sexta-feira, 21 de outubro de 2011

Portugal, ¿rescate ou afundimento?

Unha das habilidades máis prezadas dos estrategas do adoutrinamento é a coidadosa elección das palabras para cualificar as cousas e as políticas. Xa o sabía ben Lewis Carrol cando lle facía dicir a Dumpty Humpty aquelo de “a cuestión é saber quen é o amo aquí, iso é todo” en resposta á inxenua pregunta de Alicia sobre a súa capacidade para darlle significados tan arbitrarios ás palabras. Tamén o bordou Orwell naquela obra mestra sobre a consagración da mentira e a inversión da linguaxe como instrumento da dominación da mente dos súbditos por parte da máis abominable das dictaduras.

Nesta crise, a creatividade dos deseñadores de consignas é realmente notable. Os recortes son “reformas”, a liquidación das caixas é “reforzamento do sistema financeiro”, etcétera. Iso é o que pasa tamén cos “rescates”. Disque que a UE vai rescatar Portugal; a xenerosa UE leva tempo desexándoo, pero paradoxalmente Portugal non quería e cando “acepta”, a UE e FMI xa están preparados e recíbeno cos brazos abertos. Por que será que os países non queren ser rescatados? Será por vergoña ou orgullo patriótico? Pois non. Máis ben é porque a quen realmente se rescata non é o país senón os bancos acredores (alemáns, españois...), a costa de afundir o país. Xa temos a experiencia de Grecia e Irlanda: o seu rescate salvoulle a conta de resultados á banca maiorista alemá, francesa, británica e americana pero condenou estes países a un deterioro brutal do nivel de vida, dos salarios, pensións, servizos públicos e un aumento do IVE e outros impostos indirectos e regresivos. Pero o peor de todo é que xa comprobamos que eses sacrificios non serviron para recuperar a actividade económica e o emprego; nin tan sequera serviron para reducir a débeda e o déficit. Pola contra, esas políticas de recortes lastran a demanda e afunden esas economías nunha prolongada depresión. De xeito análogo ao que ocorre no Estado español, aínda que neste caso sen acudir ao fondo de rescate.
Todo isto faise para evitarlle quebrantos á banca pero o problema real non se solucionará sen crecemento da economía produtiva e iso requeriría outro tipo de políticas. Se esa recuperación resulta imposible reducir o déficit e a débeda, que se engorda a si mesma, porque non aumentan os ingresos públicos pero si o fan os xuros da débeda. En definitiva, os sacrificios que recortan a actividade e a demanda non serven para crear as condicións para a recuperación senón que prolongan o estancamento e son a antesala de novos sacrificios, nun verdadeiro círculo vicioso.
O problema é que a causa non está en Portugal ou, polo menos, non está principalmente alí. Non é por acaso que sexan todos os países da periferia que entraron no euro os que atravesan esta situación de extremos desequilibrios. Efectivamente, a raíz do problema é o modelo de construción do euro, do Banco Central Europeo e a política monetaria implementada desde o inicio. Integrar baixo unha mesma moeda realidades económicas con produtividades tan dispares e con tendencias inflacionarias tan diversas, sen posibilidade de axustar tipos de xuro e tipos de cambio, só podía conducir a que os máis produtivos dominaran os mercados e laminaran os sectores produtivos dos países de menor produtividade. Nesa área con tipos de xuro semellantes pero inflacións moi desiguais creáronse condicións para enmascarar o problema mediante o endebedamento masivo –barato– nesa divisa forte que permite, temporalmente, soster unha demanda –a crédito– coa que se compran os bens importados. Sobre esa base crecimos en falso durante unha década, aínda que o PP “crea” que foi un exitazo de Aznar.
O círculo péchase cando os bancos endebedados no exterior son rescatados polos respectivos estados, convertendo unha parte da débeda bancaria en débeda pública ao tempo que o Banco Central Europeo, no canto de financiar directamente os estados, faino a través desa banca privada, préstandolle diñeiro ao 1-2% que logo esta usa para comprar débeda pública ao 5-10%. Co corsé do euro –sen manexo dos tipos de xuro e tipos de cambio–, a liberalización comercial e un banco central que non financia gobernos, temos todos os ingredientes para entender por que os países da periferia se afundiron. E non se recuperarán a menos que todo iso mude ou a xente acepte retroceder a niveis de vida de hai décadas. Cousa que dubido.

Sem comentários:

Enviar um comentário