sábado, 30 de agosto de 2014

A Galiza que Merkel ignora

Sra Chanceler:
Vén vostede e o seu nutrido séquito pasar revista de preto e marcar as liñas mestras a un Estado fallido dentro da UE. A matraca da “marca España” vai quedando reducida a unha versión metafórica e ampliada daquela histórica “Marca Hispánica” do imperio medieval de Carlomagno. Daquela, Galiza non formaba parte da Marca Hispánica e hoxe tampoco nos aporta un marco de futuro para o noso país.
A Galiza que lle vai mostrar o sr Rajoy estes días posiblemente vai ter ben pouco que ver coa Galiza real. Nin a realidade dos galegos e galegas se corresponde con esa fantasiosa recuperación que só disfrutan os bancos, os especuladores financeiros e os grandes oligopolios do IBEX35. Nin a cidadanía deste país é tan sumisa coas decisión da troika e dos bancos como veñen sendo Rajoy e Feijóo, por iso queren mudar as regras de xogo para manter de xeito truculento o poder. A mayoría d@s galeg@s estamos abertamente en contra das políticas da troika, que tanto vostede como Rajoy defenden e impoñen con cruel desprezo do sufrimento que provocan na inmensa maioría da sociedade. As centos de miles de persoas paradas, as ultraprecarias, as falsas autónomas, as enfermas e dependentes, as estudantes sen bolsa e esa multitude nova obrigada a facer as maletas de novo, para ir maltirando na emigración, entre outros lugares nesa Alemaña que fai todo o posíbel por defender a súa industria pero que arrasa coa dos demais e tamén cos sectores primarios e o comercial, todas elas son unha acta de denuncia do súa política. Hoxe temos que recordarlle a vostede que o noso país non pode soportar máis o desbalde do noso naval, da pesca, do agro, do noso aforro.
Ben sabemos que Alemaña ten nas súas mans a batuta para marcar o ritmo da orquesta desafinada da UE e por iso non podemos acoller a Chanceler con simpatía. Pero tamén sabemos que se hai un goberno entregado ás receitas crueis e suicidas da troika ese é o do sr Rajoy.
Os galegos non podemos ignorar que as políticas de espolio da sociedade para rescatar unhas inviábeis finanzas especulativas -as españolas, as alemanas, as europeas e as americanas- están levando a unha severa pobreza actual: os recortes van acompañados de aumentos de impostos regresivos e mesmo do espolio dos aforradores. Pobreza actual que non é o preludio dunha bonanza futura senón dunha creba social aínda maior.
Máis aínda, que saiban Merkel e Rajoy que a maioría dos galegos non queremos esa UE supéditada á estratexia imperial americana en todo o mundo pero, en particular nos espazos sensíbeis que circundan Europa. E, como en todo hai graos, sentimos especial noxo –si indignación e noxo- pola sempre incondicional supeditación do Estado Español a esa estratexia imperial, en Irak, Siria, Ucraína ou en Palestina.