segunda-feira, 9 de janeiro de 2012

A liña política antes de nada

(Publicado no Xornal de Galicia en maio de 2009) 
O fracaso electoral de marzo pon ao BNG nun escenario inédito e para o que está mal entrenado. O continuado goteo electoral ao longo da presente década conviviu paradoxalmente cun aumento das cotas de poder vía coalicións nos concellos e na Xunta. Iso anestesiou calquera malestar e impediu os debates que deberan ter diagnosticado as causas. O certo é que esa falta de engraxe nótase agora cando a reflexión sobre a debacle se fai ineludíbel. Esta asemblea apresurada, forzada pola dimisión da Executiva en pleno, podería ser a ocasión para esa reflexión en profundidade sobre a liña política e sobre a organización. Pero, á hora da verdade, non o está a ser. Ou éo tan só a medias. Unha parte do BNG chegou á conclusión de que a liña emprendida hai unha década fracasou e compre mudala recuperando os sinais de identidade do nacionalismo e da esquerda; porén, outra parte aínda non foi quen de saír da “nube” dun fracaso inesperado e comprender que este ten unhas causas cifrábeis nunha acción política que desvalorizou o esforzo de xestión. Esa parte, a máis involucrada en responsabilidades de goberno, non acabou de ver aínda que é o que fallou e, en consecuencia, persevera na senda emprendida, se cabe con máis afouteza.

Na medida en que ese debate quede larvado, ou pase de esguello, esta asemblea será de mera transición; resolverá a urxencia de elixir unha nova dirección pero deixará pendentes os problemas estratéxicos. E iso non se arranxa repetindo mil veces palabras talismán.
O BNG corre o risco de fuxir unha vez máis do debate e tratar de substancialo a través da disputa das cotas de poder dentro dos órganos. De ser así, a confrontación das listas adquire unha relevancia estratéxica, fiada máis á intuición que á clarificación.     
Nese sentido, parece haber un “sentir” maioritario na militancia, e tamén en tres das catro candidaturas, no sentido de que o BNG non pode continuar replicando a liña política de autonomismo centrista dun ultraminoritario PNG, ben representado estes anos no discurso oficial, adubiado por asesores áulicos que desprazaron a esmorecida fábrica de ideas propia. Diso deriva, en boa medida, o crecente divorcio experimentado a respeito da base social histórica do BNG e do nacionalismo galego, que foi e segue sendo de esquerdas na súa inmensa maioría.
Porén, existe unha respectábel minoría que persevera en prolongar esa senda baixo o paradoxal discurso da “apertura a sociedade”, mesmo a pesares de que ese discurso rexionalista e centrista colleitou unha perda continuada de apoios. O distanciamento daquela parte da sociedade que comparte as aspiracións do BNG con profunda convicción non foi compensado pola atracción desa outra parte da sociedade que está “aberta ao PP”. Marcar neste momento, aínda máis, distancias coas organizacións sindicais maioritarias ou cos movementos sociais non parece a mellor vía para abrirse á sociedade.
Ese é o grande debate que posiblemente non se feche nesta asemblea.
Por outra parte, o debate político no BNG sempre se complica un chisco polo feito de encarnar un proxecto político que transcende a loita política ordinaria, no sentido de que a realización dese proxecto require mudar o molde institucional. Os rexionalistas non teñen ese problema pero a soberanía non cabe no molde. Non é asunto menor. Manter ese norte, con realismo e pragmatismo, implica saber navegar de bolina ou ter unha áncora moi sólida para que os vaivéns non se confundan con cambios de rumbo. Nese sentido, a fortaleza da áncora é un intanxíbel nada desprezábel.
Á nova dirección vaille quedar a tarefa de pilotar un sereno proceso de reflexión e reelaboración do discurso político, en diálogo aberto coa militancia e coas organizacións sociais, ao calor da loita política no contexto da crise. Dese proceso ha madurar un proxecto para facer avanzar o nacionalismo na sociedade e preparar tamén unha nova equipa que poida pilotar a recuperación electoral. Facelo ben requirirá abordar con tranquilidade a posta a punto da organización, da súa estrutura e da súa funcionalidade. Pero, como di o refrán, cada día ten o seu afán. 

Sem comentários:

Enviar um comentário