sexta-feira, 21 de outubro de 2011

Caixas e sucursalismo

Todo indica que estamos entrando no segundo round do asalto ás caixas de aforros. Todas as trompetas do xuízo final claman pola “urxente”, “imprescindible” e “inevitable” bancarización. Botín e seus non desperdician ocasión para impartir consigna. Os informes periódicos dos grandes bancos e das axencias de calificación tampouco. Os últimos os da UBS, Nomura e Moody’s. Os medios afíns e a prensa económica, propiedade dos grandes grupos, preparan o terreo cunha insistente campaña de acoso ás caixas, ao tempo que silencian a magnitude dos problemas existentes no sector bancario, que non son menores aos das caixas.
Algúns mesmo insinúan que son as causantes dos problemas da débeda española. O Banco de España e Zapatero anuncian inminentes iniciativas, ben sexa vía decreto ou regulación por parte do Banco de España, para forzar ás caixas a daren o paso.
Diante de tanta unanimidade parece non haber lugar para a dúbida. As caixas deben estar en situación terminal e non queda outra que entregalas aos xenerosos investidores privados e fondos que veñan no seu auxilio para reforzar o seu capital. Como argumento definitivo recórrese ao exemplo de La Caixa, cuxo presidente e actual presidente da ­CECA, Isidre Fainé, aposta por convertela nun banco global.
Antes de entrar nos pormenores da situación financeira das caixas e na discusión das mellores opcións de futuro, atendendo non só aos intereses corporativos senón e sobre todo aos de Galiza, os seus cidadáns e a súa economía produtiva, convén chamar a atención sobre as motivacións agachadas detrás desas mensaxes e mensaxeiros.
Non se entende nada se nos deixamos impresionar polo shock da avalancha de datos e mensaxes interesadas e perdemos a perspectiva histórica. O primeiro é que isto que agora se presenta como a única solución posible a un problema inesperado realmente forma parte dun programa longamente madurado por parte da banca para desfacerse da incómoda competencia da banca pública e das caixas de aforros. Nos EE UU e en Gran Bretaña iso ocorreu con Reagan e Thatcher, en Italia nos noventa. No Estado español, a banca absorbeu a banca pública nos noventa, pero foi perdendo terreo fronte a un novo competidor, as caixas, que na última década conquistaron a maior parte do mercado do aforro. Iso provocou a reacción da banca que, coa alianza do Banco de España, deseñou unha estratexia para desmantelar o sistema de caixas. O documento base redactouse en 2006 –bastante antes da crise– por unha comisión da Fundación Estudios Financieros, da que formaban parte diversos directivos da banca, Banco de España, consultoras, PP, PSOE e algunhas caixas, destacando nomes tan familiares como Isidre Fainé ou José Luis Méndez, entre outros. Nel está a orientación estratéxica: rescatar para o Banco de España as competencias das Comunidades Autónomas, impulsar as fusións interautonómicas, introducir os “dereitos políticos” nas cotas participativas, reducir a presencia das institucións democráticas, etc. Nesa estratexia, as fusións e o FROB eran tan só un paso intermedio para o obxectivo final da privatización e bancarización. Un paso táctico esencial porque rompía os equilibrios previos, as redes de poder e intereses, as vinculacións territoriais, etcétera que farían máis fácil o paso final. E nesas estamos. A aprobación hai uns meses da nova Lorca plasma legalmente aquelas pretensións. Aínda así a maioría das caixas resístense e de aí as novas presións e ameazas.
Coa mesma convicción que hai unhas semanas predicaban a fusión predican agora a bancarización. A desculpa agora xa non é o tamaño. As caixas fusionadas están entre as grandes entidades financeiras europeas. O problema agora disque é o core capital, pero resulta que en moitas delas é superior ao dos bancos e en liña coas futuras esixencias de Basilea III. Disque non pode pensarse nunha participación autonómica no capital, se for precisa, pero, en cambio, están pensando en converter os préstamos participativos do FROB en cotas de capital, con dereito a sentarse no consello de administración da caixa para marcar a liña tamén desde dentro. Disque outro problema particular das caixas é o exceso de risco no sector inmobiliario, coma se fose igual en todas ou se o dos bancos fose menor. Enfin, por activa ou por pasiva, o asunto é crear un estado de opinión que permita impoñer a bancarización sen contestación social.
Furtarlle ao país os varios centos de millóns de euros anuais da obra social, poñer o capital e os activos acumulados ao longo de décadas en mans de inversores privados de calquera parte do globo, romper os vencellos territoriais esenciais para garantir un compromiso coas necesidades do tecido de Pemes ou con certos proxectos das institucións do país é unha irresponsabilidade que pesará como unha lousa no desenvolvemento do país. O exemplo de Alemaña debería ser suficiente para poñer en cuarentena todos os cantos de serea dos neoliberais españois: eles non renunciaron a ese “terceiro piar” do sistema financeiro, constituído por varios centos de pequenas caixas públicas, municipais (431) e dos länder (7), con 366 mil empregados, que aportan o 44% do crédito ás empresas e as tres cuartas parte no caso das Pemes. Agora que Alemaña volve ser exemplo para tantas cousas, ben estaría que tomáramos nota disto (e de paso da I+D e do aumento dos salarios).
Pola contra, aquí sucumbimos víctimas dun discurso construído pola grande finanza virada ao negocio global e que, curiosamente, vai da man da estratexia de reconcentración do poder financeiro en Madrid e da recentralización de competencias.
O preocupante é que a todos eses movementos asiste con cómplice silencio o presidente da Xunta e, para sorpresa de moitos, adhírese con entusiasmo Pachi Vázquez esta semana. A reedición dese sucursalismo tan submiso á política do Goberno central e dos partidos estatais, que no caso do PSdeG parece estar recuperándose con pasión nos últimos meses noutros moitos temas, pon a Galiza en pésimas condicións para defender os seus intereses estratéxicos. Neste caso a nova caixa.

Sem comentários:

Enviar um comentário