sexta-feira, 22 de janeiro de 2016

Alianzas para gañarmos o futuro

Vivimos tempos de inestabilidades. Nin as institucións, nin o sistema de partidos nin o electorado parecen ter acougo. En realidade son tempos de final de época, de rupturas cun modelo esgotado que se resiste a recoñecer o seu fracaso. O potencial tecnolóxico e de criatividade humana tropeza co corsé dun modelo social que xa non é quen de aproveitar o coñecemento e levanta barreiras de exclusión para capas cada vez máis amplas da sociedade, até converter ás novas xeracións en carne de canón dun precariado estrutural. Unha globalización ultraliberal que descompón economías e sociedades, esfarela conquistas históricas, arrasa as soberanías e, como consecuencia, reduce a capacidade real de decisión das democracias.
Son tempos de desconcerto, de indignacións, de frustracións, de busca ás apalpadas de novas oportunidades vitais e políticas. Os que manexan os fíos tratan de conter o descontento co medo, o adoutrinamento, movendo a grande velocidade os “temas de actualidade”, as “figuras públicas”, “as alternativas”, co obxecto de crear a impresión dunha realidade líquida, sen norte nin alternativa. Esa “realidade cambiante” descoloca as alternativas de norte claro e da pé a respostas escorregadizas e contraditorias, que son rapidamente amortizadas e arrombadas. O certo é que as urxencias vitais das xeracións precarizadas e ese imperio do efémero son a materia que conforma o comportamento político e electoral das persoas; esa é a realidade que pon a proba os proxectos sólidos.
Foi precisamente a consciencia desa nova realidade social e a necesidade de sumar forzas para darlle a volta a unha realidade cada vez máis insoportábel o que levou no seu momento ao BNG a abrir unha etapa de alianzas para sumar forzas. Co peso morto das inercias e as rutinas fomos dando pasos para sintonizar cunha realidade que mudaba a pasos desacentellados. Tratamos de facelo mantendo a coherencia arredor dun proxecto nacional, tendo Galiza como referencia e tendo como obxectivo a transformación do marco institucional e de políticas que hoxe levan o noso país ao declive e a sociedade á precarización xeneralizada. Criamos e creemos na prioridade de facelo sumando forzas galegas sabendo que parte dos nosos problemas teñen a ver coa imposición de políticas e intereses alleos que se veu agravando coa agresiva recentralización cara Madrid e Bruxelas. 
Esa aposta por unha política de alianzas empezamos a formulala na Asemblea Nacional de 2013, fixemos tentativas con forzas galegas nas europeas e ampliamos o foco de cara ás eleccións Xerais de 2015, dispostos a sumar tamén forzas non nacionalistas. O BNG renuncia a presentarse coas súas siglas e aposta por unha candidatura nacional galega unitaria de cara ás Eleccións Xerais, que sería rexeitada por Anova e os seus socios, Podemos e EU. A súa aposta de candidatura liderada de facto e de iure por Podemos beneficiábase –sendo eleccións estatais- do tirón estatal de Podemos, cun liderado forte e de xenerosa proxección mediática. Finalmente acadou un exitoso 25% que está por riba das porcentaxes de Podemos noutros territorios do Estado. O BNG non podía aceptar unha candidatura supeditada á estratexia dunha forza estatal como Podemos, co seu nome na papeleta e a conseguinte imposibilidade de constituír grupo parlamentar propio e soberano nas Cortes.
O que ocorreu xa é coñecido. Os resultados da coalición EnMarea permitiulles obter 6 deputad@s e 2 senador@s. Deles, 2 deputad@s pertencen a Anova, de xeito que pode dicirse que haberá 2 deputad@s nacionalistas nas vindeiras Cortes; o resto son de Podemos, OuC e Esquerda Unida. O forte tirón da aposta polo cambio a nivel de estado que representaba Podemos serviu de catalizador para unha grande parte do electorado de esquerdas non nacionalista e tamén nacionalista, facilitado neste último caso polo atractivo adicional de Anova formar parte da candidatura. Está claro que para unha grande parte do electorado nacionalista tradicional esa candidatura plural, heteroxénea, con tirón estatal e gran promoción resultou atractiva, mesmo a pesar das críticas recibidas por non ter facilitado o acordo con BNG-Iniciativa pola Unión, polo esquinazo a outros colectivos, polo procedemento seguido para a conformación das listas, por arrancar sen programa...
O éxito do conxunto é innegábel pero, por desgraza, non pode identificarse como éxito dun proxecto nacionalista. Imos ver os seus pasos e ogallá sexan quen de erguer con éxito a bandeira das reivindicacións galegas. Nesta altura o que xa sabemos é que non van conformar Grupo Parlamentar Galego, como consecuencia de ter aceptado as condicións impostas por Podemos no documento legal da coalición, tal como os advertira con antelación o BNG e eran coñecedores os líderes das distintas formacións. Ao incorporarse ao Grupo de Podemos nin tan sequera van salvagardar a súa autonomía como ocorrería pasando ao grupo mixto. Non cabe dúbida que o seu discurso de campaña quedou en evidencia e o teatro da última semana non fixo máis que poñelo á vista de todo o mundo. Alguén dirá, non se pode ter todo, unha cousa e a contraria. Pois, así é, para o bo e para o mao.
En todo caso, pensando no futuro, as alegrías dos tempos de viño e rosas non deberan levar a infravalorar os riscos das simbioses asimétricas. E neses casos, como ocorre no caso do apareamento da mantis relixiosa é crucial saber cal é o macho e cal a fémia. Se do que se trata é de ir construíndo un proxecto federado a Podemos entón as cousas teñen unha senda fácil, pero se do que se trata é de aproveitar as sinerxias para ir creando un proxecto galego autónomo que, chegado o momento, poidera voar só, entón a forma concreta en que o están a facer amosa riscos evidentes. Aínda que ambas patas arrancaron con parella febleza organizativa en Galiza, está claro que a potencia mediática e económica da forza estatal colócaa en mellores condicións para fagocitar a outra pata. 
Pola nosa parte, os resultados deixaron en moi mala posición a Nós-Candidatura Galega, que non obtivo representación –o que entraba dentro do previsíbel- e unha porcentaxe de votos máis reducida do esperábel. A ilusión creada arredor dun proxecto plural, nidiamente galego, con caras novas, candidaturas conformadas nun proceso participativo de primarias e cunha campaña criativa e fresca colleitaron o apoio dun modesto 4,3% do eleitorado. O esforzo unitario feito polo BNG, renunciando ás súas siglas, promovendo a incorporación de forzas plurais e persoas, un proceso participativo, unha campaña que rebordou criatividade, xenerosidade e sorrisos a esgalla, etc. foron factores que activaron a moita xente, pero non impediron que moit@s votantes nacionalistas miraran para outro lado. Á vista está que non era a proposta que moita xente prefería neste momento, pensando prioritariamente en impulsar un cambio no goberno central.
Que conclusións tirar de todo isto? Obviamente, moitas, a empezar que a aposta do BNG por unha coalición nacional galega soberana ía na dirección adecuada, pero non fomos quen de que fraguara coa ambición proposta, quedando a medio camiño como Nós-CG. O acontecido obriga –a todo o mundo- a analisar con rigor toda a experiencia. Será preciso un profundo debate colectivo para tirar todas as leccións, non só as derivadas deste proceso electoral concreto senón que cómpre ir máis alá. Hai que facer dunha vez un diagnóstico realista sobre as tendencias de fondo no noso país e deste ciclo político longo que arranca co movemento neocentralista e coa crise da burbulla neoliberal; das aspiracións e temores dese precariado que se ve xa excluído de xeito estrutural; das formas de participar en políticas das novas xeracións; dos discursos, estética, símbolos e prioridades que moven a xente nova... Todo iso debemos debatelo na Asemblea Nacional do BNG para poñer o proxecto nacionalista e a estrutura orgánica en condicións de ser referente da maioría social e, sobre todo, para sermos quen de incidir no goberno do noso país.
Que conclusións tirar de cara as inminentes eleccións galegas de 2016?
Primeira, unha extrapolación mecánica dos resultados non serían bos conselleiros para ninguén; nas eleccións galegas a dialéctica será loxicamente menos estatal e haberá que contrastar propostas e candidaturas para gobernar Galiza; tamén o que aconteza en Madrid e as posicións sobre o proceso catalán poden traer algún que outro desengano. Segunda, tampouco a non extrapolación pode servir de parapeto para cerrar os ollos diante de cambios que están aí -que estaban aí xa hai tempo- e que requiren novas fórmulas organizativas, novos discursos, novas alianzas, novos talantes. Terceira, a correlación de forzas existente permite albiscar un cambio cunha derrota do PP, seguramente moi axustada, e a posibilidade de conformar unha coalición electoral do nacionalismo e das esquerdas que se sitúe de segunda forza electoral e, polo tanto, lidere un goberno alternativo. Moitos e moitas neste país creemos que iso sería realmente unha prioridade para frear o deterioro social e a laminación do autogoberno.
Cuarta, para facer verosímil tal escenario sería preciso sumar todas as forzas da forma máis eficiente e pragmática posíbel, sen que ninguén perdese a súa identidade. Cómpre saber se o conxunto da plataforma En Marea reconsidera a súa posición a respecto do espazo nacionalista que representan o BNG e Nós e se, nesta ocasión, están de verdade por contribuír, sen soberbias nin cativeces, á suma de forzas con este nacionalismo aberto e claro que ten hoxe unha sólida implantación en todo o país.
Ninguén debe pensar en forzar fusións nin dilucións innecesarias de ningunha das partes. Desde logo, o BNG ten vocación de seguir sendo un proxecto nacionalista autónomo para todos os galegos e galegas, de acordo co principio de autoorganización e con todo o que iso implica a respecto das forzas estatais. Nese sentido, o BNG non podería nunca aceptar un papel como o que outros asumen en relación a Podemos dentro de En Marea. Por si faltaran argumentos, o acontecido co grupo parlamentar é a proba máis inmediata de que a supeditación a forzas estatais non é o camiño. Pero entre a opción da confluencia con dilución/subordinación e a de competir por separado cabería explorar unha terceira vía que permitise partillar esforzos e obxectivos concretos na actual conxuntura, sen subordinacións e evitando que as forzas estatais fagociten ou inactiven o necesario proxecto nacionalista.
Persoalmente creo que abondaría cunha suma de iguais nunha coalición técnica, plural, con base cidadá, cun programa común de mínimos e que respecte o perfil político singular de cada unha das partes. Sen diluirse e mantendo cada un o seu discurso. Se estivésemos todas en condicións de partillalo estou convencido que esa sería a mellor forma de optimizar o apoio popular -tendo en conta a lei electoral vixente- e conseguir a maioría necesaria para liderar un goberno alternativo ao PP. Unha prioridade compartida que suporía un gran paso adiante para todas e todos nos tempos que corren. O electorado non só entendería perfectamente que cada un segue sendo cada quen senón que, ademais, agradecería e premiaría esa vontade de sumar para darlle unha oportunidade ao país e a todos os sectores que sofren as políticas do PP.

A responsabilidade é de todas e cada unha. As persoas do BNG estamos emprazadas a decidir na nosa Asemblea Nacional como responder a ese reto nun momento delicado no que só nos está permitido acertar. Estou seguro de que entre todas seremos quen de facelo.

(Publicado en Sermos e Praza o dia 22 de xaneiro de 2016)

Sem comentários:

Enviar um comentário