quinta-feira, 30 de abril de 2015

Xavier Vence: "Temos que facer que alternativa do BNG-Asembleas Abertas ...



25 de Abril. Encontro Nacional Aberto. Municipais, Pontevedra
Saúde compañeiras e compañeiros
Os agoreiros deben estar deprimidos. Feijóo e os seus levan tempo anunciando a descomposición do nacionalismo e a desaparición do BNG da escea política e aí esta por todo o país, 259 candidaturas e 4069 candidatos e candidatas; un 30% menores de 35 anos. Un nacionalismo renovado e vizoso.
Ampliado e enriquecido polas Asembleas Abertas.
Grazas a todos e todas
Grazas en especial a ese milleiro longo de mozas e mozos que son a mellor garantía de futuro para o proxecto nacionalista.


Aí estamos, comprometid@s co pobo, que “é quen máis ordena”, loitando e gobernando de xeito exemplar en dúcias de concellos.
Aí estamos pelexando metro a metro, corpo a corpo co PP en todo o país. Non só nalgunhas “illas” senón por todos os recunchos da nosa nación.

Hoxe quero rendir homenaxe sobre todo a esos centos de nacionalistas que plantan cara con afouteza ás presións e ameazas desa mesta e implacable rede caciquil do PP na Galiza rural, especialmente asfixiante nese Ourense diezmado polas políticas de abandono do PP de Rajoy e Feijóo. Do ermo económico ven o ermo demográfico e del fai o PP un ermo democrático.
Pero que ninguén se equivoque, que ninguén mire para ao dedo cando nós apuntamos á lúa, a precariedade democrática non é un problema de Avión, nin tan só do feudo baltarista ourensán, é un problema que mina a liberdade real en boa parte dos concellos deste país, nos rurais e tamén nos non tan rurais. A maridaxe do PP con moitas das escasas empresas locais conforma un réxime de control totalitario que corrompe e humilla as persoas.
Por iso os que se rebelan son verdadeiros herois e heroínas na loita pola dignidade contra o control feudal do orzamento, o emprego local e a xente que pretende o PP.
Esa defensa da liberdade e da democracia real é a grandeza de centos de persoas candidatas do BNG Asembleas Abertas por todo o país.
Porque nós somos alternativa en todo o país.
Nós imos de fronte contra o PP porque é o principal inimigo desta nación neste momento. Un PP corrupto, antisocial e traidor do noso país, traidor con todas as letras, que usa os concellos como ferramenta de control político da xente e do territorio para ofrecérllelo en bandexa ao PP estatal e madrileño, aos poderes económicos rentistas que acubillan na capital do estado.

O 24 de maio temos que liderar a derrota a ese PP no maior número de concellos, nas vilas e cidades deste país.
Temos que poñer os concellos ao servizo da construción dun novo país.
Como vimos facendo nas dúcias de concellos que hoxe gobernamos: para dinamizar o seu tecido produtivo, o seu comercio de proximidade, para poñer os servizos públicos ao servizo do benestar da xente, con calidade urbana, ocio, deporte, cultura de base, servizos para a infancia e os maiores.
Os concellos en mans do BNG son ferramentas de transformación, para crear emprego, para a igualdade, para a calidade de vida.... Non son abondo para contrarrestar o efectos desastros das políticas do goberno e da Xunta, pero apreitamos ao máximo as súas potencialidades.
Concellos sustentábeis con novos sistemas de tratamento do lixo e nova xestión do alumeado público, xa demos pasos e imos dar máis despois de maio.

Os nosos concellos son un baluarte contra o centralismo e a traición do PP:
Defendemos un financiamento local xusto que non penalice a dispersión da poboación de Galiza.
Derrotaremos a reforma local imposta polo PP que centraliza e reforza as deputacións, cando xa ía sendo hora de que desaparezan.

Con honestidade e participación, poñemos o orzamento dos concellos aos servizo da veciñanza e poñeremos couto ao espolio desas 6 grandes empresas madrileñas que se benefician dos nosos servizos municipais privatizados.
Chuchan o 50% do orzamento dos nosos concellos e así engordan Madrid e achican Galiza.
Pero os nacionalistas non nos achicamos.
Concello a concello facemos país e por iso temos que conquistarllos ao PP.

Pero o 24 de maio temos máis motivos para derrotar ao PP: hai que parar as súas políticas xerais de destrucción do noso tecido produtivo, de precarización laboral, de recortes e privatización dos servizos públicos.
Por iso temos os peores resultados e perdemos 13.000 empregos no I Trimestre.
Hai que dicir, xa abonda!! de centralización asfixiante e desmantelamento do noso cativo autogoberno.

O 24 de maio temos que sentar as bases para derrotar aos inimigos de Galiza e reforzar as bases da alternativa nacionalista para defender este país no Estado; temos que ir con forza aos comicios xerais para reforzar a capacidade negociadora de Galiza e defender o noso estatus de nación que aspira ao pleno autogoberno, á soberanía, en igualdade de condicións que Cataluña ou Euskadi.
O 24 de maio sentaremos as bases para derrotar ao PP e desaloxalo da Xunta de Galiza antes de que destrúa o que aínda queda en pé.
Aqui aplican ao pe da letra a doutrina Cospedal: “hemos trabajado mucho para saquerar a nuestro país”. Abofé que o fan!!
Pero Galiza ten capacidade e recursos e unha parte da sociedade á que queremos representar non se resigna, que quere reaxir e ten que reaxir.

Compañeiras e compañeiros,
Hoxe é 25 Abril, neste día afirmamos máis unha vez que o povo é quen máis ordena

Superaremos as expectativas, as propias e as alleas.
Temos un mes por diante, de moito traballo, un “maio longo maio longo”. Temos que espallar o noso proxecto e as nosas propostas, falar con todo o mundo, casa por casa, colectivo por colectivo, persoa por persoa.
O 24 de Maio temos que encher Galiza de Pontevedras, Poios, Bueus, Tomiños, Pontecesures, Allarices, Castrelos de Miño, Monfortes, Probas de Brollón, Mondoñedos, Riotortos, Ribadeos, Cariños, San Sadurniños, Mugardos, Carballos, Santisos, Zas, Vimianzos, Carnotas, Rianxos...
Aquí vén o maio de frores cuberto,
Ten que ser o noso maio porque como dicía Curros,
Cando eu me atopare

de donos liberto

i o pan non me quiten

trabucos e préstemos,

e como os do abade

frorezan meus éidos,

chegado habrá estonces

o maio que eu quero.
Este vai ser o noso maio.
Adiante co maio do BNG-AA para vérmonos “de donos libertos”

Pontevedra, 25 abril de 2015
Xavier Vence

Sem comentários:

Enviar um comentário