terça-feira, 4 de setembro de 2012

O PP desenmascarase e expropia aos aforradores


O Real Decreto Lei 24/2012 de “reestruturación e resolución de entidades” aprobado o 31 de Agosto supón un salto cualitativo na concreción da política de salvación das finanzas a costa da sociedade.
Tres notas xerais definen este decreto. Primeiro, é un decreto que define un estado de excepción económico porque dálle un estatus legal ao novo FROB (e ao Banco de España e o ao Ministerio de Economía nese ámbito) que o sitúa por riba da legalidade ordinaria, tanto no administrativo coma no mercantil, á marxe dos mecanismos de control parlamentario e mesmo xudiciais ordinarios.
Segundo, é un decreto de espolio dos contribuíntes porque unha das medidas estrelas contemplada é a creación do chamado “banco malo” que absorberá unha grande parte dos activos inmobiliarios tóxicos e iso farase cos 100-120.000 millóns de euros do rescate que vai sobre as costas de todos os contribuíntes españois.
Terceiro, é un decreto que regula e faculta ao FROB para consumar a expropiación dos aforradores que previamente as entidades lles colocaran con engano e abuso de confianza “participacións preferentes e débeda subordinada”. Compre dicir e enfatizar que este desenlace non se deriva directa e inexorabelmente das condicións orixinais dos propios produtos (contratos das preferentes e obrigacións subordinadas). É este decreto-lei o que determina este desenlace. É este decreto o que decide e establece que os posuidores de preferentes e subordinadas serán obrigados a asumir unha quita do capital inicial.
Iso é algo que se impón de xeito discrecional neste real decreto contra calquera principio de xustiza e respecto ao dereito vixente, por varias razóns. A primeira porque a obriga do estado tiña que ser protexer aos aforradores que foron vítimas dun engano masivo, deliberado e con dolo realizado por unhas entidades que non cumpriron coas normas establecidas pola CNMV para a venda a particulares deste tipo de produtos, abusaron da ignorancia financeira da  inmensa maioría dos aforradores, non cumpriron en moitos casos a normativa básica de contratos e, ademais, estiveron xestionando eses produtos fóra da legalidade, enganaron de palabra –e en casos por escrito- aos aforradores e, en todos os casos, abusaron da confianza dos aforradores nos empregados das oficinas. Pois ben, no canto de o Estado facer valer a normativa vixente para protexer aos aforradores e penalizar e perseguir ás entidades e, mesmo completar esa normativa para velar máis claramente pola súa defensa, pois resulta que o Goberno decide facer a vista gorda coas ilegalidades bancarias e coller aos aforradores como reféns para non só dar carta de natureza á estafa senón que decreta unhas medidas penalizadoras deses aforradores que non estaban contempladas na lexislación vixente. En vez de penalizar aos delincuentes decide penalizar ás vítimas. En vez de desfacer a situación de vítima e restaurar a xustiza o que decide o goberno do PP é converter ás vítimas en suxeito de novas cargas. Cabe dicir que se trata de ensañamento. Aproveitando que están pillados nun timo fraudulento o goberno decide aplicarlles unha quita que na práctica supón consolidar unha expropiación dunha parte dos seus aforros.
A segunda, porque mesmo aténdose ás condición de emisión das preferentes e subordinadas, estas poderían preservar o valor nominal do capital até o momento en que a entidade decidise amortizalas –e podería facelo polo seu valor nominal íntegro- ou ben que a entidade fose liquidada, situación esta última na que entón si habería que asumir a proporción correspondente das perdas que puideran derivarse desa liquidación. Pero o que agora está executando o goberno é unha quita sen que se chegase a unha liquidación das entidades ou impoñendo unha amortización na que o FROB decidirá que non a fai polo seu valor nominal senón por un valor que o goberno se arroga o dereito a fixar de xeito unilateral, sen contraste con outras avaliacións e sen posibilidade de ser recorrido polas vías mercantís ordinarias.
Polo tanto, non é que sexa un problema herdado polo actual goberno –como afirma Rajoy- e que o desenlace tivese que ser este. O que realmente ocorre é que este goberno decidiu cargar unha parte da factura do rescate bancario aos aforradores –a outra parte da factura xa sabemos que vai a costa dos contribuíntes, por moito que os propagandistas do goberno se esforcen en negalo.
Nin este desenlace é xusto nin era inevitábel ou legalmente inexcusábel. É un acto que deriva dunha decisión política do goberno do PP. Como podería -e debería- ter decidido outra cousa, como lle veñen reclamando os afectados e como ven propoñendo o BNG desde hai máis dun ano.
Nese sentido, compre afirmar que desde o punto de vista político este real decreto significa que o PP tira a carauta e enfróntase directamente cunha parte da súa base social. O PP sacrifica a unha parte da clase media e popular, os aforradores, para satisfacer as necesidades das finanzas, que agora aparecen con total nitidez como as auténticas directoras da política económica do PP.
Desde a outra vertente tamén o PP se enfronta á súa base social. A suba de impostos coa que se vai financiar todo isto, en particular o IVE, non só penaliza aos consumidores –polo tanto aos conxunto da poboación e particularmente á máis modesta- senón que penaliza a todos os sectores de pequenas empresas e autónomos -comercio, distribución, servizos persoais, hostalaría, transporte, etc. Quere isto dicir que o financiamento do “banco malo” vai ser sufragado durante 15 anos, polo menos, por todos os contribuíntes mesmo a costa de poñer en perigo a unha grande parte dese tecido produtivo, comercial, etc que constitúe o verdadeiro colchón político do PP, o seu caudal de votos máis numeroso, estábel e incondicional.
A incógnita política que se plantexa agora é até que ponto eses sectores sociais, tradicionalmente entusiastas do PP, van seguir vendo ao PP como o representante dos seus intereses ou se, por fin, caerán na conta de que a política económica do PP está realmente marcada –como o estivo sempre- en función dos intereses das altas finanzas e das grandes corporación –eléctricas, grandes construtoras, etc- e non en función dos intereses deses sectores socias que lle enchen as urnas e que reciben como premio tan só a consolación ideolóxica e, se acaso, algunhas migallas dos orzamentos e as subcontratas.
Cando estes sectores sociais esperten do espellismo dun neoliberalismo extremo feito á medida das finanzas e das grandes corporacións, nese momento poderemos empezar a pensar en mudar o rumbo, recuperar a economía produtiva, o emprego e a senda do progreso.
¿Que proporción deses sectores sociais estará disposta a dar o paso nas vindeiras eleccións?. Esa é a verdadeira incógnita e diso dependen en boa medida os resultados das eleccións do 21 de outubro.

Sem comentários:

Enviar um comentário