terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Fraga, in(grata) memoriam

Ante a pasión coa que a dereita conservadora radicalizada pretende elevar aos altares ao señor Fraga Iribarne (grazas a deus a consigna de "santo subito" non callou) convén facer algo de memoria, non vaia ser que a poder de insitir o convirtan nun demócrata precoz, nun bo e xeneroso e mesmo nun brillante gobernante que sacou a Galiza do atraso secular e situouna na vangarda do progreso e do benestar.  Obviamente, reivindicar ese pasado idealizado de Fraga é unha calculada campaña de autobombo dos actuais gobernantes dun Partido Popular que o pasaron pola súa dereita en conservadurismo neoliberal e tamén en antigaleguismo.
Non merece ese discurso un gran tratado para desmantelalo pero si pode merecer a pena rememorar algún balance feito xusto cando remataba a súa longa etapa de máis de 15 anos á fronte da Xunta de Galicia.
Para quen o considere de interese ofrézolle a continuación a leitura dun fragmento do último capítulo do meu libro O fracaso neoliberal en Galiza, publicado en 2005 pola editorial A Nosa Terra. Certo que, por desgraza, a súa leitura segue a ser tremendamente actual.
Para quen teña ánimo velaí vai a miña despedida.


¿Que é o que nos permite identificar como neoliberais a política do PP na Galiza?.
Despois do percorrido realizado até aquí non quedan moitas dúbidas da orientación neoliberal das políticas implementadas nos últimos lustros. Tamén temos evidencia das consecuencias nefastas que se plasman na perda de pulso económico, o continuo devalar en relación ao noso contorno e a tendencia cara unha emerxente fractura social. As taxas de crecemento económico son baixas e menores que a media estatal; perdemos peso económico (pasamos de representar o 6,4% do PIB español en 1980 a un 5,4% en 2003); temos unha das máis altas taxas de paro de Europa; existen importantes bolsas de pobreza e baixos ingresos; seguen emigrando xoves e titulados, diminúe a poboación; os servizos de atención á infancia son practicamente inexistentes e a taxa de natalidade está entre as máis baixas do mundo; o noso medioambiente sofre as consecuencias do descontrol de industrias e transportes de produtos perigosos... Temos experimentado, polo tanto, o fracaso do neoliberalismo como o teñen experimentado tamén en grado superlativo os países latinoamericanos e outros moitos países do mundo; como experimentaran todos eles o fracaso do liberalismo económico no primeiro terzo do século pasado. Pero como non se trata dun debate que se poda dirimir cun diagnóstico científico, temos que aceptar que a batalla dos neoliberais por manter o seu reinado vai continuar, do mesmo xeito que debe continuar a de quen percibe a súa ameaza ou simplemente non comparten un modelo social e político sometido á ditadura dunha plutocracia. 
Como diciamos ao comezo, en Galiza vimos sendo gobernados por políticas liberal-conservadoras ou neoliberais desde hai décadas, desde logo desde a transición política. En certos aspectos derivados das peculiaridades do conflitivo proceso da transición as políticas neoliberais compaxináronse con políticas sociais que buscaban a lexitimación do propio proceso político e unha certa aproximación á Europa na que nos estabamos integrando institucionalmente. Pero o certo é que o sesgo neoliberal está presente ao longo de todos eses anos e dun xeito máis explícito a partires dos anos noventa. Que ese tipo de orientación conseguise recabar a aceptación dunha parte moi considerábel da nosa sociedade merece unha reflexión. Neste último capítulo recapitularemos algunhas das manifestación máis significativas desas políticas e intentaremos apuntar algunhas ideas para comprender as bases a través das que o neoliberalismo conquistou posicións maioritarias, para finalizar con algunhas ideas xerais para emprender a súa necesaria superación.
As políticas implementadas polo PP na Xunta de Galicia, en particular a partires de 1989,  responden de xeito xeral ao perfil das políticas neoliberais en voga neste período, obviamente con matices e non sempre de xeito coherente. Sen pretender ser exhaustivo poderiamos resumir esquematicamente os trazos principais das mesmas polos efectos que arrastraron:

a)    un escaso desenvolvimento do Estado social  e do Estado do Benestar propio naquelo que son competencias propias (prestacións sociais cutres e escasa cobertura; ausencia de servizos para a infancia e escasísima rede de atención aos maiores e réxime privado na prestación dos seus servizos...)
b)    a privatización dos servizos públicos de sanidade e submisión do servizo público aos intereses da rede privada; liberalidade no réxime de compatibilidade dos médicos do sistema público e a súa actividade privada; xestión de centros públicos a través de fundacións, empresas privadas e, mesmo, organizacións sectarias, fuxindo así do control público sobre .
c)    a privatización de boa parte dos servizos de ensino básico e medio, subvencionado con fondos públicos (centros concertados).
d)    a precarización do emprego público (emprego temporal; mesmo con contratos dun dia en certas actividades como a sanidade...)
e)    o liberalismo no control e inspección das condicións de traballo, seguridade e hixiene (reducido corpo de inspección e laxitude na súa función)
f)    a desregulación medioambiental, poñendo a lóxica da acumulación do capital por enriba de calquera outra consideración: defensa a ultranza dun modelo que dilapida os recursos naturais e produce unha altísima contaminación (desposesión dos ríos por encoros; desposesión dos montes por parques eólicos; libre aproveitamento dos recursos minerais –lousa, granito, areeiras, etc; ocupación do espazo sensíbel da costa para construción ou para industria; política forestal ao servizo de Ence, que conduce a un monocultivo de eucalipto e a un exceso de produción que hoxe ten os seus prezos por debaixo do limiar de rendabilidade...
g)    a liberdade de acción para o capital financeiro que é regulado polo poder autonómico (as Caixas), cuxo carácter de fundación lle atribúe unha finalidade fundamentalmente social, pero que a Xunta lle outorga unha plena capacidade ás elites directivas para convertelas en auténticos cotos privados e para definir unha política financeira desconectada coas necesidades do sistema produtivo do país.
h)    a liberalidade na regulación do sector eléctrico, primando os intereses dos monopolios privados fronte aos usuarios, e entrega dunha parte considerábel do orzamento público para labores de mellora que deberían ser financiadas pola empresa (Unión Fenosa).
i)    a desregulación do territorio e descontrol do aproveitamento do solo: especulación inmobiliaria e capitalismo do pelotazo, que se constitúe nunha das bases fundamentais do apoio da dereita en Galiza nos 90. Boa parte dos incendios na zona costeira e nas áreas próximas ás cidades explícanse por esa causa.
j)    política agraria que só resulta beneficiosa para as grandes empresas lácteas e papeleiras. Renuncia a unha política de reconversión ordenada do sector primario, que impulsase a súa modernización progresiva sen destruír o capital social ligado ao mantenimento da comunidade rural e sen provocar o abandono desordenado de terras a monte que, entre outros efectos nocivos, están na orixe de boa parte dos recurrentes incendios e da descontrolada invasión do eucalipto.
k)    a desregulación en materia de seguridade alimentaria (caso das vacas tolas, etc)
l)    a desregulación e falta de infraestrutura para reducir a contaminación da actividade agraria
m)    a desregulación en materia de seguridade marítima (contaminación accidental e non accidental, Mar Exeo, Prestige, etc.)
n)    o apoio á privatización das empresas públicas do Estado e dos servizos públicos
o)    carencia de política industrial activa para impulsar aquelas iniciativas de interese nacional (como podía ser, por exemplo, un grupo lácteo que desenvolvese todo a cadea de transformacións desta materia prima, cuxa inexistencia hoxe é un clamoroso sarcasmo nun país que produce un terzo do leite español).
p)    a mobilización do orzamento cun sesgo anormal cara a obra pública e a infraestrutura física, pensado moitas veces máis como vía de crear negocio para as empresas clientes do sector construtor que para satisfacer auténticas necesidades sociais. Ese criterio clientelar da obra pública tende a priorizar obxectivos políticos de curto prazo que a crear as condicións que realmente favorezan o desenvolvimento económico.
q)    a externalización-privatización dos traballos técnicos das diferentes Administracións (Consellerias, Concellos, ) cunha rede clientelar de empresas de consultoría.
r)    a escasa dotación de bolsas de estudio, que se traduce nun baixo acceso á Universidade dos fillos das capas máis pobres da poboación (moi inferior ao de hai vinte anos).
...
¿Por que o electorado galego consinte e apoia gobernos neoliberais?
Tendo en conta que, de acordo coa nosa diagnose, o neoliberalismo é un proxecto perigoso para a sociedade como realidade que transcende o meramente económico e resulta agresivo para os intereses da maioría, colócase inmediatamente a interrogante de porqué as forzas políticas que o representan máis claramente ou o implementan poden conquistar apoios electorais maioritarios. Parte das razóns foron xa aludidas ao referírmonos á loita de ideas e a construción da hexemonía. Pero iso non nos aforra a necesidade de facer un esforzo por comprender e explicar cais poden ser as razóns específicas no noso caso concreto. Non pretendo avanzar aquí un diagnóstico do comportamento electoral dos galegos, labor que requiriría entrar en moitos outros aspectos da vida política, dos medios, dos partidos que gobernan e dos que están na oposición, dos seus acertos e dos seus erros, etc, etc. Tan só intento lanzar algunhas ideas ao fio destas reflexións de carácter xeral sobre os fundamentos que inspiran o neoliberalismo e a súa relación co conservadurismo e que poden explicar ou axudar a explicar a súa hexemonía.
Para empezar compre recoñecer que ás veces resulta difícil distinguir entre o que é neoliberalismo e o que é simple desgoberno ou mal goberno. E esa confusión ten certa relevancia e pode darse en ambas direccións. Unhas veces pode parecer que hai desregulación, descontrol e desatención na actividade do sector público e resultar que tal situación é a consecuencia pura e simple da desidia e a falla de iniciativa do gobernante máis que dun proxecto neoliberal premeditado. Noutros casos pode un pensar que a desidia en certas cousas é o resultado da incompetencia e resulta que pode ser o resultado dunha decisión deliberada de non intervir por razóns ideolóxico-políticas. Nese sentido, un mal goberno pode selo porque é incompetente ou porque é neoliberal. Alguén podería pensar que da igual, o importante é que se trata dun mal goberno. En cambio, desde o punto de vista do debate político e da resposta electoral a cuestión non é indiferente. Unha parte do electorado pode estar disposta a admitir un goberno que prové menos servizos ou son de pior calidade se entende que é así porque non lle corresponde ao goberno prestalos. Cousa que non admitiría se o diagnóstico é que son maus xestores. E viveversa, outra parte do electorado pode pensar que o problema non é a orientación política do gobernante, porque “todos son iguais”, senón a súa capacidade técnica ou a súa reputación. As consecuencias desa confusión poden ser terríbeis, e case sempre benefician a quen ocupa o poder. A falta de formación política, a falta de confrontación ideolóxica, a confusión sobre as causas do mal goberno poden ser un factor nada desprezábel na consolidación no poder dunha opción neoliberal como a do PP en Galiza.
En todo caso, a pregunta que hai que plantexarse é porqué unha forza política que practica unha política neoliberal consegue un apoio maioritario no noso país de forma tan prolongada. Apoio que é tanto máis maioritario canto máis rural e atrasada é unha comarca.
A primeira razón quizás estea en que o Goberno Galego, sobre todo desde 1989, beneficiouse dunha conxuntura especial que lle permitiu gastar sen ter que facer esforzos particulares en recadar os recursos. A reforma dos Fondos Estruturais da UE de 1988, que duplicou os fondos para as rexión Obxectivo 1 e os Fondos de Cohesión da UE a partires de 1993, xunto co superavit derivado do modelo de financiamento autonómico, permitiu que puidesen manexar un volume de recursos realmente moi importante sen ter que esixir aos contribuíntes un maior esforzo fiscal. Esa é unha situación ideal para calquera gobernante, pero especialmente para quen defende un discurso neoliberal de baixa presión sobre os impostos. A administración deses recursos como un “don gratuíto”, repartido de xeito considerabelmente discrecional con criterios clientelares, é sen dúbida un argumento poderoso para explicar o que ocorre dende 1989 en diante. Foi un azar que fose unha forza neoliberal a que estivese no goberno cando se empezaron a recibir eses fondos que incrementaron rapidamente o orzamento público. Unha vez que iso se produce é realmente ilusorio pedir á poboación que avalíe ao goberno nesas circunstancias en función da posíbel utilización deses fondos con criterios alternativos de maior eficiencia e atendendo a unha mellor estratexia de futuro. Por máis que un teña moitos dados e razóns para defender que o uso dado aos fondos recibidos foi unha oportunidade perdida, o certo é que resulta heroico pedir á maioría da poboación que faga ese tipo de valoracións. Sobre todo porque faltaron os estudios que o verificasen, os foros para debatelos e os medios para difundilos. A maiores, nesas condicións, as forzas políticas alternativas tampouco foron quen de cumprir ese papel.
Un razoamento análogo habería que facer a respeito da progresiva xeralización de certas prestacións típicas do Estado de Benestar que se producen nese período e que, aínda sendo moi modestas, supoñen un avance moi notábel en comparanza coa cutre situación precedente. Unha parte moi importante da sociedade pasa a beneficiarse dunhas prestacións sociais que –en particular no caso das pensións á poboación agraria e mariñeira- colman as aspiracións dunha vida cuxo horizonte era o traballo para o sustento até o último folgo. Os beneficios do estado do benestar tradúcense para eses segmentos da poboación no sentimento de que “nunca se viviu tan ben”, independentemente de se iso ocorre ao mesmo tempo que o seu sector de actividade devala. Mesmo se aquela mellora se produciu como resultado da acción do goberno central e non do autonómico, igual que no caso dos Fondos Europeos; mesmo se todos eses beneficios son plasmación dun modelo social que os neoliberais atacan, o certo é que son os gobernantes autonómicos (neoliberais) os que se apropian políticamente da mellora producida, coa tremenda vantaxe, de novo, que aparecen como un “don” sen custo impositivo. Que lle permite aos neoliberais galegos manter o seu discurso de austeridade fiscal. A xestión clientelar de moitas desas prestacións, a creación de canles perversas para o seu outorgamento, etc serán, máis unha vez, factores de fidelización política en favor do poder estabelecido.
A política clientelar é unha característica de quen usa o poder para controlar a sociedade de xeito capilar, desmontando as estruturas do Estado sometidas a dereito e control político, para sustituilas por unha relación discrecional e, polo tanto, de dominación directa. A realidade vivida evidencia que o obxectivo primordial dos neoliberais cando gobernan non é tanto reducir o gasto público senón garantir o seu control sobre o orzamento público e, desde esa posición, redefinir a súa composición e orientación (estabelecendo novas prioridades reclamadas polas clases medias e altas), os modos de executar ese gasto (redución dos dereitos incondicionados, aumento da discrecionalidade e apropiación privada dos servizos) e o de criterios políticos no propio recrutamento dos técnicos e persoal. Deste xeito a privatización permite a imposición de criterios político-ideolóxicos tanto na relación co usuario-cliente, como co empresario-xestor e cos traballadores recrutados.
Esa triple relación clientelar ten unha dimensión política inmediata, que se traduce no apoio electoral a unha determinada opción partidaria, pero ten tamén un efecto ideolóxico-político de máis alcance. A tradicional desconfianza a respeito do público e o colectivo reafírmase e retroaliméntase cun reparto descaradamente discrecional e clientelar dos recursos públicos en función das afinidades políticas. Nada que se lle pareza a criterios obxectivos e transparentes definidos para obter un beneficio público, que supostamente debían orientar a xestión dunha administración moderna. O resultado do reparto clientelar é perfecto: no curto prazo conséguense os obxectivos político-electorais co apoio duns clientes fidelizados; pero o efecto a longo prazo non é menos relevante: a reserva e desconfianza iniciais fronte ao público vese confirmada e reafirmada. A partir de aí ninguén razoará en termos de interese colectivo, o cinismo individualista e egoísta convertese na regra da intelixencia popular. O beneficio recibido da actividade pública non se visualiza como a consecuencia vantaxosa da existencia e da acción xusta do público, senón como un beneficio individual obtido grazas a un comportamento cínico e egoísta en relación a un xestor igualmente cínico e egoísta. O conservadurismo liberal aliméntase a si mesmo.
Pero non só se clienteliza o destinatario final do gasto senón tamén os intermediarios e executores do mesmo, que serán sobre todo empresas. Un dos obxectivos do neoliberalismo é defender os intereses dos grupos económicos poderosos pero tamén ampliar a súa base social, crear novos propietarios e novos empresarios. O neoliberalismo caracterízase pola utilización do poder para recrear unha clase empresarial afín e pola súa estratexia de dominación dos individuos. O período de diñeiro fácil dos Fondos Estruturais, dos Fondos de Cohesión e das privatizacións foi aproveitado con absoluto esmero para arrequecer a un capitalismo parasitario, cazador de rendas públicas, pouco eficiente, pouco innovador e pouco dado á incerteza. Esa burguesía clientelar, que fai os grandes negocios correndo polos gabinetes da administración, colocando a “homes de confianza” nos postos políticos clave a nível local, autonómico ou central, é un grupo social moi activo e militante na loita política. A simbiose entre negocios e política é total.
Simplificando un chisco o complexo proceso vivido nos últimos lustros,  podería dicirse que as forzas neoliberais galegas tocoulles estar no poder –en parte por un cuase-azar do ano 1989- nun tempo no que -independentemente do seu programa- se empezaron a sentar as bases do estado do benestar e o orzamento público por elas xestionado se viu folgado por unhas transferencias de Fondos Públicos europeos e estatais que lles permitiu xestionar discrecionalmente un elevado gasto público que, paradoxalmente, sería imposíbel nun marco estritamente neoliberal. Creo que nese paradoxo, habilmente acompañado dunha activa reconstrución mediatica da realidade, reside a base do éxito da construción da hexemonía da dereita nos últimos lustros no noso país. Ese azar trouxo consigo outras perversións que sen dúbida traerán dificultades no momento en que esas condicións externas muden, cando o país se reacomode para andar sobre as súas propias patas; sobre todo, porque a primacía outorgada á estratexia de dominación política fixo que aquelas oportunidades extraordinarias non foran aproveitadas para fortalecer as bases económicas estratéxicas do país. 
Máis alá diso, hai unha simbiose moi estreita entre o neoliberalismo e o conservadurismo, que no caso de Galiza parecen convivir extraordinariamente ben. O discurso neoliberal constrúese sobre unha ideoloxía extrema de defensa do individualismo, da iniciativa individual, do mercado, de ataque ao Estado e as normas, de ataque á fiscalidade correspondente ao Estado do Benestar... e iso conecta coa ideoloxía individualista e antiestatista do pequeno propietario; encaixa ben coa realidade dunha sociedade pre-moderna dominada por un Estado alleo e, históricamente, parasitario. Sobre ese discurso ideolóxico anti-estatista e “antipolítico” a dereita consegue unificar o que en realidade son intereses abertamente contraditorios: a) os dun capital financeiro e comercial, que arruínan e varren a agricultura familiar, o pequeno comercio e a pequena industria; b) os pequenos propietarios conservadores. Na práctica, a política dos gobernos da dereita, como é natural, responde aos intereses do primeiro grupo. O exemplo máis claro nos últimos anos é a súa política a favor das grandes superficies comerciais ou das eléctricas, das grandes corporacións agroalimentarias, etc. Porén, o poder das ideas e os prexuízos na loita política é moi importante, sobre todo, cando a ambición se cifra en metas cativas. 
A propiedade privada é un factor básico da adhesión á ideoloxía do laissez faire, característica dunha sociedade de pequenos produtores (de feito un dos argumentos de Schumpeter para explicar a posíbel crise do capitalismo era a desaparición da grande masa de pequenos propietarios que constitúen o colchón protector esencial dese sistema. Pouco importa que na realidade a libre iniciativa privada, a competencia e o laissez-faire fosen arrombados polos monopolios e grandes empresas cuxos intereses representan e serven as forzas políticas liberal-conservadoras; o certo é que a representación do mundo que embarga a cabeza do pequeno propietario faille moi difícil deixar de apoiar esas forzas. Preferirá botar a culpa dos seus problemas e fracasos a factores espurios (como os elevados impostos, os elevados salarios, a competencia dos países asiáticos...) antes que asumir que as políticas neoliberais da dereita -favorecedoras dunha desregulación que favorece aos grandes- son as que crean as condicións que entalan o seu negocio e mesmo o acaban levando á ruína. 
Nese senso, chama moito a atención que os pequenos propietarios do noso país non só non se teñan “rebotado” contra o partido gobernante senón que o apoien en altas porcentaxes a pesares de estaren sufrindo o máis virulento proceso de desmantelamento e “expropiación”: a desaparición de explotacións agrarias ven sendo espectacular; o valor da terra das explotacións de vacún experimenta unha desvalorización paralela ao aumento do prezo da cota láctea; ducias de encoros anegan vales enteiros; as grandes superficies e supermercados varren as pequenas tendas e comercios; os horarios comerciais estabelecidos en Galiza son os máis favorábeis ás grandes superficies, etc, etc. A pesares diso os pequenos propietarios, quérese dicir unha alta proporción deles, seguen considerando que a súa opción política é a dos neoliberais e conservadores. A explicación dese comportamento paradoxal –cando menos aparentemente- é un asunto complexo, difícil de despachar en poucas palabras; agora ben, creo que pode afirmarse que revela até que ponto o comportamento político real está influído por variábeis que van moito máis aló dos intereses económicos inmediatos, mesmo cando a propia viabilidade dun negocio ou unha explotación é posta en causa. Como digo, outros factores entran en xogo pero entre os importantes está, sen dúbida, a forma en que esa vida como propietario –e consorte ou descendente de propietario- ou aspirante a selo, amoblan a cabeza e inciden no seu comportamento político.
O paradigma do pequeno propietario –aquí e en toda Europa- é o individualismo, ausencia de restrición públicas á disposición da propiedade e da iniciativa privadas e un baixo nível de presión fiscal. Tamén é certo que isto empeza a mudar, parcialmente, coa chegada do Estado do Benestar (pensións, prestacións sociais, etc) á poboación rural, abrindo un boquete polo que empezan a entrar outros valores. O alcance destes últimos dependen en boa medida da forma en que aquel entra, da man de quen o fai e da “pedagoxía” que acompaña esa nova vía de socialización. O feito de que entre nós ese proceso fose hexemonizado en todas as dimensións por un partido de dereitas, facendo ostentación de clientelismo e amiguismo, fai que o cambio producido na mentalidade popular sexa moito menos importante do que cabería supoñer.
Claro está que o papel dos medios nesa tarefa cohesionadora de todas as clases propietarias e da sociedade en xeral ao redor dos postulados neoliberais é fundamental. Non fai falta que insista de novo na importancia do control das ideas, “da cabeza dos individuos”. O labor de adoutrinamento diario, de conformación da visión do mundo e dos propios intereses é algo crucial na definición do que un individuo pode desexar e apoiar, ver como normal ou como aberración, etc. Os feitos mostran que a capacidade para conectar os elementos centrais do discurso neoliberal cos sentimentos máis atávicos ou mesmo máis instintivos dos individuos é un factor do seu éxito. O seu ataque esencial e primario ao social, ao público, é un ataque no fondo aos compromisos e sentimentos solidarios xerados polo proceso de socialización e civilización, espertando aqueles instintos máis primarios, que non se refiren só ao comportamento económico senón tamén ao moral, social e político.
Polo tanto, lonxe de calquera economicismo primario, compre admitir, con Gramsci, que mesmo os individuos con mentalidade máis crematística están lonxe de definírense politicamente só polos seus intereses económicos inmediatos; entre outras cousas porque nunha sociedade complexa aqueles dependen de múltiples variábeis e non sempre é fácil de identificar como lles afecta cada unha delas e, máis difícil aínda, estabelecer un balance entre elas. Facer un cálculo racional dos intereses en xogo en función da posíbel opción gañadora é algo que dista moito de ser factíbel en todos os casos e desde logo non é nada simple. Na medida en que iso é así, a batalla das ideas, os sentimentos, os temores ocupan un lugar central na loita política, como as forzas neoliberais e conservadoras se encargan de evidenciar cada día. No noso caso, a adhesión de certos sectores sociais ao neoliberalismo explícase máis pola conexión con ese tipo de valores ou temores que polos intereses económicos deses sectores sociais. O que quere dicir que para poder ganalos para un proxecto político alternativo é preciso identificar e alentar activamente outros valores e “ideas” que tamén estexan presentes no seu imaxinario, cos que tamén podan sentirse identificados, pero que teñan a virtude de os vincular a un principio de socialización diferente do neoliberal.

Sem comentários:

Enviar um comentário