terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Son os salarios o gran problema das empresas?

O INE ven de publicar un informe cos principais resultados dun amplo inquérito a empresas realizado por Eurostat en 20 países da UE para identificar os problemas e necesidades financeiras das empresas.


Hai moitos resultados de interese sobre as dificultades de acceso ao crédito bancario tanto para o financiamento da actividade ordinaria como para o investimento. Pero o máis rechamante e significativo é a hierarquía de problemas que as empresas identifican como límitacións máis graves para o seu crecemento nos anos 2011-13.
Fronte ao discurso neoliberal, o discurso da dereita europea e da propia patronal que tentan poñer o foco na negociación colectiva e nos salarios, o que podemos ver con clareza é que para as empresas ese problema ocupa un lugar ben secundario.
O dato máis significativo que podemos ver neste gráfico é que o auténtico problema que elas mesmas identifican é a insuficiencia da demanda, ligada á situación de recesión dentro e fóra do país. O 87% das empresas consideran que a limitación clave é a perpectiva xeral da economía e o 70% considera especificamente a reducción da demanda interna como o problema ou limitación máis importante para o seu crecemento. Tamén é relevante que nese contexto as empresas españolas compiten principalmente en prezos e teñen que aceptar marxes cada vez menores (o que está relacionado co tipo de especializacións produtivas predominantes, de baixo valor engadido e cunha competencia baseada en custes e non en innovación).
Tan só o 40% das empresas consideran un problema os altos custes laborais (que non son exclusivamente os custes salariais).
Polo tanto, é a demanda e non os custes salariais o que realmente lles preocupa ás empresas produtivas (industriais e de servizos).
O interesante é que isto non procede dun diagnóstico da esquerda, dos sindicatos ou dun poskeynesiano calquera senón que resulta da expresión directa da visión das empresas produtivas.
A cuestión que xurde a continuación é porque a organización política da patronal (CEOE), en cambio, insiste en focalizar todos os tiros na redución salarial e na reforma laboral?.
Tamén é unha cuestión ben oportuna preguntarse porque algúns sindicatos acaban aceptando tan irresponsábel estratexia.

Sem comentários:

Enviar um comentário