sexta-feira, 21 de outubro de 2011

O paro da austeridade

O obxectivo do bo goberno é gastar o menos posible ou aumentar o benestar da poboación? Á vista da atordoante pauliña sobre a austeridade no gasto público que o discurso neoliberal quere converter en dogma de fe incuestionable, cómpre colocar esa pregunta tan elemental antes de abrir calquera debate de política económica.
Calquera entende que o obxectivo dun goberno debe ser evitar o despilfarro de recursos dun país. E calquera entende tamén que non hai maior desbalde que desaproveitar os recursos humanos do país. O paro é o máis grave despilfarro que pode padecer unha sociedade e o estadio máis dramático para un individuo san e preparado nunha sociedade na que o traballo e o ingreso son a condición para a liberdade e a autoestima.

O tamaño do sector público non pode ser un dogma senón un instrumento pragmático para o desenvolvemento dunha sociedade libre e cohesionada. Os datos comparativos que nos ofrece a realidade mundial é inapelable: os países máis ricos e cohesionados do mundo son ao mesmo tempo os que teñen maior gasto público, maior gasto social e maior severidade nas regulacións públicas. Son tamén nos que a democracia goza de maior calidade. Non hai máis que coller calquera ranking para os países europeos. Os nórdicos eran e seguen a ser os que portan a bandeira. Podemos aprender deles ou podemos mirar para o sur do mediterráneo e ver en que espello queremos ver o noso futuro.
Unha verdade tan esencial cómpre poñela enriba da mesa cando o discurso oficial pretende pasar por alta sabiduría o que non é máis que un auténtico disparate económico: o principio de que o recorte do gasto público –ideoloxizado como austeridade– é a regra de ouro do bo goberno. A vulgaridade de que o goberno debe aforrar como o faría unha familia responsable supón ignorar todo o aprendido pola ciencia económica nos últimos douscentos anos, a empezar pola famosa falacia de composición (se todos gardaran o diñeiro no colchón a economía colapsaría).
Cales poden ser as gañanzas de eficiencia dunha economía que pretende reducir a actividade e servizos públicos cando ten un nivel de despilfarro de recursos humanos do 17 ou o 21% da súa poboación desexosa de traballar. Non sería moito máis razoable poñer a traballar en actividades útiles aos parados que pagar subsidios públicos por non facer nada? Iso mesmo sen entrar na dimensión humana, familiar ou de convivencia social.
O certo é que a austeridade, tal como a entende a nosa dereita e a dereita europea, é unha miope estratexia para non ter que tocar os impostos das grandes fortunas, dos negocios financeiros e das altas rendas xeradas neles, pero pode converterse nunha auténtica bomba de reloxería.
Realmente é o peche do bucle co que as finanzas foron atando á economía produtiva nas dúas últimas décadas, a poder de extorsionala e sometela a unha prolongada cura de adelgazamento até facer inviables miles e miles de empregos na agricultura e na industria, xa fora por peches ou deslocalizacións.
Nos dous anos do goberno Feijóo, Galiza viu reducidos 47.000 afiliados á Seguridade Social. A maioría foron na construción, obras públicas e materiais (26.000), outros 5.800 no naval, automóbil e auxiliares e 5.500 na agricultura. Deixando a un lado cantos deses poidan deberse á ausencia de políticas axeitadas o certo é que a contribución directa do goberno autónomo nestes dous anos foi notable: uns 1.800 en servizos sanitarios e administración e outros 1.100 en actividades moi dependentes da demanda pública e axudas (programas televisión, cine, vídeo, edición e artes gráficas).
O resultado desa austeridade estragadora é unha eficiencia curiosa: os profesionais deprimidos na casa e os usuarios e enfermos rabeando nas colas e nos atrasos ou, peor aínda, sufrindo un deterioro na calidade do servizo. Cómpre ser moi fundamentalista ou moi mirado dos intereses das finanzas para non ver que ese non é camiño para a saída da crise. Esa é a verdadeira crise.

Sem comentários:

Enviar um comentário