sábado, 18 de janeiro de 2014

Dereito a decidir e soberanía dos pobos

Dereito a decidir e soberanía dos pobos
(Intervención na Conferencia de ALE no Parlamento Europeo, 13 novembro de 2013)
Xavier Vence

Membros do Parlamento Europeo, amigos e amigas,

Antes de entrar en materia permítanme recordar que hai algo máis de dez anos tiven a ocasión de comparecer diante deste Parlamento representando a Plataforma cívica Nunca Máis para dar conta da catástrofe provocada  polo afundimento do petroleiro Prestige diante das costas galegas tal día coma hoxe hai once anos.
Aínda que puidera parecer anecdótico, o certo é que aqueles feitos poden considerarse un punto de inflexión na dinámica política no noso país. A xestión daquel afundimento provocou unha enorme catástrofe ecolóxica e económica no meu País pero, ademais, deu lugar a unha grave humillación para as nosas institucións de autogoberno por parte do Goberno Central que presidía entón JM Aznar. Aquela humillación deu lugar a unha inmensa mobilización de indignación e dignidade da cidadanía galega, na que o nacionalismo xogou un papel senlleiro.
En todo caso aquel ano 2002 supuxo un punto de inflexión no lanzamento dun agresivo proxecto neocentralista no Estado español, auspiciado polo Goberno Aznar e os poderes económicos e mediáticos madrileños, cuxo prolongamento está a levar a cabo con particular radicalidade o goberno do PP presidido por M. Rajoy desde hai dous anos. Poñer en perspectiva este ciclo de radicalización neocentralista da última década é algo que nos axuda a entender mellor a vigorosidade da axenda do dereito a decidir nas nacións do estado español, a necesidade de fuxir dunha asfixia centralizadora que a cidadanía destas nacións xa non está disposta a aturar.

En todo caso, permítanme unhas breves pinceladas para sinalar algúns fitos históricos que axudan a comprender a longa historia da reivindicación do recoñecemento da nación galega.

Galiza foi un dos primeiros reinos de Europa en constituirse como tal na alta Idade Media, á caída do Imperio romano. Coa creación do Reino Suevo no século V púxose en marcha a primeira organización política autónoma na península ibérica. Logo veu unha longa historia na que Galiza participa na guerra contra os árabes na península, proceso no que Galiza acabaría asumindo a responsabilidade do artellamento dos reinos cristiáns até que finalmente acabaría sendo sometida a Coroa da Castela cara fins da baixa idade media. As guerras civís internas e as alianzas dinásticas acabarían abrindo as portas á hexemonía da nobreza e do poder eclesiástico casteláns.

O movemento de reivindicación nacional moderno ten unha antigüidade duns 170 anos, sempre ligado á reivindicación da democracia. Hai dous fitos que marcaron o nacemento da reivindicación nacional (que se autoreferenciou con diferentes denominacións: provincialismo, rexionalismo e finalmente nacionalismo):
Primeiro foron os chamados Precursores de 1840, a constitución da Xunta Provisional do Goberno de Galiza, que encabeza a xesta da Revolución Liberal de 1846, que sería axiña sufocada cunha violenta represión e cos fusilamentos de Carral, executados polo goberno central borbónico.
Renacería no último terzo do XIX e ten o seu momento crucial despois da I Guerra Mundial coa celebración da Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918 (nestes días celebramos o seu 95 aniversario). Nesa Asemblea proclámase con clareza a aspiración soberanista, que cristalizará unha década despois na creación do Partido Galeguista, motor da aspiración nacionalista no período republicano 1931-36. O nacionalismo actual renace en plena ditadura franquista, nos anos sesenta, coa bandeira da soberanía e a liberación nacional e social antiimperialista.

Visto con perspectiva histórica constatamos que o estado español respondeu de dúas formas ás aspiracións nacionalistas/soberanistas das nacións internas: unha foi a represión e as ditaduras e outra foi o recoñecemento dunha certa autonomía nos curtos períodos democráticos: na II República de 1931-36 e coa Constitución de 1978.
Pero ambos tipos de respostas teñen en común a negación das nacións galega, catalá e vasca. Rexeitase o recoñecemento do seu carácter nacional e, polo tanto, o seu dereito a decidir.

A situación actual está marcada polo corsé da Constitución Española de 1978. A transición tutelada pola Monarquía borbónica e o exército de Franco permitiu recoñecer os dereitos individuais e sociais, democratizou a vida política estatal pero negou o recoñecemento de Galiza, Euskadi e Cataluña como nacións, con dereito de autodeterminación. No seu lugar permitiu a creación de parlamentos e gobernos autónomos, con competencias limitadas.

Toda tentativa de evolucionar gradualmente desde a autonomía cara o recoñecemento como nación sempre chocou cos límites impostos por esa Constitución, o que contrasta a nosa experiencia coa de Reino Unido ou Canadá.

As primeiras propostas para avanzar cara un estado plurinacional empezaron a formularse nos anos noventa e foron sistematicamente rexeitadas: primeiro o Plan Ibarretxe para Euskadi e logo o Estatut Nacional de Cataluña.

Co ánimo de mudar ese corsé político e constitucional o BNG, ERC e Amaiur levamos ao Congreso español en 2013 unha iniciativa lexislativa que trataba de introducir no ordenamento xurídico español o dereito de autodeterminación. Os partidos estatais pecháronse en banda e rexeitárona unha vez máis.

Que opcións nos quedan aos nacionalistas?
Esencialmente dúas:
-unha, tratar de conseguir o dereito a decidir pola vía da negociación
-dúas, proclamar o dereito a decidir unilateralmente e facer consulta popular.

Porque aumentan as presións soberanistas neste momento?
Basicamente por necesidade, por aspiracións democráticas, por funcionalidade e emulación no novo marco europeo:
-necesidade imperiosa de participar sen intermediarios innecesarios nun mundo cada vez máis aberto
-necesidade de controlar directamente fluxos económicos claves para o desenvolvemento económico e para manter os equilibrios externos: nas finanzas e no comercio
-consecuencias nefastas da falla de soberanía nacional e soberanía popular fronte aos mercados globais e os grandes poderes económicos no marco dunha crise global neoliberal e da crise da UE tamén neoliberal. Como defender a economía produtiva, o emprego e as conquistas sociais nun mundo desregulado, liberalizado e de soberanías mínimas?
-temor a unha dupla centralización: tecnocrática cara a Bruxelas e política cara a Madrid.
-frear o debilitamento da democracia que está desvalorizando o noso parlamento, o noso autogoberno.
-isto arrastra unha crise política/institucional, democrática e territorial: crise do modelo do estado español.
-cinco niveles administrativos resultan disfuncionais e ineficientes e, ademais, faltan instrumentos para protexer as sociedades, o benestar e a democracia.
-as experiencias recentes desa ducia larga de novos estados creados en Europa demostra o acerto da aposta: todos están mellor co seu estado propio e as sociedades están satisfeitas de desfrutar da liberdade nacional, embora sexa limitada polo marco global e europeo.

Como avanzamos en Galiza?

A vía galega polo dereito a decicir asenta sobre o traballo político para acadar a hexemonía social. Nesa dirección incardínase toda a loita política do nacionalismo galego:
-combinando a reivindicación nacional coa defensa dun modelo social máis xusto;
-co traballo da plataforma cívica e multicor Galiza pola Soberanía (GpS) creada  neste ano e que estamos contribuíndo a impulsar;
-coa loita cultural e
-tamén coa política para o recoñecemento internacional. A sensibilización de toda a sociedade europea e dos partidos e institucións é un labor moi importante.
Desde logo, a UE ten un papel moi importante para favorecer o dereito a decidir e debe facelo, empezando polo Parlamento e polas demais institucións. O “alargamento interno” debe ser un principio e un criterio básico, para camiñar cara o recoñecemento dos pobos e nacións.

Por todas esas razóns, as eleccións europeas de 2014 deben constituír unha oportunidade para facer avanzar as opcións soberanistas en Galiza, Cataluña e Euskadi e en todas as demais nacións sen estado da UE.
Cómpre que entre todos situemos na axenda europea o problema das nacións sen estado e a necesidade de recoñecer o dereitos políticos do pobos. A Unión Europea debe contribuír a consolidar o principio democrático do dereito a decidir e obrigar aos estados membro a garantilo de forma efectiva.
No estado español temos a oportunidade de converter a crise política, a crise das forzas estatais, nun avance significativo das forzas soberanistas. Ese é o reto que temos por diante e ao que estamos adicando todas as nosas enerxías nestes tempos.
Nese camiño a solidariedade e colaboración de todas as organizacións nacionalistas e soberanistas dos diferentes pobos de Europa xoga un papel moi importante.
Moitas grazas.

Bruxelas, 13 novembro de 2013
Xavier Vence
Portavoz Nacional do BNG


Sem comentários:

Enviar um comentário