terça-feira, 31 de janeiro de 2012

Rajoy, colosal no clube dos sadomasoquistas

O desembarco de Rajoy no seu primeiro cumio europeo non puido ser máis "colosal", como a el lle gustaría dicir.
Para empezar, facendo gala das súas dotes idiomáticas, entrou pola sá de reunións falando a diestro e siniestro en español. Sen complexos!. Porque había de telos sabendo, como el ben sabe, que para iso é home de mundo, que o español é a lingua universal, a que fala todo o mundo. Porque é de sentido común. Cal ía ser senón?.

segunda-feira, 30 de janeiro de 2012

Recortes, Recesión e Paro


Coa publicación polo INE dos dados de evolución do PIB no cuarto trimenstre xa é oficial que volvemos entrar en periodo de recesión, que as previsións auguran até 2013. Cando saian os dados por Comunidades Autónomas confirmaremos que Galiza tamén volve estar en recesión.
Isto xunto cos resultados da EPA (Enquisa de Poboación Activa) do cuarto trimestre de 2011 feita pública polo INE o venres pasado é o mellor test do fracaso das políticas de austeridade impostas pola dereita europea e aplicadas con irresponsable obediencia polo Goberno central e con clamorosa frivolidade polo Goberno de Núñez Feijóo.
O paro acada cifras record no Estado Español (5,3 millóns) e tamén en Galiza (240.000).

terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Son os salarios o gran problema das empresas?

O INE ven de publicar un informe cos principais resultados dun amplo inquérito a empresas realizado por Eurostat en 20 países da UE para identificar os problemas e necesidades financeiras das empresas.


Fraga, in(grata) memoriam

Ante a pasión coa que a dereita conservadora radicalizada pretende elevar aos altares ao señor Fraga Iribarne (grazas a deus a consigna de "santo subito" non callou) convén facer algo de memoria, non vaia ser que a poder de insitir o convirtan nun demócrata precoz, nun bo e xeneroso e mesmo nun brillante gobernante que sacou a Galiza do atraso secular e situouna na vangarda do progreso e do benestar.  Obviamente, reivindicar ese pasado idealizado de Fraga é unha calculada campaña de autobombo dos actuais gobernantes dun Partido Popular que o pasaron pola súa dereita en conservadurismo neoliberal e tamén en antigaleguismo.
Non merece ese discurso un gran tratado para desmantelalo pero si pode merecer a pena rememorar algún balance feito xusto cando remataba a súa longa etapa de máis de 15 anos á fronte da Xunta de Galicia.
Para quen o considere de interese ofrézolle a continuación a leitura dun fragmento do último capítulo do meu libro O fracaso neoliberal en Galiza, publicado en 2005 pola editorial A Nosa Terra. Certo que, por desgraza, a súa leitura segue a ser tremendamente actual.
Para quen teña ánimo velaí vai a miña despedida.

quarta-feira, 18 de janeiro de 2012

Os grandes buratos da débeda que Krugman parece ignorar

Diante da obscena submisión dos países ás ditaduras das finanzas que poñen contra as cordas as contas públicas e os propios gobernos hai algunhas voces que cifran toda a estratexia para remontar a crise a unha audaz política de creación de diñeiro e aumento da débeda pública. Tal é a recorrente receita de algúns economistas progresistas, entre os que destaca o ben coñecido entre nós Paul Krugman. Sen dúbida, a súa opinión compre lela sempre como a dun economista americano, cunha confianza cega no poder do dólar e da FED, como emisores da divisa clave da economía mundial. Máis alá diso o seu discurso vai ao encontro das receitas máis agresivamente neoliberais. Con todo eu creo que ten unha excesiva confianza na mera aplicación de políticas macroeconómicas activas –tanto monetarias como fiscais- como solución á crise. Do meu ponto de vista non acaba  de comprender -ou non quere asumir- que estamos diante do esgotamento dun modelo e que, en consecuencia, compren transformacións moito máis profundas nas regras de xogo, tanto a nivel interno de cada economía como a nivel global. 

segunda-feira, 9 de janeiro de 2012

A demagoxia neoliberal co déficit e os impostos

No debate actual sobre o déficit e a débeda xógase abusivamente con algunhas simplificación torpes e demagóxicas. Os propagandistas da dereita tratan de identificar déficit con despilfarro. Obviamente, non teñen nada que ver. Pode haber xestión pública eficiente de recursos xestionados en orzamentos con déficit e xestión ineficiente con orzamentos equilibrados. Outros tratan de identificar gasto público con déficit e dan por feito que para reducir o déficit a única vía é a redución do gasto público. Obviamente, tampouco é iso. O asunto está en ter sempre presente que o déficit depende tamén dos ingresos públicos en xeral e dos impostos en particular. É unha trapela interesada falar exclusiva e machaconamente dunha das follas da tesoira como se a outra non entrase no xogo.

A liña política antes de nada

(Publicado no Xornal de Galicia en maio de 2009) 
O fracaso electoral de marzo pon ao BNG nun escenario inédito e para o que está mal entrenado. O continuado goteo electoral ao longo da presente década conviviu paradoxalmente cun aumento das cotas de poder vía coalicións nos concellos e na Xunta. Iso anestesiou calquera malestar e impediu os debates que deberan ter diagnosticado as causas. O certo é que esa falta de engraxe nótase agora cando a reflexión sobre a debacle se fai ineludíbel. Esta asemblea apresurada, forzada pola dimisión da Executiva en pleno, podería ser a ocasión para esa reflexión en profundidade sobre a liña política e sobre a organización. Pero, á hora da verdade, non o está a ser. Ou éo tan só a medias. Unha parte do BNG chegou á conclusión de que a liña emprendida hai unha década fracasou e compre mudala recuperando os sinais de identidade do nacionalismo e da esquerda; porén, outra parte aínda non foi quen de saír da “nube” dun fracaso inesperado e comprender que este ten unhas causas cifrábeis nunha acción política que desvalorizou o esforzo de xestión. Esa parte, a máis involucrada en responsabilidades de goberno, non acabou de ver aínda que é o que fallou e, en consecuencia, persevera na senda emprendida, se cabe con máis afouteza.

BNG: nova era, nova síntese

(texto publicado en Xornal de Galicia en 2009) 
O BNG naceu en 1982, xusto no momento no que estaba arrancando a longa éxida do neoliberalismo no mundo. O BNG medrou e madurou o proxecto nacionalista nese tempo de progresiva hexemonía neoliberal e abafante pensamento único.
Nese período viviu un proceso de consolidación na sociedade e de ascenso na súa influencia e adhesión eleitoral, sen facer cesións significativas no seu ideario. En todo caso o cénit desa expansión acadouse en 1997-1999, despois de absorber outras formacións nacionalistas. Co comezo de século, coincidindo cos primeiros pasos á fronte dalgunhas cidades, empezou un paulatino devalo até a posición actual.
Durante eses anos, o BNG sufriu, coma todos os partidos, o embate da ideoloxía neoliberal convertida no “sentido común” abafante de todas as políticas, o molde no que se cociñaban todas as receitas, que co paso do tempo parecía naturalizarse como algo inamovíbel e chamado a permanecer. De xeito comprensíbel moitos militantes e, sobre todo, aqueles que acadaron posicións de poder institucional -local ou autonómico- víronse tentados a amoldarse á realidade vixente e predominante, temerosos de caer na marxinación e na negación de calquera posibilidade de “tocar” poder. Porén, outros moitos mantiveron ben arraizada unha ideoloxía crítica co modelo de capitalismo neoliberal.
Nesta nova era que se abre co fracaso dese modelo, o BNG está en fase de reconsideración, tomando consciencia da desafección dunha parte da súa base social. Esa desafección deriva, en parte, dunha valoración crítica do que eses sectores sociais consideran coqueteos excesivos da dirección última coas políticas de moda e co rexionalismo. Axudaron tamén certas maneiras de “parvenu”, certo empoleiramento inxenuo na periferia dos círculos do poder, aínda que fose como convidados.