque polo medio o corsé do euro, as dificultades de financiamento da débeda, a prima de risco e todas esas intriquinencias fixeron que o proceso se fixera máis complexo do esperable e moito máis difícil de xestionar. Pero aínda que sexa con raias torcidas e demorando máis do desexábel o proceso vai seguindo as liñas mestras. O proxecto centralizador vai adiante aínda que sexa a custa dun alto prezo para todos nós.
MAFO foi un fiel servidor da estratexia que tiña esas dúas grandes liñas mestras: concentración bancaria e centralización total do sistema, como era o desexo da gran banca e o sedicioso magma centralista madrileño. Entregar todo o mercado español para un número reducido de grandes bancos e, sobre todo, quitar do medio ás comunidades autónomas que antes tiñan gran poder sobre o 55% do aforro e o crédito.
MAFO, fiel ao seu recalcitrante españolismo madrileño, fixo todo o posíbel nesa estratexia, cumpriu o seu papel. Tamén fixo o posíbel para que o grande burato do sistema, CajaMadrid, sobrevivise e se convertese na outra gran pata da banca futura, co corazón xenuinamente castizo e ao servizo da rancia aristocracia capitalina e centralista. Tratou de que ao redor de Caja Madrid se xuntasen todas as caixas de aforros posibeis e as máis grandes. Como ben sabemos, nese proxecto megalómano tamén había un sitio para Caixa Galicia ou Caixa Nova e a el aplicaron moitas enerxías todos os axentes citados, singularmente MAFO e De Guindos, desde bastante antes de chegar ao ministerio, desde PriceWaterhouseCooper/IEE. Como moi ben se encargou de recordar este último “ha de quedar meridianamente claro que Bankia es un caso específico". Está clarísimo.
Ao final o burato madrileño foi grande demais: 2,5% do PIB español. Para salvalo De Guindos decidiu continuar con ese proxecto botando mán dos recursos públicos nunha escala estarrecente: 24,5 mil millóns de euros para mediar un burato negro enorme. Claro está, algo dese calibre non podía facerse sen cargar o morto nas costas de alguén que puidera abeirarse da escena. Para poder lexitimar e facer aceptábel para o resto do país esa insultante xenerosidade co grande proxecto castizo madrileño era preciso sacrificar a alguén, había que entregar algunhas cabezas: Rato e MAFO. Eles endosan a responsabilidade e as culpas dunha mala xestión. Pois claro, pero non son os únicos. As súas cabezas –transitorias- son o prezo a pagar para salvar o proxecto sen que a indignación reborde; é o prezo para acalmar unha cidadanía burlada e espoliada, pola dereita e polo revés.
A min, que pedín inutilmente a súa dimisión en diversas ocasións en 2009 e 2010, nas miñas columnas do extinto Xornal, por incompetente e traidor aos intereses de Galiza, non me doe que se vaia humillado polos que del se serviron. Tan só resulta tenro comprobar por enésima vez a crueldade do poder cando os seus servidores deixan de ser útiles.
MAFO vaise cunha simbólica patada, pero co deber cumprido. A estas alturas xa terá comprendido que o poder é cruel cos seus servidores. Pero non nos apenemos moito porque, superada a escena do sangue, o centralismo taimado e o apaixonado patriotismo madrileño de MAFO serán premiados. O peor de todo é que os que seguen e o/a que o sustitua teñen a folla de ruta ben marcada, para si e para nós. O que deles depende é bastante diáfano, o que de nós depende aínda está por escribir.

(artigo publicado en Sermos Galiza, 1/06/2012) 

Sem comentários:

Enviar um comentário