segunda-feira, 28 de novembro de 2011

A crise sen fondo na Galiza de Feijóo: ¿austeridade ou desleixo?

Nos anos 2009-2011 a economía móvese entre a recesión e o estancamento (o PIB amosa taxas negativas ou nulas en máis da metade dos trimestres), cae lixeiramente o consumo das familias e afúndese o investimento (Formación Bruta de Capital) de xeito continuado nestes tres anos; o índice de produción industrial caeu fortemente no trienio (con excepción do primeiro semestre de 2010). A caída é igualmente intensa na industria que na construción ou na produción enerxética; é algo máis moderada no sector primario e nos servizos, onde a tónica é o estancamento.
A caída da actividade tradúcese nunha deterioración galopante do emprego e do paro. Nos dous anos do goberno Feijóo (IIT2009-1T2011), Galiza perdeu 67.000 ocupados segundo a EPA e a taxa de paro pasou en poucos meses dun nivel do 12,9% a un 17,3%. As cifras de paro rexistrado de novembro alcanzan xa os 253.416, despois dun forte aumento no último ano (21.695) e no último mes, o maior de todas as CCAA. O risco de pobreza afecta xa ao 16,8% da poboación, proporción que nunca se acadara desde que existen esas estatísticas e que case duplica o nivel de hai unha década. Esa caída do emprego é xeneralizada mais segundo a EPA é particularmente intensa na industria (28.800 ocupados) e na construción (20.000); en termos relativos a baixada no sector agrario e pesqueiro (9.500) é igualmente intensa. Os servizos experimentan unha notábel perda (12.300) mais, en termos proporcionais, é moito menos intensa de forma que o grao de terciarización do emprego na nosa economía aumenta até un 67,7%. O feito máis destacábel é que neste período o emprego terciario xa non só non foi quen de absorber parados doutros sectores senón que os servizos destruíron emprego neto.
Tomando os datos de afiliados á Seguridade Social vemos unha redución duns 47.000 efectivos. Se reagrupamos as ramas de actividade vemos que a maioría das perdas foron na construción, obras públicas e materiais (26.000), outros 5.800 no naval, automóbil e auxiliares e 5.500 na agricultura. Deixando a un lado cantos deses poidan deberse á ausencia de políticas axeitadas o certo é que a contribución directa do goberno autónomo nestes dous anos foi destacada: uns 1.800 en servizos sanitarios e administración e outros 1.100 en actividades moi dependentes da demanda pública e axudas (programas televisión, cine, vídeo, edición e artes gráficas).
Unha vez descontado o menor shock inicial dunha burbulla inmobiliaria que aquí estaba menos inflada e unha vez varrido o activismo do goberno bipartito tanto en investimentos como en dependencia e servizos sociais, tan só queda como factor diferencial a obra pública en AVE, autovías e portos, en parte apoiadas por fondos estruturais. Os nosos sectores básicos están a notar o estancamento interno e a caída da demanda en mercados externos clave (automóbil, naval, materiais de construción, madeira) e noutros continúa a deslocalización (confección...). O gran suceso mundial de Inditex xa non é motor de crecemento da actividade produtiva e do emprego local, porque a súa produción foi case toda ela deslocalizada, ao igual que a doutras empresas deste e doutros sectores. Non hai novos sectores emerxentes e mesmo perigan moitas actividades innovadoras como consecuencia da crise e da falla de crédito. A política de brazos caídos do goberno Feijóo agrava a situación, coa parálise dalgunhas iniciativas que estaban en marcha (plan eólico, plan de I+D+i, dependencia e múltiples accións e obras programadas polo bipartito que foron abortadas ou paralizadas polo novo goberno).
Sen entrar aquí en pormenores cómpre sinalar que a Xunta ten marxes importantes de actuación inexplicabelmente desaproveitados nestes tempos e mesmo tomou decisións claramente contraproducentes. Podería soster unha maior capacidade de gasto público cunha política fiscal activa e progresiva (aumentando o marxinal nas rendas altas no IRPF como fixeron outras CCAA, gravar máis as rendas do capital e manter o imposto de sucesións e doazóns). A Xunta optou por políticas de recortes de servizos públicos usando como mantra a austeridade; a redución do gasto en educación, universidades, I+D, apoio ao sector agrario e industrial, etc. van dificultar a recuperación económica e frear o desenvolvemento a longo prazo. Máis aínda, levados polo discurso dominante da internacionalización, o noso goberno pretende saír do entullo mediante o irresponsábel despropósito de axudar á deslocalización de empresas con recursos públicos, coa agravante de seren executados e xestionados pola propia Confederación de Empresarios de Galicia, nunha abraiante confusión entre os intereses públicos e os dos grupos de presión.
De consecuencias máis profundas e estruturais, que terán efectos duradoiros no longo prazo, é o desmantelamento e bancarización das caixas de aforros que privarán a Comunidade Autónoma dun instrumento financeiro clave, tanto para o financiamento institucional como para gran parte das actividades sociais e culturais e, sobre todo, para o tecido de  autónomos e pequenas e medianas empresas. No canto de impulsar a eutanasia das finanzas rendistas que reclamaba Keynes parecen preferir a eutanasia da economía produtiva e do emprego.
Somos parte desa economía global e europea e os seus desvarios teñen particular impacto na nosa, sobre todo por carecer de institucións soberanas para poder adoptar decisións que puidesen aproveitar as marxes de manobra que as interdependencias permiten e, peor aínda, por ter as actuais institucións ocupadas por gobernantes que fan deixación no uso das súas competencias, como consecuencia da súa dobre atadura e submisión: á ideoloxía neoliberal e á ideoloxía neocentralista.

Sem comentários:

Enviar um comentário