quarta-feira, 26 de setembro de 2012

A corrupción como metástase da privatización


O balbordo cínico ao redor dos casos de corrupción que desde hai moito tempo desprazaron neste país o debate serio sobre as políticas e as alternativas políticas volve ocupar a escena da campaña electoral do 21-O. Teño a sensación de que vivimos tempos tipicamente perversos, non só por descubrir a cada paso máis e máis casos de corrupción senón pola convición cada vez máis clara da selectividade dos casos destapados, da moralina hipócrita que os rodea, da pantalla que se pon para ocultar a verdadeira e grande corrupción e do uso cínico dunha enxurrada de casos para destruír a confianza no público, na política e na democracia. Curiosamente, a proverbial corrupción da lugar a todo tipo de tirapuxas partidarias, enche páxinas e páxinas de xornais ou programas de radio ou TV con todo tipo de discursos seudo-morais pero rara vez para denunciar as causas e raíces estruturais da corrupción e, menos aínda, propostas consistentes para erradicala, para remudar as causas que a xeran na escala en que a padecemos. Máis alá da culpabilización individual, da moralina etérea e das apelacións a un comportamento ético dos individuos, compre poñer o dedo na chaga.
O dedo hai que poñelo  nun modelo económico asentado na sublimación do beneficio e o enriquecemento rápido e, sobre todo, na conversión do orzamento público na teta para milleiros e milleiros de empresas que se nutren de contratos e obras públicas, de contratas e subcontratas de servizos públicos, nas compras públicas de bens e servizos. En definitiva, a aposta neoliberal por desmantelar o público, privatizando directa ou indirectamente todas as súas funcións crea as condicións para que a corrupción se instale no interface entre ese sector público e toda esa miríade de empresas, negociantes e conseguidores que van instalarse nos intersticios desa membrana que liga o público e o privado. Influír e capturar as vontades do decisores públicos ou mesmo controlar directamente ou por intermediarios os procesos de decisión acabou por converterse na peza clave da estratexia de todos os cazadores de rendas e negocios rendíbeis e seguros. A corrupción sempre existiu pero a súa proliferación e alcance vai en relación directa coas oportunidades e a magnitude dos negocios en xogo.

Privatización, corrupción e crise da democracia


Compre ver a corrupción como un problema político e non só ético ou moral. Pero non político polo xogo que poida dar para as trafulcas inter e intra partidarias de baixa estofa, que son as que deturpan o noso debate político, senón pola súa relación co modelo socioeconómico e coa calidade da democracia.
A corrupción é un cancro na moral pública, unha mina contra a democracia e unha causa de desbalde e ineficiencia no uso dos recursos públicos. É difícil dicir cal das tres cousas é peor pero, na práctica, van inseparabelmente unidas. A corrupción supón abuso de poder, implica discriminacións arbitrarias e, polo tanto, inxustiza e tradúcese normalmente nun desvío de recursos públicos cara o enriquecemento individual, en detrimento dos demais e plasmándose en actuacións ineficientes.
Os cidadáns honrados sentímonos anoxados, feridos e mesmo indignados cando se dan casos de corrupción, cousa que ocorre demasiado a miúdo. Porque hai moita máis corrupción que a que pasa polos xulgados. Porque nin toda as formas de corrupción están tipificadas no código penal nin todos os casos que vulneran o código penal acaban perseguidos, ben sexa porque ninguén os denuncia –a inmensa maioría dos casos-, porque ningún xuíz, fiscal ou policía intervén, porque se fai a vista gorda cando interesa e, noutros moitos casos, pode haber indicios ou mesmo certezas pero non probas -probas con valor probatorio nun procedemento xudicial. Máis aínda, pode haber corrupción e decisións arbitrarias e inxustas sen vulnerar a legalidade vixente. Unha boa parte do asesoramento xurídico, tanto no eido privado coma no público, consiste en atopar a forma de que sexa legal unha decisión arbitraria ou preconcibida.

terça-feira, 4 de setembro de 2012

O PP desenmascarase e expropia aos aforradores


O Real Decreto Lei 24/2012 de “reestruturación e resolución de entidades” aprobado o 31 de Agosto supón un salto cualitativo na concreción da política de salvación das finanzas a costa da sociedade.
Tres notas xerais definen este decreto. Primeiro, é un decreto que define un estado de excepción económico porque dálle un estatus legal ao novo FROB (e ao Banco de España e o ao Ministerio de Economía nese ámbito) que o sitúa por riba da legalidade ordinaria, tanto no administrativo coma no mercantil, á marxe dos mecanismos de control parlamentario e mesmo xudiciais ordinarios.
Segundo, é un decreto de espolio dos contribuíntes porque unha das medidas estrelas contemplada é a creación do chamado “banco malo” que absorberá unha grande parte dos activos inmobiliarios tóxicos e iso farase cos 100-120.000 millóns de euros do rescate que vai sobre as costas de todos os contribuíntes españois.
Terceiro, é un decreto que regula e faculta ao FROB para consumar a expropiación dos aforradores que previamente as entidades lles colocaran con engano e abuso de confianza “participacións preferentes e débeda subordinada”. Compre dicir e enfatizar que este desenlace non se deriva directa e inexorabelmente das condicións orixinais dos propios produtos (contratos das preferentes e obrigacións subordinadas). É este decreto-lei o que determina este desenlace. É este decreto o que decide e establece que os posuidores de preferentes e subordinadas serán obrigados a asumir unha quita do capital inicial.