sexta-feira, 21 de outubro de 2011

‘Hooligans’ e ‘zombies’

Resulta rechamante o cariz que foi collendo o debate
político. Arroiados pola crise económica máis profunda vivida pola poboación nacida despois dos anos 50, vemos que os dous grandes partidos insisten en centrar toda a súa artillería dialéctica en temas colaterais. Esta é a campaña das sospeitas: sospeitas de terrorismo, de complicidade con, de pactos con; cuestionamento de dereitos civís a cidadáns libres; sospeitas sobre os tribunais que non obedecen ao ditado; sospeitas de corrupción...
Nada de discusión ao redor de políticas e propostas concretas. Todo se reduce a traer ao centro do circo mediático grosas palabras e descualificacións, cun calculado abuso da demagoxia e o histrionismo que parecen chamado a encirrar os ánimos das respectivas afeccións, pero agochando as propostas políticas para os temas substantivos que ameazan o futuro dunha gran masa de cidadáns e, especialmente, das xeracións máis novas.
Para a dereita, a política quedou reducida a un único principio: gañar como sexa. Se non é posible pola vía normal, entón entran en xogo todas as técnicas da guerra sucia mediática e se todo iso non abonda, tentar poñer fóra da lei os contrincantes, coma en Arzúa.
A dereita sabe moi ben que “aos homes hai que collelos pola cabeza”, como dicía Monseñor Escrivá. Pero ese é un labor que non precisan facer os seus políticos e candidatos, fano os seus omnipresentes medios. A dereita non precisa poñerse en evidencia, chégalle con facer suficiente ruído para facer inaudíbeis as ideas e propostas dos seus adversarios. O traballo faino a orballeira continua de pensamento único deses medios controlados polo poder neoliberal. Saben moi ben os seus comunicologoss que é máis fácil dominar a cabeza coas paixóns e as pulsións irracionais que co estricto raciocinio, sobre todo nunha sociedade pouco entrenada no manexo de información de calidade e no debate rigoroso.
Por iso á dereita chégalle con conseguir a fidelización dos seus seguidores co cemento do odio aos adversarios. O odio non se crea con razóns senón apelando ás paixóns e ás pulsións máis primarias. Así prende neles e se lexitima o único principio motor: “Gañar como sexa”. O de menos son as regras, gañar lexitima todo. O hooligan queda satisfeito co simple feito de pertencer ao bando gañador (ou verse arroupado no caso de perder).
Pero o éxito da estratexia da dereita precisa doutros dous “apoios”: o dos zombies e o dos outsiders. Necesita que outro sector da poboación quede suficientemente aturdido polo barullo da desinformación como para sentirse carente de certezas e, polo tanto, sen forzas e sen ánimo para presentar batalla. Son os desilusionados e resignados preventivos que a falta de clareza na alternativa están dispostos a deixarse levar.
E, por último, como os seus hooligans non precisan ningunha caste pureza moral, a dereita non ten impedimentos para trasladar unha imaxe enlamada de todo o escenario político coa cínica consigna de “todos son iguais”, que se converte no alimento necesario para que toda esa inmensa parte da cidadanía que si ten valores –e tamén certa inxenuidade– acabe por autoexcluírse e situarse fóra do taboleiro. O aparente detritus xeral, a traballada mensaxe de que nada ten arreglo e que ninguén encarna alternativas reais agranda cada día o número de outsiders que prefiren moverse nas marxes despreciando a disputa dos espacios do poder. Aínda que poida parecer paradoxal, ese discurso é menos endóxeno a estes grupos e menos autónomo do que puidera parecer. Boa parte dos esforzos dos creadores de opinión da dereita están centrados en alimentar os argumentos, sentimentos e noxos deses sectores proclives a situarse á marxe.
Hooligans, zombies e outsiders, velaí as tres clases nas que se asenta a hexemonía do populismo neoconservador. Que máis precisan os outsiders para abrir os ollos?

Sem comentários:

Enviar um comentário