sexta-feira, 21 de outubro de 2011

De Fukuyama a Fukushima

Hai xa dúas décadas que Fukuyama publicara aquel best seller titulado O final da historia. Seica a caída do muro de Berlín supoñía o final da loita de clases e o triunfo definitivo do capitalismo, combinando mercados liberalizados e a privatización da ciencia e a tecnoloxía supeditadas á maximización dos beneficios.
A ideoloxía que sistematizaba Fukuyama impregnou as políticas, regras, rutinas e ideas que dominaron o mundo neoliberal até hoxe.
Ese pouso está interiorizado na cabeza dunha ampla maioría. De feito, a xente parece aceptar que os beneficios das finanzas son máis sagrados que o emprego, as pensións ou a calidade de vida da maioría das persoas. Acéptase que o criterio do beneficio debe prevalecer sobre os bens colectivos nacionais ou sobre a cultura dunha sociedade. Parece aceptar que a ciencia só ten sentido e razón de ser na medida en que contribúa a aumentar os beneficios privados. Apenas se comprende que os seus resultados puideran ser útiles para a sociedade e non rendíbeis para as empresas.
Mesmo entre a comunidade científica se converteu na visión dominante, quedando como unha reserva aqueles que producen ciencia útil pero non comercial. Desde logo quedan fóra de órbita aqueles que investigan temas incómodos para os negocios privados e as grandes corporacións, como poidan ser os efectos nocivos para a saúde ou o ambiente de tales ou cales produtos, aditivos, emisións, efluentes industriais, radiacións... A nova Lei da Ciencia aprobada no Congreso esta semana consagra con total clareza esa visión miope, parcial e sesgada da ciencia. A cuestión é que esa sociedade post-histórica que ía camiñar cara a harmonía da man do mercado e a aplicación neutra da ciencia, acabou sendo un completo bluff. Un capital financeiro desbocado á busca de beneficios rápidos acabou deixando un rosario de burbullas especulativas que só serviron para provocar unha concentración da riqueza nunca vista e unha distancia e polarización entre ricos e pobres que superou todos os records históricos. O neoliberalismo, máis que o final da historia, supón poñer as conquistas sociais e civilizatorias do último século patas arriba.
Fronte a iso, a sociedade do risco global é unha acertada expresión de U. Beck para caracterizar unha sociedade que chegou a facer un uso dos resultados da ciencia de tal cariz que, ao lado dos múltiples avances, aparecen tamén enormes riscos, derivados de forzas cuxa potencia non somos quen de controlar, como é o caso da radiactividade da fisión do plutonio e uranio ou as modificacións xenéticas.
En moitas ocasións, os intereses económicos forzan as cousas máis alá do razoable ou do responsable, esquecendo e mesmo agochando os seus efectos colaterais ou secundarios. Por veces, os riscos son graves pero as súas consecuencias quedan circunscritas a un espacio e un momento dados. O problema que pon diante dos ollos a catástrofe nuclear de Fukushima é doutro alcance: a radioactividade da fisión atómica, hoxe por hoxe, é unha ameaza para toda a humanidade e a vida no planeta. A posibilidade de que se libere en grandes cantidades á atmosfera, sen que se disipe en centos de anos, é un risco que unha sociedade responsable non se pode permitir. Ademais, é un problema global porque as partículas radioactivas non teñen cancelas na atmosfera ou nos océanos.
E chegados a ese punto corremos o risco real de que o final da historia sexa algo máis ca unha metáfora sociopolítica. Con toda a serenidade do mundo, a sociedade e os gobernantes teñen que pensar en algo máis que nos beneficios dos lobbys das construtoras de centrais, das eléctricas ou nun sobreponderado diferencial no custe do quilovatio/hora. Para empezar, cómpre destapar os irresponsábeis mercenarios colocados en postos clave da cadea de toma de decisións e propaganda.

Sem comentários:

Enviar um comentário